DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2005 Páx. 10.211

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 155/2005, do 9 de xuño, sobre un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servicio Galego de Saúde previo á implantación do réxime de desenvolvemento profesional a que se refire a Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

A primeira regulación xeral dun sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional no eido

das profesións sanitarias recolleuse na Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, e a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde refírense á carreira profesional como o dereito dos profesionais a progresar de forma individualizada, co recoñecemento do seu desenvolvemento profesional en canto a coñecemento, experiencia e cumprimento dos obxectivos da organización en que prestan os seus servizos.

Así mesmo, o estatuto marco prevé determinados efectos do dito recoñecemento, introducindo un concepto retributivo -complemento de carreira profesional- destinado a retribuír o grao acadado na carreira profesional.

As ditas previsións lexislativas impoñen ás administracións sanitarias o desenvolvemento regulamentario do sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional, co fin de que a súa implantación poida facerse real e efectiva en canto á súa constancia pública -o recoñecemento público do nivel profesional- ao aspecto retributivo, e á promoción deste persoal conxuntamente coa mellor xestión das institucións sanitarias.

Porén, a Lei 44/2003, de ordenación das profesións sanitarias, e a Lei 55/2003, do estatuto marco, ordena á Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde a determinación dos principios e criterios xerais para a homologación do recoñecemento do desenvolvemento profesional, especialmente no relativo ás denominacións dos distintos graos, aos sistemas de valoración dos méritos, á composición dos graos acadados polos profesionais dos distintos servizos de saúde, todo dirixido ao recoñecemento mutuo, efectos profesionais e libre circulación deles no conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Na actualidade a citada Comisión de Recursos Humanos está a traballar na definición deses principios.

Así mesmo, a Lei 44/2003, de ordenación das profesións sanitarias, determina que as administracións sanitarias regularán o recoñecemento do desenvolvemento profesional para os seus propios centros e establecementos que, de conformidade co estatuto marco, deberán ser negociados na mesa sectorial para a configuración dos mecanismos da carreira profesional, con adaptación ás condicións e características organizativas, sanitarias e asistenciais do servizo de saúde e dos seus centros.

No ámbito do Sergas, o acordo de mellora retributiva e profesional do persoal das institucións sanitarias do Sergas asinado o 1 de outubro de 2003, cuxa vixencia se estende para o persoal facultativo ata 2005 e para o resto do persoal ata o 2006, previu no seu punto 8 a regulación dun sistema de carreira profesional.

A novidade da materia fai complexo o seu tratamento, a súa definición e a configuración do seu percorrido, unha vez que este sistema se converterá nun dos eixes para a mellora da calidade do servizo público e instrumento de motivación do persoal. Doutra banda, o deseño do sistema de recoñecemento debe adaptarse ás peculiaridades intrínsecas á respectiva profesión ou colectivo. Xa que logo, parece axeitado o tratamento diferenciado do sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional dos diferentes colectivos, co obxecto de deseñar un sistema que se adapte realmente á realidade das distintas profesións.

Neste decreto regúlase un procedemento excepcional a que accederá o persoal fixo das categorías sanitarias de titulados superiores do Sergas, aos cales lle posibilitará desfrutar do recoñecemento do seu desenvolvemento profesional e dos efectos económicos a que se refire o artigo 43 do estatuto marco, sen prexuízo do desenvolvemento normativo dos sistemas para o resto das categorías que serán obxecto de regulamentación e do desenvolvemento normativo do título III da LOPS.

No deseño do réxime que se regula neste decreto consideráronse dous aspectos que se consideran importantes para a súa posta en marcha. En primeiro lugar, que o sistema de desenvolvemento profesional debe incidir directa e positivamente na mellora do servizo público e da atención ao cidadán. En segundo lugar, o sistema extraordinario debe ter en consideración os parámetros da Lei de ordenación das profesións sanitarias.

Xa que logo, o sistema estrutúrase en catro graos. O acceso a estes graos é voluntario para o profesional que deberá acreditar a experiencia profesional mínima exixida para cada un deles.

Así mesmo, o sistema de recoñecemento debe contemplar un réxime de avaliación do profesional como criterio de acceso aos diferentes graos que, por unha parte, permita, cos instrumentos de que actualmente se dispón, ter en conta a traxectoria do profesional para a aplicación do réxime en atención aos méritos reunidos con anterioridade á súa entrada en vigor e, por outra banda, facilitar a homologación.

No que atinxe á realidade do persoal procedente de réximes xurídicos distintos ao estatutario, consideráronse as súas peculiaridades na regulación para o acceso ao sistema de recoñecemento profesional en termos de homoxeneidade.

Outórgase idéntico tratamento aos casos parangonables tales como os servizos prestados polo persoal funcionario ou laboral das institucións transferidas á comunidade autónoma actualmente integrado no réxime estatutario en virtude dos procesos de homologación.

Para o persoal de cota e zona preveuse o recoñecemento dun pregrao, que o sitúa na posición xurídica axeitada para que poida acceder ao sistema regulado neste decreto.

No caso do persoal especialista de cota demórase a entrada en vigor do sistema ao remate dos procesos de xerarquización en virtude dos cales se situarán en condicións de igualdade para o acceso a este sistema de recoñecemento.

Por último, nos supostos de persoal funcionario e laboral, das institucións sanitarias adscritas á Consellería de Sanidade que non tivese oferta de integración no réxime estatutario, demórase ata o remate dos procesos de homologación, a aplicación do sistema de recoñecemento profesional.

Este texto foi obxecto de negociación na mesa sectorial do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e acordo coas organizacións sindicais CIG, CEMSATSE, CC.OO. CSI-CSIF e UGT, representadas nela.

A entrada en vigor deste decreto fíxase para o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, por mor dos efectos previstos en xullo para o acceso ao primeiro grao.

Así mesmo, este texto someteuse a audiencia das organizacións colexiais dos ámbitos profesionais que atinxe este decreto.

Tendo en conta o anterior, por proposta do conselleiro de Sanidade, co ditame favorable número 399/2005 do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta norma ten por obxecto:

A) Regular un sistema extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional, consistente na determinación do nivel profesional acadado polo persoal estatutario fixo das categorías sanitarias de titulados superiores do Sergas que reúna os requisitos a que se refire o artigo 5º desta norma, para os efectos do seu encadramento nos distintos graos recollidos no artigo 4º.

B) Introducir o complemento retributivo de carreira profesional previsto no artigo 43.e da Lei 55/2003, do 16 de decembro, estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, no réxime retributivo do persoal das respectivas categorías do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Principios xerais.

O sistema extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional a que se refire este decreto configúrase con base nos seguintes principios:

a) Principio de voluntariedade: a participación neste sistema será voluntaria para o persoal comprendido no ámbito de aplicación e só procederá a solicitude do interesado.

b) Principio de personalidade: o recoñecemento do grao terá carácter persoal e individual.

c) Principio de gradualidade: a determinación do nivel profesional concretarase na aplicación dalgún dos graos que se definen neste decreto, en función dos méritos e do tempo de servizos prestados.

d) Principio de progresividade: o acceso aos diferentes graos do recoñecemento previo do desenvolvemento profesional será progresivo e sucesivo, de tal xeito que o acceso ao grao superior só se realizará logo de acreditación do recoñecemento do grao inmediatamente inferior.

e) Principio de mérito e competencia profesional: o sistema permite o recoñecemento en atención aos coñecementos, experiencia, responsabilidade e maior adecuación das competencias e cualidades do profesional aos obxectivos do Sergas, e a mellora do servizo público.

f) Principio de excepcionalidade: o sistema regulado neste decreto ten carácter excepcional e será de aplicación por unha soa vez aos profesionais comprendidos no seu ámbito de aplicación.

g) Principio de irreversibilidade: para os efectos do previsto neste decreto, o grao recoñecido a un profesional terá carácter persoal, irreversible e consolidable no ámbito do Sergas.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

Poderá acceder ao sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional, nos prazos que se determinan neste decreto:

a) O persoal estatutario fixo e con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas, á entrada en vigor deste decreto, non incluído nas alíneas b), c) e d), pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios das actuais categorías sanitarias.

b) O persoal estatutario pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, que obteñan ou teñan obtido a condición de fixo e praza en propiedade das actuais categorías sanitarias nunha institución sanitaria do Sergas, con ocasión dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, e tome posesión da mesma nos prazos indicados.

c) O persoal fixo de cota e zona e con praza en propiedade nunha institución sanitaria do Sergas, á entrada en vigor deste decreto, pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, de conformidade co previsto no réxime específico que se determine en atención a súa singularidade.

d) O persoal estatutario fixo especialista de cota e con praza en propiedade nunha institución sanitaria do Sergas, á entrada en vigor deste decreto, de conformidade co previsto na disposición adicional terceira.

Artigo 4º.-Estrutura do sistema.

1. O sistema previo de recoñecemento do desenvolvemento profesional estructúrase en catro graos, asignables en función do tempo acreditado de servizos prestados. Para o acceso a cada un dos graos será preciso ter completados, en xornada ordinaria, os períodos de servizos prestados como persoal estatutario, na mesma categoría e/ou especialidade, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, de acordo coa seguinte escala:

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 18 anos.

Grao IV: 23 anos.

2. Para os efectos do cómputo dos servizos prestados que se refiren no número anterior, non se entenderán incluídos os servizos como especialista en formación e os prestados con nomeamento de atención continuada ou nomeamento de gardas médicas.

3. Os servizos prestados como persoal funcionario ou laboral nas institucións sanitarias traspasadas ao Servizo Galego de Saúde polo persoal integrado no réxime estatutario en virtude dos procesos de homologación tramitados polo Sergas, considéranse como prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde para os efectos do previsto no parágrafo primeiro.

Artigo 5º.-Acceso ao sistema. Requisitos.

Para acceder ao recoñecemento do grao os profesionais que o soliciten deberán cumprir ou estar en condición de cumprir os requisitos seguintes:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría e/ou especialidade, con praza en propiedade nas institucións sanitarias do Sergas.

b) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco, no momento da solicitude.

c) Acreditar o tempo de experiencia profesional na mesma categoría e/ou especialidade a que se refire o artigo anterior para cada grao.

d) Ter participado nos cinco exercicios inmediatamente anteriores á data da solicitude nos obxectivos asistenciais, reflectidos nos programas especiais do complemento de produtividade variable da institución do Sergas na cal estivese prestando servizos , e acreditar o seu cumprimento nun 70% en cada un dos cinco exercicios ou nun 75% de media nos ditos exercicios. Esta acreditación realizarase mediante certificación do director xerente do centro de que se trate, de conformidade coa avaliación do cumprimento de obxectivos efectuada.

e) Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos.

f) No caso de persoal fixo de cota e zona, ter acreditado o pregrao a que alude a disposición adicional primeira, e superar o procedemento de avaliación da súa integración funcional no equipo de atención primaria.

g) Presentar solicitude de recoñecemento do desenvolvemento profesional en tempo e forma.

h) Os que especificamente se establezan na norma que regule o acceso ao sistema de recoñecemento nos supostos das disposicións adicionais terceira e quinta.

Artigo 6º.-Supostos exceptuados do requisito da alínea 3 d) do artigo 5º.

1. Quedan exceptuados da acreditación do requisito a que se refire a alínea 3.d do artigo 5º os períodos de tempo en que o persoal permanecese nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de excedencia forzosa a que se refiren os artigos 11.1º e 11.3º e 13º do estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social aprobado polo Decreto 3160/1966, do 23 de decembro.

b) Situación de excedencia especial en activo a que se refire o artigo 13 do estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social, aprobado polo Decreto 3160/1966, do 23 de decembro.

c) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

d) Os períodos de desfrute de permisos sindicais.

e) Excedencia por coidado de familiares.

f) Licenza por maternidade, incapacidade temporal e comisión de servizos.

2. Cando por razóns da organización do traballo establecida, un profesional non puidese acreditar a súa participación nos programas de obxectivos do complemento de produtividade variable, quedará exonerado do requisito a que se refire a alínea 3 d) do artigo quinto. Porén, o xerente do centro emitirá certificación acreditativa deste extremo, así como informe detallado da súa participación nos resultados da actividade do centro conforme se estableza nas condicións da avaliación.

3. Cando un profesional non incluído nos dous parágrafos anteriores, non puidese acreditar o cumprimento do requisito a que se refire a alínea 3 d) do artigo 5º, a comisión técnica de avaliación poderá informar favorablemente a solicitude dun interesado á vista, entre outros aspectos, do currículo docente e investigador, ou participación na xestión, sempre e cando as ditas actividades foren alleas ao programa de obxectivos do complemento de produtividade variable e se apreciase nelas un interese redundante na mellora do servizo asistencial da institución ou do Sergas, así como das peculiaridades do centro ou institución na que prestase servizos que fosen determinantes e diferenciadoras da actividade asistencial desenvolvida polo profesional, de tal xeito que non puidese ser avaliada nos termos previstos nos parágrafos anteriores desta disposición.

4. Os profesionais fixos de cota e zona que superen a avaliación da súa integración funcional nos termos que se determinan na disposición adicional primeira, quedarán exonerados do requisito a que se refire a alínea 3 d) do artigo 5º.

Artigo 7º.-Efectos do recoñecemento.

O recoñecemento do desenvolvemento profesional outorgará aos profesionais os seguintes dereitos:

a) A súa constancia para os efectos do currículo.

b) A acceder ao grao superior sempre que se acrediten o tempo de servizos prestados e os demais requisitos exixidos.

c) O aboamento do complemento de carreira na contía correspondente ao grao de encadramento.

Artigo 8º.-Complemento de carreira.

Establécese o complemento de carreira, destinado a retribuír o grao recoñecido, como retribución complementaria de carácter fixo.

As contías anuais que se perciban por este complemento, devengaranse en 12 mensualidades, a razón de 3.000 euros/ano por nivel recoñecido, de conformidade co anexo I.

Artigo 9º.-Desenvolvemento do sistema.

A implantación do sistema de recoñecemento dos diferentes graos realizarase nunha única vez e nun único procedemento no ano de efectividade para cada un dos graos e colectivos referidos no artigo 3º.

De conformidade co disposto no parágrafo anterior, o recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional realizarase coa seguinte secuencia:

a) O persoal estatutario fixo con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas, á entrada en vigor deste decreto, non incluído nas alíneas b) e c), pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, das actuais categorías sanitarias, que cumprise os requisitos a que se refire o artigo 5º, poderá acceder aos sucesivos graos cos seguintes efectos económicos:

* Grao I: efectos de xullo de 2005.

* Grao II: efectos de xullo de 2006.

* Grao III: efectos de xullo de 2007.

* Grao IV: efectos de xullo de 2008.

b) O persoal estatutario fixo pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios que obteñan ou teñan obtido praza en propiedade das actuais categorías sanitarias nunha institución sanitaria do Sergas, con ocasión do remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, tome posesión dela nos prazos indicados, e cumprise os requisitos a que se refire o artigo 5º, poderá acceder aos sucesivos graos cos seguintes efectos económicos:

* Grao I: efectos de xullo de 2006.

* Grao II: efectos de xullo de 2007.

* Grao III: efectos de xullo de 2008.

* Grao IV: efectos de xullo de 2009.

c) O persoal estatutario fixo con praza en propiedade á data da entrada en vigor deste decreto, de cota e zona, que cumprise os requisitos previstos no artigo 5º, pertencente ás categorías de licenciados

con título de especialista en ciencias da saúde e licenciados sanitarios, cos seguintes efectos económicos:

* Grao I: efectos segundo a disposición adicional primeira.

* Grao II: efectos de xaneiro de 2007.

* Grao III: efectos de xaneiro de 2008.

* Grao IV: efectos de xaneiro de 2009.

Artigo 10º.-Procedemento de recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional.

1. Con tres meses de antelación á data de efectividade das recollidas no artigo anterior, por resolución da División de Recursos Humanos do Sergas abrirase un prazo mínimo de 20 días para a presentación de solicitudes. Para os efectos económicos previstos no ano 2005 este prazo abrirase o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional a que se refire este decreto realizarase mediante resolución da División de Recursos Humanos, logo de informe da División de Asistencia Sanitaria.

Na resolución que se dite, que porá fin á vía administrativa, especificarase o grao acadado e os seus efectos así como os medios de impugnación que caiba interpoñer contra ela.

2. O profesional deberá presentar solicitude no citado prazo, acompañándoa da acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos ou de estar en condicións de cumprilos na data de efectos a que se refire o artigo anterior, para o acceso a cada un dos graos.

3. As solicitudes serán resoltas nos tres meses seguintes á finalización do prazo para a súa presentación. Caso de non notificarse a resolución nese prazo, entenderanse desestimadas.

Disposición adicional

Primeira.

1. O persoal fixo de cota e zona poderá acceder ao sistema previsto neste decreto.

2.1. Con anterioridade ao encadramento no grao I do sistema extraordinario que se regula neste decreto, o persoal de cota e zona deberá ter recoñecido o pregrao que se establece nesta disposición.

2.2. O recoñecemento deste pregrao outorgará ao profesional o dereito a percibir un complemento de carreira pregrao, de carácter fixo e persoal, que ascenderá á contía de 3.000 euros/ano e que se devengará en doce mensualidades.

Os efectos económicos do citado recoñecemento terán vixencia desde xaneiro de 2006.

2.3. Poderá acceder ao pregrao o persoal estatutario fixo de cota e zona, das categorías de licen

ciados sanitarios, sempre que o soliciten e reúnan os requisitos seguintes:

* Ter a condición de persoal fixo das categorías de licenciados sanitarios de cota e zona, con praza en propiedade nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

* Acreditar, polo menos, cinco anos de servizos prestados en praza de cota e zona, nunha institución sanitaria do Sergas.

* Estar en situación de activo ou asimilada, nos termos do estatuto marco, no momento da solicitude.

* Instar a integración funcional no equipo de atención primaria do centro de destino.

* Presentar a solicitude de recoñecemento do pregrao en tempo e forma.

2.4. O procedemento de integración funcional e os seus efectos regularanse por orde da Consellería de Sanidade, logo de negociación no seo de mesa sectorial.

A integración funcional do persoal de cota e zona, que suporá a súa incorporación funcional ao novo modelo de atención primaria en termos de xornada, horario e participación na actividade asistencial propia do equipo de atención primaria en que se integren, non determinará a modificación do seu actual réxime xurídico e retributivo.

A solicitude de integración funcional terá carácter irreversible e irrenunciable para o interesado.

2.5. No derradeiro trimestre do ano 2005, a División de Recursos Humanos do Sergas abrirá o prazo de presentación de instancias para o recoñecemento do pregrao. No citado prazo os interesados deberán presentar a súa instancia acompañada da documentación que acredite os requisitos referidos no parágrafo anterior.

A tramitación e resolución das ditas solicitudes corresponderá á División de Recursos Humanos do Sergas.

A resolución, que porá fin á vía administrativa, indicará o grao inicial recoñecido, os efectos económicos e a data da súa entrada en vigor, así como os recursos que contra ela caiba interpoñer.

3.1. No derradeiro trimestre do ano 2006, a División de Recursos Humanos abrirá o prazo para a presentación das solicitudes de recoñecemento do grao I, a que se refire o artigo 4º deste decreto.

Na resolución estableceranse os criterios que deberán ser empregados para a avaliación da integración funcional do persoal que tivese optado por ela, previa á súa negociación en mesa sectorial. En todo caso, os citados criterios recollerán a valoración sobre a participación efectiva do profesional en actividade asistencial e prestacional propia da unidade ou servizo en que se tivese integrado.

3.2. Poderá acceder ao citado recoñecemento o persoal que reúna os requisitos a que se refire o artigo 5º deste decreto.

3.3. O complemento de carreira que se devengue polo recoñecemento do grao I absorberá o complemento de carreira pregrao.

4. A Administración sanitaria promoverá a adaptación da normativa vixente co fin de que o acceso ao dereito de recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional poida facerse real e efectivo nos prazos establecidos para o persoal de cota e zona.

Segunda.

Os dereitos económicos que deriven do recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional a que se refire este decreto absorberán os complementos persoais transitorios de conformidade coa normativa orzamentaria, agás o complemento persoal que estean a recibir os profesionais que se tivesen integrado no novo modelo de atención primaria ao abeiro da disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.

O recoñecemento previo do grao de desenvolvemento profesional do persoal especialista de cota estará suxeito á súa xerarquización.

A disposición que regule o réxime de xerarquización determinará os requisitos, sistema de avaliación, alcance e efectividade do réxime de acceso ao recoñecemento previo do desenvolvemento profesional para este persoal, previa á súa negociación no seo da mesa sectorial, en termos parangonables ao resto do persoal, tendo en conta as peculiaridades do seu réxime de prestación de servizos.

Cuarta.

1. Créase a comisión técnica de avaliación, de carácter paritario, integrada por un representante designado por cada unha das organizacións sindicais da mesa sectorial e idéntico número de membros designados pola Administración, exercendo a presidencia un representante da División de Recursos Humanos do Sergas.

Corresponde á comisión técnica de avaliación:

a) Realizar a avaliación das solicitudes de recoñecemento en canto non se constitúan os comités específicos para cada institución.

b) Emitir informe sobre as solicitudes de recoñecemento de grao que lle sexan sometidas facultativamente pola División de Recursos Humanos con carácter previo á súa resolución.

c) Emitir informe sobre todas as solicitudes de recoñecemento de grao que non cumpran os requisitos á que se refire o artigo 6º.

Os acordos adoptaranse por maioría dos seus membros integrantes.

2. Mediante orde da Consellería de Sanidade crearase un comité específico de avaliación por cada centro, na cal se determinará a súa composición e funcionamento.

Quinta.

1. O persoal funcionario ou laboral fixo, na data de entrada en vigor dest decreto, das institucións sanitarias actualmente adscritas á Consellería de Sanidade poderá acceder, por única vez, ao sistema extraordinario que se regula no momento en que se abra o primeiro proceso de integración ao réxime estatutario após a súa publicación.

A norma que regule a citada integración determinará os requisitos, sistema de avaliación, alcance e efectividade do réxime de acceso ao recoñecemento previo do desenvolvemento profesional para este persoal, previa á súa negociación no seo da mesa sectorial.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, resolta a integración abrirase o procedemento para o recoñecemento previo do nivel de desenvolvemento profesional do persoal que tivese optado pola súa integración no réxime estatutario.

Disposición transitoria

Única.-As normas que dite a comunidade autónoma en materia de recoñecemento do desenvolvemento profesional a que se refire o título terceiro da Lei 44/2003, do 21 de novembro, serán negociadas en mesa sectorial, e conterán o réxime de homologación dos graos recoñecidos en aplicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Mediante orde da Consellería de Sanidade procederase a desenvolver as normas de procedemento e condicións de avaliación, sen prexuízo da delegación á División de Recursos Humanos en canto a apertura de prazos das convocatorias e resolución das solicitudes.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

P.S. (Decreto 148/2005, do 7 de xuño)

Jaime Pita Varela

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

GraosContía por graoValor acumulado

Grao I3.000 A/ano3.000 A/ano

Grao II3.000 A/ano6.000 A/ano

Grao III3.000 A/ano9.000 A/ano

Grao IV3.000 A/ano12.000 A/ano