DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 03 de xuño de 2005 Páx. 9.628

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 136/2005, do 26 de maio, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O tempo transcorrido desde a publicación do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, e os cambios realizados con posterioridade, aconsellan a aprobación dun novo texto que integre as modificacións e que recolla a estrutura da consellería nunha única norma de referencia. Incorpórase ademais unha modificación que afecta a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual na que se crea o Servizo de Televisión e Radiodifusión coa finalidade de atender as necesidades xurdidas do novo panorama audiovisual galego derivado da posta en funcionamento das emisoras de televisión e radiodifusión dixital de ámbito autonómico e local.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, co informe previo das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de promoción cultural, patrimonio cultural, telecomunicacións, audiovisual, multimedia, turismo e todos os aspectos vinculables ao Camiño de Santiago, segundo o establecido no Estatuto de autonomía.

Artigo 2º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo desempeñará as funcións da súa competencia a través dos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Promoción Cultural.

IV. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

V. A Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

VI. A Dirección Xeral de Turismo.

VII. Os órganos colexiados.

VIII. As delegacións provinciais.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investido das atribu

cións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 4º

Un. A Secretaría Xeral exercerá as funcións sinaladas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, ademais das que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

Dous. Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

Exercerá as funcións de xestión de todo o persoal, a coordinación da elaboración do anteproxecto do orzamento, o seu seguimento e control, a organización do rexistro e os demais aspectos relacionados co réxime interior.

Estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Persoal.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) A tramitación dos expedientes administrativos relativos ao persoal funcionario e laboral dependente da consellería.

b) Programar as necesidades de persoal da consellería.

c) O control de asistencia e puntualidade.

d) Aqueloutras actividades relativas ao persoal da consellería que, no seu ámbito de competencia, lle encomende o secretario xeral.

1.2. Servizo de Réxime Interior e Xestión Orzamentaria.

Son funcións deste servizo:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamentos.

b) Seguimento da execución orzamentaria.

c) Habilitación de pagamentos.

d) Rexistro xeral da consellería e réxime interior.

1.3. Servizo de Obras e Contratación.

Tramitará os expedientes de contratación de obras, subministracións, asistencias técnicas, contratos de servizos e contratos de traballos específicos por solicitude das diferentes direccións xerais e da Secretaría Xeral.

1.4. Servizo de Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle as funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que se refire o artigo 128 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

1.5. Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Estudar os proxectos de disposicións que vaia promulgar a consellería adaptándoos ás prescricións do ordenamento xurídico cando así se lle encomende.

b) Elaborar as propostas de resolución dos recursos administrativos que debe resolver o conselleiro.

c) Estudo das disposicións de carácter xeral que deban someterse á comisión de secretarios xerais e que sexan encargadas polo secretario xeral.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

e) As funcións relativas ao exercicio do protectorado en relación con aquelas fundacións que se atopen baixo a tutela da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

2. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

a) Intervención Delegada.

b) Asesoría Xurídica.

3. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral e funcionalmente do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirá a seguinte unidade:

1. Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Un. Correspóndelle, directamente, ou a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, a dirección e coordinación das actuacións da consellería en todas as cuestións relativas ao Camiño de Santiago e, especialmente, o exercicio das seguintes funcións:

a) A conservación e posta en valor do Camiño de Santiago en Galicia.

b) A promoción do Camiño de Santiago, incluídas as actividades de animación.

c) A xestión da imaxe corporativa do Xacobeo que redunde na promoción do Camiño de Santiago, así como a elaboración e publicación de estatísticas, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, sobre o Camiño de Santiago e todo aquilo que redunde na promoción do Camiño de Santiago.

d) A xestión da rede de albergues e do complexo do Monte do Gozo.

e) As relacións do Camiño de Santiago cos concellos de Galicia, coas comunidades autónomas do Camiño de Santiago e cos seus concellos, coa Administración central e coas demais institucións públicas e privadas, particularmente coas institucións relixiosas e asociacións de amigos do Camiño.

f) A promoción da artesanía e o deseño relacionados co Camiño de Santiago, así como outras actividades que signifiquen a súa vinculación co Camiño de Santiago e sexan parte complementaria deste.

g) A divulgación científica do Camiño de Santiago a través de publicacións, congresos, seminarios, exposicións e outros.

h) A programación da participación da Comunidade Autónoma nas exposicións universais.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago estrutúrase da seguinte forma:

1. O xerente de Promoción do Camiño de Santiago con rango de subdirector xeral. Esta xerencia poderá

proverse con persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

Contará co seguinte servizo:

1.1. Servizo de Promoción do Camiño.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Delimitación física dos camiños, así como a súa sinalización e información.

b) Recuperación e rehabilitación do trazado físico dos camiños e dotación dos albergues.

c) Accións de dinamización referidas á poboación local dos camiños, incluídas as actividades de animación.

d) Organización de actos culturais de tema xacobeo e elaboración e edición de material informativo e promocional.

e) Accións de promoción e cooperación en relación co tema xacobeo e os camiños de Santiago.

