DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 20 de maio de 2005 Páx. 8.571

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de maio de 2005 pola que se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos que rematen os seus estudos universitarios no ano 2005, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988 e DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por todo isto e no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos das universidades galegas que rematen os seus estudos no ano 2005.

O obxecto desta acción é facer un recoñecemento expreso da excelencia académica daqueles estudantes matriculados no curso académico 2004/2005 en calquera dos centros pertencentes a algunha das tres universidades galegas.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, cunha contía máxima de 120.200 euros sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3º.-Contía.

Concederáselle un premio por cada unha das titulacións distintas impartidas no Sistema Universitario de Galicia ao alumno con mellor expediente académico.

Os solicitantes que sexan premiados recibirán:

-Un diploma acreditativo desta distinción.

-Unha contribución en metálico de 2.404 euros.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2004/2005.

Artigo 5º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Posuíren a nacionalidade española ou ser nacional dun dos Estados membros da Unión Europea.

-Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 2,7 puntos, para alumnos das áreas de ciencias experimentais e da saúde, ciencias sociais e xurídicas e humanidades; e 2 puntos, para alumnos da área de ensinanzas técnicas.

-Teren rematada a carreira no curso 2004/2005.

-Naquelas titulacións para as que sexa necesario realizar o proxecto fin de carreira, será imprescindible que figure na certificación académica a data de avaliación do proxecto e o curso académico en que foi superado.

-En ningún caso un 1º ciclo común poderá servir de base para a concesión de máis dun premio fin de carreira.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes segundo modelo ED 415A que se publica como anexo a esta orde, asinada polo interesado, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. Para os efectos de información, os interesados tamén poderán consultar a páxina web da Dirección Xeral de Universidades, no portal educativo www.edu.xunta.es.

3. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 30 de setembro de 2005 desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI.

b) Certificación académica persoal ou copia compulsada dela en que se fará constar a nota media simple

do expediente académico, calculada de acordo co artigo 10º destas bases da convocatoria.

c) Breve currículum vitae, no cal se indiquen, se é o caso, os premios, bolsas, etc., que lle fosen concedidos, e outros méritos que queiran alegar, xunto coa documentación correspondente.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, en que conste o número de conta do cliente, os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.edu.xunta.es. As listas provisionais estarán expostas desde o día 11 ao 21 de outubro de 2005. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará como secretario con voz e voto.

Artigo 10º.-Selección.

1. A selección farase tendo en conta a nota media simple calculada cos parámetros reflectidos no Protocolo de Colaboración subscrito o 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG o día 23 de marzo de 2005 (resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005).

2. En caso de empate na nota media do expediente académico, a comisión avaliadora poderá ter tamén en

conta para matizar a proposta o curriculum vitae dos solicitantes e os méritos acreditados. Naqueles casos en que a comisión avaliadora o considere oportuno, poderá propoñer a concesión de accésit (sen dotación económica), ou deixar o premio deserto.

Artigo 11º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevaralle, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 12º.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas nesta orde, e de acordo co estipulado no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, farase un pagamento único do premio concedido.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Quinta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal

de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e

ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO