DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 27 de maio de 2005 Páx. 9.189

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de maio de 2005 pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º, de acordo co 149.1º.7 da Constitución española, recolle como competencia propia desta comunidade autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, asumíndose os servizos e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo, e o Decreto 168/1984, do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

Na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 regúlase a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social de traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

A dita norma adecua a regulación destas axudas consonte as causas de extinción de contratos de traballo previstas nos artigos 51 e 52 c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

No Decreto 106/1994, do 21 de abril, establécese o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que poderá conceder a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao que se axustarán as ordes anuais da convocatoria delas, baixo os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia de acordo co disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Relacións Laborais e, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria para o exercicio 2005 do programa de axudas previsto

no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 (BOE nº 253, do 22 de outubro), sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

2. As subvencións reguladas pola antedita orde teñen por obxecto facilitar unha cobertura económica aos traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, sempre que cumpran os requisitos e condicións nela exixidos, en canto non accedan á situación de xubilación, na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.

3. A solicitude, tramitación e concesión de axudas da presente orde axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. As axudas amparadas por esta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 16.05.472.0, do programa 214A Administración das relacións laborais, e financiaranse con cargo á consignación de créditos que como consecuencia da distribución territorial anual efectúe a Administración do Estado para o citado programa de axudas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a este tipo de axudas as empresas afectadas por procesos de reestruturación producidos por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, previstas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores, para aqueles traballadores que, afectados polos ditos procesos, vexan extinguida a súa relación de traballo, logo de conformidade expresa e individual de cada un deles, sempre que estes, ao alcanzaren a idade ordinaria para o acceso á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, no réxime da Seguridade Social de encadramento, teñan ou puidesen ter cuberto o período de cotización exixido para causar dereito á citada pensión de xubilación no dito réxime, estean en alta ou situación asimilada nel e teñan 60 anos de idade, real ou teórica por aplicación dos coeficientes redutores da idade, como mínimo, cando accedan ao sistema destas axudas.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda previa á xubilación ordinaria será o 75% do resultado de dividir entre sete a suma das bases de cotización de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, excluídas as horas extraordinarias, correspondentes aos seis meses anteriores á data de efectividade da axuda, sen que

en ningún caso poidan superar a pensión máxima establecida no réxime xeral da Seguridade Social para o ano en que teña lugar a dita efectividade.

2. Esta axuda só poderá percibirse ata un máximo de cinco anos. A contía da axuda correspondente ao primeiro ano de percepción será a que resulte de aplicar o disposto no número anterior. Para o segundo e sucesivos anos, a dita contía incrementarase acumulativamente de acordo coas previsións de incremento do índice de prezos de consumo do ano en que teña efectividade. Non obstante, as empresas poderán acordar cos seus traballadores complementos adicionais sobre a referida contía, sempre que o exceso resultante dela sexa aboado integramente por aquelas, podendo solicitar que estes complementos sexan capitalizados conxuntamente coas axudas, e neste caso serán aboados pola entidade xestora correspondente.

Artigo 4º.-Situación do traballador e cotización á Seguridade Social.

De acordo co disposto no artigo 2 da citada orde ministerial, durante o período de percepción da axuda o traballador beneficiario será considerado en situación asimilada á alta no correspondente réxime da Seguridade Social, para efectos de continuar cotizando por el polo tipo correspondente a continxencias comúns establecido para o ano de efectividade da axuda. A base inicial de cotización do período determinarase tomando a media das últimas seis bases cotizadas por continxencias comúns anteriores á data en que deba comezar a percibir a axuda. Cando se trate de traballadores encadrados nun réxime especial da Seguridade Social en que se cotice para a continxencia de xubilación por unha base diferente á de continxencias comúns, tomarase como referencia a media das bases correspondentes á citada continxencia por que se cotizou.

A base de cotización obtida actualizarase acumulativamente a partir do segundo ano de percepción na porcentaxe de incremento que se fixe para a actualización da axuda, sen que en ningún caso fose superior á base máxima vixente en cada momento para o grupo da categoría profesional de que se trate.

Cando os traballadores accedan ao sistema de axudas despois dun período de desemprego, a base de cotización inicial actualizarase tendo en conta a evolución que experimentaran as bases máximas de cotización do réxime xeral da Seguridade Social durante aquel período.

Artigo 5º.-Financiamento.

O financiamento destas axudas, así como as correspondentes cotizacións á Seguridade Social, corresponderalle nun 60% á empresa solicitante e o 40% restante con cargo á aplicación orzamentaria 16.05.214A.472.0, cunha dotación inicial de 846.262,97 A dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005.

A participación da empresa poderá superar a dita porcentaxe sempre que exista conformidade previa dela.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda serán formalizadas polas empresas en instancia individualizada, segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I a esta orde, e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais atendendo ao lugar onde radique o seu centro de traballo ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As axudas desta orde solicitaranse nos catro meses seguintes á data en que se aprobe o expediente de regulación de emprego no suposto a) do número seguinte ou da data efectiva do despedimento no suposto b) do seguinte número.

2. Á solicitude deberase xuntar a seguinte documentación, en orixinal ou copia autenticada, conforme a lexislación vixente:

a) Nos supostos dos despedimentos colectivos regulados polo artigo 51 do Estatuto dos traballadores, a que sexa requirida en cada caso, segundo o teor do disposto no Real decreto 43/1996, do 19 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de regulación de emprego para a aplicación do Estatuto dos traballadores, para acreditar a existencia de causa económica, técnica, organizativa ou de produción, e que figura no anexo I desta orde.

b) Nos supostos previstos no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores acreditarase de forma que faga fe o cumprimento dos requisitos previstos nas alíneas a) e c) do artigo 53.1º do dito texto legal, aos que se xuntará:

-Acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida, no cal deberá constar o compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda ao seu cargo na forma e prazos establecidos legalmente.

-Acreditación de forma que faga fe do consentimento do traballador de acollerse a ela e cesar na súa relación laboral na empresa, dándose por integrados neste acordo os documentos que se requiren con carácter xeral nas alíneas d) e e) seguintes.

O devandito acordo, e só para os efectos de concesión da axuda de xubilación previa, poderá ser homologado pola autoridade laboral competente.

c) Relación dos traballadores para os cales se solicitan as axudas, indicando con claridade as súas circunstancias persoais e laborais, número de afiliación á Seguridade Social, documento nacional de identidade e certificado de nacemento.

d) Documento en que se acredite a conformidade individualizada dos traballadores afectados de acollerse a estas axudas.

e) Documento en que se recolla o compromiso da empresa de realizar a súa achega ao financiamento destas axudas, na forma e prazos que se establecen no artigo 10º desta orde e 7 da citada orde ministerial.

f) Documento en que se recolla o compromiso da empresa de anticiparlles aos traballadores as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas se, transcorridos tres meses desde a súa concesión, non se fixeran efectivas por causas imputables a ela, podendo resarcirse esta das cantidades anticipadas, logo de acreditación delas, no momento de efectuar a súa achega.

g) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que consten os datos seguintes:

-Que o traballador se encontre en alta ou en situación asimilada á alta no momento da solicitude da axuda.

-Que o traballador para o cal se solicita a axuda teña cuberto o período de cotización establecido para ter dereito á pensión de xubilación ordinaria, computando tamén o período que puidese transcorrer desde a data da solicitude ata a data en que acade a idade ordinaria de xubilación.

Á dita certificación xuntaranse os boletíns TC/1 e TC/2 de cotización á Seguridade Social correspondentes aos seis meses anteriores á data en que deba comezar a percibir a axuda o traballador.

h) Certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña sobre bonificación da idade que corresponda, se é o caso.

i) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma prestación polas distintas administracións públicas competentes.

j) Documentación acreditativa de que as empresas solicitantes están ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Calquera outra documentación que considere esencial o instrutor do expediente ou a comisión de valoración para a avaliación e resolución das axudas.

Ás solicitudes presentadas outorgaráselles, por rigorosa orde de entrada, un número correlativo.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas empresas en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aspecto que poderá acreditarse por calquera dos medios previstos no parágrafo 7º do citado artigo.

Artigo 7º.-Instrución.

O xefe do Servizo de Relacións Laborais da delegación provincial correspondente procederase a comprobar se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores. De apreciarse algún defecto na documentación presentada, ou se estiver esta incompleta, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o citado órgano instrutor requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, efectúe as correccións oportunas ou achege os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 8º.-Avaliación das solicitudes.

1. Unha vez completados os expedientes, pasarán para o seu informe preceptivo á comisión de valoración que, unha vez estudada cada solicitude e logo de consulta da existencia de crédito, efectuará informe-proposta de resolución que lle elevará á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Como criterios de avaliación teranse en conta as seguintes características das solicitudes presentadas, ordenadas segundo a súa importancia:

-Empresas radicadas en zonas en que exista unha problemática socio-laboral máis premente.

-Empresas pertencentes a sectores produtivos ou de actividade que se encontren nunha situación coxuntural de especiais dificultades.

-Empresas cuxa viabilidade futura dependa do obxecto das referidas axudas.

-Número de traballadores afetados en relación co total do cadro de persoal da empresa solicitante.

2. Para os efectos do disposto no número anterior, a comisión de valoración estará composta polo delegado provincial, que actuará como presidente, e serán vogais o xefe do Servizo de Relacións Laborais, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial, designado polo delegado provincial.

3. Se por calquera causa no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial e sempre que sexa posible o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servizo que o substituído. No caso de imposibilidade de asistencia do delegado provincial, substituirao o secretario da delegación provincial.

Artigo 9º.-Resolución.

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e a fiscalización da Intervención

delegada da consellería, corresponderalle á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e notificaráselles aos interesados.

O prazo máximo para resolver e notificar será de 6 meses a partir da presentación da solicitude, de acordo co establecido no artigo 42.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que fosen consignados os correspondentes créditos pola Administración central do Estado. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Non obstante, dada a natureza e as canles de financiamento deste tipo de axudas, con carácter excepcional e motivadamente, poderán ditarse resolucións fóra do prazo legal que se di no parágrafo precedente, de conformidade co establecido no artigo 12.2º do Decreto 106/1994, do 21 de abril.

A dita resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 10º.-Forma de ingreso das achegas con cargo á empresa e á Administración pública.

Dos custos totais das axudas concedidas, o 40% será financiado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e serán libradas por unha soa vez pondo á disposición da Tesouraría Xeral da Seguridade Social os fondos públicos necesarios para o seu aboamento.

O 60% restante correrá a cargo da empresa solicitante, podendo efectuar o ingreso da súa achega en tantas anualidades como anos permanezan os traballadores percibindo as axudas, cun máximo de cinco. Non entanto poderá optar por realizar un único pagamento se así llo manifesta por escrito á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, debendo efectuar o ingreso que lle corresponda dentro do prazo dos trinta días seguintes á súa notificación polo órgano xestor.

De acollerse ao financiamento por anualidades, o ingreso correspondente á primeira delas deberá realizarse no prazo de trinta días naturais, a partir da notificación da concesión das axudas polo órgano xestor, presentando no mesmo prazo garantías suficientes en dereito, a xuízo da Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de acordo co previsto no artigo 10 da reiterada orde ministerial, para responder do pagamento das obrigas pendentes. A validez destas garantías estenderase desde que os traballadores deban comezar a percibir as axudas ata un ano despois do vencemento da anualidade que se garanta, como mínimo. De prestarse a garantía mediante aval, utilizarase o modelo que figura no anexo II.

O prazo para o aboamento das anualidades restantes será o dos trinta días naturais inmediatamente anteriores á iniciación da anualidade de que se trate.

O incumprimento por parte da empresa das obrigas contraídas no financiamento de axudas desta clase concedidas con anterioridade poderá motivar a denegación de novas axudas.

Previamente ao pagamento da axuda, ademais das garantías previstas na presente orde, o beneficiario deberá acreditar que se encontra ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Así mesmo, e no momento da xustificación da execución total do proxecto, presentará declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, supere o custo total obxecto do proxecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta orde será de aplicación unicamente dentro do exercicio económico de 2005 e as axudas terán como límite global o crédito asignado a esta comunidade autónoma na distribución territorial anual da Administración central do Estado, correspondente ás axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

Non obstante o sinalado no parágrafo anterior e no artigo 5º desta orde, a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá propor a concesión de axudas extraordinarias como medida de apoio ás reguladas nesta orde, ao abeiro do previsto no artigo 40 b) da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, naqueles supostos de empresas galegas con problemas económicos e socio-laborais por excedentes de cadro de persoal que, polo seu obxecto, se consideren de interese social e sempre que acrediten mediante un plan de viabilidade a súa permanencia no mercado.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,

poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Terceira.-No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de mora producidos desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 15.1º do citado decreto e no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000.

Igualmente se extinguirán estas axudas polas causas previstas no artigo 6º e consonte o procedemento fixado no artigo 9 da citada orde ministerial.

Cuarta.-Os delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas, sempre que esta non se encontre xa en poder da administración, así mesmo o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Quinta.-En todo o non disposto na presente orde, aplicarase de forma supletoria o establecido na Orde ministerial do 5 de outubro de 1994, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dite, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA