DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2005 Páx. 9.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 12 de maio 2005 pola que se fai público o Regulamento das distincións e condecoracións do Parlamento de Galicia.

A Mesa do Parlamento de Galicia, na reunión do día 25 de abril de 2005, aprobou o Regulamento das distincións e condecoracións do Parlamento de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 65 do Regulamento do Parlamento de Galicia ordenouse a súa

publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia para o seu coñecemento e aplicación (BOPG núm. 779, do 11 de maio). A dita norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2005.

José María García Leira

Presidente do Parlamento de Galicia

Regulamento das distincións e condecoracións

do Parlamento de Galicia

Exposición de motivos

Ao longo da historia do noso país foise convertendo nunha práctica habitual e xeneralizada, tanto no eido privado coma no público, non só premiar e recoñecer de maneira excepcional a colaboración de persoas e institucións, senón tamén recompensar e distinguir os servizos prestados á sociedade.

Neste sentido, o Parlamento de Galicia, como institución ao servizo da sociedade galega, non podía permanecer alleo a estas prácticas, de xeito que se facía precisa a regulación das distincións da condición de deputada ou deputado, que permitirán o seu recoñecemento e identificación durante o período no cal posúan a condición parlamentaria tanto no referente ás relacións parlamentarias coma no que poida referirse ás relacións externas coa sociedade.

Noutro eido, e dado que o Parlamento é a institución en que está representado o pobo galego, cumpría tamén abordar a regulación das condecoracións do Parlamento de Galicia, coas que se recoñece o labor desenvolvido a prol da comunidade galega e de xeito especial do Parlamento de Galicia, xa sexa este labor desenvolvido por institucións ou por persoas, físicas ou xurídicas, do pobo de Galicia.

Así mesmo, esta norma ten por obxecto garantir que as persoas que tiveron a honra de exercer a dirección e representación da primeira das institucións de Galicia, os presidentes do Parlamento de Galicia, unha vez que cesen no seu cargo, poidan atender das súas necesidades persoais e políticas coa dignidade e o decoro que corresponden ás altas funcións exercidas.

A Mesa do Parlamento de Galicia, na reunión que tivo lugar o 25 de abril de 2005, aprobou a norma sobre distincións, condecoracións e recoñecementos propios do Parlamento de Galicia, que rexerá nos seguintes termos:

Das distincións da condición de deputada

ou deputado do Parlamento de Galicia

Artigo 1º

Ao inicio da lexislatura, ou desde a data da súa toma de posesión como deputada ou deputado do

Parlamento de Galicia, recibirán como sinal de distinción da súa condición o carné e a insignia de tal cargo.

Artigo 2º

O carné e a insignia permitirán a acreditación da súa condición como deputada ou deputado tanto ante a propia institución coma ante terceiros, e sempre que se trate das actividades inherentes ao exercicio das funcións propias de deputada ou deputado do Parlamento de Galicia.

Artigo 3º

As características, as dimensións e o deseño tanto do carné coma da insignia de deputada ou deputado serán os que se determinan no anexo I.

Artigo 4º

Cando aqueles cesen no exercicio de seu cargo, e en todo caso ao remate da lexislatura para a que lles foi concedida a insignia e o carné, estes perderán toda validez, e carecerán de calquera posible eficacia ante calquera institución pública ou persoa privada.

Artigo 5º

Para aqueles actos parlamentarios de carácter protocolario que se organicen na Cámara, os membros da Mesa do Parlamento recibiran dos servizos da Cámara unha medalla que lucirán durante o seu desenvolvemento.

Artigo 6º

A medalla dos membros da Mesa está depositada na Presidencia do Parlamento de Galicia, e no seu reverso figura a inscrición do membro da Mesa a que corresponde.

Artigo 7º

A deputada ou o deputado que perda a súa condición de tal, xa sexa por fin da lexislatura, renuncia ou calquera outra causa, poderá acudir aos actos protocolarios, oficiais ou non, que organicen os servizos da Cámara, en que se lles asignará un lugar destacado.

Cando o membro da Mesa remate na súa condición recibirá unha reprodución en prata dourada da medalla que lle corresponda ao seu cargo institucional na Mesa, e posteriormente poderana lucir en todos aqueles actos protocolarios que organicen os servizos da Cámara.

Nas medallas deberá facerse constar o número da lexislatura á que se corresponde e o cargo a quen pertence.

Das condecoracións do Parlamento de Galicia

Artigo 8º

Créase a condecoración denominada «Medalla do Parlamento de Galicia».

Artigo 9º

As características, as dimensións e o deseño da medalla do Parlamento de Galicia serán os que se determinen no anexo II.

Artigo 10º

A Mesa do Parlamento de Galicia poderá conceder a medalla do Parlamento de Galicia a aquelas institucións ou persoas físicas o xurídicas que, por se distinguir no servizo á Comunidade Autónoma de Galicia, se fagan merecedoras da consideración honorífica dos representantes lexítimos do pobo galego.

Así mesmo, poderá concedérselles ás institucións, autoridades e personalidades que, pola súa especial relación ou vínculo co Parlamento de Galicia, ou por motivos de reciprocidade ou de cortesía, se fagan merecedoras dela.

Artigo 11º

A proposta de concesión correspóndelle ao presidente da Cámara e deberá ir acompañada dunha exposición dos méritos e das circunstancias que concorren na persoa ou entidade proposta.

A medalla do Parlamento de Galicia será concedida por acordo motivado da Mesa do Parlamento e publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Artigo 12º

Xunto coa medalla, a persoa ou institución distinguida recibirá unha reprodución exacta dela en miniatura como insignia ou broche de prata, e entregaráselle o correspondente título en pergameo para acreditar o outorgamento desta distinción, que será autorizado coa sinatura do presidente do Parlamento de Galicia.

Artigo 13º

A imposición da medalla do Parlamento de Galicia farase nun acto público revestido da maior solemnidade e presidido polo presidente e mais a Mesa do Parlamento.

A concesión da medalla do Parlamento de Galicia farase cada ano nunha soa ocasión, que coincidirá co 6 de abril, aniversario da aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 14º

A concesión da medalla do Parlamento de Galicia ten carácter exclusivamente honorífico, sen que dela derive ningún efecto económico.

Só poderán usar a medalla do Parlamento de Galicia as persoas e institucións que estean na súa lexítima posesión. Os seus titulares poderán facer uso dela nos actos públicos que organice o Parlamento de Galicia, e dispoñerán dun lugar reservado e preferente durante a súa celebración.

Artigo 15º

Na Oficialía Maior do Parlamento levarase por orde cronolóxica un libro de rexistro das medallas concedidas polo Parlamento de Galicia, no cal se especificarán os datos dos favorecidos e a data do acordo do outorgamento.

Dos recoñecementos do Parlamento de Galicia

Artigo 16º

Os ex-presidentes do Parlamento terán dereito aos honores e ao tratamento que lles correspondan dentro do protocolo da Comunidade Autónoma.

Os ex-presidentes do Parlamento gozarán, a partir do seu cesamento, do recoñecemento, da atención e do apoio debidos, de acordo coas funcións e responsabilidades exercidas.

Artigo 17º

As persoas que exercesen o cargo de presidenta ou presidente do Parlamento de Galicia terán dereito a percibir, por un período equivalente á metade do tempo que permanecesen no cargo, e como máximo durante vinte e catro mensualidades, unha compensación mensual equivalente ao 80% da retribución mensual correspondente ao exercicio do cargo de presidenta ou presidente do Parlamento.

Artigo 18º

A percepción da compensación regulada no artigo anterior é incompatible coa percepción de ingresos resultantes do exercicio de calquera mandato parlamentario, da condición de membro do Goberno ou de alto cargo, tanto da Administración do Estado coma da autonómica, e do exercicio de calquera outro cargo público ou de libre designación remunerado. Nestes casos, correspóndelle á persoa interesada exercitar o dereito de opción.

Artigo 19º

O Parlamento de Galicia facilitaralles aos ex-presidentes do Parlamento os medios de locomoción e de apoio que precisen para facérenlles fronte, coa dignidade que lles é propia, ás atencións de carácter social e protocolario que deriven das funcións e responsabilidades exercidas.

ANEXO I

Descrición do carné de deputada ou deputado

Anverso.

Sobre un fondo azul, que contén en diagonal escudos de Galicia aliñados ata cubrir 3/4 da superficie, destacan os seguintes elementos:

a) Á esquerda a fotografía da deputada ou do deputado.

b) No centro o logotipo do Parlamento de Galicia, que por riba leva a correspondente lexislatura e por debaixo a palabra deputada ou deputado.

Na parte inferior da superficie, 1/4 dela, leva sobre fondo azul o espazo para o DNI correspondente.

Reverso.

Sobre un fondo azul, o mesmo que no anverso, van filas de escudos de Galicia aliñados en diagonal, e sobre el, de arriba a abaixo, os seguintes puntos:

a) Espazo en azul, lexislatura.

b) Elección autonómica, espazo en azul.

c) Santiago, espazo en azul.

d) O titular O presidente

Abaixo un espazo en azul para asinar.

e) Rógaselles ás autoridades a aos seus axentes que lles faciliten a asistencia debida ao titular desta tarxeta, tendo en conta a súa condición e as súas prerrogativas.

A insignia de deputada ou deputado

A insignia de deputada ou deputado do Parlamento de Galicia, de 20 x 1,7 mm entre os puntos máis sobresaíntes, está realizada en ouro, leva no seu anverso o escudo de Galicia enmarcado nun óvalo de 1,3 x 1,1 mm que trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata e de sete cruces, tamén en prata, tres a cada lado e unha no centro do xefe. Ao timbre coroa real, cerrada, é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas, e das súas follas sae cadansúa diadema sumada de perlas que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello.

O dito óvalo, lixeiramente bombeado, con superficie lisa, tanto o metal coma os esmaltes, vai situado sobre unha cruz plana que presenta brazos en rabo de peixe.

O brazo superior da cruz está ocupado pola coroa real. Entre os brazos saen os ángulos curvos dun lazo a brillo e plano que envolve a cruz, do mesmo grosor e largo que aquela.

Lazo e cruz vense da mesma forma e acabado polo reverso da medalla, o cal leva sobreposto un óvalo e ten a seguinte inscrición: «Parlamento de Galicia» e «Nº lexislatura».

ANEXO II

A medalla do Parlamento de Galicia

A medalla do Parlamento de Galicia, realizada en prata con baño de ouro, leva o escudo de Galicia cun óvalo de 34 x 26 mm que trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. Ao timbre coroa real, cerrada, é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e das súas follas sae cadansúa diadema sumada de perlas que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello.

O dito óvalo, lixeiramente bombeado, con superficie lisa, tanto o metal coma os esmaltes, vai situado sobre unha cruz plana de 2 mm de grosor que presenta brazos en rabo de peixe, cun largo entre puntas de 35 mm, os ditos brazos levan nos seus bordos un resalte de 0,6 mm de largo, e mostran tamén no seu interior 18 nervios de 0,2 mm de ancho, todo a brillo.

O brazo superior da cruz está ocupado pola coroa real de 25 x 15 mm. O vértice do ángulo anterior dos brazos sitúase a 6 mm do exterior do óvalo nos laterais, e queda a 2 mm o brazo inferior.

Entre os brazos saen os ángulos curvos dun lazo a brillo e plano que envolve a cruz, do mesmo grosor (2 mm) ca aquela e largo de 3,5 mm, cunhas puntas exteriores que están a 12 mm do exterior do óvalo.

Lazo e cruz vense da mesma forma e acabado polo reverso da medalla, o cal leva sobreposto un óvalo de 40 x 32 perfectamente plano, acabado en mate, e ten na súa metade inferior, paralelamente ao bordo, e a unha distancia de 1 mm del, a seguinte inscrición en relevo a brillo, con letra de pau de 2 mm, «Parlamento de Galicia».

Da mesma forma que o anverso, a coroa real está duplicada, e ocupa un arco de 13 mm na parte superior do óvalo.

O conxunto de brazos da cruz e mais de puntas curvas do lazo dispóñense ao longo do óvalo, ocupando a súa totalidade, agás a zona que interesa a coroa; entre cada brazo e punta curva do lazo haberá unha separación de 1 mm. A distancia entre puntas opostas de lazos ou brazos será de 60 mm.

Na coroa, o mundo en azur, co semimeridiano e ecuador en ouro, rematado pola cruz, está ocupado por unha asa de 7 mm de diámetro exterior e 4 de interior, que aloxa unha reasa oval de 15 x 12 mm en fío de media cana de 1,5 mm.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA