DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 01 de xuño de 2005 Páx. 9.444

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 133/2005, do 26 de maio, polo que se modifica o Decreto 45/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Con data 4 de marzo de 2005, tivo lugar unha sesión extraordinaria do padroado da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Este, após a deliberación, aprobou como punto dous da orde do día recollido na acta 1/2005, a modificación dos estatutos da fundación para incorporar como membro nato dela un representante da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

A razón da incorporación deste novo membro vén xustificada pola nova estrutura orgánica da consellería e do Sergas, na cal se tratou de potenciar o fomento da formación e a investigación no ámbito sanitario. Neste senso cabe destacar o papel da Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria, que ten atribuídas, entre outras funcións, a proposta e seguimento dos programas de docencia e investigación, a proposta do Plan anual de formación, a coordinación das actividades docentes que se realizan nos centros etc. Hai que destacar que para o desenvolvemento das súas funcións contará co apoio da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria e das fundacións para a investigación de cada área sanitaria. O impulso deste labor investigador vese reforzado, deste xeito, coa colaboración de I+D, polo compoñente moi importante que ten en investigación e desenvolvemento, sobre todo en instrumentos tecnolóxicos, que exixen unha alta especialización profesional, podendo

participar así dunha forma moi directa coa actividade da fundación.

Por todo isto procede a modificación do artigo 10.2º a) do Decreto 451/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, para incorporar como membro nato do padroado o director xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

A Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, determinou na súa disposición adicional sétima, que a creación, modificación e extinción de novas fundacións sanitarias se aprobará mediante decreto da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de sanidade.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 10.2º a) que queda redactado como segue:

Vocais natos: designados en virtude do seu cargo, polo que perderán a súa condición ao cesaren naquel. Son os seguintes:

-Presidente de honra: o presidente da Xunta de Galicia.

-Presidente: o conselleiro de sanidade.

-Vicepresidente: o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde.

-Director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

-Director xeral da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

-Director xeral da División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

-Director xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

-Director executivo da fundación.

-Director técnico da fundación.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade