DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 06 de xuño de 2005 Páx. 9.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2005, da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, pola que se lle dá publicidade ao convenio de colaboración entre a Consellería de Innovación, Industria e Comercio e as entidades colaboradoras para a promoción do acceso empresarial á Sociedade da Información en Galicia.

Con data do 27 de maio de 2005 suscribiuse entre a Consellería de Innovación, Industria e Comercio e as entidades colaboradoras un convenio aberto para a promoción do acceso empresarial á Sociedade da Información.

Cumprida a tramitación regulamentaria procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2005.

José Manuel González González

Director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial

ANEXO

Convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Innovación, Industria e Comercio e as entidades colaboradoras para a promoción do acceso empresarial á Sociedade da Informacion en Galicia.

Santiago de Compostela, de 27 de maio de 2005

Reunidos dunha parte:

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, en virtude das facultades que lle confire o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos

e de colaboración con particulares, feito público mediante Resolución do 8 de abril de 1991 da Consellería de Economía e Facenda (DOG do 30 de abril).

Doutra parte:

Antonio Portela Álvarez, en calidade de conselleiro delegado da empresa Comunitel Global, S.A., facultado para a sinatura deste documento.

Antonio Fernández Armas, en calidade de director División de Empresas da empresa R Cable y Telecomunicaciones Galica, S.A., facultado para a sinatura deste documento.

José Ángel Veiga Abeledo, en calidade de director territorial de Galicia e Asturias da empresa Telefónica de España, S.A., facultado para a sinatura deste documento.

EXPOÑEN:

1. O desenvolvemento da Sociedade da Información converteuse nunha prioridade en todos os países e rexións máis avanzadas, como base para o seu desenvolvemento económico e social. A nivel europeo, os plans e-Europe 2002 e e-Europe 2005, da Comisión das Comunidades Europeas, marcan as liñas e prioridades no eido da sociedade da información, co obxectivo de converter Europa nunha economía baseada no coñecemento, competitiva e dinámica.

2. En plena sintonía con este enfoque, a Xunta de Galicia, ten entre os seus obxectivos prioritarios lograr a converxencia da comunidade autónoma coas rexións máis avanzadas do seu contorno, facilitando a redución ou eliminación dos problemas detectados no proceso de incorporación de Galicia ás tecnoloxías nas que se fundamenta a Sociedade da Información.

3. A Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en virtude do Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ten atribuídas as competencias en materia de telecomuniciacións, e sociedade da información e do coñecemento.

4. A consellería vén de realizar desde hai anos, estudos sobre a implantación e incidencia das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) nas empresas galegas, que foron considerados na definición das políticas e actuacións por parte da Administración autonómica. Nos últimos anos a compilación da información viuse reforzada polo Observatorio Tecnolóxico de Galicia, dependente desta consellería, que analiza de xeito específico a evolución das TIC na sociedade e nas empresas.

Entre as accións executadas poden sinalarse as que esta consellería vén desenvolvendo con empresas de telecomunicacións para fomentar as TIC no

sector das Pemes de Galicia, a través de convenios que arbitraban un sistema de incentivos económicos con subvencións do 20% por parte da consellería, e descontos do 20% por parte das empresas de telecomunicacións sobre os prezos dos equipos e aplicacións que permitían ás Pemes o acceso a redes e servizos de comunicacións tecnoloxicamente avanzados. Dentro deste tipo de iniciativas foron beneficiarias máis de 4.700 pemes galegas nos últimos 6 anos, cunha achega pública de máis de 2,8 millóns de euros que propiciaron un investimento empresarial superior aos 14 millóns de euros.

5. Nos últimos anos non só asistimos a un enorme salto das posibilidades técnicas, senón que tamén se desenvolveu amplamente a lexislación e a normativa en materia da sociedade da información, con disposicións tales como a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), o Real decreto 994/1999, do 11 de xuño polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade (RMS) dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal, a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico (LSSI) ou a Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

6. Conxuntamente coa normativa específica citada, sucesivas modificacións sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, veñen de posibilitar a realización de múltiples trámites administrativos por medios electrónicos, sempre que se establezan as debidas garantías. Casos de tramitación electrónica como os xestionados pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou a Seguridade Social son hoxe en día de uso común.

No tocante á nosa comunidade autónoma a Xunta de Galicia dispón do seu propio Rexistro Telemático, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo, a través do que se pode acceder a un crecente número de trámites administrativos, sen esquecer o amplo catálogo de trámites tributarios que xestiona de seu a Consellería de Economía e Facenda.

7. Esta propia Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, foi pioneira e impulsora do emprego de ferramentas telemáticas de xeración e presentación de solicitudes a través da internet. Tan só no último ano máis de 2.000 empresas xeraron as súas solicitudes de subvención empregando ferramentas da internet, e delas 360 realizaron presentación telemática empregando sinatura electrónica, isto é sen soporte papel.

Tamén o último ano desde esta consellería obtivéronse máis de 15.000 certificados telemáticos de documentos con outras administracións públicas,

liberando os cidadáns da obriga de presentar os ditos certificados de xeito convencional en papel, co conseguinte beneficio de tempo e trámites para o administrado.

8. Da análise da situación feita pola consellería e ante as novas necesidades das empresas neste campo cómpre, como continuación a anteriores iniciativas, desenvolver accións destinadas a posicionar as empresas dentro do actual marco da sociedade da información. Neste senso considérase de especial interese incidir en:

-Conseguir a presenza das empresas na internet.

-Garantir a calidade na xestión interna de datos nas empresas, tanto na información de carácter produtivo-empresarial como nos datos de carácter persoal.

-Facilitar o acceso das empresas ás redes públicas electrónicas operadas por terceiros, así como o acceso aos servizos electrónicos avanzados facilitados polos prestadores de servizos sobre estas redes.

9. Neste marco tan dinámico xa descrito cómpre considerar que, por riba dos condicionantes económicos, unha das principais barreiras para o acceso das empresas á sociedade da información é a falla de formación e de referentes empresariais neste campo. En consecuencia, complementando as accións de axuda pública aos investimentos das empresas, considérase da máxima prioridade a aplicación de mecanismos de sensibilización, divulgación e formación en relación cos mellores usos en materia de sociedade da información no eido empresarial, especialmente no referente á xestión e seguridade da información, identificación de boas prácticas públicas e privadas, e coñecemento dos medios de sinatura electrónica avanzada.

10. Para a realización destas accións e como vía para acadar os mellores resultados hai que contar coas entidades especializadas neste campo, coa consideración de entidades colaboradoras conforme o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

11. As empresas que asinan este convenio reúnen e teñen acreditado con anterioridade á sinatura os requisitos para poder ser consideradas entidades colaboradoras na entrega e distribución de fondos públicos de axudas ou subvencións.

Consonte a esta exposición destaca o interese xeral para Galicia da promoción do acceso empresarial a estas novas tecnoloxías, polo que se establece o seguinte convenio de colaboración entre a Conse

llería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras para a promoción do acceso empresarial á Sociedade da Información, de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste convenio consiste en regular as actuacións entre a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras para a promoción do acceso empresarial á Sociedade da Información en Galicia.

Para lograr a devandita promoción arbítrase un sistema de incentivos económicos ás empresas, así como o desenvolvemento dun plan de sensibilización, divulgación e formación por parte das entidades colaboradoras en relación cos mellores usos en materia de Sociedade da Información no eido empresarial, especialmente no referente á xestión e seguridade da información, identificación de boas prácticas públicas e privadas, e coñecemento dos medios de sinatura electrónica avanzada.

Segunda.-Entidades colaboradoras na promoción da Sociedade da Información.

As entidades colaboradoras terán como cometido a promoción da Sociedade da Información actuando como canle entre as empresas beneficiarias das accións subvencionables e a consellería. Esta colaboración estenderase desde a realización dos trámites para solicitar a axuda, a implantación e execución das acción vinculadas á esta, o adianto da contía da axuda e a súa xustificación. As colaboradoras recuperan os importes subvencionados con posterioridade.

As entidades que asinan este convenio aberto e as que posteriormente se adhiran a el de acordo co procedemento que se establece, terán a consideración de entidades colaboradoras, con suxeción ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, ao disposto nos artigos 78º e 79º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Para os efectos deste convenio, entenderase por entidades colaboradoras para a promoción do acceso empresarial a Sociedade da Información a:

-Empresas privadas con persoalidade xurídica, con algún centro de traballo en Galicia, que realicen actividade económica relacionada coas accións que se fomentan a través deste convenio no ámbito da Sociedade da Información, e que acrediten os requi

sitos establecidos de solvencia técnica, económica e de eficacia.

Polo que respecta á solvencia das entidades colaboradoras no campo da sociedade da información, estas deberán acreditala conforme o recollido na cláusula terceira.

Terceira.-Procedemento de adhesión ao convenio.

As entidades colaboradoras asinantes veñen de acreditar os requisitos aquí recollidos con anterioridade á sinatura deste convenio.

Así mesmo, adquiren a condición de entidade colaboradora aquelas que o soliciten, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia, e reúnan estes requisitos dentro do prazo establecido de adhesión, para o que deberán remitir a Consellería de Innovación, Industria e Comercio a seguinte documentación:

1. Solicitude de adhesión e declaracións expresas, conforme ao disposto no anexo I, incluíndo:

-Identificación do representante legal e do interlocutor da entidade colaboradora dentro do convenio.

-Declaración de non atoparse incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos puntos 2º e 3º do artigo 13º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Autorización para obter información telemática con outras AA.PP. sobre o cumprimento das obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social.

-Modalidade de participación no convenio segundo ás accións a promocionar recollidas neste, (cláusula quinta).

2. Documentación administrativa de acreditación da persoalidade da entidade colaboradora:

a) Documento acreditativo do poder con que actúa o representante.

b) CIF da entidade.

c) DNI do representante.

d) DNI do interlocutor no convenio.

e) Certificación bancaria da titularidade da conta onde se realizarían os ingresos da consellería á entidade colaboradora.

Esta documentación deberá ser orixinal, copia compulsada ou mesmo poderá identificarse que xa dispón dela a consellería.

3. Acreditación solvencia técnica e eficacia:

a) Emprego da sinatura electrónica no proceso de adhesión ao convenio.

b) Enderezo da páxina web propia.

c) Información legal contida na web propia, en materia de sociedade da información.

d) Relación de ficheiros inscritos no Rexistro Xeral de Protección de Datos (RXPD), indicando a data de alta, conforme a notificación favorable da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

e) De ser o caso, para colaboradoras que sinalen a realización de accións D: alta en servizos electrónicos avanzados prestados mediante redes públicas da cláusula quinta, relación de dominios inscritos no rexistro correspondente, conforme o artigo 9º da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico (LSSI), identificando o rexistro e a data de inscrición.

f) Memoria das actividades desenvolvidas pola entidade e medios materiais que se van empregar, en relación ao desenvolvemento deste convenio. Na memoria recollerase o seguinte: datos de localización, enderezo completo e datos de contacto da súa sede central e delegacións en Galicia, capacidade técnica da empresa identificando os medios humanos en Galicia así como descrición cualitativa e cuantitativa sobre o volume de negocio desenvolto durante o exercicio anterior con respecto aos tipos de accións subvencionables recollidas na cláusula quinta deste convenio.

O proceso de adhesión realizarase mediante presentación da solicitude no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, con sinatura electrónica do documento por parte do representante legal da entidade colaboradora solicitante.

A documentación administrativa indicada no punto 2 desta cláusula poderá ser identificada polo solicitante como documentación en poder da consellería, en aplicación do artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou en caso contrario, poderá presentala en papel por calquera das vías establecidas no artigo 38.4º da citada Lei 30/1992. A conta bancaria poderá ser identificada como xa existente no sistema informático de xestión económica da Xunta de Galicia.

As colaboradoras deben encontrarse ao corrente do pagamento das obrigas coa facenda pública do Estado, da Administración autónoma así como coa Seguridade Social, para asinar ou adherirse o convenio, así como para procederse ao libramento económico das axudas. Para iso autorizarán segundo o anexo I que a consellería consulte por medios telemáticos con outras AA.PP. a dita información.

A consellería á vista da documentación presentada, poderá solicitar aclaracións ou emendas desta, o que en ningún caso servirá para ampliar prazos para acreditar ou reunir os requisitos de solvencia e eficacia establecidos. En función do cumprimento dos requisitos exixidos, da memoria da actividade da empresa e das accións subvencionables nas que solicite participar a colaboradora, a consellería notificará en cada caso a súa adhesión ou non.

Así mesmo, con posterioridade as colaboradoras deberán comunicar calquera variación substancial

relativa á información inicial presentada en relación co este convenio de colaboración.

A consellería resérvase a potestade de abrir novas convocatorias de adhesión ao convenio.

Cuarta.-Empresas beneficiarias.

Poderán beneficiarse das axudas ás que se refire este acordo as entidades mercantís de carácter privado, entidades cooperativas ou os empresarios individuais, con sede social e/ou centros de traballo en Galicia, que estean realizando actividade económica nos ditos centros de traballo.

O representante ou apoderado da empresa beneficiaria, contando coa axuda técnica da colaboradora, deberá dispor dun certificado dixital emitido por unha entidade recoñecida, que lle permita a sinatura electrónica de documentos e a súa presentación no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo, naqueles supostos que se recollen na cláusula décimo primeira.

Soamente terán validez ante o Rexistro Telemático os certificados dixitais expedidos a nome de persoas físicas, conforme a Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, en tanto non se produza o desenvolvemento regulamentario doutros supostos de representación, tales como os certificados expedidos a nome de persoas xurídicas, restrinxidos na data de sinatura deste convenio exclusivamente ao ámbito tributario.

Quinta.-Accións subvencionables.

Nesta cláusula establécese un catálogo de accións subvencionables. Cada unha das accións identifica os investimentos subvencionables, determina a intensidade dos incentivos económicos vencellados, e permite as colaboradoras clasificarse en función da súa participación na promoción de cada unha das seguintes accións:

* Accion A: presenza básica na internet.

Acción dedicada ás empresas que carecen de páxina web e dominio propio.

O investimento deberá contemplar como mínimo os seguintes elementos:

-Adquisición dun dominio propio, vinculado ao nome da empresa ou dunha marca comercial propia.

-Desenvolvemento da web propia da empresa.

-Presenza na internet da dita web.

-Inclusión na web de cláusulas legais e informativas en materia de sociedade da información.

-Facilidades de modificación posterior e autoconfiguración da web polo cliente.

-Dispoñibilidade total do beneficiario sobre os contidos, programación e rutinas (scripts) da páxina

web, que lle permitan modificar a web e/ou concertar o aloxamento da web con outros provedores.

Nesta acción a axuda acadará o 75 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 150 euros para cada proxecto.

* Acción B: auditoría para a mellora na xestión interna da información.

Acción dedicada a acadar a adaptación inicial ás obrigas en materia de sociedade da información, derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), do Regulamento de medidas de seguridade (RMS) e da LSSI, así como sobre as normas que as desenvolvan ou substitúan.

O investimento deberá contemplar como mínimo os seguintes elementos:

-Alta da empresa e dos ficheiros desta no Rexistro Xeneral de Protección de Datos (RXPD) da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

-Xeración de documentos necesarios de auditoría, informes e documento de seguridade dos ficheiros declarados.

-Dispoñibilidade total do beneficiario sobre os contidos dos documentos, que lle permita ao cliente a modificación e evolución da documentación, e mesmo a xestión documental da documentación xerada se fose posible.

Nesta acción a axuda acadará o 40% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 600 euros para cada proxecto.

* Acción C: software para a mellora na xestión interna da información.

Acción dedicada a incorporar nas empresas ferramentas de software que lle permitan mellorar o tratamento da información interna, e obter mellor rendemento e produtividade cos datos de utilidade xeral e/ou produtivo que manexa na sua actividade económica diaria.

O investimento deberá contemplar como mínimo os seguintes elementos:

-Adquisición de novas licenzas de software sometido a tarifa.

-Manuais de usuario e/ou ferramentas de axuda on-line/off-line.

-Soporte técnico-comercial polo vendedor do produto.

-Posta en servizo do software adquirido.

Non se consideran actualizacións sobre licenzas existentes na empresa, multiplicidade nas licenzas solicitadas, desenvolvementos a medida ou particularizacións fóra dos custos das licenzas estándar.

Nesta acción a axuda acadará o 40% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 1.500 euros para cada proxecto.

* Acción D: alta en servizos electrónicos avanzados prestados mediante redes públicas.

Acción dedicada ao investimento de alta en servizos electrónicos avanzados, prestados a través de redes públicas, que permitan ás empresas o acceso a aplicacións informáticas distribuídas, seguridade xestionada, medidas de continxencia ante fallos e almacenamento de datos, que garantan a seguridade dos seus sistemas de información e dos intercambios electrónicos que realizan as empresas cos seus clientes e provedores.

O investimento deberá recoller como mínimo os seguintes elementos:

-Licenza inicial sobre o produto electrónico.

-Manuais de usuario e/ou ferramentas de axuda on-line/off-line.

-Posta en operación do servizo electrónico.

-Soporte técnico operacional sobre o servizo.

-Dispoñibilidade de ferramentas de control estatístico e calidade do servizo.

Nesta acción a axuda acadará o 40% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 600 euros para cada proxecto.

* Acción E: adquisición de equipos de comunicacións para acceso a redes públicas electrónicas.

Acción dedicada a facilitar a adquisición de equipos de comunicacións que permitan o acceso ás redes públicas electrónicas, considerando aqueles elementos que están directamente conectados a estas redes e non os equipos que forman parte das redes interiores das empresas que se conectan os primeiros para o acceso ás redes públicas.

Recolle como investimentos os referentes ás centrais de transmisión de datos sobre protocolos IP, centrais de voz, equipos de conmutación e enrutamento, así como equipos dedicados a vehículos ou máquinas, sempre que accedan directamente ás redes públicas. Non se considerarán elementos interiores de rede de usuario (terminais, cableado, electrónica activa o pasiva, etc.), nin ordenadores personais aínda que dispoñan de conexión directa ás redes públicas.

Os equipos e aplicacións destinados a conectarse directa ou indirectamente aos puntos de terminación das redes públicas electrónicas con obxecto de enviar, procesar ou recibir sinais, deberán dispoñer da avaliación da conformidade, coas normas que lles sexan de aplicación, en calquera Estado membro da Unión Europea.

Nesta acción a axuda acadará o 40% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 1.500 euros para cada proxecto.

Sexta.-Investimento subvencionable.

Para os efectos deste acordo entenderase como investimento subvencionable os custos en que incorra cada empresa beneficiaria como consecuencia da execución por unha colaboradora dalgunha das accións descritas na cláusula quinta, conforme a oferta inicial e a factura emitida pola colaboradora.

As empresas beneficiarias poderán recibir subvención por distintas accións subvencionables recollidas na cláusula quinta, pero non poderán recibir máis dunha subvención por cada unha das accións durante a vixencia do convenio.

O investimento subvencionable determínase excluíndo o IVE correspondente, e con carácter xeral fíxase unha contía mínima na base impoñible de 500 euros, para que unha solicitude poida acollerse ao presente convenio. Esta contía mínima de 500 euros non se aplicará, como excepción, ás accións de tipo A: «presenza básica na internet», indicadas na cláusula quinta.

As solicitudes atópanse sometidas a unha aprobación previa por parte da consellería. Tanto a execución da acción subvencionable como a acreditación do investimento deberán realizarse unha vez obtida a correspondente aprobación previa, e necesariamente as accións estarán dedicadas a centros de traballo en Galicia. A comprobación por calquera medio de que non se cumpren estes requisitos suporá a non aprobación da solicitude, ou ben con posterioridade a revogación da axuda e o reintegro desta.

O beneficiario deberá manter a propiedade sobre os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 3 anos.

As axudas recollidas neste convenio serán incompatibles con calquera outro tipo de axuda pública ou privada que poida recibir o beneficiario para o desenvolvemento do mesmo investimento.

Sétima.-Obrigas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio destinará para o financiamento deste convenio, os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2005Ano 2006Ano 2007

08.03.712-B.772.1Apoio á innovación en tecnoloxías de proceso75.000 A125.000 A75.000 A

08.03.712-B.773.1Desenvolvemento da Sociedade da Información175.000 A125.000 A175.000 A

TOTAL250.000 A250.000 A250.000 A

No financiamento do crédito sinalado na partida 08.03.712-B.773.1 existe unha participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) do 75%.

Estas cantidades poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio propiciará solucións telemáticas avanzadas a través de ferramentas das tecnoloxías da información e a comunicación e/ou experiencias piloto que permitan optimizar os procedementos de tramitación de expedientes do convenio, e que garantan a máxima difusión e publicidade desta iniciativa.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderá actualizar os anexos deste convenio adecuándoos á tramitación telemática en curso e a normativa en vigor en cada momento.

Oitava.-Obrigas das colaboradoras e dos beneficiarios.

As colaboradoras e os beneficiarios someteranse ás actuacións de comprobación que esta consellería poida efectuar respecto da xestión destas axudas, e ás de control financeiro que realicen os organismos que correspondan, e todas aquelas obrigas que se deriven da aplicación do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As entidades colaboradoras realizarán os trámites ante a consellería para a obtención das axudas por parte das empresas e adiantarán a contía das ditas axudas ás empresas que resultan beneficiarias. Así mesmo, verificarán que estas reúnen os requisitos establecidos neste convenio para ter a condición de beneficiarios.

As colaboradoras participarán dos obxectivos de promoción do presente convenio a través do desenvolvemento dun plan de sensibilización, divulgación e formación in situ ás empresas beneficiarias, en materia de sinatura electrónica, boas prácticas da sociedade da información, e xestión e seguridade da información.

As colaboradoras coordinarán o alcance das súas actuacións coa consellería no referente aos contidos e temáticas a recoller de forma que redunde nunha maior eficacia da implantación da sociedade da información no ámbito empresarial. As colaboradoras porán á disposición da consellería a información xerada en relación coa divulgación e formación desenvolvidas.

As colaboradoras cumprirán as obrigas de publicidade establecidas na cláusula novena, e manterán a confidencialidade dos datos subministrados polos beneficiarios conforme a normativa de protección de datos de carácter persoal.

As colaboradoras adaptaranse ás novas solucións telemáticas para a xestión do convenio e tramitación

de expedientes, así como para outros procesos de información continua, adoptando para iso as medidas necesarias en canto ao acceso a internet e/ou a adopción de sinatura electrónica.

O interlocutor único da colaboradora deberá dispor dun certificado dixital recoñecido, que lle permita a realización dos trámites telemáticos que poidan establecerse para optimizar a xestión do convenio. Débese comunicar á consellería calquera variación que se produza nos datos ou relación coa colaboradora do intelocutor único.

As colaboradoras obríganse a presentar solicitude, para a súa aprobación previa pola consellería, para o desenvolvemento de cada proxecto, tal como se recolle nas cláusulas sexta e décima, e presentar a documentación xustificativa do desenvolvemento, tal como recolle a cláusula décimo primeira deste convenio.

As colaboradoras e os beneficiarios deben encontrarse ao corrente do pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado, da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social.

As colaboradoras e os beneficiarios deberán conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión, e colaborarán na restitución das subvencións outorgadas nos casos en que concorra causa de reintegro.

Novena.-Obrigas de publicidade.

As colaboradoras disporán na súa web de información suficiente dirixida aos seus clientes respecto ao alcance deste convenio, das tarifas que se van aplicar e o xeito de obter ofertas sobre as accións obxecto da axuda. Así mesmo, disporán cando menos dun enderezo de correo electrónico para canalizar as consultas das empresas e manterán na web vínculo cos sitios da internet promovidos pola consellería nos que se facilite información detallada e, de ser o caso, se acceda ás ferramentas telemáticas de tramitación.

Na factura emitida, pola colaboradora ao beneficiario, deberá atribuírse a orixe da devandita axuda á Unión Europea, mediante o programa Feder, e á Xunta de Galicia.

Conforme a normativa autonómica, estatal e europea en materia de axudas públicas, a consellería establecerá as canles de publicidade deste convenio conforme os medios que sexan necesarios, incluíndo a información sobre as entidades colaboradoras e sobre os beneficiarios e as contías percibidas, empregando medios electrónicos e mesmo a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décima.-Solicitude de aprobación previa.

As colaboradoras presentarán para cada proxecto unha solicitude. Esta solicitude atópase sometida a unha aprobación previa por parte da consellería. As colaboradoras solicitarán a aprobación previa cos formularios que cubrirán e obterán necesariamente

a través da aplicación informática correspondente establecida na Oficina Virtual desta consellería sita no enderezo da internet http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm da Xunta de Galicia, ou aquel que poida substituilo durante a vixencia do convenio.

As solicitudes revisaranse en función dos obxectivos deste convenio e da adecuación ás condicións xerais do mercado dos investimentos solicitados. A consellería aprobará, ou non, estas solicitudes previas de axuda en función da revisión efectuada, así como das dispoñibilidades orzamentarias. Atenderanse as solicitudes seguindo a orde de presentación ata esgotar o crédito dispoñible.

No momento en que a consellería esgote a consignación orzamentaria establecida na cláusula sétima porao en coñecemento das colaboradoras, non autorizando ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das autorizacións previas xa comunicadas.

Esta aprobación previa concede á colaboradora un prazo de 3 meses para desenvolver e xustificar cada proxecto, desde a data de aprobación.

A data límite de presentación de solicitudes será o 30 de abril de 2007.

Décimo primeira.-Desenvolvemento dos proxectos.

Unha vez que un proxecto conte coa aprobación previa, as colaboradoras desenvolverán o proxecto conxuntamente co beneficiario e emitirán a preceptiva factura.

A axuda aprobada será adiantada pola colaboradora, no momento da emisión da factura ao beneficiario, como unha redución na cantidade que se vai ingresar do importe total da factura. Esta redución calcularase aplicando a porcentaxe concedida sobre o importe da base impoñible do investimento, isto é excluíndo o IVE, e esta contía restarase do importe total que se vai ingresar da factura, polo que a axuda non supón ningunha minoración do IVE ou outros impostos que puidesen gravar o investimento.

A aplicación destas porcentaxes de axuda estará en todo caso limitada polas contías máximas que se establecen para cada unha das accións, conforme o recollido na cláusula quinta.

O beneficiario deberá realizar o pagamento da factura mediante transferencia ou ingreso bancario, nos que queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o concepto deste. Outras formas de pagamento non se considerarán válidas para os efectos de xustificación.

A solicitude da axuda implica que o beneficiario acepte expresamente o seu sometimento ás condicións establecidas neste presente convenio, para o que debe asinar a aceptación de condicións segundo o anexo II. Conforme as actividades de sensibilización, divulgación e formación, as colaboradoras axudarán á implantación da sinatura electrónica nos niveis directivos do beneficiario, e facilitarán a pre

sentación do dito documento polas canles telemáticas que se poidan establecer.

Excepcionalmente para as accións de tipo A Presenza básica na internet, segundo a cláusula quinta, aceptarase a presentación en papel con sinatura manuscrita, a aceptación de condicións polo beneficiario segundo ese anexo II.

Calquera modificación sobre un proxecto presentado implica a anulación do proxecto e debe dar lugar á presentación dunha nova solicitude.

Décimo segunda.-Xustificación das axudas.

Para recuperar as cantidades subvencionadas as colaboradoras presentarán ante a consellería a seguinte documentación:

-Certificación de proxectos executados, emitida polo interlocutor, cunha relación detallada por beneficiario e proxecto na que se inclúan os seguintes datos: identificación da factura, identificación do pagamento, data do ingreso, tipo proxecto, observacións e información complementaria. Tamén se certificará que se dispón de arquivo de toda a documentación vencellada co proxecto.

-Copia en papel ou informática da aceptación expresa do beneficiario segundo anexo II, salvo que o dito documento orixinal xa estea dispoñible no expediente mediante a presentación polo beneficiario a través do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

A falsidade ou inexactitude nos datos recollidos nas certificacións poderá dar lugar á anulación da adhesión da colaboradora ao convenio.

Adicionalmente a entidade colaboradora deberá dispor da seguinte documentación en formato papel e copia informática, que lle poderá ser requirida pola consellería ou por calquera dos órganos de control en calquera momento:

-Copia das facturas emitidas pola colaboradora, co desagregamento detallado dos distintos conceptos facturados. Entre os conceptos facturados farase referencia explícita á axuda concedida por parte da consellería.

-Copia dos documentos xustificativos do pagamento, por parte do beneficiario. Este documento debe ser un xustificante bancario onde se indique que a transacción foi realmente executada.

Admitiranse así mesmo a documentación sobre facturas e pagamentos electrónicos sempre que cumpran os requisitos esixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

A consellería poderá recabar da colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar durante a tramitación do convenio.

Poderá habilitarse un mecanismo de presentación telemática da xustificación das axudas, que facilite tamén a presentación agrupada dos proxectos.

Será causa de anulación dos proxectos a falta de presentación da xustificación dentro dos 3 meses contados desde a data da notificación da aprobación previa. Excepcionalmente, poderase ampliar este prazo sempre que se conte coa previa solicitude motivada da colaboradora sobre as circunstancias que concorran nun expediente concreto, e estas sexan aceptadas pola consellería, de acordo co disposto no artigo 49.3 da Lei 30/1992, do 26 de noviembre, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo terceira.-Pagamento das axudas.

Atenderanse, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada anualidade dentro da vixencia do convenio, os proxectos xustificados convenientemente antes do 20 de novembro, como máximo, de cada anualidade.

Os expedientes autorizados que se xustifiquen con posterioridade ao 20 de novembro das anualidades 2005 e 2006 poderán ser atendidos con cargo aos créditos do exercicio seguinte que corresponda.

A consellería poderá verificar presencialmente nas empresas beneficiarias, nas colaboradoras ou polos medios que se consideren oportunos, que o proceso se levou a cabo segundo o establecido. Comprobada a documentación e o proceso, se procede, a consellería realizará a proposta de pagamento para reintegrar ás colaboradoras o importe das axudas anticipadas por estas.

Para o pagamento das axudas aprobadas por parte da consellería ás colaboradoras, deberá acreditarse previamente conforme o artigo 78.4º C) e 78.8º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia que estas, así como os beneficiarios, de ser o caso, atópanse ao corrente do pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autónoma así como coa Seguridade Social. Este trámite realizarase de oficio por medios telemáticos pola consellería segundo a autorización que consta no anexo I. No caso de que non poida obterse unha acreditación positiva por esta vía, requeriráselle á colaboradora a presentación en papel da documentación pertinente.

Procederase ao reintegro das subvencións percibidas nos supostos establecidos no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Décimo cuarta.-Rede comercial das colaboradoras.

As colaboradoras realizarán as accións do presente convenio por si mesmas ou a través de empresas da súa rede comercial, se ben, neste caso, deberán solicitar expresamente a autorización para a participación dunha determinada empresa da súa rede comercial no convenio.

En cada caso, as colaboradoras acompañarán documentación que acredite a solvencia técnica e eficacia da empresa comercial, conforme o recollido no punto 3 da cláusula terceira. A vista da documentación a consellería poderá autorizar a participación da empresa da rede comercial dentro do disposto neste convenio.

A colaboradora será, en todo caso, a responsable da interlocución, tramitación e desenvolvemento dos proxectos, con independencia que na execución dos proxecto participen empresas da rede comercial da colaboradora.

As empresas da rede comercial das colaboradoras participan das obrigas de colaboración establecidas na cláusula oitava, das obrigas de publicidade establecidas na cláusula novena, e son responsables no seu ámbito da aplicación da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

O emprego de empresas da rede comercial da colaboradora non terá a consideración de subcontratación. Adicionalmente ao exposto, as actividades de subcontratación non están autorizadas no desenvolvemento deste convenio.

Décimo quinta.-Natureza administrativa.

Este convenio ten natureza administrativa e, en consecuencia, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio resolverá todas as cuestións que xurdan no seu desenvolvemento.

Dada a súa natureza xurídico-administrativa, a orde xurisdicional contencioso-administrativo será o competente para resolver as cuestións litixiosas que puideran suscitarse entre as partes durante a execución deste.

Décimo sexta.-Causas de resolución.

Son causas de resolución deste convenio entre a consellería e algunha das entidades colaboradoras, o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas cláusulas deste, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso.

Décimo sétima.-Vixencia.

Este acordo terá vixencia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial Galicia (DOG) ata o 31 de decembro de 2007. Non obstante, en función dos resultados obtidos poderá ser prorrogado, por mutuo acordo das partes.

E, en proba de conformidade cos termos do convenio, as partes comparecentes asinan no lugar e data indicados no encabezamento.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

Antonio PortelaAntonio FernándezJosé Ángel Veiga

Álvarez ArmasAbeledo

Por Comunitel Por R Cable yPor Telefónica

Global, S.A.Telecomunicacionesde España, S.A.

Galicia, S.A.

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA

AGROALIMENTARIA