DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 04 de maio de 2005 Páx. 7.507

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 95/2005, do 21 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 101 Plan de Obras e Servizos 2004 O Valadouro, estrada provincial de Gontán a Ferreira do Valadouro, mellora do firme, punto quilométrico 28,100 ao 30,100, (termo municipal do Valadouro).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día nove de xullo de dous mil catro, aprobou

o proxecto da obra número 101 Plan de obras e servizos 2004 O Valadouro, estrada provincial de Gontán a Ferreira do Valadouro, mellora do firme, punto quilométrico 28,100 ao 30,100 e, na sesión do vinte e sete de decembro de dous mil catro, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e, solicitado informe á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, este foi emitido favorablemente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a actuación consiste en mellorar as condicións de circulación da vía actualmente existente debido ao complicado do actual trazado, procedendo á rectificación de numerosas curvas, nunha zona rural intensamente poboada e cunha intensa circulación, polo que a mellora reduciría notablemente o risco de accidentes circulatorios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día viente e un de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 101 Plan de Obras e Servizos 2004 O Valadouro, estrada provincial de Gontán a Ferreira do Valadouro, mellora do firme, punto quilométrico 28,100 ao 30,100, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local