DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.970

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de maio de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente axudas á contratación por conta allea, mediante programas propios e programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ao Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Neste plano de actuación, o novo obxectivo estratéxico da Unión Europea de preparar o paso a unha sociedade e economía baseada no coñecemento como motor de crecemento, da competitividade e do emprego, exixe na perspectiva e no ámbito das políticas activas de emprego adoptar medidas que permitan aproveitar os beneficios e oportunidades que a nova economía supón para a xeración de máis e mellores empregos.

En Galicia, desde o ano 1998, púxose en marcha un programa de incentivos á contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica co obxecto de promover a incorporación de recursos humanos cualificados, que acheguen coñecementos tecnolóxicos e valor engadido ás empresas.

Co programa de incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios que se regula na presente orde, preténdese mellorar a empregabilidade dos estudantes, compatibilizando os seus estudos cunha actividade laboral remunerada, de xeito que adquiran a necesaria experiencia laboral demandada polo mercado de traballo. Deste xeito quere facilitarse a oportunidade ao estudante de incorporarse ao mundo profesional, desenvolvendo normal e alternativamente os seus estudos na universidade. Así mesmo, este programa permite que a empresa colabore na formación de futuros graduados, contribuíndo a introducir con realismo os coñecementos que o traballo cotián exixe na formación de universitarios, polo que redunda en beneficio de todos os estamentos implicados e, naturalmente, na sociedade en que están inseridos.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axustaranse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, principios de xestión e ámbito

de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. A presente orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2005 dos incentivos á contratación por conta allea a tempo parcial, dos estudantes universitarios, coa finalidade de compatibilizar os seus estudos cunha actividade laboral remunerada, de xeito que adquiran a necesaria experiencia laboral demandada polo mercado de traballo.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

1. Poderán ser obxecto de subvención as contratacións a tempo parcial, tanto de carácter indefinido como temporal, que se realicen con estudantes universitarios, que no momento da súa contratación sexan desempregados e teñan superado o 50% dos créditos necesarios para obter o título universitario cuxas ensinanzas estiveren a cursar, sempre que o posto de traballo estea relacionado cos seus estudos.

2. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a tempo parcial cunha xornada mínima do 40% e máxima do 75% da xornada establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no su defecto, da xornada ordinaria legal, co fin de compaxinar traballo e estudos.

3. Cando se trate de contratos de duración determinada deberán concertarse por unha duración inicial non inferior a 6 meses.

4. Os contratos deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

5. Para os efectos deste programa, terán a consideración de desempregados aqueles que no momento da contratación carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten estudantes universitarios desempregados para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para a axuda e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación proveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 4º.-Exclusións.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración

das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

c) Traballadores que prestasen servizos para igual ocupación na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tiempo indefinido ou temporal, nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo cal se solicita subvención.

Artigo 5º.-Requisitos.

Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta, ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Para os efectos do cómputo de incremento de cadro de persoal, non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

Artigo 6º.-Axudas.

1. Os contratos indefinidos celebrados con estudantes universitarios que reúnan os requisitos e condicións establecidos nesta orde, incentivaranse nunha contía de ata 1.800 A cando a xornada de traballo sexa equivalente ao 75% da xornada habitual.

2. Os contratos temporais, sempre que teñan unha duración mínima de 6 meses e a xornada de traballo sexa equivalente ao 75% da xornada habitual, incentivaranse de acordo coa seguinte escala:

Duración do contratoAxudas

6 meses400 A

7 meses475 A

8 meses550 A

9 meses625 A

10 meses700 A

11 meses775 A

12 meses850 A

13 meses925 A

14 meses1.000 A

15 meses1.075 A

16 meses1.150 A

17 meses1.225 A

18 meses1.300 A

19 meses1.375 A

20 meses1.450 A

21 meses1.525 A

22 meses1.600 A

23 meses1.675 A

24 meses1.750 A

3. Cando a duración da xornada de traballo sexa inferior ao 75% da xornada habitual, a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada máxima a tempo parcial admitida.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As axudas desta orde solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de setembro de 2005, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais: www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

4. Para a presentación das solicitudes de axudas os beneficiarios poderán contar coa información e asesoramento dos técnicos de emprego da rede coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados (anexos I e II) que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita (anexo III).

3. No caso de contratacións indefinidas, declaración do cadro de persoal fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral do traballador contratado (anexo IV).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5º.

4. DNI do traballador.

5. Certificación expedida pola autoridade universitaria competente de estar cursando estudos universitarios e de ter superado o 50% dos créditos necesarios para obter a titulación universitaria.

6. Documentos acreditativos do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social, así como contrato de traballo e a alta na Seguridade Social do traballador contratado.

7. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (anexo V).

8. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VI).

9. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

10. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización (segundo o modelo do anexo VII) para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

Artigo 10º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, considerarase

desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola intervención das propostas emitidas polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións de concesión ou denegación deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

a) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

b) Declaración complementaria da establecida no artigo 9º.7 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

c) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión ou, se é o caso, certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o número de traballadores con contrato indefinido, ou dos traballadores con contrato de interinidade e dos demais traballadores temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais ou autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 14º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 15º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con

outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan logo como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ao abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos, cando se trate de contratacións indefinidas. No suposto de contratacións temporais ou de duración determinada, as empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal os traballadores contratados polo período mínimo de duración do contrato obxecto de subvención.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador pola cal se concedese a subvención, a

cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

4. As empresas beneficiarias deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano natural, unha declaración do mantemento da contratación subvencionada xunto co TC2 do mes de decembro do ano anterior.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel en que se concedeu a axuda ou subvención.

5. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 18º.-Axudas baixo condicións de mínimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis; por tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001, da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro de 2001).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aqueles que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se encontran en poder da administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Quinta.-No exercicio 2005, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.02.241A.470.2, código de proxecto 2002 14 439 cun crédito de 3.142.692 euros, 16.02.241A.470.3, código de proxecto 2002 14 823 cun crédito de 6.300.000 euros, 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00 361, cun crédito de 10.000.000 de euros, 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00 362, cun crédito de 5.000.000 de euros, 16.02.241A.480.5, código de proxecto 2004 00 337 cun crédito de 1.200.000 euros, 16.02.241B.470.0, código de proxecto 2002 14 106 cun crédito de 5.533.562 euros, 16.02.241B.470.1, código de proxecto 2002 14 444 cun crédito de 3.845.563 euros, e 16.02.241B.470.2, código de proxecto 2004 00 340 cun crédito de 1.289.865 euros. Estas contías están recollidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e constitúen o importe global das aplicacións

para o financiamento desta orde da orde que establece as bases reguladoras do Programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras do Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras do Programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE)

ou como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras e convoca para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; da orde que establece as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras dos programa de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora da empregabilidade de colectivos desfavorecidos cofinanciados polo Fondo Social Europeo e

procede á súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras do Programa de incentivos para a contratación de persoal en centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou garderías infantís nas empresas e parques empresariais e procede a súa convocatoria para o ano 2005; da orde que establece as bases reguladoras do Programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e procede á súa convocatoria para o ano 2005, e das demais ordes que establezan as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241 A, 241 B e 241 V.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2005.

Belén Prado sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais