DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 25 de maio de 2005 Páx. 8.930

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de maio de 2005 pola que se efectúa convocatoria pública de axudas aos estudantes universitarios galegos ou descendentes de galegos que cursen os seus estudos nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia, así como para aqueles que cursen os seus estudos nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, interesados en solicitar os créditos bancarios para financiamento dos seus estudos universitarios de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo e prorrogar os concedidos na convocatoria anterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, moda

lidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro e DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 6 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: Universidade da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico aos estudantes de ensino universitario, coas que se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio de colaboración o día 13 de marzo de 2001 e unha adenda a este o día 12 de xuño de 2002, coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlles aos estudantes universitarios que realicen estudos en calquera universidade do sistema universitario de Galicia, así como para os estudantes universitarios que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia e cursen os seus estudos nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, créditos bancarios a baixos xuros para o financiamento dos seus estudos universitarios.

Por todo isto, e no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

a) Convócanse axudas para os estudantes universitarios galegos ou descendentes de galegos que cursen os seus estudos nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia así como para aqueles que cursen os seus estudos nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, que reúnan os requisitos e condicións establecidas nesta orde, interesados en solicitar os créditos bancarios para financiar os seus estudos universitarios do primeiro ciclo e primeiro e segundo ciclo correspondentes ao curso 2005/2006.

b) Convócanse prórrogas para o financiamento dos xuros do préstamo concedido en convocatorias anteriores.

Estes créditos bancarios son compatibles con calquera outra axuda destinada para a mesma finalidade polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente dos créditos bancarios ou prórrogas deles con cargo á partida orza

mentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, cunha contía máxima de 12.000 euros, acadando unha contía global de 600.012 euros en axudas, de acordo co estipulado na adenda asinada o día 12 de xuño de 2002 coas entidades bancarias. A cantidade destinada a estas axudas poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

a) Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado os seguintes estudantes universitarios de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo que cumpran as condicións establecidas nesta convocatoria:

1. Os que cursen estudos nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.

2. Os que cursen estudos nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan residencia fóra de Galicia, estando neste grupo os galegos e descendentes de galegos.

3. Os que cursen estudos nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.

b) Poderán ser beneficiarios das prórrogas os estudantes galegos ou descendentes de galegos que foron beneficiarios dos préstamos en convocatorias anteriores e que cumpran as condicións establecidas nesta convocatoria.

Artigo 4º.-Requisitos.

a) Os créditos poderán ser solicitados polos estudantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2005/2006 nalgunha das universidades en estudos universitarios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

-Ter superado no momento da presentación da solicitude, 60 créditos en titulacións de 1º ciclo e 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo.

b) As prórrogas poderán ser solicitadas polos estudantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2005/2006 na titulación de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo para a que se lle concedeu o crédito por primeira vez ou prórroga no curso 2004/2005.

Non poderán solicitar a prórroga aqueles estudantes universitarios que xa gozaron de subvención dos xuros do préstamo nos tres últimos anos.

Artigo 5º.-Características do préstamo.

Os préstamos serán concedidos pola entidade bancaria de acordo cos termos do convenio e esta orde.

Para os estudantes universitarios que cursen os seus estudos nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia, a cantidade será como máximo de 3.005,06 euros por cada petición.

Para os estudantes universitarios que cursen os seus estudos nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia fóra de Galicia e para os estudantes universitarios que cursen os seus estudos nalgunha universidade de fóra do sistema uni

versitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia, a cantidade será como máximo de 6.010,12 euros, por cada petición.

O prazo de amortización do capital será de tres a cinco anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Se opta por un prazo de amortización superior a tres anos, o tipo de xuro pasaría do 5,5% ao 6% desde o inicio do primeiro ano de amortización. Todos os prazos se computarán contando desde o inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral de capital e xuros constante. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen ningunha penalización.

Artigo 6º.-Financiamento dos xuros.

Os xuros serán financiados da seguinte forma:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ao pagamento da terceira parte dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo (2%), sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de tres anos, de acordo co disposto en cada convocatoria, se as necesidades orzamentarias da consellería así o permitisen. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.

b) A entidade financeira pola que opte o alumno farase cargo doutro tercio dos xuros (2%), sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada no punto a) anterior.

c) A terceira parte dos xuros restantes serán por conta do alumno prestameiro, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. Polo tanto, o alumno liquidará o préstamo ao tipo de xuro neto do 1,5% ou 2% (se é o caso) nominal anual. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada no punto a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ao tipo de xuro do 5,5% ou 6% nominal anual, segundo o exposto no artigo 5º.

Os alumnos que nas convocatorias anteriores asinaron contratos de préstamos coas entidades financeiras e que nesta convocatoria soliciten prórroga seguirán coas mesmas condicións establecidas no contrato.

Artigo 7º.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.

As solicitudes, segundo modelo desta orde, anexo I (ED434A) para os estudantes que soliciten o crédito bancario por 1ª vez e anexo II (ED434B) para os estudantes que soliciten a prórroga do crédito bancario, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Os estudantes que soliciten o crédito bancario por 1ª vez deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo I desta orde.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade.

c) Certificación académica orixinal completa ou fotocopia compulsada na que se faga constar o resumo do número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias. Os que acceden ao 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o primeiro ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, deberán achegar ademais da certificación académica correspondente ao curso de adaptación, a referente á diplomatura ou aos estudos de 1º ciclo realizados, segundo corresponda.

No caso de validación deberá presentar a certificación da institución de orixe.

d) Xustificante de matrícula correspondente ao curso 2005/2006 ou declaración xurada do solicitante de que non está matriculado e de que se compromete a entregar o xustificante da matrícula no prazo de dous días a partir do día en que se matricule, tendo en conta que se non entrega o xustificante de matrícula no prazo indicado se considerará que o interesado desiste da súa petición.

e) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin por parte doutros organismos públicos.

f) Certificado de empadroamento.

Os estudantes que soliciten a prórroga do crédito bancario deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II desta orde.

b) Xustificante de matrícula correspondente ao curso 2005/2006 ou declaración xurada do solicitante de que non está matriculado e de que se compromete a entregar o xustificante da matrícula no prazo de dous días a partir do día en que se matricule, tendo en conta que se non entrega o xustificante da matrícula no prazo indicado, se considerará que o interesado desiste da súa petición.

c) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin por parte doutros organismos públicos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 12 de setembro de 2005.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria polo servizo de apoio e orientación aos estudantes universitarios, órgano instrutor deste procedemento, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e dos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.edu.xunta.es.

As listas provisionais estarán expostas desde o día 3 ao día 13 de outubro de 2005 (ambos os dous incluídos). Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios.

-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 10º.-Criterios de selección.

A selección farase tendo en conta a nota media simple calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG do día 23 de marzo de 2005 (resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005).

Artigo 11º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe proposta motivado ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Destinar o crédito bancario para a finalidade para a que se concede.

b) Asinar o contrato de préstamo coa entidade bancaria.

c) Amortizar o capital obxecto do préstamo e o pagamento dos xuros del.

d) Cumprir as condicións específicas que as entidades financeiras, de acordo coas súas normas de funcionamento e o convenio do 13 de marzo de 2001 determinan.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.

Cuarta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria