DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de maio de 2005 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2005/2006, nos centros escolares sostidos con fondos públicos.

Na disposición adicional cuarta da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, ademais de fixar en 175 o mínimo de días lectivos para as ensinanzas obrigatorias, de lle atribuír ao Goberno a competencia para fixar o mínimo nas restantes ensinanzas, excluíndo, en todo caso, os días dedicados a probas finais e de establecer que o inicio do curso non pode ser anterior ao un de setembro, nin o final das actividades lectivas posterior ao trinta de xuño, agás para o ensino de adultos e a formación en centros de traballo, determínase que lles corresponde ás administracións educativas fixar anualmente o calendario escolar.

Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2005/2006 nos centros escolares sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPOÑO:

Capítulo I

Calendario escolar

Artigo 1º.-Aprobación.

Apróbase o calendario escolar para o curso 2005/2006 coas especificacións que se sinalan.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación en todos os centros escolares da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º.-Duración do curso académico.

1. O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2005 ata o 31 de agosto de 2006.

2. Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 6 realizaranse as probas e sesións de avaliación correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2004/2005 para os alumnos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato. Sen prexuízo do establecido no artigo 10º desta orde, nos días en que se celebren as probas extraordinarias, serán de aplicación o punto 107 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro), o punto 127 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000 (DOG do 2 de novembro) e o punto ñ) do artigo 81 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro (DOG

do 21 de outubro) naqueles centros nos que se imparte o 1º ciclo da educación secundaria obrigatoria. Para tal fin, as direccións dos centros elaborarán o correspondente horario de gardas.

3. Os alumnos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, que non puidesen matricularse no prazo ordinario, poderán facelo no prazo extraordinario, que abranguerá desde o día 1 ata o 9 de setembro de 2005.

Artigo 4º.-Comedores escolares dos centros públicos.

1. Os comedores escolares funcionarán desde o día 4 de outubro de 2005 ata o 31 de maio de 2006, ambos os dous inclusive.

2. Os delegados provinciais poderán autorizar a modificación das datas de inicio e final do servizo de comedor escolar naqueles centros nos que concorran circunstancias excepcionais debidamente xustificadas que así o aconsellen.

Artigo 5º.-Actividades lectivas.

1. No 2º ciclo de educación infantil, educación especial e educación primaria, as actividades lectivas comezarán o día 12 de setembro de 2005 e rematarán o 26 de xuño de 2006.

2. En educación secundaria obrigatoria e no bacharelato, as actividades lectivas comezarán o 19 de setembro de 2005 e rematarán o 26 de xuño de 2006. Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato as actividades lectivas rematarán de acordo coas datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.

3. En formación profesional, as actividades lectivas comezarán o 30 de setembro de 2005 e rematarán de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada ciclo formativo.

4. Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas comezarán o 30 de setembro de 2005 e non rematarán antes do 2 de xuño de 2006. No caso dos ciclos de grao medio e superior de artes, dos estudos superiores de deseño, de conservación e restauración e de arte dramática rematarán de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada un destes estudos.

5. Os delegados provinciais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas.

Artigo 6º.-Períodos de vacacións.

1. As vacacións de Nadal abranguerán desde o día 23 de decembro de 2005 ata o día 8 de xaneiro de 2006, ambos os dous inclusive.

2. As vacacións de Semana Santa abranguerán desde o día 10 ata o día 17 de abril de 2006, ambos os dous inclusive.

3. Considéranse períodos non lectivos os días correspondentes ao Entroido, luns e martes (días 27 e 28 de febreiro de 2006).

Artigo 7º.-Días non lectivos.

1. Son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 1.31º do Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro (BOE do 7 de novembro) e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da antedita consellería.

2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local, ás que se refire o punto anterior, non coincidan con días lectivos, os consellos escolares así como os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. A dita petición deberá facerse antes do día 31 de outubro de 2005, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É desexable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o que se buscará o consenso entre todos os centros para súa selección.

3. Ademais dos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 8º.2 e co fin de unificar a celebración dos patróns de cada nivel educativo, establécese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo para efectos académicos e que no curso 2005/2006 se celebrará o 31 de outubro de 2005.

Artigo 8º.-Conmemoracións.

1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

-Do 5 ao 16 de decembro: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

-9 de decembro: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

-31 de xaneiro: Día da Paz.

-8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora.

-15 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-Do 13 ao 17 de marzo: Semana da Prensa. Un día desta semana declárase con xornais.

-Entre o 3 e o 28 de abril: Día do Libro.

-7 de abril: Día Mundial da Saúde.

-9 de maio: Día de Europa.

-Do 8 ao 16 de maio: Semana das Letras Galegas.

-5 de xuño: Día Mundial do Ambiente.

2. Ademais, tendo en conta as ensinanzas que imparten, os centros poderán conmemorar aos respectivos patróns nas datas seguintes:

-24 de outubro de 2005: Santo Antonio Mª Claret (ensinanzas artísticas: artes plásticas e deseño).

-22 de novembro de 2005: Santa Cecilia (ensinanzas artísticas: música e danza).

-28 de novembro de 2005: San Xosé de Calasanz (educación infantil e educación primaria).

-27 de xaneiro de 2006: San Tomás de Aquino (educación secundaria obrigatoria, bacharelato e ensinanzas de idiomas).

-31 de xaneiro de 2006: San Xoán Bosco (formación profesional).

3. Os centros que imparten máis dun nivel de ensino deberán unificar nunha única xornada as conmemoracións correspondentes aos distintos patróns; circunstancia que deberán comunicarlle por escrito á Inspección educativa con antelación suficiente para o seu coñecemento.

4. As datas ás que se refiren os puntos anteriores son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salientar a importancia das referidas conmemoracións.

Artigo 9º.-Modificación do calendario escolar.

Calquera modificación que se lle precise facer ao calendario escolar deberá ser solicitada, polo menos con quince días de antelación, polo centro interesado ao delegado provincial, quen, logo do informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o procedente.

Capítulo II

Inicio do curso

Artigo 10º.-Actividades de programación.

Desde o comezo do curso ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente, ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e curriculares, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso. Nese período os departamentos didácticos, baixo a coordinación e dirección do respectivo xefe de departamento, dedicaranse a elaborar a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organizar o curso escolar.

Artigo 11º.-Xornada escolar.

A xornada escolar será a establecida pola lexislación vixente para cada unha das etapas e niveis. Non obstante o anterior, aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, lle permita garantir o axuste e a

perfecta coordinación dos centros co dito servizo. Estes centros comunicaranlle ao delegado provincial a proposta de horario escolar para o curso 2005/2006, debendo resolver este antes do inicio das clases.

Nos períodos comprendidos entre os días 12 de setembro e 3 de outubro de 2005 e entre os días 1 e 26 de xuño de 2006 establecerase a xornada lectiva continuada en horario matinal nos centros que impartan educación infantil ou educación primaria, ou infantil e primaria, ou primaria e secundaria obrigatoria, ou infantil, primaria e secundaria obrigatoria, ou educación especial.

En todos os centros referidos será de aplicación este tipo de xornada, agás nos casos que teñan autorización expresa do delegado provincial para outro tipo de xornada.

Capítulo III

Final de curso

Artigo 12º.-Escolas de educación infantil, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria e centros públicos integrados.

1. Actividades non lectivas.

O período comprendido entre o derradeiro día lectivo e o 30 de xuño de 2006 será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os informes para as familias e a cubrir os libros de escolaridade; todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro, polo menos, ata o día 30 de xuño de 2006 inclusive.

2. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.

Sen prexuízo do anterior, as direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, ou decisións de promoción, realizadas dentro dos prazos previstos no punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 (DOG do 2 de setembro), para os alumnos de educación infantil e primaria, e na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro), para os alumnos de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 13º.-Institutos de educación secundaria e centros de ensinanzas de réxime especial.

1. Calendario final do curso.

Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o final de curso 2005/2006, de acordo coas instrucións que seguen.

Os directores dos centros citados enviaranlle aos servizos provinciais de Inspección educativa, antes do día 20 de maio de 2006, un resumo do calendario aprobado polo claustro conforme os modelos recollidos nos anexos a esta orde e, no caso da formación profesional específica, segundo o que se determine na normativa específica. As inspeccións comunicaranlles as modificacións, se for o caso, aos centros

que proceda antes do 3 de xuño de 2006 para que os directores llas dean a coñecer ao profesorado para o seu cumprimento.

Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluír as actividades docentes referidas ás probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, recuperacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso.

2. Horario do profesorado para o mes de xuño.

O profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 26 de xuño de 2006 incluído. A partir dese día e ata o día 30 inclusive, as direccións dos institutos de educación secundaria poderán modificar os horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección educativa (entrega de cualificacións, atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso). En todo caso, as direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentro dos prazos previstos na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro), para educación secundaria obrigatoria e bacharelato, na Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro), para formación profesional específica, na Orde do 2 de setembro de 2002 (DOG do 17 de setembro), para ensinanzas de artes plásticas e deseño, e no punto 10.2º da Orde

do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto), para os restantes alumnos de ensinanzas de réxime especial.

Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar os horarios dos profesores ás necesidades específicas de cada centro. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor.

3. Sesións de avaliación da ESO e do bacharelato.

As sesións de avaliación final dos alumnos da ESO e do primeiro curso de bacharelato poderán realizarse a partir do día 21 de xuño de 2006.

As datas de avaliación do segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.

Unha vez realizadas as avaliacións, poderán continuar as clases do segundo curso de bacharelato nas disciplinas que fose necesario ata a realización das probas de aptitude para o acceso á universidade e, con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores e grupos de alumnos afectados.

4. Proba extraordinaria de materias pendentes do mes de maio.

Os alumnos da ESO e de 2º de bacharelato con disciplinas pendentes de cursos anteriores serán convocados, se é o caso, a unha proba extraordinaria durante o mes de maio.

Artigo 14º.-Probas finais nas ensinanzas de réxime especial.

1. Nas escolas de arte, as avaliacións finais, probas extraordinarias, defensa de proxectos e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso realizaranse despois do día 2 de xuño de 2006.

2. Na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, os exames finais do curso realizaranse a partir do día 16 de xuño de 2006.

3. As escolas oficiais de idiomas realizaranlles as probas finais aos alumnos oficiais e libres a partir do día 5 de xuño de 2006.

4. Os conservatorios de música e os conservatorios de danza realizarán as avaliacións conxuntas dos alumnos do plan de estudos LOXSE entre os días 6 e 9 de xuño de 2006. As probas de acceso iniciaranse o día 12 de xuño de 2006.

Artigo 15º.-Actas de avaliación final.

1. Os secretarios dos centros deberán remitirlle á delegación provincial correspondente fotocopias autenticadas das actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, se é o caso, antes do día 15 de xullo de 2006.

2. As actas correspondentes aos cursos que teñan convocatoria extraordinaria (setembro) enviaranse antes do día 15 de setembro de 2006.

Capítulo IV

Outras disposicións

Artigo 16º.-Memorias de fin de curso.

1. Os directores dos centros de educación infantil e de educación infantil e primaria enviarán ao servizo provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2006, a memoria anual do centro á que se refire o punto 5 do capítulo I do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro).

2. Os directores dos centros públicos integrados enviarán, antes do 10 de xullo de 2006, ao servizo provincial de Inspección educativa respectivo, a memoria anual do centro á que se refire o punto 43 das instrucións que regulan a organización e o

funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG do 2 de novembro).

3. Os directores dos institutos de educación secundaria enviarán ao servizo provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2006, a memoria anual do centro á que se refire o punto 43 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro).

4. Os directores dos centros de ensinanzas de réxime especial, en aplicación da disposición transitoria primeira da Orde do 1 de agosto de 1997, elaborarán ao longo do mes de xuño de 2006, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e as medidas correctoras introducidas, de ser o caso. A devandita memoria, con informe do consello escolar do centro, enviarase ao servizo provincial de Inspección na primeira semana de xullo de 2006 e terase en conta á hora de elaborar a programación do curso seguinte sobre todo para programar novamente obxectivos non acadados ou acadados parcialmente no curso anterior e artellar novos medios para logralos.

Artigo 17º.-Libros de texto.

Os centros deberán observar as normas fixadas no Decreto 89/1993, do 16 de abril (DOG do 27 de abril) polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral, e ademais no artigo 8.2º do Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15 de setembro), polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis escolares, que establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto exporán no taboleiro de anuncios, na primeira quincena de xuño, a relación de libros e material didáctico impreso que se utilizará no curso 2005/2006. Unha copia desta relación será enviada ao servizo provincial de Inspección educativa antes do día 24 de xuño de 2005. Así mesmo, observarase a prohibición de venda e/ou

distribución de libros e material didáctico nos centros públicos, tanto por persoal propio como por persoas alleas a eles.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria