DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Luns, 30 de maio de 2005 Páx. 9.266

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de maio de 2005 pola que se regula a composición, organización e funcionamento do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

Consonte o establecido nos artigos 9.2º e 129.1º da Constitución española, e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, os cidadáns da Comunidade Autónoma de Galicia teñen dereito a participar na actividade dos organismos públicos que teñan encomendadas funcións que afectan directamente a calidade de vida ou o benestar xeral e, en concreto, na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

Neste sentido, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, no capítulo IV do título VII, dispón a creación do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia como órgano consultivo de asistencia ante as novas circunstancias xeradas nun eido tan cambiante coma o da sanidade, que abrangue cuestións moi diferenciadas e, de cotío, de contido técnico complexo e específico.

Así mesmo, a devandita Lei 7/2003, no seu artigo 129.2º, dispón que a composición e funcionamento deste Consello Asesor será determinada por orde do conselleiro de Sanidade.

Na súa virtude, cumprindo o disposto no artigo 129.2º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e funcións.

1. O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia é o órgano non colexiado superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade, directamente dependente do conselleiro de Sanidade.

2. Son funcións do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia as seguintes:

a) Prestarlle asesoramento ao conselleiro de Sanidade en cuestións de carácter técnico, científico, profesional, ético e social, que poidan incidir na determinación e execución de políticas sanitarias da Consellería de Sanidade.

b) Emitir, con carácter facultativo, informes e realizar estudos sobre calquera cuestión relacionada coas materias anteriores que o conselleiro de Sanidade someta á súa consideración.

Artigo 2º.-Composición.

1. O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia estará constituído por un máximo de quince membros, escollidos entre profesionais do sistema sanitario galego e persoas de recoñecida competencia relacionadas coa actividade científica ou técnica nos eidos da saúde pública, a asistencia sanitaria, a docencia, a formación e a investigación.

2. O nomeamento dos membros será, en todo caso, a título individual e poderá expedirse con carácter temporal ou permanente, de conformidade co artigo 129.4º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

3. Entre os seus membros haberá un presidente, un vicepresidente, un secretario permanente e vogais, na forma establecida nos artigos seguintes.

Artigo 3º.-Presidente.

1. O presidente do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia será nomeado polo conselleiro de Sanidade, mediante orde, para un período de tres anos, renovables por igual período, e sen prexuízo da súa libre remoción e substitución.

2. Son funcións do presidente:

a) Representar o Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia no seu ámbito de competencias.

b) Ordenar a convocatoria, establecer a correspondente orde do día e presidir as sesións do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

c) Manter a continuidade do órgano entre as súas sesións.

d) Exercer as demais funcións que lle atribúa o Regulamento de réxime interior do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

Artigo 4º.-Vicepresidente e vogais.

1. Tanto o vicepresidente coma os vogais do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia serán nomeados polo conselleiro de Sanidade mediante orde, por un período de tres anos renovables, sen prexuízo da súa libre remoción e substitución.

2. O vicepresidente participará con voz e voto nas sesións do consello e substituirá o presidente en caso de vacante, ausencia, enfermidade, ou calquera outra circunstancia prevista legal ou regulamentariamente.

3. Os vogais terán dereito a participar nas sesións do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia con voz e voto.

Artigo 5º.-Secretario permanente.

1. O secretario permanente do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia será nomeado polo

conselleiro de Sanidade mediante orde, entre o persoal adscrito á Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. O secretario permanente coordinará e prestaralle apoio administrativo e técnico ao Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

3. Son funcións do secretario permanente:

a) Efectuar as convocatorias e redactar a orde do día das sesións do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia ou das comisións sectoriais que se constitúan, seguindo as instrucións do seu presidente.

b) Elaborar as actas das sesións do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia ou das comisións sectoriais que se constitúan, e certificar os seus acordos. Para tal efecto, asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

c) Levar o despacho ordinario dos asuntos, dándolle conta ao presidente, e encargarse da recepción e remisión da documentación xerada pola actividade do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

d) Responsabilizarse do arquivo e rexistro da documentación do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

e) Prestarlle apoio e asistencia ao presidente no mantemento e coordinación do funcionamento do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

f) Elaborar o anteproxecto de orzamento do consello, xestionar os créditos orzamentarios asignados, e tramitar os expedientes patrimoniais e de contratación a que dese lugar a actividade do consello.

g) Elaborar a memoria anual de actividade do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

h) Exercer outras funcións que lle sexan delegadas polo presidente.

Artigo 6º.-Funcionamento.

O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia poderá funcionar en pleno e en comisións sectoriais. A súa organización e funcionamento rexeranse polas normas que estableza o regulamento de réxime interno, que será elaborado e aprobado polo pleno.

Artigo 7º.-Pleno.

1. O pleno do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia está constituído polo presidente, o vicepresidente, o secretario permanente e os vogais, de conformidade co previsto no artigo 2.1º desta orde.

2. O pleno reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez por trimestre. Tamén poderá reu

nirse en sesión extraordinaria, logo de convocatoria do presidente, por propia iniciativa ou por instancia do conselleiro de Sanidade.

3. Correspóndelle ao pleno:

a) A aprobación e a modificación, se é o caso, do Regulamento de réxime interno do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

b) A aprobación dos informes que lle sexan solicitados polo conselleiro de Sanidade, así como a formulación de propostas sobre temas que se sometan ao seu coñecemento.

c) Decidir sobre a constitución de comisións sectoriais, a súa composición, duración e cometido; e aprobar os seus informes e o resultado da súa actividade.

d) Propoñerlle ao conselleiro de Sanidade o nomeamento de asesores sectoriais, para a súa integración en comisións sectoriais, cando sexa conveniente ou necesario o seu asesoramento especializado.

Artigo 8º.-Comisións sectoriais.

1. As comisións sectoriais poderán constituírse por acordo do pleno do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia, para o estudo ou informe sobre materias de interese sanitario comprendidas no ámbito de actuación propio deste.

2. O acordo do pleno que aprobe a súa constitución determinará a composición, obxecto, finalidade e tempo para o desenvolvemento do seu cometido. Tamén poderá dispoñer a incorporación de asesores sectoriais, de conformidade co previsto no artigo precedente.

3. Dentro de cada comisión sectorial, o pleno do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia designará un vogal, que asumirá a dirección desta e presentará o pleno os traballos realizados ou a súa conclusión para os efectos previstos no artigo 7.3º c) desta orde.

Artigo 9º.-Réxime económico.

Os membros do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia non percibirán retribución polo exercicio das súas funcións, malia que poderán percibir axudas de custo e indemnizacións que, por razón do servizo, lles correspondan segundo a normativa vixente.

Disposición adicional

O Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia deberá celebrar a súa sesión constitutiva no prazo dun mes, contado a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-O pleno do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia poderá aprobar o seu propio regulamento de réxime interno.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL