DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2005 Páx. 10.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se procede á publicación da relación definitiva de nenos admitidos para o curso 2005-2006 nos centros de atención á primeira infancia, dependentes desta consellería.

Con data 9 de marzo de 2005, publicouse a Orde do 1 de marzo de 2005 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para o curso 2005-2006.

Estudadas pola comisión de baremación todas as reclamacións presentadas e resoltas polo delegado provincial, procédese á publicación da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida e a tarifa correspondente a cada caso.

Estas reclamacións enténdense resoltas coa publicación da lista definitiva, que se poderá consultar tanto nos respectivos centros como nas delegacións provinciais da consellería, DOG, e páxina web da Dirección Xeral de Familia (www.xunta.es/conselle/fm/dxf/inex.htm)

Os solicitantes admitidos dispoñen dun prazo de 10 días a partir da publicación da admisión para confirmaren a súa praza, presentando certificado médico do neno/a nas delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, no prazo dun mes que comezará a contar desde a publicación desta resolución.

Vigo, 11 de maio de 2005.

Francisco J. González Vicente

Delegado provincial de Pontevedra