DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 20 de maio de 2005 Páx. 8.580

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2005 pola que se convocan cursos en colaboración coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Dentro do programa de actividades da EGAP para o ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse en colaboración coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os cursos que figuran no anexo, que deberán desenvolverse segundo as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

As solicitudes de admisión para os cursos, segundo o modelo oficial que figura ao final da convocatoria, dirixiranse ao Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, rúa Fontiñas, 31, 15703 Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou en calquera das súas delegacións provinciais sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 66 51, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Segunda.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de maio de 2005.

Terceira.-Selección.

Os criterios de selección serán os que figuran no anexo, segundo as características de cada curso, e respectarán en todo caso os criterios selectivos sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 11 de febreiro de 2004 (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

Cuarta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que, sendo persoal da comunidade autónoma, participen con regularidade nos cursos.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expe

dición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa nos cursos coa perda de todos os dereitos.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

ANEXO I

Curso: viticultura e enoloxía.

1. Obxectivos.

Impartir unha formación básica para coñecer os criterios mínimos que permitan unha viticultura e enoloxía de calidade.

2. Destinatarios.

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, técnicos das diferentes consellerías que traballen en temas relacionados coa viticultura e enoloxía.

3. Criterios de selección.

Persoal da Xunta de Galicia relacionado no seu traballo coa viticultura e a enoloxía.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 36 horas.

4.2. Lugar de realización: Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Ponte de San Clodio, Leiro (Ourense).

4.3. Datas: 6, 7, 8, 13, 14, 15, 20, 21 e 22 de xuño de 2005.

4.4. Horario: das 16.30 ás 20.30 horas.

4.5. Prazas: 20.

5. Contido.

Módulo de viticultura: as principais castes galegas. Deseño de plantación de viñedo. Mecanización do viñedo.

Arquitectura e manexo do dosel foliar: sistema de condución e poda. Aplicación ás castes galegas.

Fertilización e técnicas de mantemento do solo. Pragas e enfermidades da viñas: fertilización, labranza, non labranza, análise do solo. Enfermidades e tratamentos fitosanitarios.

Novas técnicas de elaboración de brancos: vinificación clásica. Criomaceración, maceración prefermentativa, temperaturas de fermentación. Variedades galegas brancas.

Elaboración de tintos e variedades galegas: vinificación clásica. Criomaceración, maceración prefermentativa. Microsixenación. Variedades galegas tintas. A madeira na elaboración de viños.

Microbioloxía do viño. Alteración dos viños: fermentación. Enfermidades do viño.

Metodoloxía para cata de viños (I): mecanismo da cata. Os defectos dos viños. Cata de viños brancos de DO galegas.

Metodoloxía para cata de viños (II): cata de viños tintos de DO galegas. Cata de viños doutras DO.

Metodoloxía para cata das augardentes: as augardentes galegas. Características da súa elaboración e a súa cata.

Curso: análise básico de uvas e viños.

1. Obxectivos.

Impartir unha formación avanzada para coñecer os criterios mínimos que permitan un mellor coñecemento das diferentes metodoloxías de análise dos viños.

2. Destinatarios.

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; técnicos das diferentes consellerías que traballen en temas relacionados coa viticultura e enoloxía.

3. Criterios de selección.

Persoal da Xunta de Galicia relacionado no seu traballo coa viticultura e a enoloxía.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 20 horas.

4.2. Lugar de realización: Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Ponte de San Clodio, Leiro (Ourense).

4.3. Datas: 27, 28, 29 e 30 de xuño de 2005.

4.4. Horario: das 16.30 ás 20.30 horas.

4.5. Prazas: 20.

5. Contido.

Composición da uva e do viño. Control de madurez. Determinación de densidade, grao, azucres. Análise de acideces, ácidos orgánicos, pH. Utilización do sulfuroso. Análises sulfurosos e outros aditivos. Análises de enfermidades dos viños (físicas e microbiolóxicas).

Curso: inglés científico para investigación agraria.

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos da lingua inglesa que permitan redactar artigos e traballos científicos ou de divulgación de investigación agraria.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración da Xunta de Galicia.

3. Criterios de selección.

Daráselle preferencia ao persoal do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 20 horas.

4.2. Lugar de realización: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

4.3. Datas: 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30 de xuño de 2005.

4.4. Horario: das 17.00 ás 19.45 horas (martes e xoves).

4.5. Prazas: 20.

5. Contido.

Gramática. Vocabulario. Estilo. Fraseoloxía. Redacción (claridade, organización...).

Curso: as AGEs e a xestión integral das explotacións agropecuarias.

1. Obxectivos.

Formación de técnicos que asesoran explotacións agropecuarias, baixo a filosofía que a continuación se formula:

Unha cita do profesor neozelandés Dr. C.P. Mcmeekan, pode axudar á reflexión sobre a importancia da xestión integral, no manexo da explotación agropecuaria.

O manexo eficiente dunha explotación produtora de leite, ten a finalidade de conseguir de forma exitosa que catro aspectos dela (terra-man de obra-capital-ambiente) actúen de forma harmoniosa en conxunto, baixo as condicións económicas existentes e futuras.

2. Destinatarios.

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural con responsabilidades en programas vinculados aos obxectivos do curso. Técnicos das diferentes consellerías que traballen en temas relacionados con responsabilidades en programas vinculados aos obxectivos do curso.

3. Criterios de selección.

Persoal da Xunta de Galicia en temas relacionados con responsabilidades en programas vinculados aos obxectivos do curso.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 28 horas.

4.2. Lugar de realización: Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo (Bergondo-A Coruña).

4.3. Datas: do 6 ao 10 de xuño de 2005.

4.4. Horario: mañá e tarde.

4.5. Prazas: 40.

5. Contido.

Proceso de xestión na explotación gandeira: coñecemento da situación de partida, recollida de información e proposta de obxectivos, análise e presentación de resultados.

Metodoloxía no proceso de xestión. Transferencia do programa de xestión ao gandeiro: análise do contorno familiar e da situación socioeconómica condicionante, determinacion das implicacións, no proceso de xestión, do gandeiro e do técnico.

Resultados técnico-económicos das explotacións leiteiras da cornixa cantábrica.

Análise das explotacións galegas no contexto do sector lácteo español.

Manexo e custos de produción nas explotacións leiteiras europeas: análise da situación de Galicia no contexto da UE.

Curso: a fruticultura en Galicia: situación actual e perspectivas de futuro.

1. Obxectivos.

Formación dos técnicos que traballan en programas de fruticultura. Actualización de datos e debate de actuacións de traballo para o fomento e o desenvolvemento do cultivo frutícola en Galicia.

2. Destinatarios.

Persoal técnico da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. Criterios de selección.

Terán prioridade o persoal técnico que traballe en programas de experimentación, que desenvolvan cursos de formación con agricultores de fruticultura e que a súa área de traballo se atope en comarcas de aptitude para a produción frutícola.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 30 horas.

4.2. Lugar de realización: Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo (Bergondo-A Coruña).

4.3. Datas: 22, 23, 27, 28 e 29 de xuño de 2005.

4.4. Horario: das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 18.00 horas.

4.5. Prazas: 25.

5. Contido.

Situación actual e perspectivas de futuro do cultivo de froiteiras en Galicia. Froitas de pebida. A mazá de mesa. A mazá de sidra. A pera. Froitas de óso. Kiwi e outras froitas. Froitas pequenas. Froitos secos. A castaña. A noz. Investigación en fruticultura. Actuación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural en programas de experimentación frutícola.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA