DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 06 de maio de 2005 Páx. 7.678

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 99/2005, do 21 de abril, polo que se regula a formación e o uso de desfibriladores externos por persoal non médico.

O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde e declara que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, ten por obxecto a regulación xeral de todas as accións que permitan facer efectivo o dereito á protección da saúde, e determina entre os seus principios xerais que as actuacións das administracións públicas garantirán a asistencia sanitaria en todos os casos de perda da saúde.

De conformidade co anterior, o artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á comunidade autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior; e o parágrafo 4º do mesmo artigo establece que a comunidade autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de Sanidade e Seguridade Social, reservándose o Estado a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.

Por outra banda, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, reflicte o exercicio daquelas competencias, asegurando a efectividade do dereito dos cidadáns á protección da súa saúde, recoñecido no artigo 43 e concordantes da Constitución española; mediante a ordenación dos recursos, actividades, servizos e prestacións que teñan por finalidade a promoción e protección da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a rehabilitación, a través da rede galega de atención sanitaria de utilización pública, que abrangue -segundo o artigo 2.1º- cantos recursos, actividades, servizos e prestacións contribúan a facer efectivo aquel dereito constitucional no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e entre os que se inclúe evidentemente unha asistencia de urxencia que dispoña dos recursos necesarios para salvagardar a vida do paciente.

O Decreto 172/1999, do 27 de maio, autorizou a constitución da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e aprobou os seus estatutos que citan entre as súas finalidades (artigo 5) as de xestión e coordinación das demandas de asistencia

sanitaria en casos de emerxencia ou urxencia, xestión e coordinación do transporte sanitario urxente de soporte vital básico e avanzado, así como a formación e investigación en materia de coordinación e asistencia sanitaria urxente, tanto do seu persoal coma da poboación e os profesionais.

De todas as situacións de emerxencia sanitaria, a parada cardiorrespiratoria non esperada recóllese como unha situación única, na que o obxectivo é recuperar a vida, evitando ou minimizando as secuelas. As causas máis frecuentes desta situación nun adulto, no medio extrahospitalario, son a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular, que teñen como tratamento a desfibrilación eléctrica, consistente na aplicación dunha descarga eléctrica no peito do paciente, tal e como recomenda a comunidade científica.

Para acadar a máxima supervivencia dos pacientes nestas situacións débese realizar un diagnóstico rápido e un tratamento inmediato que, de cotío, non pode agardar a chegada de profesionais sanitarios ou o ingreso nun centro ou servizo asistencial.

Nestas situacións, tanto a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos -desfibriladores externos automáticos e semiautomáticos- coma o seu emprego por persoal debidamente formado, resultan necesarios para abordar de inmediato as situacións de parada cardiorrespiratoria e para o éxito da manobra de recuperación, garantindo en todo momento a cadea asistencial.

Así, o Decreto 251/2000, do 5 de outubro, estableceu no seu día os requisitos da formación inicial e continuada do persoal non médico que o capacitase para o uso do desfibrilador semiautomático externo, e regulou o procedemento de acreditación do persoal non médico que pode facer uso destes aparellos, así como a acreditación das entidades que poden impartir a formación necesaria.

Tendo en conta o avance dos medios técnicos dispoñibles na actualidade, a proliferación dos mesmos e as necesidades detectadas no desenvolvemento e posta en práctica da normativa xerada, faise necesario renovar os parámetros normativos para dar resposta a todas estas cuestións, para atender as situacións que poidan producirse no seu ámbito, así como as condicións de uso destes aparellos, con suxeición a unhas normas mínimas comúns que permitan o seguimento e control necesarios para a correcta utilización daqueles aparellos.

Estamos diante dunha norma que insire claramente o réxime dos desfibriladores externos de uso extrahospitalario dentro do ámbito da participación comunitaria en actividades sanitarias, é dicir, actuacións, recursos e medios achegados pola sociedade civil, como é propio dunha sociedade madura e solidaria, ao servizo do dereito constitucional á saúde, servindo á prevención dunha integral atención da saúde dos cidadáns. Por isto, a responsabilidade polo mantemento e utilización do aparello compete á entidade, empresa, establecemento ou servizo que o teña esta

blecido, sen prexuízo do xustificado exercicio da función de control e supervisión de que poida facer uso a Administración sanitaria.

Por todo o anterior e de conformidade cos antecedentes normativos citados, procede abordar a regulación da utilización dos desfibriladores externos por persoal non médico, co obxecto de dar eficaz e ampla cobertura ás exixencias de utilización destes aparellos que as situacións de emerxencia impoñen.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de conformidade co ditame nº 186/2005 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as normas relativas a:

a) Condicións de uso extrahospitalario dos desfibriladores externos cos que contan as entidades, empresas, establecementos ou servizos non sanitarios, privados ou públicos.

b) Formación necesaria para a utilización e manexo de desfibriladores externos (automáticos/semiautomáticos) por persoal non médico no ámbito extrahospitalario, e a súa acreditación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do previsto nesta norma enténdese por desfibrilador externo -automático ou semiautomático- o equipo técnico homologado, capaz de analizar o ritmo cardíaco, identificar as arritmias mortais e administrar unha descarga eléctrica coa finalidade de restablecer un ritmo cardíaco viable, con altos niveis de seguridade.

Capítulo II

Condicións para o uso extrahospitalario dos desfibriladores externos

Artigo 3º.-Obrigas e responsabilidades.

As entidades, empresas, establecementos ou servizos non-sanitarios que conten cun desfibrilador externo, terán as seguintes responsabilidades:

a) Comunicar á Central de Urxencias Sanitarias-061 a dispoñibilidade do desfibrilador externo, segundo modelo que se recolle no anexo I desta norma. Recibida a comunicación, a Central de Urxencias Sanitarias xustificará recepción da mesma.

b) Dispor da dotación material mínima que determina o anexo II deste decreto.

c) Sinalizar a existencia dun desfibrilador externo nas súas dependencias, cun distintivo que informe

da existencia do dispositivo e da dispoñibilidade de persoal capacitado para o seu manexo.

d) Proporcionarlle ao persoal encargado do manexo do desfibrilador externo a formación, reciclaxe e coñecementos necesarios para o seu uso.

e) Manter un rexistro actualizado cos datos de formación, identificación e actualización anual de coñecementos, do persoal destinado ao manexo do desfibrilador, dándolle conta á Central de Coordinación do 061 das variacións que se produzan. Recibida a comunicación, a Central de Urxencias Sanitarias xustificará recepción da mesma.

f) Efectuar a revisión e mantemento axeitados do desfibrilador externo do que dispoña, seguindo as instrucións do fabricante, de xeito que o desfibrilador e os seus accesorios se atopen en perfecto estado de uso.

g) Responsabilizarse da remisión da documentación e información a que se refire esta norma.

h) Cumprir as recomendacións de uso dos desfibriladores que lle sexan notificadas pola Consellería de Sanidade, ben directamente ou ben a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Artigo 4º.-Uso de desfibriladores.

1. O uso de desfibriladores externos homologados, coas características que se describen no artigo 2º, só poderá realizarse por persoal que acredite a formación, coñecementos e habilidades necesarios, regulados por esta norma, a través dos correspondentes programas de formación e actualización de coñecementos.

2. A utilización do desfibrilador externo efectuarase baixo a supervisión e responsabilidade dun médico que seguirá a manobra ben presencialmente, ou ben a través da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Para tales efectos, a devandita Central de Coordinación levará un control dos desfibriladores externos existentes en centros non sanitarios, e unha relación das persoas acreditadas para o seu manexo.

Artigo 5º.-Documentación e comunicación das intervencións.

1. O uso do desfibrilador externo comporta, en todo caso, a obriga de contactar inmediatamente coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, co obxecto de garantir a debida continuidade asistencial e o seguimento médico da persoa afectada.

2. Sen prexuízo do anterior, a utilización do desfibrilador externo implicará a obriga por parte do persoal que utilice o desfibrilador de cubrir a folla da asistencia (modelo Utstein) prestada ao paciente que padecese a parada cardiorrespiratoria. Cubrila aquela, remitirase ao centro de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como a copia informatizada do suceso recollida no sistema de datos do desfibrilador.

Capítulo III

Autorización das entidades de formación

Artigo 6º.-Autorización das entidades de formación.

1. A formación ao persoal non-médico para o manexo de desfibriladores externos a que se refire este decreto, será impartida pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e por outras entidades que, segundo ao disposto neste decreto, sexan autorizadas.

2. Para tal efecto, a entidade interesada presentará a correspondente solicitude dirixida á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade. Xunto coa solicitude de autorización achegarase xustificación documental dos seguintes extremos:

a) Copia compulsada do DNI ou CIF da entidade ou representante legal.

b) Copia compulsada da titulación del responsable da formación e do persoal formador.

c) Programas de formación que se propoña impartir, de conformidade co contido mínimo determinado no anexo V deste decreto.

d) Copia compulsada do título xurídico que xustifique a dispoñibilidade de instalacións axeitadas para impartir a formación.

e) Relación do persoal formador, integrado por instrutores e monitores de soporte vital, con titulación axeitada e recoñecidos polo European Resucitation Council ou pola American Heart Association.

f) Medios materiais suficientes para a docencia, segundo determina o anexo VI deste decreto.

Se a solicitude ou documentación presentada non reúnen os requisitos que sinala este artigo, ou non se presenta toda a documentación necesaria, por parte do órgano competente da Consellería de Sanidade requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días subsane a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 7º.-Resolución de autorización.

1. Examinada a solicitude e a documentación xustificativa presentada, e solicitados os datos e información complementarios que se consideren necesarios, o secretario xeral da Consellería de Sanidade emitirá a correspondente resolución, logo de informe da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

2. A dita resolución notificaráselle ao interesado de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para resolver e notificar estas solicitudes será de 3 meses; transcorrido o dito prazo sen resolución expresa entenderase concedida a autorización.

Artigo 8º.-Recursos.

Contra as resolucións do secretario xeral da Consellería de Sanidade poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes ante o conselleiro de Sanidade, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Revogación.

1. Previo informe da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de oficio ou por instancia de parte, o secretario xeral da Consellería de Sanidade poderá revogar a autorización administrativa, logo de audiencia ao interesado, tanto por incumprimento dos requisitos nos que se baseou o outorgamento da autorización como por incumprimento de calquera outro dos exixidos neste decreto.

2. Constitúen, en calquera caso, causas de revogación da autorización as seguintes:

a) O non mantemento das condicións ou contidos baixo os que se autorizou a entidade á realización dos cursos de formación.

b) As deficiencias ou incumprimentos da normativa aplicable postas de manifesto durante o exercicio das facultades de inspección e control por parte da Administración.

3. A resolución da revogación notificaráselle ao interesado, de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Vixencia e renovación da autorización.

1. A vixencia da autorización das entidades de formación será de dous anos contados a partir da data de resolución de autorización.

2. Dentro dos tres meses anteriores á expiración do prazo de vixencia da autorización, os interesados poderán solicitar a renovación, segundo o modelo normalizado que figura no anexo IV.

No caso de que se manteñan as condicións que motivaron a autorización, achegarase xunto coa solicitude unha declaración xurada onde se fagan constar que aquelas se manteñen. No caso de que se produza algún cambio con respecto á solicitude de autorización, presentarase a documentación que acredite a dita modificación. Todo isto sen prexuízo das facultades de inspección e comprobación que correspondan á Administración autorizante.

Artigo 11º.-Rexistro de entidades acreditadas.

As entidades de formación acreditadas incorporaranse a un rexistro xestionado pola Subdirección Xeral de Docencia e Investigación do Servizo Galego de Saúde, coa colaboración da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, no que se deixará constancia das entidades de formación acreditadas, e das variacións que se produzan.

Capítulo IV

Formación

Artigo 12º.-Formación.

1. Os programas de formación descritos no anexo V desta norma están dirixidos a posibilitar que o persoal non médico adquira os coñecementos e habilidades necesarias para facer un uso adecuado dos desfibriladores externos ante situacións de paradas cardiorrespiratorias que se produzan no ámbito extrahospitalario.

2. Estes programas de formación serán impartidos polas entidades autorizadas e pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que poderá contar co apoio técnico, administrativo e de xestión da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas).

Artigo 13º.-Probas de avaliación.

1. Poderán acceder ás probas de avaliación as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Dispoñer de titulación mínima de graduado.

c) Ter superado a formación inicial en Reanimación Cardiopulmonar (RCP) Básica, e ter actualizados os coñecementos a través da correspondente formación continuada.

d) Ter recibido a formación prevista neste decreto a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ou dunha entidade de formación acreditada.

e) Aboamento dos dereitos que estableza a correspondente resolución de convocatoria.

2. Desenvolvidos os programas de formación a que se refire este decreto, realizaranse as correspondentes probas de avaliación dos coñecementos adquiridos. Para o seu deseño, planificación e desenvolvemento, a Consellería de Sanidade poderá solicitar a colaboración da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), ou doutras entidades públicas ou privadas que poidan contribuír ao seu correcto e axeitado desenvolvemento.

3. As probas de avaliación necesarias para a obtención do certificado individual correspondente constarán dunha parte teórica e doutra práctica, segundo o previsto no anexo V desta norma, e convocaranse mediante resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, que conterá a determinación da entidade encargada da organización e desenvolvemento das probas, a composición dos tribunais encargados de realizalas, e o lugar, o día e a hora das mesmas.

Artigo 14º.-Certificados individuais.

1. Realizadas as probas indicadas no artigo anterior, a Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, en

colaboración coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ou a entidade de formación autorizada, expedirá os correspondentes certificados individuais aos participantes que as superasen.

2. Obtido o certificado acreditativo da formación inicial, o persoal non médico a que se refire este decreto deberá realizar unha actualización anual de coñecementos, que demostre o mantemento ou actualización da capacidade para a utilización en condicións óptimas do desfibrilador, supervisada polo médico do centro, establecemento, instalación ou servizo onde se atope o desfibrilador, ou polos instrutores dos centros acreditados para a formación.

3. Tanto as certificacións individuais expedidas, coma os xustificantes de ter realizado as reciclaxes anuais, serán obxecto do correspondente rexistro e actualización nos centros onde exista un desfibrilador externo e nas entidades que impartan a formación. As variacións que se produzan comunicaranse á Central de Coordinación indicada no artigo 3º.2 deste decreto.

Capítulo V

Inspección e control

Artigo 15º.-Inspección e control.

1. A Consellería de Sanidade, poderá inspeccionar as entidades de formación acreditadas e as instalacións que dispoñan dun desfibrilador, co obxecto de comprobar a adecuación das mesmas ás disposicións contidas neste decreto. Para tal efecto, poderá solicitar os oportunos informes e propostas á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

2. A responsabilidade polos incumprimentos ao disposto neste decreto exixirase de conformidade co previsto no título IX da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tanto o contido dos programas coma os recursos necesarios para impartilos, poderanse modificar mediante orde da Consellería de Sanidade, previo informe da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segunda.-O tratamento dos datos a que fai referencia a este decreto axustarase en todo caso ao que determine a lexislación aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto, e especialmente o Decreto 251/2000, do 5 de outubro.

Disposición transitoria

As entidades que, na data de entrada en vigor deste decreto, dispoñan nas súas instalacións de aparellos desfibriladores externos (automáticos ou semiautomáticos) disporán dun prazo de 3 meses,

contados a partir da data de entrada en vigor desta norma, para adaptarse ás disposicións contidas nela. Transcorrido este prazo, a Administración poderá facer uso das súas facultades de inspección e control, na forma indicada no capítulo V deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

ANEXO II

Dotación material mínimo

-Desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches e sistema de rexistro informatizado dos sucesos.

-Maleta de reanimación con cánulas orofarinxes. De diferentes tamaños.

-Bolsa autoinchable.

-Máscara facial.

-Reservorio de oxíxeno e fonte de oxíxeno, elementos todos eles necesarios para garantir o soporte vital básico.

-Rasuradora e gasas para garantir o correcto uso do desfibrilador.

ANEXO V

Programa de formación inicial do persoal non

médico para o uso do desfibrilador

semiautomático/automático externo

1. Formación inicial.

Esquema de contido e tempo para 18 alumnos.

1. Introdución (30 minutos).

-Historia.

-Definición do problema da PCR na poboación.

-Concepto de cadea de supervivencia.

-Importancia desfibrilación precoz.

-Experiencias noutros países. Experiencia na nosa Comunidade. Lexislación autonómica.

-Énfase no papel do primeiro interveniente na cadea de supervivencia. Os seus actos salvan vidas e cerebros.

-Responsabilidade.

2. RCP básica (30 minutos).

-Anatomía e electrofisioloxía básica do corazón. PCR de orixe cardíaca. FV, TV, asistolia.

-Signos e síntomas da PCR.

-RCP básica.

3. Coñecemento teórico do Desfibrilador Semiautomático/Automático Externo (30 minutos).

-Comprensión. Que é? Para que serve?, protocolos para a súa utilización.

-Control. Rexistro de eventos e voz.

-Seguridade. Para o paciente e para o operador.

-Resolución problemas frecuentes: obesos e mamas grandes, delgados, FV recorrente, MP definitivo implantado, reanimador único.

4. Práctica A (90 minutos).

-Coñecemento do Desfibrilador Semiautomático/Automático Externo (DESA) (45 minutos).

-Práctica vía aérea: boca-boca, balón autoinflamable, máscaras de bolso. Oxíxeno suplementario. Desobstrución vía aérea (45 minutos).

-6 alumnos.

5. Práctica B (90 minutos).

-SVB con 2 rescatadores.

-15 minutos por alumno. 6 alumnos.

6. Práctica C (90 minutos).

-Adestramento con aplicación combinada SVB e DESA con equipos de 2 rescatadores. (Todos os alumnos deben ser líderes e acompañantes).

Obxectivo menos 90 sg.

-15 minutos por alumno. 6 alumnos.

7. Mantemento do DESA e recollida de datos (Utstein) (30 minutos).

8. Avaliación.

-Teórica (15 minutos).

-Práctica: tres profesores en tres clases simultaneamente a 10 minutos por alumno (=60 minutos). Todos os alumnos deben ser líderes e acompañantes.

Partindo do estudo dun caso, incluirá o recoñecemento e identificación dunha situación de parada cardiorrespiratoria (PCR), as manobras de soporte vital básico (SVB), a utilización do desfibrilador externo para analizar o ritmo cardíaco, a aplicación da desfibrilación e, se é o caso, o estudo das reaccións do operador ante diversas circunstancias que poidan presentarse no desenvolvemento do seu cometido.

-Avaliación curso/profesores (15 minutos).

9. Clausura do curso.

ANEXO VI

Materiais suficientes para a docencia

Para clases teóricas:

-Un proxector de diapositivas ou canón de luz con ordenador.

-Unha pantalla de proxección.

Para clases prácticas:

-3 manequíns para práctica de RCP básica.

-3 DESA con todo o material necesario para o seu funcionamento, incluíndo bolsas de transporte.

-3 DESA de adestramento para simular as distintas arritmias.

-3 maletas de reanimación que deben conter cada unha como mínimo: respirador manual autoinchable con reservorio; tubos de guedel de diferentes tamaños; bala de oxíxeno portátil.

-Luvas dun só uso.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL