DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2005 Páx. 10.217

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 156/2005, do 9 de xuño, polo que se modifican os decretos de atención primaria no Servizo Galego de Saúde, Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, e Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria.

O día 20 de abril de 2005 os representantes da Administración sanitaria de Galicia e os representantes sindicais lexitimados na mesa sectorial de negociación de persoal das institucións sanitarias do Sergas, UGT, CSI-CSIF, CEMSATSE, CC.OO. e CIG asinan con acordo a regulación das condicións de traballo e retributivas de persoal de urxencias en atención primaria, a creación de postos de traballo de médicos de familia e diplomados de enfermaría en puntos de atención continuada (PAC) e revisión das contías das gardas para o persoal do Sergas.

Na disposición adicional quinta do citado acordo recóllese que a Consellería de Sanidade proporá a modificación das normas contidas nos Decretos 226/1996, do 25 de abril, sobre réxime retributivo de atención primaria e no Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias, que resultan afectadas ou modificadas polo contido dese acordo.

1. As modificacións teñen a súa orixe na nova organización do traballo iniciada no ano 2000, tras o compromiso asinado cos representantes dos traballadores do Sergas no ano 1999, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia no ano 2001. Así, os médicos de familia e diplomados en enfermaría de atención primaria do Servizo Galego de Saúde viron modificadas a súas condicións de traballo, con redución das horas dedicadas á prestación de gardas, con base no pacto sobre urxencias extrahospitalarias (Diario oficial de Galicia nº 44, do 2 de marzo de 2001). Nese pacto acordouse a redución das horas obrigatorias de prestación en gardas en puntos de atención continuada ata acadar a non obrigatoriedade delas. Por mor do pacto anterior e con obxecto de completar a prestación deixada de realizar polo persoal do cadro comeza o persoal temporal a prestar servizos nas urxencias con nomeamentos para gardas.

O pacto anterior foi modificado polo acordo publicado no Diario Oficial de Galicia nº 105, do 2 de xuño de 2005, polo que se regulan as condicións de traballo e retributivas do novo modelo de atención primaria, se crean postos de traballo de médicos de familia e diplomados de enfermaría en puntos de atención continuada e se revisan as contías das gardas para o persoal estatutario do Sergas, que declara a non obrigatoriedade das gardas e a posibilidade da súa realización voluntaria, con efectividade naqueles ámbitos onde se proceda á súa exe

cución, en función das necesidades organizativas e asistenciais. No Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, tal prestación de gardas ou atención continuada recollíase como obrigatoria, nun número de horas que na actualidade non é referente.

O Decreto 172/1995 non recollía tampouco postos de traballo específicos, máis alá dos reforzos de fin de semana. Derivado da necesidade de cubrir a asistencia urxente nos dispositivos ou puntos de atención continuada, a atención non cuberta co persoal do cadro préstaa o persoal específico, en postos de traballo propios dos puntos de atención continuada (PAC), tal actividade tras a voluntariedade na realización das gardas resulta unha necesidade estrutural para cubrir no ámbito sanitario de Galicia. A creación destes postos permite tanto a realización voluntaria de gardas polo persoal que presta servizos nas unidades e servizos de atención primaria, como a prestación por persoal específico, garantindo a asistencia ofrecida á poboación con todos os medios dispoñibles. Esta posibilidade de vincular postos de médicos de familia e diplomados en enfermaría para puntos de atención continuada con funcións propias e vínculos estables non está recollida no Decreto 172/1995, razón pola que

convén tamén a súa modificación.

A exención de gardas de maiores de 55 anos desaparece tamén co novo réxime voluntario de prestación, razón pola que se derroga o artigo correspondente do Decreto 172/1995. Sen prexuízo do anterior, permanecerá vixente a dita exención naqueles ámbitos onde a efectividade da voluntariedade non se exercese.

A regulación contida no Decreto 172/1995 dedicada ao persoal de reforzo está en desuso con tal denominación. Na actualidade tal continxencia cúbrese con persoal médico de familia ou de enfermaría con nomeamentos temporais sen que sexa necesario denominalos de reforzo.

O estatuto marco do persoal estatutario regulado pola Lei 55/2003, establece a regulación da xornada e descansos, polo que a regulación das libranzas do Decreto 172/1995, no seu artigo 9, substitúese pola regulada no estatuto marco no seu capítulo X, completado coas normas sobre xornada contidas no acordo asinado o 20 de abril de 2005 e publicado no Diario Oficial de Galicia nº 105, do 2 de xuño de 2005.

Revísanse os valores das contías de gardas contidos nas ordes de confección de nóminas aplicables ao persoal do Sergas como incentivo á voluntariedade na realización de gardas polo persoal do cadro ante a presente situación de falta de profesionais, tamén contidas no acordo publicado no Diario Oficial de Galicia nº 105, do 2 de xuño de 2005. Nese acordo, tal como se regula pola súa vez no acordo de concertación social sobre retribucións e condicións de traballo do 22 de febreiro de 2001, recoñécese para

o persoal non incluído no acordo anterior unha contía adicional de gardas por esta prestación en días de especial significación no Nadal, polo cal o réxime retributivo de gardas resulta modificado.

2. En canto ao réxime retributivo dos profesionais de unidades e servizos regulado no Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria foi modificado tamén por mor do acordo do 20 de abril citado. Incorporarase no réxime retributivo un complemento de intersubstitución, con cargo á produtividade fixa. Este concepto complementario de intersubstitución ten por obxecto salvagardar a prestación ao usuario ante a indispoñibilidade de efectivos para cubrir substitucións programadas do persoal do cadro, pola ocupación que se prevé como consecuencia da importante dotación de persoal nas urxencias extrahospitalarias. Permíteselle ao persoal do cadro atender a cota dos profesionais ausentes, retribuíndolle a diferenza retributiva derivada aumento de cartillas ao seu cargo.

Polo tanto, este decreto modifica as materias de persoal que viñan sendo reguladas nos decretos 226/1996, do 25 de abril, sobre réxime retributivo de atención primaria e no Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, sen afectar os demais artigos con contido organizativo mentres non se proceda á substitución do Decreto 172/1995, ou, se é o caso, á modificación do Decreto 226/1996, en canto ao réxime retributivo do persoal de primaria.

Por proposta do conselleiro de Sanidade, e co obxecto de adaptar as normas sobre urxencias extrahospitalarias e réxime retributivo de primaria ao contido do acordo publicado no Diario Oficial de Galicia nº 105, do 2 de xuño de 2005, polo que se regulan as condicións de traballo e retributivas do novo modelo de atención primaria, se crean postos de traballo de médicos de familia e diplomados de enfermaría en puntos de atención continuada e se revisan as contías das gardas para o persoal estatutario do Sergas, co ditame número 398/2005 favorable do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O parágrafo 3 do artigo 5 do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia queda redactado nos seguintes termos:

«Aprobada a creación dun punto de atención continuada (PAC) a atención continuada prestarase a toda a poboación obxecto de cobertura do punto de atención continuada, con profesionais en postos de traballo específico en puntos de atención continuada (PAC) ou en dispositivos de atención urxente de primeiro nivel e con persoal das unidades e servizos

de primaria, con independencia das cartillas adscritas a estes últimos.

Coa creación do punto de atención continuada (PAC) determinaranse os postos de traballo de médicos de familia e diplomados en enfermaría que serán cubertos con persoal específico, polos procedementos de provisión que se establezan, coa determinación do cometido asistencial, das condicións de traballo e retributivas.

A prestación de gardas do persoal sanitario das unidades e servizos en puntos de atención continuada ou dispositivos de atención urxente en primaria será voluntaria mediante un procedemento de opción, nas datas, ámbitos, e número de horas de xornada en gardas que determinen os órganos competentes do Sergas, en función da debida garantía da cobertura asistencial á poboación.

As previsións anteriores serán desenvolvidas polos órganos competentes, logo de negociación na mesa sectorial de persoal das institucións sanitarias do Sergas».

Artigo 2º

O Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria publicado no Diario Oficial de Galicia nº 114 do 11 de xuño de 1996, modificase nos seguintes termos:

Un.-Introdúcese no artigo 7 «Complemento de produtividade» punto 2, a) factor fixo, ao final do dito punto, redactado nos seguintes termos:

«Modalidade J.-Complemento de intersubstitución por prestación de traballo motivada pola ausencia de profesionais da unidade: ten por finalidade retribuír a prestación de servizos dos médicos de familia, pediatras, odontólogos, diplomados en enfermaría, e fisioterapeutas das unidades e servizos do cadro de persoal que atendan a cota de pacientes adscritos a outros profesionais da mesma categoría e unidade, ausentes por causas regulamentarias, non substituídos por persoal temporal ou por persoal de puntos de atención continuada. Os criterios obxectivos para a percepción do complemento e as causas serán negociados previamente na mesa sectorial de persoal das institucións sanitarias do Sergas».

Dous.-Modifícase o último parágrafo do artigo 7.2º a) factor fixo, que queda redactado nos seguintes termos:

«Nos citados anexos recóllense, respecto ao persoal afectado, os importes e as especificacións pertinentes que concirnen as modalidades da A á I».

Disposición derrogatoria

Decláranse derrogados os seguintes artigos do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia:

O artigo 6: «Exención de gardas», o artigo 7: «Reforzo dos PAC», artigo 8: «Número de horas de atención continuada» e artigo 10: «Retribucións».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

P.S. (Decreto 148/2005, do 7 de xuño)

Jaime Pita Varela

Conselleiro de Sanidade