III. A Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Artigo 5º

Un. Correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción Cultural a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción cultural, do libro e bibliotecas e especialmente o exercicio das seguintes funcións:

a) A promoción das relacións culturais en Galicia e o apoio ás casas de cultura, centros e entidades socio-culturais.

b) A colaboración no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas.

c) A posta en práctica de medidas de apoio para os artistas.

d) O establecemento de canles de información e promoción da investigación no eido cultural.

e) A organización e colaboración nas exposicións, congresos e coloquios e cursos de formación, así como a proposta de convocatoria de bolsas e axudas en relación coas devanditas materias.

f) A preparación de convenios sobre estas mesmas materias.

g) O estímulo da creación literaria e as publicacións.

h) A elaboración de plans respecto da política do libro de acordo coas necesidades culturais de Galicia.

i) A proposta de medidas de apoio para os escritores.

j) A execución da lexislación sobre propiedade intelectual e a xestión do depósito legal.

k) As autorizacións para a realización de feiras e exposicións do libro e do material bibliográfico.

l) A orientación do servizo público da lectura para difundir a cultura por medio do libro.

m) A organización e aprobación dos expedientes de creación de novas bibliotecas ou servizos bibliotecarios, dos seus regulamentos e concertos e a organización de cursos de formación de bibliotecarios.

n) A organización e colaboración nas exposicións, congresos, coloquios e cursos de formación, así como a convocatoria de bolsas e axudas, e a preparación de convenios sobre as devanditas materias do libro e bibliotecas.

ñ) A programación e realización de exposicións relacionadas coas principais tendencias e ámbitos da creación artística contemporánea e, moi especialmente, a creación artística nacida ou relacionada con Galicia.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Promoción Cultural estrutúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Promoción Cultural e do Libro e Bibliotecas.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e a programación e execución das funcións da Dirección Xeral de Promoción Cultural no eido da promoción, a difusión cultural, o libro e as bibliotecas, estudos e publicacións e a dirección do Centro Superior Bibliográfico.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Promoción e Difusión Cultural.

Elaborará as propostas para promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión das diferentes axudas a asociacións culturais e persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, así como programar, organizar e coordinar actuacións propias e en colaboración nas actividades de difusión da cultura.

1.2. Servizo do Libro e Bibliotecas.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Xestión da política en relación co libro: axudas a empresas editoriais, feiras do libro e animación á lectura.

b) Xestión da política bibliotecaria: creación de novas bibliotecas, axudas, bolsas, informatización e cursos de bibliotecas.

c) Dirección das seguintes competencias do Centro Superior Bibliográfico de Galicia: xestión, organización, elaboración do catálogo colectivo, depósito legal, dixitalización, dirección do préstamo interbibliotecario e catalogación centralizada.

1.3. Servizo de Estudos e Publicacións.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Edición das obras que sexan de interese xeral para a comunidade autónoma.

b) Coordinación da distribución comercial de todas as obras da Xunta de Galicia e fóra da comunidade autónoma e do intercambio de publicacións coas institucións que fixe a Comisión Permanente de Publicacións.

c) Xestión de todo o relacionado coa adxudicación dos números do ISBN ás publicacións da Xunta de Galicia de acordo coa Axencia Española do ISBN e coas resolucións da Comisión Permanente de Publicacións.

d) Realización de análises e estatísticas e elaboración de informes e propostas en relación coas publicacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

e) Coordinación e revisión das publicacións que, directa ou indirectamente, leva a cabo a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no ámbito da súa competencia.

f) Estudo e análise dos proxectos relacionados coas publicacións programadas polas diversas unidades desta consellería.

g) Todas aqueloutras que, por disposicións legais ou regulamentarias, poidan serlle atribuídas.

1.4. Servizo do Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia.

Correspóndelle a este servizo realizar as funcións do Rexistro Territorial integrado no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual. Entre outras, realizará as seguintes funcións:

a) Tramitación e resolución dos expedientes de inscrición e anotación.

b) Práctica das inscricións que procedan.

c) Certificación e publicidade dos dereitos, actos e contratos inscritos.

d) Emisión de informes técnicos nos casos en que proceda.

e) Calquera outra que lle corresponda de acordo coa lexislación en materia de propiedade intelectual.

IV. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 6º

Un. Correspóndelle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, paleontolóxico, etnolóxico e documental, así como nas materias de arquivos e museos, e especialmente o exercicio das seguintes funcións:

a) Protección, inventario, restauración, acrecentamento e difusión do patrimonio cultural.

b) A conservación, rehabilitación e recuperación do Camiño de Santiago, así como a elaboración dos principios xurídicos para a súa protección.

c) A xestión dos asuntos relacionados co réxime xurídico de protección das propiedades histórico-artísticas.

d) Os acordos e ditames, se é o caso, das declaracións de interese histórico, artístico e monumental.

e) A dirección das escavacións arqueolóxicas relacionadas coas competencias da dirección xeral.

f) O informe e a aprobación, se é o caso, dos plans, proxectos de ordenación e dos expedientes que afec

tan o devandito patrimonio conforme as normas establecidas, así como a dirección das obras de conservación e restauración relacionadas con el.

g) As actuacións necesarias para o exercicio da potestade expropiatoria e do dereito de adquisición preferente respecto do patrimonio cultural.

h) A preparación de convenios conforme as referidas competencias.

i) O coidado, dotación, instalación e promoción de museos, a difusión do coñecemento do patrimonio cultural, así como estimular a súa defensa por medio de publicacións, mostras, conferencias, reunións e o fomento das entidades que teñan tal finalidade.

j) Publicar catálogos e velar pola conservación e coidado dos arquivos e do patrimonio documental de Galicia e, en especial, a xestión do arquivo xeral da Xunta de Galicia.

k) Organizar coloquios, seminarios, conferencias e cursos de formación de documentalistas e arquiveiros.

l) Autorizar a realización de exposicións de material documental.

m) A coordinación das actuacións do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural estrutúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e programación, coordinación e execución das funcións de protección do patrimonio histórico e documental.

Esta subdirección contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Protección do Patrimonio Cultural.

Son funcións deste servizo:

a) Tramitación de expedientes da Comisión de Patrimonio Histórico da Cidade e Camiño de Santiago.

b) Tramitación de recursos interpostos contra as resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

c) Tramitación de expedientes sancionadores dos servizos centrais e delegacións e coordinación dos expedientes de protección do patrimonio das delegacións e dos servizos centrais.

d) Tramitación de expedientes de declaración de ben de interese cultural, catalogación e inventario xeral do patrimonio cultural.

e) Tramitación de expedientes da subcomisión mixta Xunta-Igrexa para intervencións no patrimonio eclesiástico.

1.2. Servizo de Museos e Arquivos.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Coordinar as distintas redes museísticas e arquivísticas dos sistemas de arquivos e museos galegos

para alcanzar a protección e tutela do patrimonio moble e documental galego.

b) Elaboración do inventario do patrimonio moble e documental como instrumento básico de control e protección do patrimonio cultural galego.

1.3. Servizo de Vixilancia e Inspección do Patrimonio Cultural.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Vixilancia do cumprimento da ordenación urbanística municipal a través dos plans de ordenación e plans operativos no que se refire ao patrimonio cultural de Galicia.

b) Comprobación do cumprimento das normas, resolucións e ditames emanados da autoridade competente en materia de protección do patrimonio cultural.

c) Control dos obrigatorios libros de rexistro onde deben constar as transaccións realizadas polas persoas e entidades dedicadas ao comercio de bens integrantes do patrimonio cultural.

d) Todas aqueloutras que por disposicións legais ou regulamentarias poidan serlle atribuídas.

2. Subdirección Xeral do Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e a programación, coordinación e execución das funcións de intervención no patrimonio cultural.

Esta subdirección contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Arquitectura.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) Programar as actuacións necesarias para a xestión do patrimonio arquitectónico.

b) Informar os plans, programas e proxectos que incidan sobre o territorio que poidan afectar o patrimonio arquitectónico, incluídas as figuras relativas ao planeamento urbanístico.

c) Coordinar e dirixir actuacións preventivas, de conservación, revalorización e investigación do patrimonio arquitectónico.

d) Tramitar e informar os expedientes de intervencións no patrimonio arquitectónico.

e) Prestar apoio e asesoramento sobre as medidas técnicas que se vaian adoptar nos proxectos e actuacións que poidan incidir sobre o patrimonio arquitectónico.

f) Inspeccionar e supervisar as actuacións no patrimonio arquitectónico.

2.2. Servizo de Arqueoloxía.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Programar as actuacións necesarias para a xestión do patrimonio arqueolóxico.

b) Informar os plans, programas e proxectos que incidan sobre o territorio que poida afectar o patrimonio arqueolóxico, incluídas as figuras relativas ao planeamento urbanístico.

c) Coordinar e dirixir actuacións preventivas, de rescate, de conservación, revalorización e investigación do patrimonio arqueolóxico.

d) Tramitar e informar os expedientes de actuacións arqueolóxicas, incluíndo a inspección e supervisión destas.

e) Prestar apoio e asesoramento sobre as medidas técnicas que se vaian adoptar nos proxectos e actuacións que poidan incidir sobre o patrimonio arqueolóxico.

f) Inspeccionar e supervisar as actuacións no patrimonio arqueolóxico.

3. Dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea.

A dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea dependerá, organicamente, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, funcionalmente, do padroado do centro.

Á dirección, que se poderá prover por persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal, e sen prexuízo da súa renovación, de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, correspóndelle a dirección, coordinación e planificación da actividade dos departamentos do centro.

4. A xerencia do Centro Galego de Arte Contemporánea. Dependerá, organicamente, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e, funcionalmente, do padroado do centro.

O xerente será nomeado polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por proposta do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea. Exercerá o cargo de secretario do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais das funcións sinaladas no Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do Centro Galego de Arte Contemporánea.

V. A Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

Artigo 7º

Un. Correspóndelle á Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de telecomunicacións, audiovisual e multimedia e todos os aspectos que se poidan derivar da aplicación desas novas tecnoloxías da comunicación e a información a todas as facetas da cultura e do patrimonio galego e, especialmente, o exercicio das seguintes funcións:

a) As competencias da Xunta de Galicia en materia de telecomunicacións e audiovisual.

b) A implantación de redes propias de telecomunicación para a prestación de servizos que sexan competencia da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido na Lei de ordenación das telecomunicacións.

c) O estudo, preparación e tramitación de cantas actuacións lle correspondan á Xunta de Galicia para o desenvolvemento e efectividade das previsións do artigo 34 e da disposición transitoria sexta do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación á radio, televisión e medios de comunicación social.

d) A xestión, planificación, coordinación e asesoramento técnico de todos os servizos, sistemas e infraestruturas de telecomunicacións da Xunta de Galicia, rede oficial de comunicacións (ROC), rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga) e a autopista galega da información. No caso de Recetga, a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento terá capacidade, en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para deseñar modificacións e ampliacións.

e) A dotación de infraestrutura á Compañía de Radiotelevisión de Galicia e ás súas sociedades, a implantación da rede oficial de comunicacións e a rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia, así como a implantación doutros sistemas e servizos soportados polas redes de radiodifusión e televisión, ROC e Recetga e a autoestrada galega da información con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

f) A tramitación das solicitudes de concesión de emisoras de radiodifusión e televisión e a preparación dos proxectos de regulación das fases dos concursos públicos de adxudicación de novas emisoras de radio e televisión que sexan competencia da Comunidade Autónoma.

g) A redacción e supervisión de proxectos técnicos, dirección e control das instalacións, así como a asistencia técnica necesaria en todo o referente ao ámbito das telecomunicacións e audiovisual.

h) Realizar tarefas de control das emisoras de radiodifusión e televisión.

i) A planificación, coordinación e dirección no desenvolvemento da cinematografía e demais artes da imaxe.

j) A preparación de normativa referente ao ámbito das telecomunicacións e audiovisual.

k) O fomento das edicións sonoras, audiovisuais e de microfilmes nas materias propias desta consellería, así como a promoción e difusión do patrimonio audiovisual galego e das artes da imaxe, en xeral a través do Centro Superior de Documentación, Investigación e Información da Comunidade Autónoma e do Centro Galego de Artes da Imaxe.

l) A xestión e coordinación do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

m) Planificación e coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.).

O desenvolvemento destas funcións efectuarase sen prexuízo das competencias que correspondan á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en virtude do Decreto 255/2003, do 8 de maio, á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en virtude do Decreto 223/2003, do 11 de abril, e as que, sobre plani

ficación, xestión e desenvolvemento da informática contable, orzamentaria, financeira e tributaria, teña atribuídas a Consellería de Economía e Facenda.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual estrutúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Telecomunicacións e Audiovisual.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e programas, coordinación e execución das funcións sobre medios de comunicación, telecomunicacións, audiovisual, multimedia e todos os aspectos que se poidan derivar da aplicación destas novas tecnoloxías da comunicación e da información a todas as facetas da cultura e o patrimonio galego.

Esta subdirección contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Estudos e Análises de Telecomunicación e Audiovisual.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) Preparación de normas, tramitación e emisión de informes.

b) Xestión de axudas, contratos e convenios administrativos.

c) Xestión orzamentaria.

d) Coordinación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

1.2. Servizo de Xestión do Centro Superior de Documentación.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Preparación, programación, xestión e coordinación de proxectos multimedia de carácter cultural.

b) Preparación e seguimento dos programas de novas tecnoloxías aplicadas á difusión cultural.

c) Organización e xestión do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

1.3. Servizo de Televisión e Radiodifusión.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) Elaboración de normas e emisión de informes administrativos relativos á televisión e radiodifusión.

b) Control e xestión de procedementos de autorizacións e concesións de televisión.

c) Control e xestión de procedementos de autorizacións e concesións de radiodifusión.

d) Xestión do rexistro de concesionarios de televisión e radiodifusión.

e) Control, inspección e sanción en materia de medios e contidos audiovisuais.

1.4. Servizo de Planificación.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) Elaboración de informes técnicos.

b) Xestión, planificación, coordinación e asesoramento técnico dos servizos e infraestruturas de telecomunicación da Xunta de Galicia.

c) Planificación e xestión da autoestrada galega da información.

d) Coordinación das actuacións da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.).

VI. Dirección Xeral de Turismo.

Artigo 8º

Un. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Turismo a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de turismo e, especialmente, o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación do sector, con proposta da normativa reguladora das empresas e actividades turísticas, así como o seu desenvolvemento e aplicación, mediante as funcións inspectora e sancionadora.

b) A planificación e execución da política de fomento do turismo mediante investimentos directos e axudas ou estímulos a entidades, corporacións e sector privado, sen prexuízo das competencias doutros órganos.

c) A explotación dos recursos turísticos de Galicia, directamente ou a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia, S.A.), mediante a promoción, a publicidade e as relacións públicas, tanto no interior de Galicia como no resto de España e no exterior, sen prexuízo das competencias da Administración central do Estado.

d) A aplicación dos mecanismos necesarios para mellorar as estruturas e os fundamentos da formación profesional turística.

e) A instauración de canles efectivos de comunicación con outros organismos locais, provinciais e da Administración central e outras administracións, así como no sector privado.

f) A información sobre proxectos con incidencia especial nos espazos turísticos de Galicia.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións a Dirección Xeral de Turismo estrutúrase do seguinte xeito:

1. Subdirección Xeral de Ordenación do Turismo.

Correspóndelle a esta subdirección a planificación, programación, xestión e execución das funcións que exerce esta dirección xeral en materia de xestión administrativa, ordenación do turismo, así como de control e inspección.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Ordenación do Turismo.

As funcións deste servizo son:

a) O estudo e preparación da regulamentación administrativa do sector turístico.

b) Tramitación dos expedientes administrativos relacionados con empresas e actividades turísticas.

1.2. Servizo de Inspección do Turismo.

As funcións deste servizo son as seguintes:

a) A comprobación e vixilancia do cumprimento das disposicións legais en materia de turismo.

b) A coordinación do labor de inspección nos servizos centrais e provinciais.

2. Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación.

Correspóndelle a esta subdirección a planificación, programación, xestión e execución das funcións que exerce esta dirección xeral en materia de fomento, cooperación institucional e contratación.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Inverstimentos e Supervisión Técnico-Turística.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Supervisión técnica de proxectos vinculados a empresas e actividades turísticas en relación aos expedientes de ordenación e fomento do turismo.

b) Informes de idoneidade turística de proxectos con incidencia especial en espazos turísticos.

c) Coordinación, asistencia, contratación e supervisión de investimentos que vaian ser desenvoltos en materia de recursos e servizos turísticos pola Dirección Xeral de Turismo.

d) Coordinación, contratación e supervisión de asistencias técnicas sobre proxectos relativos á implantación de sistemas de calidade en empresas e actividades turísticas.

e) Seguimento e información sobre investimentos en infraestruturas e dotacións obxecto de plans de excelencia, dinamización turística ou outros semellantes.

f) Supervisión técnica de proxectos turísticos por solicitude doutros órganos, unidades administrativas, organismos autónomos ou entidades públicas semellantes de promoción económica xeral ou sectorial.

g) Apoio técnico na formulación dos plans recollidos na Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

2.2. Servizo de Fomento e Promoción.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) A preparación da normativa sobre axudas e subvencións e a tramitación dos expedientes sobre estas.

b) A elaboración de informes por instancia doutros organismos que teñan establecidas liñas de apoio ao turismo.

c) Outras actuacións encamiñadas a potenciar e promocionar os recursos turísticos de Galicia.

2.3. Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Organización e mantemento dos fondos documentais.

b) Tramitación das solicitudes de declaración de interese turístico.

c) Tramitación de proxectos de convenios de colaboración con entes públicos ou privados.

d) Participación nas actividades de cooperación institucional.

e) Coordinación e realización de accións de formación e recursos dirixidos á mellora dos recursos humanos no sector.

VII. Órganos colexiados.

Artigo 9º

Co carácter, cometido e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, están constituídos os seguintes órganos colexiados:

Un. A nivel central:

A Comisión Técnica de Arqueoloxía, creada pola Orde do 12 de abril de 1983 e reestruturada polo Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello de Bibliotecas, creado pola Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas.

A Comisión Técnica de Museos, regulada polo Decreto 314/1986, do 16 de outubro.

A Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais, creada polo Decreto 112/1992, do 30 de abril.

A Comisión Técnica de Arquivos, creada polo Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia.

O Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, creado polo Decreto 167/1975, do 23 de xaneiro, e reestruturado polo Decreto 17/1987, do 22 de xaneiro.

A Comisión do Patrimonio Histórico da Cidade e Camiño de Santiago, regulada polo Decreto 63/1992, do 19 de febreiro.

A Comisión Técnica de Etnografía, creada polo Decreto 41/1992, do 6 de febreiro.

O Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea, creado polo Decreto 286/1994, do 30 de setembro, e reestruturado polo Decreto 326/1996, do 26 de xullo.

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creado polo Decreto 307/1995, do 13 de xullo, e regulado polo Decreto 276/1999, do 21 de outubro.

O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia e a Comisión Permanente de Publicacións, creados polo Decreto 316/1990, do 8 de xuño, e regulados polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

O Consello Galego de Turismo, creado polo Decreto 90/1989, do 11 de maio, e regulado polo Decreto 39/2001, do 1 de febreiro.

Dous. A nivel provincial:

As comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, unha por cada provincia da Comunidade Autónoma galega, reguladas polo Decreto 63/1992, do 19 de febreiro.

VIII. As delegacións provinciais.

Artigo 10º

Un. En cada unha das provincias da comunidade autónoma existirá unha delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o establecido no Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, que desempeñará as competencias determinadas nos decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, e 87 e 88/1990, do 15 de febreiro, e todas aquelas que lle sexan atribuídas por disposición legal.

Dous. O delegado provincial exercerá as funcións establecidas polo Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan especial e singularmente encomendadas.

Artigo 11º

Un. En cada unha das delegacións provinciais existirá unha secretaría, con nivel orgánico de servizo.

Dous. Correspóndelle ao secretario provincial, baixo a autoridade de supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación, e a administración, control contable e xustificación de créditos que se asignen e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado, a quen substituirá nas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Tres. Cada delegación provincial contará cos seguintes servizos:

1. Servizo de Xestión Administrativa.

Correspóndenlle a este servizo a tramitación administrativa, xestión de persoal, elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación e a administración, control contable e xustificación de créditos que se lle asignen.

2. Servizo de Turismo.

Exercerá no ámbito provincial as mesmas funcións que ten encomendadas a nivel central a Dirección Xeral de Turismo.

Artigo 12º

Quedan adscritos organicamente á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo: o Centro Galego de Artes da Imaxe, creado polo Decreto 210/1989, do 5 de outubro; o Centro Galego de Arte Contemporánea, creado polo Decreto 308/1989, do 28 de decembro, e reestruturado polo Decreto 326/1996, do 26 de xullo; o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, creado pola Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas; o Centro

de Información de Arquivos de Galicia e mais o Centro de Microfilmes e Reprografía, creados polo Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia.

Artigo 13º

Queda adscrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, como organismo autónomo o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, creado pola Lei 4/1989, do 21 de abril.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e os decretos 225/1998, do 17 de xullo, 15/2000, do 20 de xaneiro, e 72/2002, do 7 de marzo, que modifican o anterior, así como calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoña ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo