DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 06 de xuño de 2005 Páx. 9.748

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 145/2005, do 2 de xuño, polo que se crea a Escola Superior de Arte Dramática na cidade de Vigo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta Comunidade Autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro (DOG do 19 de xaneiro de 2004), polo que se establece

a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, integra as ensinanzas artísticas dentro da ordenación do sistema educativo e determina no seu artigo 38 os obxectivos propios deste ensino de réxime especial: proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais de música, da danza, da arte dramática, e das artes plásticas e o deseño. Así mesmo, establece, no seu artigo 43, que as ensinanzas de arte dramática comprenderán un só grao de carácter superior e no seu artigo 45, que o título superior de arte dramática equivale para todos os efectos ao título de licenciado universitario.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, no seu artigo 7 mantén a consideración de ensinanzas escolares de réxime especial ás artísticas, nas que se inclúen as de arte dramática.

Para o desenvolvemento e regulamentación destas ensinanzas ditouse o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, e o Real decreto 754/1992, do 26 de xuño, que establece os aspectos básicos do currículo dos ditos estudos e regula a proba de acceso a estes.

Por outra parte, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, determina no seu artigo 17 que a creación dos centros públicos será efectuada polo Consello de Goberno da comunidade autónoma correspondente.

Finalmente, tendo en conta a crecente importancia que están a experimentar as ensinanzas de réxime especial, nunha sociedade onde a demanda educativa presenta unha heteroxeneidade considerable, cómpre poñer en marcha a Escola Superior de Arte Dramática na cidade de Vigo, para potenciar o importante desenvolvemento que evidencian as artes escénicas e a produción audiovisual.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Escola Superior de Arte Dramática na cidade de Vigo (código 36024586) e adscríbese á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do anteriormente sinalado e determinar os cadros de persoal docente, admi

nistrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria