DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.946

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de maio de 2005 pola que se ditan instrucións para consignar as cualificacións da educación secundaria obrigatoria nos documentos oficiais de avaliación.

O Boletín Oficial del Estado do 29 de maio de 2004 publicou o Real decreto 1318/2004, do 28 de maio, polo que se modifica o Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación. Aquela norma apraza para o curso 2006-2007 a implantación da nova ordenación das ensinanzas da educación secundaria obrigatoria reguladas pola citada lei, agás no referente ás medidas que foran anticipadas e que no caso da nosa comunidade son as que figuran na Orde do 25 de agosto de 2003, pola que se ditan instrucións para a aplicación na educación secundaria obrigatoria do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003 (DOG do 15 de setembro), e na Orde do 30 de setembro de 2004, sobre avaliación, promoción e titulación na educación secundaria obrigatoria como consecuencia do disposto no Real decreto 1318/2004, do 28 de maio

(DOG do 22 de outubro).

Esta orde ten por obxecto ditar as correspondentes instrucións para cubrir os expedientes académicos e os libros de escolaridade da ensinanza básica na etapa da educación secundaria obrigatoria.

En consecuencia, en virtude do establecido nas disposicións derradeira primeira do Decreto 78/1993, derradeira primeira do Decreto 233/2002 e na disposición derradeira segunda do Real decreto 1318/2004, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por finalidade ditar instrucións para cubrir os expedientes académicos da educación secundaria obrigatoria e os libros de escolaridade da ensinanza básica, e será de aplicación en todos os centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2º.-Expediente académico.

1. Os expedientes académicos do alumnado formalizaranse trar a celebración da sesión de avaliación extraordinaria segundo o modelo que se establece no anexo I.

2. Os resultados das sesións de avaliación das materias pendentes que se establecen no punto 2 do artigo 6 da Orde do 30 de setembro de 2004 deberanse reflectir cada ano escolar no expediente académico do alumno.

3. A cualificación de cada materia rexistrarase recollendo en primeiro lugar a súa expresión numérica, separada por «/» da cualitativa correspondente.

Artigo 3º.-Libros de escolaridade da ensinanza básica.

1. Os libros de escolaridade do ensino básico derivados da Orde ministerial do 30 de outubro de 1992, pola que se establecen os elementos básicos dos informes de avaliación das ensinanzas de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, así como os

requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garantir a mobilidade dos alumnos, cubriranse axustándose ao modelo que se establece no anexo II e as instrucións específicas que se indican a continuación.

2. A cualificación de cada materia rexistrarase recollendo en primeiro lugar a súa expresión numérica, separada por «/» da cualitativa correspondente.

3. As cualificacións do primeiro curso e a decisión de promoción ao segundo consignaranse nos espazos non utilizados da páxina 29 e posteriores do libro de escolaridade.

4. As cualificacións dos cursos segundo, terceiro e cuarto consignaranse nas páxinas 20, 22 e 24 do libro de escolaridade, respectivamente. As cualificacións destes cursos que se deriven de repeticións, consignaranse, de ser preciso, nas páxinas en branco.

5. As cualificacións das materias pendentes consignaranse nas páxinas nas que se recolla a decisión de promoción para o curso seguinte ao que pertencen esas materias ou, no caso de que ese espazo sexa insuficiente, nos non utilizados da páxina 29 e posteriores do libro de escolaridade, axustándose aos formatos que se establecen no anexo II, agás no número de filas da táboa, que será igual ao de materias pendentes que se consignan.

6. No cadro da páxina 27, no que se reflicte a acreditación da avaliación e que se cubrirá á finalización da escolarización obrigatoria, deberase consignar a cualificación correspondente á derradeira avaliación final de cada unha das materias de cada curso da etapa. Cando un alumno non se presente á proba extraordinaria dunha materia, deberase consignar a cualificación outorgada na sesión final de avaliación ordinaria.

7. O número máximo de páxinas en branco dos libros de escolaridade do ensino básico será de dez.

Artigo 4º.-Libro de escolaridade complementario da ensinanza básica.

1. Cando non existan páxinas suficientes no libro de escolaridade procederase ao seu peche e á apertura dun novo, no que se cubrirán as cualificacións de acordo co que se establece no artigo anterior.

Este libro terá carácter complementario e solicitarase á delegación provincial correspondente, segundo o procedemento establecido na Orde do 25 de outubro de 1996 (DOG do 26 de novembro), pola que se ditan instrucións sobre o procedemento e rexistro do libro de escolaridade do ensino básico, facendo mención ao carácter complementario do libro que se solicita.

2. Nos libros de escolaridade figurarán as seguintes dilixencias de peche e apertura, que serán asinadas polo secretario do centro co visto e prace do director.

a) Na páxina 4 do libro de escolaridade que se pecha: «Dilixencia para facer constar que este libro de escolaridade péchase na data .... con motivo da apertura dun novo libro, número ...., no que se lles dá continuidade aos datos aquí consignados. A información contida en ambos ten plena validez, condicionada á presentación conxunta dos dous libros».

b) Na páxina 4 do novo libro de escolaridade: «Dilixencia para facer constar que este libro de escolaridade ábrese na data ..... con motivo do peche do libro, con número ......, ao que se lles dá continuidade cos datos

aquí consignados. A información contida en ambos ten plena validez, condicionada á presentación conxunta dos dous libros».

3. No libro de escolaridade que se pecha deberanse anular todas as páxinas pertencentes á educación secundaria obrigatoria que non foran utilizadas, agás a páxina 28, que deberá cubrirse no momento da entrega do libro ao alumno.

No libro de escolaridade que se abre deberanse anular todas as páxinas anteriores á 28 que xa foran cubertas no libro que se pecha. No caso do alumnado que estea a repetir curso non se anulará a páxina correspondente a ese curso.

A anulación dun espazo realizarase cubríndoo desde o ángulo inferior esquerdo ata o ángulo superior dereito coa palabra «INUTILIZADO». Ademais, cando non se trate dunha páxina completa, deberase trazar previamente un recadro que enmarque o espazo que se anula.

Artigo 5º.-Incorporación de estampiñas adhesivas aos libros de escolaridade.

1. Poderanse incorporar aos libros de escolaridade estampiñas adhesivas que deberán ser impresas por medios mecánicos ou informáticos.

2. As estampiñas adhesivas deberán ter 14 cm de ancho e unha altura máxima de 18,5 cm, e incluír como elemento de seguridade o escudo oficial de Galicia, en relevo e sen cor nin debuxo, de 10 mm de ancho e 14 mm de alto, e situado a unha distancia de 10 mm da marxe esquerda da estampiña e de 10 mm da marxe superior desta.

3. Na incorporación de estampiñas adhesivas aos libros de escolaridade deberanse tomar, como mínimo, as seguintes cautelas coas que garantir a súa autenticidade:

a) Colocación no libro de escolaridade de xeito que permaneza visible a súa numeración perforada.

b) Selo do centro educativo, situado de xeito que parte del estea sobre a estampiña e parte sobre páxinas orixinais do libro de escolaridade.

c) Sobre o selo anterior, sinatura do secretario, ocupando tamén parcialmente a estampiña e follas orixinais do libro.

Artigo 6º.-Rexistro dos resultados da avaliación do alumnado con adaptacións curriculares.

Nas actas de avaliación final, no expediente académico e no libro de escolaridade do alumnado que teña autorizadas adaptacións curriculares conforme establece a sección segunda da Orde do 6 de outubro de 1995, pola que se regulan as adaptacións do currículum nas ensinanzas de réxime xeral (DOG do 7 de novembro), deberase consignar a cualificación de cada materia, acompañada de «AC», resultante da avaliación das aprendizaxes con relación aos obxectivos establecidos con carácter xeral cando esta sexa positiva. En caso contrario, consignarase a expresión «Adaptación curricular» no expediente e no libro de escolaridade e «AC» na acta de avaliación, sen cualificación numérica, considerándose para efectos de promoción e titulación que non é unha cualificación positiva.

O grao de consecución dos obxectivos específicos da adaptación curricular recollerase nas observacións das actas de avaliación, no expediente académico do alumno

consignando «AC» e a cualificación numérica correspondente na columna AC, e no libro de escolaridade na páxina 19 conforme se establece no punto 2 do artigo 10 da citada Orde do 6 de outubro de 1995.

Disposicións adicionais

Primeira.-Alumnado con decisión de non permanencia no réxime ordinario.

Cando, pola aplicación do punto 2 do artigo 4 da Orde do 30 de setembro de 2004, se adopte a decisión excepcional de non permanencia no réxime ordinario, deberase consignar esta circunstancia na páxina 26 do libro de escolaridade mediante a seguinte dilixencia que será asinada polo secretario do centro: «dilixencia para facer constar que con data ..... adoptouse a decisión excepcional de non permanencia no réxime ordinario, en aplicación do artigo 21 da Lei orgánica 10/2002».

Segunda.-Modificacións doutras normas.

1. No artigo 20 da Orde do 16 de marzo de 2001, pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos (DOG do 11 de abril), relativo aos prazos para a formalización da matrícula, substitúese o texto «Do 25 de xuño ao 10 de xullo para os alumnos de educación secundaria obrigatoria» polo seguinte: «Do 25 de xuño ao 10 de xullo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que se incorpore á etapa ou que após a sesión de avaliación ordinaria teña superadas todas as materias e do 1 ao 10 de setembro para o resto do alumnado desa etapa».

2. Substitúese o anexo II da Orde do 19 de maio de 1997 pola que se regulan os programas de diversificación curricular na educación secundaria obrigatoria (DOG do 6 de xuño), relativo ao expediente académico do alumnado que curse eses programas, polas páxinas correspondentes que figuran nos anexos I e II desta orde.

Disposición derrogatoria

Única.

1. Derróganse os puntos 2 e 3 do artigo 5 da Orde do 1 de xullo de 2002 pola que se adapta o disposto na Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria, ao Decreto 233/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 31 de xullo de 2002).

2. Quedan derrogadas as normas de igual rango ou inferior que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria