DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2005 Páx. 10.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 151/2005, do 2 de xuño, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, dunha parcela de terreo no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña), para a construción do Centro Galego de Artesanía e Deseño.

O Concello de Santiago de Compostela, en virtude de acordo do Pleno adoptado o 29 de xaneiro de 2004, modificado por acordo da Xunta de Goberno Local do 31 de xaneiro de 2005, cede, a título gratuíto, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, unha parcela de terreo de tres mil trescentos cinco metros cadrados, a segregar da parcela R2 do Polígono B do SUNP 6 de San Lázaro, no termo municipal de Santiago de Compostela, para a construción do Centro Galego de Artesanía e Deseño.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo do informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2005, sobre a natureza patrimonial dos terreos obxecto de cesión, tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión dos terreos, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, consonte co fin e as obrigas fixadas polo Concello de Santiago de Compostela, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de dous de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Santiago de Compostela dunha parcela de terreo que se describe como segue:

Terreo de 3.305 metros cadrados, para segregar da parcela R2 do Polígono B do SUNP 6 de San Lázaro, parcela delimitada en plano xunto, tendo forma trapezoidal, destinada a equipamento socio-cultural, cos seguintes lindes: ao norte, rúa de novo trazado; ao sur, rúa Fernando Casas Novoa; ao leste, zona deportiva e ao oeste, resto da parcela matriz.

O predio matriz figura inscrito a nome do Concello de Santiago de Compostela no Rexistro da Propiedade número un de Santiago de Compostela no tomo 1363, libro 350, folio 26, parcela 31987, inscrición 1ª, e ten a referencia catastral: 9683301 NH 3498 D.

Artigo 2º

O predio destinarase á construción do Centro Galego de Artesanía e Deseño.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dous de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda