DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 10 de maio de 2005 Páx. 7.794

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 102/2005, do 28 de abril, polo que se crea o Consello do Deporte de Galicia.

Preámbulo.

En virtude do disposto no artigo 27.22º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume competencias na materia de promoción do deporte e da axeitada utilización do lecer. No exercicio desta competencia, o Parlamento galego aprobou a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, norma en que, regulando o feito deportivo na nosa comunidade, establece e delimita as competencias e a participación dos diversos axentes implicados no eido deportivo galego, como son, e entre outros, as administracións públicas, as universidades ou os diferentes suxeitos deportivos.

Cunha vocación integradora e participativa de todos os axentes sociais con incidencia na actividade deportiva e no deporte, e configurándose como un organismo aberto e plural que sirva como pauta de reflexión, posta en común e intercambio de coñecementos, créase o Consello do Deporte de Galicia, órgano consultivo, de participación e de asesoramento en materia deportiva da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O consello pretende ser un foro de debate daquelas persoas que, por razón do seu cargo ou pola súa probada actividade e participación no mundo do deporte, teñan un vínculo próximo a este. Preténdese así axuntar os coñecementos dos distintos sectores con incidencia no amplo mundo do deporte, de xeito que poidan achegar as súas experiencias desde unha perspectiva empírica e analítica.

Atendendo a estas consideracións, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e por proposta da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, en uso das atribucións que lle son concedidas pola Lei 1/1983, de 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 22 de outubro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a creación do Consello do Deporte de Galicia, órgano colexiado adscrito á consellería con competencias na materia deportiva, que asume funcións consultivas e de asesoramento no eido deportivo.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións do Consello do Deporte de Galicia:

1. Impulsar a investigación, o estudo, a documentación e a difusión das Ciencias do Deporte e a Actividade Deportiva.

2. Emitir ditame naquelas materias que lle soliciten as administracións públicas e entidades con competencias na materia deportiva.

3. Formular propostas que redunden nunha mellora do deporte en Galicia.

4. Calquera outras que lle sexan atribuídas.

Artigo 3º.-Composición.

1. O Consello do Deporte de Galicia estará composto polos seguintes membros:

A. Presidente ou presidenta: o/a titular da presidencia da Xunta de Galicia. O/a presidente/a do Consello do Deporte de Galicia poderá delegar na persoa do/da vicepresidente/a do consello.

B. Vicepresidente ou vicepresidenta: o/a titular da consellería con competencias na materia do deporte.

C. Vogais:

I. O/a titular da dirección xeral con competencias no eido deportivo.

II. Un/unha representante da consellería con competencias na materia educativa, designado/a polo/a titular da devandita consellería.

III. Oito presidentes/as das federacións deportivas galegas, cinco polas federacións con modalidades deportivas olímpicas, dous/dúas polas non olímpicas e un/unha polas federacións deportivas de deportistas con minusvalidez. Todos eles/elas serán nomeados/as polo/a presidente/a da Xunta de Galicia.

IV. Cinco expertos/as de recoñecido prestixio no mundo do deporte galego, nomeados/as polo/a presidente/a da Xunta de Galicia.

V. Os/as vicerrectores/as responsables do deporte universitario das tres universidades galegas.

VI. Os/as catro diputados/as provinciais responsables do deporte.

VII. Catro representantes de concellos designados a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias.

VIII. Ata un máximo de dez deportistas, técnicos e xuíces/xuízas de recoñecido prestixio polo seu historial deportivo, en activo ou non, nomeados/as todos eles/as polo/a presidente/a da Xunta de Galicia.

IX. O/a director/a xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia.

X. Os/as presidentes/as do Colexio de Periodistas de Galicia e da Federación Galega de Prensa Deportiva.

XI. Un/unha representante dos colexios oficiais de Galicia de arquitectos, de medicina, de farmacia, de psicoloxía e de licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte, designados/as todos eles/as por proposta dos seus respectivos colexios.

XII. O/a presidente/a do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

XIII. O/a titular da Subdirección de Deportes, quen actuará como secretario/a.

2. Os/as vogais que non veñan designados/as por razón do cargo serán designados/as e cesados/as libremente polo/a presidente/a da Xunta de Galicia, salvo os/as mencioados/as nos números III, VII e XI do punto anterior, que serán cesados/as por proposta das mesmas entidades que os/as propuxeron. Asemade, producirase o cesamento dos vogais no momento de cesar nos cargos que deron lugar ao seu nomeamento e, en todo caso nos supostos referenciados nos números II, III, IV, VII, VIII e XI do punto anterior, polo transcurso de tres anos desde o seu nomeamento.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. O Consello do Deporte de Galicia organízase en Pleno e en comisións técnicas.

2. O Pleno é o órgano superior de decisión e formación da vontade do consello e estará composto polo membros relacionados no artigo 3º deste decreto.

3. O consello reunirase en sesión plenaria e ordinaria, polo menos, unha vez ao ano. Poderá reunirse, asemade, en sesión extraordinaria mediante convocatoria do/a seu/súa presidente/a.

4. Para a válida constitución do órgano para efectos de celebración de sesións, deliberacións ou adopción de acordos, requirirase a presenza do/a presidente/a ou, se é o caso, de quen o/a substitúa, o/a secretario/a e, polo menos, a metade dos/as vogais en primeira convocatoria. Para a celebración en segunda convocatoria, será suficiente coa presenza do/a presidente/a, ou persoa que o substitúa, o/a secretario/a e calquera que sexa o número de vogais presentes, e entenderase producida, a convocatoria, con carácter automático transcorrida media hora desde a sinalada para a primeira.

5. O consello aprobará o seu réxime ordinario de sesións e, se é o caso, o das reunións das comisións ou relatorios, e elaborará o seu Regulamento de réxime interno, así como as súas posibles modificacións.

Artigo 5º.-Comisións técnicas.

1. Para o mellor exercicio das funcións do consello poderán crearse polo Pleno comisións técnicas co fin de estudar e debater asuntos que resulten de especial interese xeral para a administración deportiva de Galicia e así sexan cualificados polo Pleno do consello.

2. O/a presidente/a e os membros de cada comisión técnica serán designados/as polo/a presidente/a do Pleno do consello de entre os membros deste órgano. Cada comisión técnica elixirá un/unha secretario/a de entre os seus membros.

3. As comisións técnicas estarán integradas por un máximo de nove membros.

4. O funcionamento e sistema de acordos das comisións técnicas será establecido mediante acordo do Pleno do consello ou, se é o caso, polo Regulamento de réxime interno.

Disposición adicional

O funcionamento do Consello do Deporte de Galicia axustarase ao regulado no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Facúltase o/a titular da consellería con competencias na materia de deportes para ditar as disposicións de desenvolvemento deste decreto, salvo as relativas ao funcionamento interno do consello que serán establecidas por el mesmo, e a adoptar cantas actuacións sexan necesarias para a súa execución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA