DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2005 Páx. 10.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 153/2005, do 26 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Salvaterra de Miño, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ruta ecolóxica de acceso ao contorno natural da illa de Fillaboa.

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión que tivo lugar o día vinte e seis de xaneiro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de ruta ecolóxica de acceso ao contorno natural da illa de Fillaboa e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao

abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e, solicitado informe á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, este foi emitido favorablemente, a Consellería de Medio Ambiente emitiu igualmente informe favorable, facendo mención á adopción dunha serie de condicións para a realización do citado proxecto.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a actuación é necesaria debido ao estado actual dos terreos, xa que é unha zona moi transitada, tanto polos propietarios como por visitantes, por ser unha zona de grande interese natural, o que está a provocar a súa deterioración, ao producirse verteduras de materiais perigosos e residuos, evitándose tamén posibles perigos que repercutirían na seguridade das persoas, polo que a creación da ruta ecolóxica contribuiría á vixilancia e conservación da zona, igualmente se procedería á conservación das beiras do río Miño, xa que nas súas crecidas anuais lles causan graves prexuízos aos terreos, chegando incluso á súa lenta desaparición, actuaríase tamén sobre a recollida das augas pluviais que danan as marxes dos terreos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Salvaterra de Miño para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ruta ecolóxica de acceso ao contorno natural da illa de Fillaboa, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local