DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Xoves, 26 de maio de 2005 Páx. 9.049

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de maio de 2005 pola que se establecen as normas xerais de organización e funcionamento do Consello Galego de Saúde.

O título VII da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, dedicado á participación comunitaria, aplica o disposto nos artigos 9.2º e 129.1º da Constitución española, e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, recoñecéndolle aos cidadáns da Comunidade Autónoma galega o seu dereito a participar na actividade dos organismos públicos con funcións que afecten a calidade de vida ou o benestar xeral, así como na formulación da política sanitaria e no seu control.

O capítulo II do título indicado anteriormente (artigos 120 a 123) establece unha das canles para aquela participación comunitaria, a través do Consello Galego de Saúde; que se configura como o principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, ao que lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

Así, o Decreto 75/2005, do 14 de abril, abordou a regulación da natureza e composición deste órgano colexiado, polo que esta orde vén completar o desenvolvemento regulamentario previsto na Lei 7/2003 antes citada, xa que o seu artigo 123 determina que as normas xerais de organización e funcionamento do Consello Galego de Saúde se establecerán por medio de orde do conselleiro de Sanidade.

Polo tanto, en cumprimento da previsión contida no artigo 123 da Lei 7/2003 antes citada, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza.

O Consello Galego de Saúde é o principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia para o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O Consello Galego de Saúde será rexido pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do estatuto de autonomía para Galicia; polo disposto no capítulo II do título VII da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, polo Decreto 74/2005, do 14 de abril, que regula a súa natureza e composición, por esta orde no relativo á súa organización e funcionamento, e polo seu regulamento de funcionamento.

No non previsto nas normas citadas aplicarase o disposto, respecto dos órganos colexiados, nos artigos 22 a 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e os acordos do Pleno.

Artigo 3º.-Composición.

A composición do Consello Galego de Saúde é a determinada no artigo 121 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, e no Decreto 74/2005, do 14 de abril, que contén as regras de asignación de representantes.

Capítulo II

Organización e funcións

Artigo 4º.-Estrutura.

1. O Consello Galego de Saúde está formado por un presidente, un vicepresidente, un secretario, e vogais, segundo se establece no artigo 121 da Lei 7/2003, do 9 de decembro.

2. O Consello Galego de Saúde poderá funcionar en:

-Pleno.

-Comisións que determine o seu regulamento de funcionamento.

-Grupos de traballo para o estudo e análise de aspectos concretos e determinados polo Pleno ou por algunha das comisións que se constitúan.

3. O Pleno constituirase no prazo e forma indicados nas disposicións adicionais do Decreto 74/2005, do 14 de abril, polo que se determina a composición do Consello Galego de Saúde.

4. As comisións poderán ser permanentes e non permanentes, asegurando a participación nestas de todos os sectores representados no Pleno. O Pleno poderá acordar a incorporación de expertos ás comisións, co obxecto de que acheguen o seu criterio e coñecemento técnico.

a) Comisións permanentes: son creadas polo Pleno, por acordo da maioría absoluta deste, que determinará tamén o seu obxecto e composición. A súa existencia é facultativa, e teñen por finalidade garantir o funcionamento continuo do Consello Galego de Saúde, en asuntos de especial relevancia ou transcendencia no labor deste.

Os membros da comisión serán nomeados polo presidente, por proposta dos grupos con representación no Consello Galego de Saúde.

b) Comisións non permanentes: son creadas polo Pleno, por acordo da maioría simple dos seus membros, que determinará tamén o seu obxecto, composición e duración. Estas comisións teñen por finalidade o tratamento, estudo, informe ou análise de cuestións determinadas, materias específicas, ou situacións circunstancial e temporalmente determinadas.

5. Os grupos de traballo crearanse para a elaboración de proxectos de propostas, ditames ou informes que lle sexan solicitados ao Consello Galego de Saúde. Cada grupo designará entre os seus membros un responsable, que coordinará os traballos, moderará as sesións, elevará as solicitudes de información ao presidente do Consello Galego de Saúde, e actuará como portavoz ante o Pleno ou a Comisión na que se integre o grupo de traballo.

Artigo 5º.-Funcións do Consello Galego de Saúde.

1. Son funcións do Consello Galego de Saúde:

a) Propoñer aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a elevar o nivel de saúde da poboación.

b) Emitir informes ou ditames en materia de política sanitaria xeral, a solicitude da administración sanitaria da Xunta de Galicia.

c) Coñecer o anteproxecto do Plan de Saúde e ser informado da súa avaliación.

d) Coñecer a memoria anual do Servizo Galego de Saúde antes da súa publicación, para os efectos do seguimento e avaliación da xestión do organismo.

e) Propoñer medidas dirixidas a mellorar a xestión do Servizo Galego de Saúde.

f) Elaborar o seu regulamento de funcionamento.

2. O Consello Galego de Saúde poderá ser consultado pola Consellería de Sanidade en calquera outro asunto relacionado coas materias indicadas anteriormente.

Artigo 6º.-Funcións do presidente.

Son funcións do presidente do Consello Galego de Saúde as seguintes:

1. Exercer a representación institucional e a coordinación do Consello Galego de Saúde.

2. Acordar as convocatorias das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día.

3. Convocar e presidir as sesións do Pleno, moderar os debates, suspendelos por causas xustificadas, e dirimir as votacións no caso de empate.

4. Velar polo cumprimento das leis e do regulamento do Consello Galego de Saúde, resolvendo as dúbidas que na aplicación deste poidan xurdir.

5. Dispoñer o necesario para a execución e cumprimento dos acordos do Pleno.

6. Cursar as peticións de información dos membros do Consello Galego de Saúde á Administración sanitaria, cando sexa necesaria para a elaboración dos ditames, informes ou estudos obxecto da actividade daquel.

7. Aprobar o calendario de reunións.

8. Visar as actas e certificacións dos acordos do Pleno.

9. Cursar as invitacións a expertos colaboradores, cando a súa presenza sexa solicitada polo Pleno, comisións ou grupos de traballo.

10. Expedir, coa súa sinatura, os informes, ditames e propostas do Consello Galego de Saúde, así como aqueles escritos oficiais que a remisión destes poida xerar.

11. Designar, nomear e cesar o vicepresidente e o secretario do Consello Galego de Saúde.

12. Presentar ao Pleno do Consello Galego de Saúde, para a súa aprobación, un informe anual de actividade.

13. Adoptar as resolucións que exixa o correcto funcionamento do Consello Galego de Saúde.

14. Outras funcións que lle sexan legal ou regulamentariamente encomendadas.

Artigo 7º.-Funcións do vicepresidente.

1. Correspóndelle ao vicepresidente do Consello Galego de Saúde:

a) Substituír o presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade deste.

b) Formar parte de calquera das comisións ou grupos de traballo que sexan creados, cando fose designado para o efecto.

c) Realizar as xestións e exercer as funcións que lle encomende o presidente ou lle sexan delegadas por calquera órgano do Consello.

2. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, o vicepresidente será substituído por outro dos vogais representantes da administración sanitaria, designado polo presidente.

Artigo 8º.-Funcións do secretario.

1. Son funcións propias do secretario, as seguintes:

a) Asistir ás sesións do Pleno do Consello Galego de Saúde.

b) Efectuar a convocatoria e redactar a orde do día das sesións do Pleno seguindo as instrucións do seu presidente, así como as citacións aos membros deste.

c) Recibir os actos de comunicación entre o Consello Galego de Saúde e os seus membros, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento e estean relacionados co despacho ordinario dos asuntos.

d) Redactar, co visto e prace do presidente, as actas das sesións do Pleno; así como emitir as certificacións dos acordos adoptados, consultas, ditames ou informes emitidos.

e) Custodiar as actas, resolucións, informes, ditames, propostas e documentación do Consello Galego de Saúde.

f) Outras funcións que lle sexan encomendadas ou delegadas polo presidente, o Pleno, as comisións ou grupos de traballo que se constitúan.

2. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, as súas funcións serán exercidas por outro dos vogais representantes da administración sanitaria, designado polo presidente.

Capítulo III

Dereitos e obrigas

Artigo 9º.-Dereitos e obrigas.

Todos os membros que integran o Consello Galego de Saúde terán os seguintes dereitos e obrigas:

1. Asistir ás sesións do Pleno, comisións e grupos de traballo dos que formen parte, logo de convocatoria, e participar nos seus traballos.

2. Obter a información e documentación que precisen para o desenvolvemento das tarefas encomendadas.

3. Exercer o seu dereito de voto, e manifestar o sentido e fundamento do mesmo, así como formular votos particulares.

4. Adecuar a súa conduta ao regulamento do Consello Galego de Saúde e ás directrices e instrucións ditadas por este no seu desenvolvemento.

5. Gardar a debida reserva en relación coas actuacións do Consello Galego de Saúde, e cos datos e informacións a que teñan acceso por mor da súa condición de membros.

6. Actuar con lealdade e responsabilidade respecto do interese xeral e da representación que desempeñan, desenvolvendo fidelmente as tarefas encomendadas.

Capítulo IV

Sesións e acordos

Artigo 10º.-Réxime de sesións e adopción de acordos.

1. O Pleno reunirase en sesións ordinarias e extraordinarias:

a) Sesións ordinarias: terán lugar, cando menos, unha vez por semestre.

b) Sesións extraordinarias: convocaraas o presidente, ben por propia iniciativa ou ben cando o solicite a maioría simple dos membros do Pleno.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación no Pleno ningún asunto que non fose previamente incluído na orde do día correspondente, agás que, estando presentes a maioría absoluta dos membros do Pleno, sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable dos presentes.

3. O Pleno constituirase en primeira convocatoria cando, presentes o presidente e o secretario, comparezan os 2/3 dos membros do Consello Galego de Saúde. De non acadarse o quórum indicado, o Pleno poderase constituír en segunda convocatoria, 30 minutos despois da primeira e sempre que se fixese constar expresamente na convocatoria, sendo necesaria a presenza de 2/5 dos membros do Pleno.

4. Dentro do Pleno constituirase unha mesa, integrada polo presidente, o vicepresidente e o secretario, encargada de recibir as suxestións e propostas escritas dos membros do Pleno para os efectos da planificación das sesións e fixación dos asuntos que se vaian tratar en cada unha delas, así como para a recepción das peticións e solicitudes que presenten os membros daquel órgano colexiado, das comisións que se constitúan, ou dos grupos de traballo que se creen.

A mesa auxiliará o presidente na ordenación dos debates e intervencións, e na distribución e coordinación dos traballos do Pleno, e nas relacións con outros órganos integrantes do Consello Galego de Saúde.

5. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría simple dos votos validamente emitidos, agás nos supostos nos que o regulamento do Consello Galego de Saúde determine ou exixa outra maioría.

Os votos emitiranse:

a) Por asentimento á proposta do presidente.

b) Por votación a man alzada.

c) Por votación secreta mediante papeleta.

d) Por votación nominal, logo de chamamento do secretario.

6. O secretario levantará acta de cada sesión que se celebre, que será sometida a aprobación na sesión seguinte, na que fará constar:

-Lugar e data da sesión.

-Hora de comezo e finalización.

-Relación de asistentes e ausentes.

-Carácter ordinario ou extraordinario da sesión.

-Asuntos incluídos na orde do día.

-Puntos principais que fosen obxecto de deliberación.

-Propostas, informes e ditames sometidos a consideración, e o resultado da votación realizada, incluíndo votos particulares.

-Incidencias que, a xuízo do secretario ou dos presentes, se producisen no decurso da sesión.

O secretario asinará a acta, co visto e prace do presidente.

Artigo 11º.-Comisións.

1. O Pleno do Consello Galego de Saúde poderá dispoñer a creación de comisións, que poderán ser permanentes ou non permanentes, en función da natureza, cometidos e asuntos que se vaian tratar.

2. As comisións poderanse constituír cando o propoña o presidente, por propia iniciativa ou por solicitude de 1/3 dos membros do Pleno, sempre que a iniciativa conte co respaldo da maioría dos membros deste. No caso das comisións permanentes, para a súa constitución requirirase o voto favorable da maioría absoluta do Pleno.

Non se poderán crear comisións distintas para a realización de traballos ou tarefas substancialmente coincidentes ou intimamente relacionados.

3. As comisións terán un número impar de membros, propostos polos distintos sectores representados no Pleno, e nomeados polo presidente. O acordo de creación determinará a súa composición, o cometido ou tarefa asignada e o prazo para realizala e presentar conclusións (no caso das non permanentes).

Para o desenvolvemento do seu cometido, as comisións poderán solicitarlle ao presidente a incorporación de expertos que colaboren nos seus traballos.

4. Cada comisión designará no seu seo un presidente e un secretario, que desenvolverán as funcións de representación, dirección, coordinación dos traballos, moderación de sesións e documentación dos seus acordos.

Artigo 12º.-Grupos de traballo.

1. No seo do Pleno ou en calquera das comisións que se constitúan, poderase acordar a creación de grupos de traballo, aos que se lle encomendará -por tempo determinado- a realización de tarefas de estudo, informe, documentación ou proposta, respecto de asuntos concretos dos que estea a coñecer o Pleno ou a comisión correspondente.

2. A creación dos grupos requirirá acordo favorable da maioría simple, no caso do Pleno, e da metade dos membros no caso das comisións.

A creación do grupo de traballo seralle comunicada ao presidente, para os efectos de organización e coordinación das tarefas do Consello Galego de Saúde.

3. Os grupos de traballo poderanse suprimir:

-Por cumprimento da tarefa encomendada ou expiración do prazo conferido para realizala.

-Por acordo da mesma maioría que dispuxo a súa creación.

-Cando supoñan reduplicación de tarefas.

Capítulo V

Informes, ditames e propostas

Artigo 13º.-Elaboración de informes e ditames.

1. Cando o Consello Galego de Saúde sexa requirido para a emisión de informe ou de ditame pola Consellería de Sanidade, actuará segundo o establecido nesta orde e no seu regulamento de funcionamento.

2. Os ditames e informes que se soliciten ao Consello Galego de Saúde emitiranse no prazo dun mes, agás que revistan carácter de urxencia, suposto no que o prazo se reducira á metade.

3. As comisións ou grupos de traballo ás que sexa asignado o asunto, elaborarán a correspondente proposta, que se elevará xunto cos antecedentes e votos particulares ao Pleno para a súa inclusión na orde do día da sesión correspondente.

4. Os membros do Pleno poderán formular propostas ou informes alternativos, ou propostas de modificación de aspectos puntuais. Nun e noutro caso, formularanse por escrito e enviaranse á secretaría do Consello Galego de Saúde cunha antelación mínima de corenta e oito horas á celebración da sesión na que se vaia tratar o asunto.

5. Os informes e ditames aprobados polo Pleno, xunto cos votos particulares, remitiranse á Consellería de Sanidade.

Artigo 14º.-Formalización de propostas.

1. O Consello Galego de Saúde poderá elevarlle á Consellería de Sanidade as propostas que considere convenientes sobre asuntos da súa respectiva competencia, ou sobre asuntos que teñan relación directa coa sanidade.

2. As propostas serán motivadas e concretas, e remitiránselle ao órgano competente a través da Presidencia do Consello Galego de Saúde, logo de aprobación polo Pleno deste organismo.

3. Se a Presidencia apreciase que a materia sobre a que se formula a proposta non é da competencia do Consello, ou non expresa con claridade o seu contido ou motivación, procederá á súa devolución motivada aos asinantes da proposta.

No caso de que o propoñente ou propoñentes non estivesen de acordo coa decisión da Presidencia sobre a devolución, manifestarano por escrito dirixido a esta e procederase a someter o asunto á consideración do Pleno, que poderá acordar por maioría dos seus membros a procedencia da proposta e a súa tramitación. Contra a decisión do Pleno non caberá recurso.

4. As propostas admitidas a trámite pola Presidencia incluiranse na orde do día da sesión ordinaria do Pleno inmediata á súa presentación. Serán defendidas polo membro que subscribise a proposta ou, non caso de ser varios, polo que a asinase en primeiro lugar.

Unha vez defendida, producirase o debate sobre esta e a posterior votación, quedando aprobada se obtén maioría simple dos votos no Pleno, procedéndose en consecuencia á súa remisión ao organismo competente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade