DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de maio de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de bolsas de residencia para a realización de estudos universitarios de 1º, 1º e 2º ou 3º ciclo no curso 2005-2006 en centros do sistema universitario de Galicia, destinadas aos galegos e aos seus descendentes que teñan a súa residencia familiar en territorio nacional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por todo isto, e no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de residencia, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos galegos e aos seus descendentes que teñan a súa residencia familiar en territorio nacional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de estudos universitarios presenciais de 1º ciclo, 1º e 2º ciclo ou 3º ciclo (etapa de formación), no curso académico 2005/2006, conducentes a titulacións de carácter oficial e validez nacional nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Estas bolsas non serán concedidas a aqueles estudantes que xa posúan unha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional, excepto que esta sexa unha titulación de 1º ciclo necesaria para continuar estudos de 2º ciclo.

Todos os trámites necesarios para matricularse na universidade galega elixida deberán ser realizados directamente polos propios estudantes.

Artigo 2º.-Orzamento e contía das axudas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, cunha contía de 60.000 euros.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2005/2006.

Artigo 4º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais-fillos-netos) e ter a súa residencia familiar en territorio nacional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da publicación desta convocatoria.

b) Estar en condicións de iniciar os estudos universitarios para os que se solicita a bolsa ao comezo do curso 2005/2006.

c) Acreditar a súa admisión nun centro dunha das tres universidades galegas para seguir os estudos regrados de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, e, cando se trate do terceiro ciclo, estar matriculado nun programa de doutoramento (etapa de formación) impartido nalgún departamento desas universidades.

d) Os alumnos de 1º e 2º ciclo deberán matricularse nunha universidade do sistema universitario de Galicia dun curso completo, ou como mínimo de 60 créditos, nunha titulación de carácter oficial e validez nacional, agás naqueles casos en que por razóns académicas non lles sexa posible e o poidan xustificar documentalmente.

Os alumnos de 3º ciclo (etapa de formación) deberán estar matriculados en todos os créditos necesarios en cada un dos cursos da etapa de formación.

e) Os alumnos que foron beneficiarios desta bolsa na convocatoria anterior, para serlle concedida unha nova, deberán ter superado o 50% das materias ou créditos nos que estiveran matriculados no curso 2004/2005.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes segundo o modelo ED 428A, que se publica como anexo a esta orde, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

Para os efectos de información os interesados tamén poderán consultar a páxina web da Xunta de Galicia: www.edu.xunta.es.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de setembro de 2005.

Artigo 6º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante.

b) Copia compulsada do libro de familia ou documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega.

c) Certificado de empadroamento de todos os membros da unidade familiar.

d) Copia selada pola Axencia Tributaria da declaración da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio de 2004 ou certificado resumo, expedido pola Axencia Tributaria, de tela presentada. As persoas non obrigadas a declarar presentarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Tributaria.

Nos casos no que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar fidedignamente esta circunstancia, os medios económicos con que conta e a titularidade ou o aluguer do seu domicilio que, para todos os efectos, será o que o alumno habite durante o curso académico. De non xustificar suficientemente estes extremos, a solicitude será obxecto de denegación.

e) Certificación académica orixinal completa, ou copia compulsada dela, na que se fará constar o número de créditos superados, segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias dos estudos realizados polo solicitante, a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas, así como a escala de notas aplicada polo centro onde realizou os seus estudos. No caso de estudos validados, deberá presentar tamén certificación académica de idénticas características para os estudos de orixe.

Para os que accedan ao 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo, certificación académica do 1º ciclo dos seus estudos universitarios.

No suposto dos alumnos que acceden ao primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias deberán presentar o certificado da comisión organizadora das probas de acceso a estudos universitarios -no caso de Galicia, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG)- conforme son considerados aptos para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FP II, ciclos formativos de grao superior e módulos de nivel III que soliciten o ingreso nos estudos ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presentar a certificación académica dos estudos realizados con expresión da nota media do expediente.

f) Xustificante de matrícula correspondente ao curso académico 2005/2006. Para os alumnos de 3º ciclo, que non lles sexa posible a presentación deste docu

mento, deberán achegar o certificado do secretario do departamento en que conste a admisión do solicitante no programa de doutoramento.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do solicitante, no que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria polo servizo de apoio e orientación aos estudantes universitarios, órgano instrutor deste procedemento, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e dos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia - Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.edu.xunta.es.

As devanditas listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación estarán expostas desde o día 20 ao 31 de outubro de 2005 (ambos os dous incluídos). Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

-Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 9º.-Selección.

A selección farase tendo en conta a nota media simple calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG do día 23 de marzo de 2005 (Resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005).

Determinadas as notas segundo o expediente académico farase a primeira relación de beneficiarios. O importe económico por este concepto non poderá exceder os 1.000 euros por cada beneficiario.

En segundo lugar, farase un baremo segundo os ingresos económicos da unidade familiar. O importe económico máximo por este concepto, para cada beneficiario non excederá de 1.205 euros en rendas inferiores a 7.000 euros por membro da unidade familiar.

Finalmente, terase en conta a comunidade autónoma na que teña a súa residencia familiar, segundo a distancia quilométrica con Galicia. Por este concepto, o importe económico individual non poderá exceder os 800 euros.

A contía máxima de cada axuda non poderá superar os 3.005 euros. O límite máximo total das axudas será de 60.000 euros segundo o indicado no artigo 2º.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe proposta de beneficiarios e, se é o caso, de suplentes ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Pagamento.

As axudas aboaranse, na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 12º.-Obrigas dos bolseiros.

-Incorporarse á universidade na que van realizar os estudos ao comezo do curso académico 2005/2006.

-Residir durante o curso académico en Galicia.

-No caso de renuncia á axuda concedida, o beneficiario deberá presentar a correspondente solicitude dirixida á Dirección Xeral de Universidades coa maior antelación posible.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.

Cuarta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro) xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria