DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 19 de maio de 2005 Páx. 8.460

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2005 pola que se fai público o ditame da sentenza do Tribunal Supremo pola que se estima parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto polo sindicato UGT Galicia contra o Decreto 97/2001, do 22 de marzo, polo que se regulan os órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 72.2º en, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, dispón que as sentenzas firmes que anulen unha disposición xeral producirán efectos desde a súa publicación.

Para dar cumprimento ao dito precepto, dítase esta resolución pola que se fai público o ditame da sentenza do Tribunal Supremo no recurso de casación número 8501/2002 que a continuación se transcribe, así coma o precepto anulado:

«Que estimando o motivo de casación invocado, debemos declarar e declaramos haber lugar o recurso

de casación interposto polo sindicato UGT Galicia representado polo procurador Miguel Torres Álvarez, contra a sentenza do 20 de novembro de 2002, ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no recurso nº 814/01, e na súa virtude: casamos e anulamos a citada sentenza; e estimando parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto por esta representación procesual contra o Decreto 97/2001, do 22 de marzo, da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que se regulan os órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, declaramos a nulidade do artigo 25, que regula a comisión de participación cidadá dos usuarios, en canto non prevé a participación nela das correspondentes organizacións sindicais. Sen que haxa lugar a expresa condena en custas na instancia nin respecto deste recurso de casación».

«Artigo 25º.-Comisión de participación cidadá dos usuarios.

1. Como órgano colexiado de participación dos usuarios, existirá unha comisión.

2. A comisión de participación dos usuarios contará cun máximo de trece membros:

a) O director xerente do hospital que actuará como presidente.

b) O xerente da correspondente Xerencia de Atención Primaria.

c) Tres representantes das corporacións municipais da área de influencia do hospital, propostos polas propias corporacións.

d) Un representante de cada unha das asociacións de veciños máis representativas da área de influencia do hospital, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

e) Un representante de cada unha das asociacións de empresarios máis representativas da área de influencia do hospital, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

f) En caso de hospitais universitarios, un representante da Xunta de Goberno da universidade.

g) Un directivo da área de económico-administrativa do hospital, que actuará como secretario.

3. Funcións:

a) Coñecer e informar sobre os plans de actuación asistencial.

b) Coñecer e informar sobre os programas económicos de cada exercicio.

c) Coñecer e informar sobre a memoria anual do centro.

d) Propoñerlle á comisión de dirección a adopción de medidas de mellora da calidade percibida.

4. A comisión de participación reunirase unha vez ao trimestre ou ben por petición do presidente ou cando así o decidan a maioría dos seus membros».

O que se comunica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2005.

Carlos Monclús Diez de Ulzurrun

Secretario xeral da Consellería de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL