DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2005 Páx. 9.268

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 132/2005, do 28 de abril, polo que se modifica o Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos.

Coa publicación do Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos, declaráronse baixo a categoría de humedal protexido

os cinco sitios Ramsar presentes en Galicia: ría de Ribadeo, ría de Ortigueira e Ladrido, Lagoa e areal de Valdoviño, complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo e complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

Con posterioridade, a súa publicación, obsérvase que varios puntos do artigo 4, relativo ás limitacións e prohibicións, necesitan ser matizados para facilitar a súa correcta interpretación. Concretamente trátase dos números 6º, 7º e 9º, relativos a actividades extractivas, usos urbanísticos e infraestruturas. No que se refire a actividades extractivas, o número 6º do artigo 4 prohibe: «A extracción de area, turba ou outro tipo de sedimentos». No que se refire á construción de edificacións a actual redacción do número 7º do artigo 4, establece a seguinte prohibición: «A construción de edificacións ou infraestruturas de calquera tipo, incluída a apertura de infraestruturas viarias».

Os límites dalgúns humidais inclúen nalgún caso explotacións mineiras con dereitos vixentes, non pretendéndose a paralización da súa actividade senón a prohibición de novas explotacións, polo que cómpre matizar este punto.

Dado que os límites dalgún dos humidais protexidos declarados inclúen solo de núcleo rural e incluso nalgún caso solo urbano, xéranse tensións no ámbito urbanístico dalgúns concellos, nos que quedan incluídas varias zonas con este tipo de clasificación urbanística. Non parece lóxico, por tanto, manter a redacción actual deste punto sen realizar matización ningunha, cando, ademais, o que se pretendía en realidade era a prohibición da edificación en solo rústico.

No caso das infraestruturas, a prohibición absoluta que establece o número 7º do artigo 4 do Decreto 110/2004, do 27 de maio, tamén parece excesiva e fóra de lugar. Así, por exemplo, estarán prohibidas as infraestruturas de saneamento ou abastecemento de augas en zonas clasificadas como núcleo rural ou no seu contorno. É inevitable, por tanto, unha nova redacción deste punto consonte os termos expostos.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do su presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Modifícase o número 6º do artigo 4, do Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os

humidais protexidos, que queda redactado como segue:

«6. A extracción de area, turba ou outro tipo de sedimentos, agás as explotacións con dereitos outorgados con anterioridade ao 8 de xuño de 2004».

2. Modifícase o número 7º do artigo 4, do Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos, que queda redactado como segue:

«7. A construción de edificacións e outros usos residenciais, a excepción daquelas que se pretendan en zonas que teñan a cualificación de solo urbano ou solo de núcleo rural nos instrumentos urbanísticos e se axusten á lexislación vixente en materia urbanística, que, ademais, deberán contar coa autorización da Consellería de Medio Ambiente».

3. Modifícase o número 9º do artigo 4, do Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos, que queda redactado como segue:

«9. As infraestruturas, en particular as viarias, portuarias, enerxéticas e de telefonía, así como a mellora das xa existentes, salvo naquelas zonas en que o permitan os instrumentos de planificación do humidal e sempre coa autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente».

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente