DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.969

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 11 de abril de 2005 pola que se regula o acceso ao certificado electrónico de identidade polos profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego.

Mediante o Decreto 70/2004, do 25 de marzo, polo que se establece o código numérico persoal dos profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego, a Consellería de Sanidade establece os elementos necesarios para a identificación individualizada dos profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego. Para estes efectos, establece o código numérico persoal como o código numérico composto por 16 díxitos, único para cada profesional ao longo da súa relación co sistema sanitario público galego e non reasignable.

O devandito decreto establece o sistema de acreditación electrónica, define a súa estrutura, e no seu artigo 3 dispón que asociado ao sistema de acreditación electrónica xerarase un certificado dixital que poderá ser utilizado como sinatura electrónica e chave de acceso seguro aos sistemas informáticos.

O marco xurídico da sinatura electrónica vén determinado pola Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, en que ademais desta se regula a súa eficacia xurídica e a prestación de servizos de certificación. Para os efectos desta lei, enténdese por sinatura electrónica recoñecida a sinatura electrónica avanzada baseada nun certificado recoñecido e xerada mediante un dispositivo seguro de creación de sinatura. No título II da devandita lei regúlanse os certificados electrónicos, definidos como documento asinado electronicamente por un prestador de servizos de certificación que vincula uns datos de verificación de sinatura e que actúa en nome propio ou en nome dunha persoa física ou xurídica á cal representa.

Co obxectivo de dispoñer deste tipo de certificados acórdase que a función de prestador de servizos de certificación para todo o ámbito sanitario público galego sexa realizada pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre-Real Casa de la Moneda, en adiante FNMT-RCM, que expedirá os certificados electrónicos cumprindo cos requisitos establecidos na antedita Lei 59/2003, do 19 de decembro, para que sexan cualificados como recoñecidos, e proverá os recursos necesarios para poder comprobar a validez de cada un dos certificados nas operacións de sinatura.

Á súa vez, nas aplicacións informáticas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde que requiran ou admitan o emprego da sinatura electrónica, adoptaranse as medidas técnicas necesarias para permitir unicamente sinaturas baseadas en cer

tificados electrónicos recoñecidos e comprobables, razón pola cal só se poderán utilizar os certificados electrónicos persoais emitidos pola FNMT- RCM e denominados certificado de identidade de persoa física (clase 2).

Por tanto, os usuarios de aplicacións que requiran o uso de sinatura electrónica deberán facer uso obrigatoriamente do certificado de identidade de persoa física expedido pola FNMT-RCM, por esta razón acométese a adopción desta norma.

En consecuencia, e co obxecto de alcanzar estes fins, no uso das facultades que me confiren o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Todos os profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego, e que no desempeño das súas funcións precisen acceder ás historias clínicas dos pacientes e realizar anotacións nelas desde as aplicacións informáticas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, deberán obter un certificado electrónico de identidade de persoa física (clase 2) emitido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre-Real Casa de la Moneda.

2. O centro onde o profesional estea vinculado facilitará os medios necesarios para a obtención deste certificado.

3. A administración sanitaria proverá os profesionais dunha tarxeta electrónica portadora do dito certificado, a medida que se vaia implantando nos centros a aplicación informática necesaria.

A información necesaria para que os profesionais coñezan os obxectivos do proceso e os prazos de execución a que se refire esta orde, farase pública utilizando medios electrónicos.

Disposición adicional

A implantación da aplicación informática a que se refire esta orde efectuarase gradualmente nos centros da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para adoptar as medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2005.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade