DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 04 de maio de 2005 Páx. 7.508

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 27 de abril de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións a concellos de menos de vinte mil habitantes para a realización de obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas e para a adquisición de equipamentos deportivos.

Por medio desta orde, preténdese continuar o programa de fomento daquelas actividades que persigan a mellora do parque de inmobles vinculados a usos deportivos pertencentes a concellos.

A Comunidade Autónoma de Galicia conta cun parque de infraestruturas deportivas complexo e cunha calidade na súa dotación cada vez maior. Este extenso inventario de instalacións deportivas co que conta a Administración de Galicia, cun alto e masivo grao de utilización, require de continuos acondicionamentos, adecuacións e melloras para manter o seu estado óptimo de operatividade e para cumprir coas condicións de seguridade, salubridade e hixiene das infraestruturas deportivas de uso colectivo.

Para superar as deficiencias que o uso diario e o paso do tempo producen nestas instalacións deportivas municipais e para acometer novas obras que melloran e complementan os servizos que nelas se

prestan ao cidadán, é necesario levar a cabo frecuentes investimentos que a situación económico-financeira de moitos municipios, sobre todo os máis pequenos, lles impide facer fronte cos suficientes recursos.

A esta insuficiencia de medios inténtase responder desde a Dirección Xeral para o Deporte a través dunha liña de subvencións para o financiamento de investimentos en instalacións deportivas municipais que é a que se regula mediante esta orde.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado existe crédito axeitado e suficiente, na aplicación orzamentaria 14.04.355A.760.0, para as subvencións que se establecen nesta orde. Está efectuada a pertinente retención de crédito para o desenvolvemento desta orde.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que establece no seu artigo 78 (coa redacción que lle deu a este precepto o artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, como consecuencia da nova normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións), o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, e os demais que resultan de xeral aplicación.

Polo exposto e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios destinados para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas e para a adquisición de equipamentos deportivos para instalacións de titularidade pública.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

No marco deste programa só resultarán susceptibles de seren subvencionadas aquelas actuacións que resulten subsumibles nalgúns dos seguintes puntos, atendendo á necesidade ou fin que hai que satisfacer.

2.a) Construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas de titularidade pública.

2.b) Adquisición de equipamento deportivo inventariable para instalacións de titularidade pública.

Terán a consideración de equipamentos deportivos inventariables os aparellos, materiais, elementos e accesorios que teñan por finalidade primordial a práctica do deporte, que non teñan a consideración de material consumible e que estean destinados á práctica deportiva, á realización de adestramentos e/ou competicións.

Non serán obxecto de subvención en ningún caso as adquisicións de equipamentos destinados á súa utilización ou dotación en espazos non destinados á práctica deportiva regrada. Tampouco serán obxecto de subvención as adquisicións que consistan en equipacións deportivas, balóns e pequeno material de análogas características.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios deste programa os concellos de Galicia con menos de vinte mil (20.000) habitantes, de conformidade co padrón publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o 1 de xaneiro de 2004.

Artigo 4º.-Financiamento.

Os créditos para financiar as subvencións reguladas nesta orde están contidos nos orzamentos xerais da Comunidade Aautónoma de Galicia para o ano 2005 con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.355A.760.0 por importe de 1.000.000 de euros.

No caso de que a obra que se vai subvencionar teña carácter plurianual, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá comprometer a subvención a fases de execución futuras de obra ata unha contía máxima de 395.000 euros na anualidade 2006, con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o réxime de financiamento e orzamentos de Galicia.

Artigo 5º.-Importe máximo das subvencións.

5.1. As dotacións máximas das subvencións concedidas no marco deste programa serán:

5.1.a) Para obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas, podendo acadar unha contía máxima de 30.000 euros.

Excepcionalmente, para as peticións que requiran unha execución plurianual, a subvención poderá acadar unha contía total máxima de 60.000 euros, sen superar nunca a contía máxima de 30.000 euros en cada unha das dúas anualidades 2005 e 2006 previstas nesta orde.

A subvención concedida non poderá superar en ningún caso o 80% do investimento total; o que significa que, en todo caso, a achega de cada concello beneficiario non poderá ser inferior ao 20% do investimento total.

5.1.b) Para a adquisición de equipamento deportivo, podendo acadar unha contía máxima de 9.000 euros, non superando en ningún caso a porcentaxe do 70% do investimento total; o que significa que, en todo caso, a achega de cada concello beneficiario non poderá ser inferior ao 30% do investimento total.

5.2. Para determinar o importe da acción ou actuación subvencionable poderán terse en conta os seguintes gastos:

-Honorarios facultativos de redacción dos proxectos técnicos.

-Dirección de obra e análogos.

-Prezo dos contratos de obra adxudicados ou de adquisición de equipamentos deportivos.

-Taxas ou impostos municipais vinculados á expedición das oportunas autorizacións e licenzas.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes formalizaranse no impreso oficial, segundo os modelos que se xuntan a esta orde como anexo I (construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deporivas) e anexo II (adquisición de equipamento deportivo).

Toda a documentación será orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, de acordo coa normativa vixente na materia.

A comprobación da existencia de datos non axustados á realidade ou falseados, tanto na solicitude coma na memoria, poderán comportar, en función da súa importancia, a denegación da solicitude.

6.1. Para obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas, achegarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da titularidade do terreo ou inmoble en que se pretenda realizar a actuación. Os terreos ou inmobles deberán ser de titularidade da entidade solicitante ou, no seu defecto, esta deberá posuír título bastante que a habilite para a realización das obras e o uso posterior do construído, reformado ou mellorado por período non inferior a dez (10) anos.

b) Certificación acreditativa do acordo adoptado polo órgano competente do concello solicitante polo que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

c) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención, así como do número de equipos e categoría das competicións nas cales estes participen, con mención do número de usuarios que fagan uso da instalación.

d) Declaración responsable do concello solicitante relativa a todas as subvencións e axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo II).

e) Certificado expedido polo director da entidade financeira correspondente en que se acredite a conta corrente da entidade solicitante.

f) Fotocopia compulsada do CIF do concello solicitante.

g) Se a obra que se vai subvencionar é obxecto de contratación ao abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, unicamente será exixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

h) Folla de adhesión obrigatoria ao código de conduta deportiva elaborado pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que estará á disposición das entidades beneficiarias na páxina web www.deportegalego.es

6.2. Para a adquisición de equipamentos deportivos, achegarase a seguinte documentación:

a) Certificación acreditativa do acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se solicita a concesión de subvencións para a adquisición de equipamento deportivo.

b) Memoria xustificativa da necesidade do equipamento deportivo que se pretende adquirir.

c) Relación do equipamento deportivo solicitado en que conste: número de unidades, prezo unitario e importe total solicitado.

d) Investimento realizado en equipamento deportivo nos últimos tres anos.

e) Declaración responsable do concello solicitante relativa a todas as subvencións e axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo III).

d) Certificado expedido polo director da entidade financeira correspondente en que se acredite a conta corrente da entidade solicitante.

f) Fotocopia compulsada do CIF do concello solicitante.

g) Folla de adhesión obrigatoria ao código de conduta deportiva elaborado pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que estará á disposición das entidades beneficiarias na páxina web www.deportegalego.es

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes e emenda.

As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado ou dirixidas a estas mediante a súa presentación por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará aos corenta (40) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, co obxecto de comprobar que estas se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. En caso contrario, requirirán o solicitante, para que no improrrogable prazo de dez (10) días hábiles, proceda a emendar as deficiencias observadas.

Realizadas as operacións anteriores as solicitudes seránlles enviadas á Dirección Xeral para o Deporte.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado convocará a comisión avaliadora das ditas solicitudes de subvención, que estará formada polas seguintes persoas:

1. Composición da comisión avaliadora:

Presidente: o director xeral para o Deporte, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-A subdirectora xeral para o Deporte.

-Os delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

-1 técnico da Dirección Xeral para o Deporte.

Secretario: o xefe do Servizo de Infraestruturas Deportivas.

2. Serán funcións da comisión avaliadora:

a) Avaliar as solicitudes presentadas e a documentación achegada polas entidades beneficiarias.

b) Efectuar as propostas de concesión de subvencións polo presidente, elevándoas á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para a resolución definitiva.

3. De cada unha das sesións da comisión avaliadora será levantada a correspondente acta polo seu secretario.

Artigo 9.-Criterios para o outorgamento da subvención.

A proposta de outorgamento da subvención formularaa a comisión avaliadora, unha vez aplicados os criterios de valoración, e logo da agrupación ou ordenación das diversas solicitudes nos respectivos puntos ou finalidades perseguidas con esta orde, co obxecto de garantir que a competencia entre os proxectos ou accións concorrentes se produza entre accións que persigan finalidades análogas.

9.1. Criterio de avaliación de solicitudes relativas a obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións deportivas.

As solicitudes serán valoradas consonte o seguinte baremo de puntuación:

-Porcentaxe da achega comprometida pola entidade solicitante: 30 puntos.

-Urxencia de reforma que presenten as instalacións polo estado en que se poidan atopar os inmobles en atención á súa seguridade e salubridade: 25 puntos.

-Necesidade das obras proxectadas, atendendo á categoría das competicións deportivas en que toman parte os equipos usuarios da instalación deportiva: 15 puntos.

-Duración temporal dos dereitos para o uso e desfrute da instalación ou inmoble, en función do seu título habilitante (propiedade, concesión de dominio público, etc...): 15 puntos.

-Número de equipos usuarios da instalación que participen en competicións oficiais: 5 puntos.

-Número de deportistas usuarios da instalación que teñan licenza federativa: 5 puntos.

-Número total usuarios da instalación (deportistas federados e non federados), compitan ou non en competicións oficiais: 5 puntos.

9.2. Criterios de avaliación de solicitude relativos á adquisición de equipamentos deportivos.

-Porcentaxe de achega comprometida pola entidade solicitante: 50 puntos.

-Equipamento destinado para o adestramento de deportistas que participen en competicións de carácter oficial: 25 puntos.

-Material destinado ao desenvolvemento de competicións oficiais segundo o rango e/ou carácter destas: 25 puntos.

Artigo 10º.-Outorgamento de subvencións.

O órgano competente para a resolución das subvencións establecidas na presente orde será a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, por proposta do director xeral para o Deporte como presidente da comisión avaliadora.

Para a autorización e disposición dos créditos, así como para o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos actuará o secretario xeral da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, en virtude do establecido pola Orde do 2 de agosto de 2004, de delegación de competencias noutros órganos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

A resolución das subvencións seralles notificada aos solicitantes nun período máximo de tres (3) meses contados dende o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. Así mesmo, as subvencións concedidas ao abeiro desta orde serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia de conformidade coa nova redacción dada ao artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Unha vez notificadas as subvencións aos beneficiarios, estarán obrigados a presentar no prazo de quince (15) días naturais, unha declaración de aceptación da subvención.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da oportuna notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Naqueles casos nos que non se produza contestación ou non presenten a documentación requirida, no prazo indicado, entenderase que se renuncia á subvención. A comisión avaliadora reunirase de novo

para propoñer nova concesión de subvencións con cargo aos créditos obtidos das renuncias producidas.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento da subvención.

Os beneficiarios das subvencións deberán xustificar a realización das accións subvencionadas antes do 31 de outubro de 2005. O incumprimento do prazo de xustificación poderá dar lugar á perda do dereito a percibir a subvención outorgada e posibilitará a reasignación de tales créditos nos termos previstos no último parágrafo do artigo 10.

Con anterioridade a formular proposta de pagamento da subvención, unha vez rematadas as obras, ou adquirida a subministración do equipamento deportivo, levarase a cabo un acto de comprobación do investimento efectuado, ao cal asistirá un representante da Dirección Xeral para o Deporte e do que quedará constancia por medio da oportuna acta.

A xustificación documental da realización da actuación obxecto de subvención estará integrada polos documentos que de seguido se enumeran:

1. Acordo/s adoptado/s polo órgano competente do concello en virtude do cal se aprobe orzamento detallado da obra realizada.

2. Acordo, logo dos trámites oportunos e legalmente exixibles, de adxudicación do contrato de obra ou subministracións obxecto da actuación.

3. Contrato administrativo de obra ou de subministración, sempre que se trate de obras de contía superior a 30.050,61 euros ou equipamentos deportivos por importe superior a 12.020,24 euros.

Cando se trate de obras ou equipamentos de contía inferior non será preciso achegar documento contractual específico ningún, bastando a achega da documentación á que se refire o punto seguinte.

4. Certificación ou certificacións de obra, acompañada da preceptiva factura e dos documentos acreditativos da súa aprobación por órgano competente. O modelo da portada de tal certificación incorpórase a esta orde como anexo IV.

Tratándose da adquisición de equipamentos será suficiente a achega das facturas xustificativas dela.

5. Acta de recepción, cando proceda.

6. Licenza requirida por outras administracións, que ampare aquelas actuacións que a precisen, de ser o caso.

7. Certificación expedida polo secretario do concello solicitante, co visto e prace do alcalde, relativa a todas as subvencións e axudas concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera admi-

nistración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

A documentación anterior será presentada ante a delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado que corresponda, quen procederá a comprobar a súa corrección e, se é o caso, confeccionará os documentos pertinentes para instrumentalizar o oportuno recoñecemento de obrigas e, se é o caso, a subseguinte proposta de pagamento.

En cumprimento do disposto na alínea d) do artigo 41.1º da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, o beneficiario das subvencións que se outorguen no marco da presente orde, neste caso os concellos, quedarán exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire a alínea c), do número 4 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción vixente despois da modificación introducida pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades perceptoras da subvención.

12.1. As entidades beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Colocar de forma visible os logos e símbolos institucionais Deporte Galego, así como o da Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, logos e símbolos dispoñibles na páxina web www.deportegalego.es.

b) Deberán facerse cargo do uso e mantemento do equipamento adquirido, non podendo cedelo nin allealo sen a autorización previa da Dirección Xeral para o Deporte.

c) Incluír o equipamento deportivo no inventario de bens e dereitos da respectiva entidade beneficiaria.

d) Xustificar ante a entidade concedente a realización da actividade así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, no prazo de 15 días desde a súa notificación e recoller expresamente a colaboración da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado en todos os actos de difusión e publicidade

das instalacións ás que se destinan os bens, así como manter identificado o equipamento deportivo concedido mediante as etiquetas, logos e símbolos institucionais Deporte Galego, e o da Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, logos e símbolos dispoñibles na páxina web www.deportegalego.es.

f) Asumir ao seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obras resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben, por revisión dos prezos adicionais, prórrogas e outros supostos.

Non poderán modificar a finalidade do investimento aprobado sen a expresa autorización da Dirección Xeral para o Deporte.

g) Someterse ao control financeiro que lle corresponda á Consellería de Economía e Facenda e as previstas polo Consello de Contas e/ou do Tribunal de Contas.

12.2. No caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, poderá revogar a subvención concedida logo da audiencia do interesado. Neste caso non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose revogada de acordo co réxime previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei do réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), na súa redacción vixente despois da modificación introducida pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na súa redacción vixente despois da modificación introducida pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, resultando de aplicación supletoria para todo o non previsto nas precitadas normas o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normas de xeral aplicación.

Disposicións derradeiras

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado