DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 18 de maio de 2005 Páx. 8.328

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Preámbulo

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (LOPX) prevé a existencia dos institutos de medicina legal como centros de destino dos médicos forenses. De conformidade co previsto na devandita lei orgánica, mediante o Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, aprobouse o Regulamento dos institutos de medicina legal, que os configura como órganos técnicos que teñen por misión auxiliar os xulgados, os tribunais, as fiscalías e as oficinas do Rexistro Civil coa práctica de probas periciais médicas, tanto tanatolóxicas como clínicas e de laboratorio, así como realizando actividades de docencia e investigación relacionadas coa medicina forense.

A Constitución española, no número primeiro, punto 5º do artigo 149 recolle como competencia exclusiva do Estado a Administración de Xustiza. O Tribunal Constitucional definiu, a través da súa xurisprudencia, o alcance desta reserva competencial. A exclusividade da competencia do Estado refírese á función xurisdicional de xulgar e facer executar o xulgado e o goberno do Poder Xudicial. No entanto, as comunidades autónomas poderán ter competencias en todo o referente ao conxunto de medios persoais e materiais que serven de apoio e auxilio para o exercicio da función xurisdicional e, que constitúen a administración da Administración de Xustiza.

De acordo co disposto no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica

1/1981, do 6 de abril, correspóndelle á comunidade autónoma exercer todas as facultades que as leis orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñecen ou lle atribúen ao Goberno do Estado en relación coa Administración de Xustiza en Galicia.

A través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, foron traspasadas polo Estado as funcións de provisión dos medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza. Polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as ditas funcións.

Polo Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronse as funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza e polo Decreto 438/1996, do 20 de decembro foron asumidas.

Por medio do Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro, ampliáronse as funcións, os servizos e os medios traspasados e asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Esta ampliación comprende as funcións e os servizos sobre provisión de medios materiais e económicos dos institutos de medicina legal.

No marco destas competencias e de conformidade co previsto no Real decreto 386/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos institutos de medicina legal, créase a través deste decreto o Instituto de Medicina Legal de Galicia, que se dota dunha estrutura orgánica adaptada ás necesidades da nosa comunidade autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, oído o Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Créase o Instituto de Medicina Legal de Galicia e apróbase o seu regulamento, que se incorpora como anexo I deste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Desenvolvemento da estrutura orgánica do instituto e provisión dos postos de traballo.

A estrutura orgánica do instituto prevista neste decreto desenvolverase de forma progresiva, segundo o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, conforme as cales, a través das relacións de postos de traballo de persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia e de persoal laboral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, se dotarán os postos que integran o cadro de persoal do instituto.

Segunda.-Integración do persoal.

1. Os médicos forenses e o resto do persoal funcionario e laboral destinado nos institutos anatómi

co-forenses, clínicas médico-forenses e agrupacións de forensías dos xulgados de Galicia, na data da súa entrada en funcionamento, quedarán integrados no Instituto de Medicina Legal de Galicia no ámbito da súa respectiva subdirección territorial, agás que obtivesen destino nunha dirección ou subdirección diferente.

2. Os psicólogos, persoal laboral con centro de destino nos xulgados de primeira instancia, familia e primeira instancia e instrución, quedarán integrados no Instituto de Medicina Legal, no ámbito da súa respectiva subdirección, na data da súa entrada en funcionamento.

Terceira.-Supresión dos institutos anatómico-forenses, clínicas médico-forenses e agrupacións de forensías.

1. A creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia supón a modificación da estrutura organizativa e funcional da medicina forense no ámbito da comunidade autónoma. Na data da súa entrada en funcionamento quedarán suprimidos os institutos Anatómico-forenses de Pontevedra e A Coruña, creados por ordes ministeriais do 22 de xullo de 1988 e 18 de abril de 1989.

2. Así mesmo, cesarán nos seus cargos os directores dos institutos anatómico-forenses e das clínicas médico-forenses.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Entrada en funcionamento.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia entrará en funcionamento mediante orde do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local na data que nela se estableza.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO I

Regulamento do Instituto de Medicina Legal

de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) é un órgano técnico ao servizo da Administración de Xustiza que ten como función auxiliar os xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de Rexistro Civil en materia de medicina forense.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do Instituto é o da Comunidade Autónoma de Galicia, terá sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Artigo 3º.-Adscrición do instituto.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia está adscrito organicamente á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local a través da Dirección Xeral de Xustiza; no orzamento desta incluiranse os recursos de todo tipo para o funcionamento do instituto.

Artigo 4º.-Funcións.

1. Correspóndelle ao Instituto de Medicina Legal de Galicia practicar as probas periciais médicas, tanto tanatolóxicas como clínicas, previstas na normativa vixente en materia de medicina forense. Tamén poderá realizar actividades de docencia e investigación relacionadas coa medicina forense; e calquera outra función de colaboración e investigación, no ámbito da medicina legal, derivada de convenios ou acordos co Servizo Galego de Saúde, coa Consellería de Sanidade, con órganos ou organismos da Administración autonómica ou con outros entes públicos.

2. Nas súas funcións técnicas o instituto terá carácter independente e emitirá os seus informes suxeito polas regras de investigación científica.

3. Non se poderán realizar nas dependencias nin cos recursos do instituto actividades tanatolóxicas nin periciais privadas.

Artigo 5º.-Estrutura.

1. O Instituto de Medicina Legal de Galicia desenvolve a súa actividade a través das subdireccións territoriais, unidades operativas que actúan baixo a dependencia da Dirección do instituto, á cal lle corresponde garantir os criterios de uniformidade e coordinación na actuación deste.

2. Compón a Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia, que terá sede na cidade de Santiago de Compostela, os seguintes órganos centrais:

a) Director do instituto.

b) Consello de Dirección.

3. O Instituto de Medicina Legal de Galicia dispón de Servizo de Patoloxía e de Servizo de Clínica Médico-Forense.

4. O instituto estrutúrase territorialmente nas seguintes unidades:

a) Subdirección territorial da Coruña: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.

b) Subdirección territorial de Ferrol: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.

c) Subdirección territorial de Santiago de Compostela: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Arzúa, A Estrada, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.

d) Subdirección territorial de Lugo: o seu ámbito territorial é o da provincia de Lugo.

e) Subdirección territorial de Ourense: o seu ámbito territorial de actuación é o da provincia de Ourense.

f) Subdirección territorial de Pontevedra: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

g) Subdirección territorial de Vigo: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño, Tui e Vigo.

5. As subdireccións territoriais dependen xerarquicamente da Dirección do Instituto e disporán de servizos administrativos.

Capítulo II

Órganos centrais

Artigo 6º.-O director do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

1. Á fronte do Instituto de Medicina Legal de Galicia estará o seu director, que será nomeado segundo o previsto na normativa vixente.

2. O director do instituto une as súas funcións propias ás do cargo de subdirector da unidade territorial de Santiago de Compostela.

3. O posto de director non implicará para o seu titular a dispensa do seu traballo como médico forense, sen prexuízo da liberalización parcial de actividades que o director do instituto, por proposta do Consello de Dirección, pode acordar ao aprobar as normas sobre repartición do traballo.

4. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade será substituído por un subdirector.

Artigo 7º.-Funcións do director.

1. Correspóndenlle ao director do Instituto de Medicina Legal de Galicia as seguintes funcións:

a) Exercer a representación do instituto.

b) Manter a debida relación coa Dirección Xeral de Xustiza e presentarlle o plan anual de actuación do instituto para a súa aprobación; tamén presentará ante a mesma dirección xeral a memoria anual dos servizos, traballos e actuacións, xunto coa proposta do anteproxecto de orzamento anual do instituto.

c) Coidar na orde administrativa e laboral do bo funcionamento dos servizos, da atención aos interesados e ao público en xeral; para estes efectos cursaralles instrucións ás respectivas subdireccións territoriais.

d) Aprobar a proposta de distribución das quendas de gardas e as normas sobre repartición de funcións e asuntos entre os médicos forenses, presentadas polo Consello de Dirección.

e) Vixiar e inspeccionar o funcionamento dos servizos e o cumprimento da xornada de traballo e horario de traballo de todo o persoal do instituto.

f) Solicitarlles ás autoridades competentes a incoación de expedientes disciplinarios con relación ao persoal destinado no instituto, de conformidade coa normativa reguladora do estatuto xurídico do persoal correspondente.

g) Presentarlle á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local as propostas de adquisición de medios materiais e proporlle as modificacións das relacións de postos de traballo.

h) Desempeñar as demais funcións recoñecidas ao director do Instituto de Medicina Legal na normativa vixente.

2. Salvo que outra cosa estableza a normativa vixente, os actos administrativos do director do instituto non esgotan a vía administrativa e contra eles pódese recorrer ante a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Artigo 8º.-O Consello de Dirección.

1. O Consello de Dirección estará presidido polo director e integrado, como membros natos, polos subdirectores e xefes de servizo e, como membros electivos, por dous médicos forenses. O secretario será elixido polo Consello entre os vogais deste.

2. Os médicos forenses serán elixidos por votación libre e secreta do persoal que preste servizos no instituto, por un mandato de catro anos. Cesarán no seu cargo polo transcurso deste prazo. Tamén cesarán cando deixasen de prestar servizos no ámbito do Instituto de Medicina Legal de Galicia e por renuncia. Cando o mandato finalice por transcurso do prazo os vogais manterán a súa condición de membros ata que sexan elixidos os novos vogais.

3. En todo o non previsto no réxime xurídico e de funcionamento do Consello de Dirección axustarase ao establecido para os órganos colexiados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común o establecido.

Artigo 9º.-Funcionamento do Consello de Dirección.

1. Serán funcións do Consello de Dirección as seguintes:

a) Asesorar o director no exercicio das súas funcións.

b) Aprobar as directrices técnicas e protocolos xerais de actuación dos servizos.

c) Realizar propostas e colaborar co director na coordinación dos traballos desenvolvidos polo Instituto de Medicina Legal.

d) Proporlle ao director o plan de actuación do instituto e cooperar no deseño final deste.

e) Colaborar co director nas propostas de modificación da relación de postos de traballo do instituto.

f) Coordinar co director a elaboración da proposta de anteproxecto de orzamento anual do instituto.

g) Redactar anualmente a memoria dos servizos, traballos e actuacións do instituto, que recollerá cantas observacións e comentarios se consideren pertinentes para a mellora dos servizos prestados á Administración de Xustiza.

h) Proporlle ao director do instituto as quendas de gardas e as normas sobre reparto de funcións e asuntos entre os médicos forenses. Proporlle as adquisicións de material ao director do instituto.

i) Propor a creación da Comisión de Docencia e Investigación.

l) Elaborar e aprobar o Regulamento de funcionamento interno do Consello, logo do informe da Dirección Xeral de Xustiza.

m) Emitir informe os convenios a que se refire o artigo 11º deste regulamento.

2. O Consello de Dirección reunirase periodicamente, polo menos unha vez cada dous meses, convocado polo presidente por iniciativa propia ou por pedimento dos vogais que representen a metade dos seus membros.

Artigo 10º.-A Comisión de Docencia e Investigación.

1. Poderá crearse no Instituto de Medicina Legal de Galicia, por proposta do Consello de Dirección, unha Comisión de Docencia e Investigación, órgano superior de asesoramento en materia de formación, docencia e investigación que terá a súa sede en Santiago de Compostela. A presidencia da comisión corresponderalle a un catedrático ou profesor universitario.

2. Esta comisión estará integrada por tres catedráticos ou profesores universitarios, tres médicos forenses designados por proposta do Consello de Dirección, e o director do instituto. A excepción deste, o presidente e demais membros da comisión serán nomeados por orde da consellería competente por razón da materia por un período de catro anos e cesarán unha vez transcorrido o prazo polo que foron nomeados.

3. Por proposta da comisión poderán participar nela outros expertos cando a especificidade da materia o aconselle.

4. Correspóndelle á Comisión de Docencia e Investigación impulsar a formación, a docencia e a investigación. Emitirá informes, se é o caso, sobre os programas das probas selectivas. Proporalle ao director os proxectos de investigación do instituto e desempeñará aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas no momento da súa constitución.

5. A comisión establecerá as súas normas de funcionamento interno.

Artigo 11º.-Dos convenios co Servizo Galego de Saúde, coas universidades e con outros entes públicos.

1. A consellería competente poderá establecer convenios de colaboración co Servizo Galego de Saúde dirixidos á utilización polo Instituto de Medicina Legal de Galicia de locais, servizos e medios tecnolóxicos para o seu funcionamento; no ámbito deste convenio poderá preverse o acceso á rede pública de saúde para a realización de análises histopatolóxicas, radiolóxicas e outras probas especializadas, así como para a emisión de informes médicos psiquiátricos e doutras especialidades.

2. O instituto colaborará coas universidades e con outras institucións no ámbito da actividade docente, para a formación e investigación mediante instrumentos de cooperación asinados pola consellería competente por razón da materia.

3. A través de convenios e doutros instrumentos asinados pola consellería competente e a universidade, poderá regularse a relación do Instituto de Medicina Legal de Galicia co Instituto de Medicina Legal da

Universidade de Santiago de Compostela para a utilización dos seus servizos.

En particular, poderá regularse a cooperación do servizo de laboratorio do instituto universitario na investigación médico-legal, sen prexuízo das competencias que lle corresponden ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, como centro de referencia na materia.

Capítulo III

Órganos de funcionamento: subdireccións territoriais e servizos técnicos

Artigo 12º.-Organización das unidades territoriais.

1. O Instituto de Medicina Legal de Galicia organízase en subdireccións territoriais, unidades as que lles corresponde desenvolver as actividades médico-forenses no seu respectivo ámbito de actuación.

Malia esta división territorial, o Instituto de Medicina Legal de Galicia actuará con criterios de unidade e uniformidade.

2. Nos servizos do Instituto de Medicina Legal poderanse crear seccións por razóns derivadas do volume de traballo, da súa complexidade ou da súa especialidade; tamén poderá variarse o número das seccións e a súa denominación cando así o aconsellen razóns técnicas ou organizativas.

3. A creación, variación ou supresión das seccións levarase a cabo a través das relacións de postos de traballo.

Artigo 13º.-Subdireccións territoriais.

1. O Instituto de Medicina Legal de Galicia contará con sete subdireccións territoriais, que terán como ámbito de actuación o establecido no artigo 4º deste regulamento.

2. As subdireccións territoriais son os centros de traballo dos médicos forenses e do resto do persoal do instituto e dos centros de destino deste persoal.

3. Excepcionalmente, de forma xustificada, cando o requiran necesidades de carácter extraordinario e para actuacións concretas, os médicos forenses poderán prestar servizos en subdireccións diferentes de acordo coas instrucións do director do instituto, con dereito ás indemnizacións procedentes por razón de servizo.

4. Os médicos forenses exercerán as funcións asignadas aos servizos de clínica e de patoloxía do instituto, segundo establezan as normas de distribución do traballo na subdirección, agás os xefes de servizo, xefes de sección e médicos forenses especialistas, que exercerán as funcións relacionadas coa súa área específica.

5. As normas de distribución do traballo terán en especial consideración o criterio de permanencia e estabilidade no desempeño de funcións, sen prexuízo da debida atención das necesidades do servizo de carácter conxuntural, de carácter urxente ou de carácter extraordinario e da redistribución de funcións e

substitucións en casos de enfermidade, permiso, licenza ou ausencia dun médico forense.

6. A distribución das quendas de garda realizarase de conformidade coa normativa vixente na materia e garantirá a intervención de polo menos dous médicos forenses en cada quenda. En todo caso, esta distribución debe garantir o cumprimento dos prazos establecidos na Lei de axuizamento criminal e demais leis procesuais para a realización de recoñecementos e emisión de ditames, especialmente no caso de xuízos rápidos e dilixencias urxentes.

Artigo 14º.-Dos subdirectores.

1. Os postos de subdirector proveranse mediante o procedemento de libre designación, logo de convocatoria pública, entre médicos forenses en activo con ao menos cinco anos de experiencia.

2. Correspóndelle ao subdirector o desempeño das funcións seguintes:

a) Exercer a representación do instituto no seu respectivo ámbito territorial.

b) Manter a debida relación coas autoridades xudiciais e fiscais e co director do instituto, a quen auxiliará no exercicio das súas funcións.

c) Executar o plan anual de actuación do instituto no ámbito da súa subdirección territorial.

d) Formularlle e presentarlle ao Consello de Dirección a proposta de plan anual de actuación da subdirección.

e) Organizar o funcionamento da subdirección, procurando obter a máxima eficiencia.

f) Exercer a xefatura de todo o persoal da subdirección, funcionario e laboral.

g) De conformidade coas normas sobre repartición de funcións e asuntos aprobadas pola dirección, coordinar e distribuír de forma equitativa e ponderada os traballos que deben realizarse, os cales serán de obrigado cumprimento para os médicos forenses.

h) Comunicarlles aos xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas do Rexistro Civil do seu ámbito territorial as quendas de gardas e normas sobre repartición de funcións e asuntos aprobadas, e as súas modificacións, así como as substitucións de persoal que se produzan.

i) Velar polo exacto cumprimento das funcións dos médicos forenses e o persoal adscrito á subdirección.

l) Elaborar e presentarlle ao Consello de Dirección as quendas de gardas que, de conformidade coa normativa legal, se deban realizar no ámbito da súa subdirección territorial.

m) Ser oído, verbalmente ou por escrito, polo director antes de resolver calquera cuestión en materia de persoal que afecte á subdirección territorial.

n) Formular as necesidades de formación no ámbito da respectiva subdirección.

o) Vixiar e inspeccionar o cumprimento do horario de traballo do persoal da subdirección, e darlle conta ao director das disfuncións detectadas.

p) Informar o director daquelas actuacións do persoal que puidesen ser motivo da apertura de expediente disciplinario.

q) Elaborar e presentar ante o Consello de Dirección a memoria anual dos servizos, traballos e actuacións da respectiva subdirección.

r) Difundir as directrices recibidas da Dirección do Instituto entre o persoal.

s) Informar o director e o Consello de Dirección da marcha da subdirección, dos seus traballos e das súas incidencias.

t) Informar o Consello de Dirección da necesidade de adquisición do novo material, instrumentos, bibliografía ou da incorporación de novas técnicas.

u) Desempeñar todas aquelas funcións que expresamente lle delegue o director do instituto.

3. O posto de subdirector non implicará para o seu titular a dispensa do seu traballo como médico forense, sen prexuízo da liberalización parcial de actividades que o director do instituto, por proposta do Consello de Dirección, pode acordar ao aprobar as normas sobre repartición do traballo nas subdireccións.

4. En ausencia do subdirector, asumirá as súas funcións o xefe de servizo ou de sección designado polo director do instituto.

Artigo 15º.-Dos xefes de servizo e dos xefes de sección.

1. Os postos de xefes de servizo e de sección do instituto serán provistos mediante o procedemento de concurso entre funcionarios pertencentes ao corpo de médicos forenses.

2. Os xefes de servizo e os xefes de sección, dentro do campo da medicina forense que respectivamente lles corresponda e baixo a dependencia do subdirector, terán as funcións seguintes:

a) Organizar o funcionamento do servizo ou sección, tendendo a obter o seu máximo rendemento e coidando do cumprimento das obrigas de cada un dos seus membros.

b) Coordinar e supervisar as actividades; neste ámbito de actuación impartiralles aos médicos forenses da respectiva subdirección os criterios científicos necesarios para garantir as calidades das pericias, respectando os protocolos de actuación e directrices aprobadas polo Consello de Dirección.

c) Proporlle ao Consello de Dirección, por medio do subdirector, a aprobación de protocolos de actuación e as directrices técnicas propias do seu ámbito de actuación.

d) Realizar estudos para o coñecemento da práctica médico-legal nas áreas comprendidas no seu servizo ou sección.

e) Realizar propostas de mellora no eido da medicina forense que lle corresponda.

f) Recoller e presentarlle ao subdirector os datos estatísticos sobre a actividade médico-forense no ámbito do servizo respectivo.

g) Exercer calquera outra función que lle encomende o director ou subdirector.

3. Os postos de xefes de servizo non implicarán para os seus titulares a dispensa do traballo habitual que lles correspondería realizar na súa condición de médicos forenses.

4. A designación dos substitutos dos xefes de servizo correspóndelle ao director do instituto.

Artigo 16º.-Servizo de Patoloxía Forense.

1. Ao Servizo de Patoloxía Forense, que se prestará a través das áreas de patoloxía forense de cada subdirección, corresponderanlle as investigacións médico-legais nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade que ocorresen na demarcación da subdirección e que sexan ordenadas pola autoridade xudicial, así como a identificación de cadáveres e restos humanos.

2. O xefe de servizo ou de sección respectivo establecerá as pautas de actuación nas actividades descritas no parágrafo precedente, seguindo os protocolos xerais aprobados polo Consello de Dirección.

3. As prácticas necrópsicas realizaranse en locais propios ou concertados con outras institucións. O director do instituto poderá habilitar outros locais para determinadas autopsias ou recoñecementos de cadáveres e restos humanos. Excepcionalmente, o subdirector pode autorizar a súa realización en lugares diferentes; estas autorizacións deben ser postas de forma inmediata en coñecemento do director do instituto.

4. Poderán crearse seccións de histopatoloxía para o estudo microscópico das pezas obtidas nas autopsias. As demais funcións serán asumidas pola sección xeral.

Artigo 17º.-Servizo de Clínica Médico-Forense.

1. Ao Servizo de Clínica, que se prestará a través das áreas de clínica médico-forense de cada subdirección, correspóndenlle as peritaxes médico-legais respecto das persoas vivas e as peritaxes psicolóxicas.

2. Correspóndelle a este servizo o exame dos lesionados, o seu control periódico, así como a valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, os informes psiquiátricos e as investigacións nos supostos de delitos contra a liberdade sexual.

3. Así mesmo, incúmbelle ao servizo a asistencia ou vixilancia facultativa dos detidos que estean á disposición xudicial.

4. O xefe de servizo ou de sección respectivo establecerá os protocolos de actuación dos médicos forenses nas actividades periciais descritas nos parágrafos anteriores, seguindo os protocolos xerais aprobados polo Consello de Dirección.

5. As funcións de clínica serán desenvolvidas no ámbito do partido xudicial.

Artigo 18º.-Seccións do Servizo de Clínica.

1. Poderán establecerse seccións de clínica médico-forense, de valoración do dano corporal, de psiquiatría forense e de psicoloxía forense no servizo previsto no artigo anterior.

2. A sección de clínica médico-forense é unha sección xeral que comprende as funcións de medicina forense indicadas no artigo anterior. Estas funcións poderán distribuírse coa creación de seccións de valoración de dano corporal e de psiquiatría forense.

3. As funcións da Sección de Valoración do Dano Corporal serán relativas á emisión dos ditames sobre as persoas lesionadas e á valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais.

4. As funcións da Sección de Psiquiatría Forense serán as relativas á emisión dos ditames que a autoridade xudicial ou o Ministerio Fiscal requirisen sobre estas especialidades.

5. A Sección de Psicoloxía Forense encargarase da emisión das peritaxes psicolóxicas que lle sexan solicitadas polas autoridades xudiciais de oficio, por pedimento do Ministerio Fiscal ou de parte con dereito a asistencia xurídica gratuíta en procesos penais, de familia ou en que interveñan menores ou persoas desvalidas ou necesitadas de protección. Estas funcións serán desenvolvidas por psicólogos integrados nos cadros de persoal do instituto.

Artigo 19º.-Consultorios médico-forenses.

Nos partidos xudiciais en que non radiquen a sede do Instituto de Medicina Legal ou dunha subdirección existirá un consultorio médico-forense para realizar as actividades do servizo de clínica, reservándose para estes efectos locais adecuados nos edificios xudiciais.

Artigo 20º.-Servizo administrativo.

1. Cada subdirección territorial, baixo a dependencia directa do subdirector, contará coa infraestrutura persoal e material adecuada para realizar as tarefas administrativas, de almacenamento e arquivo.

2. Ao servizo administrativo, atendido por persoal funcionario da Administración de xustiza, correspóndenlle as funcións seguintes:

a) Transcrición dos informes emitidos polos médicos forenses, psicólogos e persoal facultativo e doutros documentos de carácter administrativo que lle sexan encomendados por estes.

b) Atención ao público.

c) Establecemento e control dos servizos de cita previa para o recoñecemento e demais actuacións cos interesados.

d) Rexistro de asuntos e expedientes.

e) Organización da axenda de comparecencias en xuízo.

f) Control de arquivos e expedientes.

g) Estudo, provisión e custodia de medios materiais.

h) Arquivo de documentación.

Artigo 21º.-Laboratorio forense.

1. Sen prexuízo das competencias do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, a realización das análises biolóxicas, clínicas e de toxicoloxía poderá ser obxecto de convenio con outra institución, segundo o establecido no artigo 11º deste regulamento.

2. Así mesmo, de conformidade co previsto no Regulamento de institutos de medicina legal, poderá crearse no Instituto de Medicina Legal de Galicia un servizo de laboratorio con ámbito de actuación en todo o territorio de Galicia.

Capítulo IV

Persoal do instituto

Artigo 22º.-Persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

1. Teñen consideración de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia:

a) Os médicos forenses dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.

c) O persoal laboral da categoría auxiliar de autopsias.

2. Tamén poderán estar destinados no instituto os funcionarios dos corpos de facultativos, técnicos especialistas e axudantes de laboratorio do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses; así mesmo, poderán prestar servizos como persoal laboral psicólogos, diplomados universitarios en enfermaría ou axudantes técnicos sanitarios e outro persoal laboral.

Artigo 23º.-Relación de postos de traballo.

1. Nas relacións de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal comprenderanse todos os postos adscritos ás diferentes subdireccións territoriais do instituto.

2. As relacións de postos de traballo e as súas modificacións aprobaranse de conformidade coa normativa aplicable aos diversos funcionarios e persoal laboral que nelas se integran.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA