DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de maio de 2005 pola que se conceden axudas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional (cofinanciadas polo Fondo Social Europeo).

Por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 16 de decembro de 2004, convocáronse axudas para alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional (cofinanciadas polo Fondo Social Europeo).

Vista a proposta da comisión de selección prevista no punto noveno da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro.-Conceder con cargo ao concepto orzamentario 07.04.322S.481.0, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, as axudas que se relacionan no anexo I, correspondentes ao primeiro prazo da convocatoria para 2005, por un importe total de 174.007 euros.

Segundo.-Recoller no anexo II as axudas denegadas.

Terceiro.-De acordo co punto décimo primeiro da orde de convocatoria as axudas serán aboadas da seguinte forma:

Para as axudas que non superen o importe de 6.000 euros, poderá aboarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo da aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada a acti

vidade e despois na súa completa xustificación económica por parte do centro e entrega da memoria de actividades, xuntando certificación respecto da percepción ou non doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 78.4º e) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez finalizada e xustificada a actividade.

Cuarto.-De acordo coa normativa vixente, os beneficiarios quedarán obrigados a:

1. Aceptar a axuda concedida. Neste sentido, se no prazo de quince días, contados a partir do da recepción da comunicación pola que se notifica a concesión da axuda, o centro beneficiario non acepta esta, entenderase que renuncia á súa percepción.

2. Facilitar a información requirida e someterse ás accións de comprobación ou control financeiro que poida efectuar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os organismos competentes.

3. Xustificar o correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da seguinte documentación:

Unha vez efectuada a viaxe, o centro docente deberá tramitar a seguinte documentación no prazo máximo dun mes:

1. Certificación do consello escolar do centro aprobatoria das contas, xuntando unha relación dos gastos efectuados e copia compulsada das facturas.

2. Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra administración ou ente público.

3. Certificación do director do centro no que se faga constar a empresa ou centro de acollida e as datas exactas da duración da estadía, o nome e número do DNI dos alumnos e/ou dos profesores participantes, indicando neste caso se é coordinador ou participante na estadía.

4. Xustificación da totalidade do custo da viaxe de acordo coa axuda concedida. O importe da subvención nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estableza. No caso de que o custo final sexa inferior á axuda concedida deberase minorar a axuda en proporción á axuda xustificada.

5. Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida que inclúe:

5.1. No caso das visitas preparatorias: obxectivos acadados de cara á realización do proxecto e un breve resumo deste: descrición, datas, etc.

5.2. Estadías de alumnos: programación e avaliación das actividades realizadas con descrición de procesos produtivos, tecnoloxías utilizadas, posibilidades doutras estadías e aspectos positivos e negativos

5.3. Estadías de profesores: certificación da empresa ou centro de acollida na que se indiquen as datas e as características da estadía realizada. Memoria do traballo desenvolvido, no que se farán constar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Descrición do proceso productivo. Perfís profesionais que participan, diferenciados, segundo os niveis de cualificación.

b) Realizacións máis significativas de cada perfil profesional.

c) Tecnoloxías utilizadas e a súa presenza no equipamento de cada ciclo formativo (valoración da súa necesidade ou conveniencia de incorporalo).

d) Cambios que se prevén no sistema productivo (evolución da competencia profesional).

e) Programa de formación en centros de traballo que se podería realizar nesa empresa e nos diferentes ciclos formativos da súa familia profesional.

f) Posible formación do profesorado que podería desenvolver a empresa ou traballadores que poderían colaborar no plan de formación do profesorado de formación profesional específica.

g) Valoración da estadía de formación: aspectos positivos e aspectos que se deben mellorar.

Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais reservándose o dereito de difundir os traballos realizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto.-De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000 da Comisión do 30 de maio de 2000 (DO L 130/30 de 31.5.2000), os centros educativos que figuran no anexo I tomarán as medidas oportunas para informar os alumnos e profesores que van realizar as estadías formativas en empresas que as axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Sexto.-Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro de 1999), ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria