DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 04 de maio de 2005 Páx. 7.501

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de abril de 2005 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo correspondentes aos estudos de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño e programas de garantía social cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), establece no seu artigo 34.2º que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ao desenvolvemento destas ensinanzas.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9 que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, non modifica a vixente ordenación xeral da formación profesional e confirma o carácter obrigatorio da formación práctica incluída no currículo das ensinanzas de formación profesional.

O Real decreto 362/2004, do 5 de marzo (BOE do 26 de marzo), no seu artigo 6, desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), establece a ordenación xeral das ensi

nanzas de formación profesional específica, así como as directrices sobre os seus títulos.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e a actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do l de xullo; corrección de erros no DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, e a Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro), pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, autorizan a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para ditar a Resolución do 2 de xullo de 2004 (DOG do 9 de xullo), pola que se dan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica de cara ao curso 2004-2005, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no que se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como unha das iniciativas dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocatoria.

Convocar axudas económicas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a realización da formación práctica en centros de traballo destinadas ao alumnado do derradeiro curso de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, de artes plásticas e deseño, de módulos profesionais experimentais e de programas de garantía social.

Segundo.-Requisitos.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado dos centros públicos, privados concertados ou privados autorizados desta comunidade autónoma que estea cursando o derradeiro curso de:

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais.

-Un módulo profesional experimental de nivel II.

-Un programa de garantía social.

2. O período de formación práctica en centros de traballo debe realizarse entre o 1 de setembro de 2004 e o 31 de agosto de 2005.

Terceiro.-Solicitudes.

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

-Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.

-Certificación expedida pola entidade bancaria, na que consten os datos da entidade e o código da conta en que o beneficiario desexa que se lle faga efectivo o pagamento. Nesta conta o beneficiario debe figurar necesariamente entre os titulares.

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para esta mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, de acordo co previsto no artigo 8.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Copia do DNI.

Cuarto.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, presentarase no centro onde o alumnado estea ou estivera matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo, sen prexuízo de poder presentala en calquera dos demais rexistros administrativos legalmente establecidos (artigo 38.4º da Lei 30/1992).

Quinto.-Orzamento.

1. O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 07.04.322S.480.2 dentro do exercicio orzamentario do ano 2005, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ata un importe máximo de 2.450.000 euros (dous millóns catrocentos cincuenta mil euros). Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2005.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito do que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para axustar os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todos os solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Sexto.-Contía das axudas.

O cálculo da contía para cada alumno estará en función do número de xornadas formativas que lle corresponda realizar, multiplicado polo importe da xornada (tramos abaixo sinalados), elixindo a menor das distancias existentes entre a empresa e o domicilio do alumno ou entre a empresa e o centro educativo, segundo o seguinte baremo:

TramoConceptoImporte por xornada

en euros

1Nun raio de 5 km3

2Entre 6 e 15 km5

3Entre 16 e 30 km6

4Entre 31 e 50 km 8

5Máis de 50 km (retornando no día)11

6Máis de 50 km (sen retorno no día, máximo 15 xornadas).34

-O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será de dez. O límite máximo de xornadas para considerar calcularase da seguinte forma:

a) Para o alumnado de ciclos formativos e módulos profesionais experimentais de formación profesional de réxime xeral, o número de xornadas obterase de dividir entre oito o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

b) Para o alumnado de ciclos formativos das familias de artes plásticas e deseño, o número de xornadas obterase dividindo entre cinco o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

c) Para o alumnado de programas de garantía social que curse a modalidade de formación educativa e profesional a desenvolver integramente no centro educativo (modalidade A) será de 23. Para o alumnado que curse estes programas na modalidade de iniciación profesional a desenvolver a parte práctica integramente nun centro de traballo (modalidade B) será de 50. En ambas as dúas modalidades a xornada computarase a razón de oito horas.

d) Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo décimo terceiro punto 5 da Resolución do 2 de xullo de 2004, o máximo de xornadas será o correspondente ás da ensinanza que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período inicial das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

-Para o desprazamento dentro dun mesmo concello, o importe por xornada será de tres euros, independentemente da distancia existente entre a empresa

e o domicilio do alumno, ou entre a empresa e o centro educativo.

-Para calcular a distancia existente entre distintos concellos, tomarase como referencia o cadro de distancias quilométricas por estrada, obtido a partir do mapa oficial de estradas do Ministerio de Fomento.

-En ningún caso poderá ser aplicado simultaneamente máis dun tramo para un mesmo solicitante nunha mesma empresa.

-Os solicitantes percibirán axuda por un só período de realización de FCT por ensinanza realizada no ámbito temporal de vixencia desta orde.

Sétimo.-Documentación para tramitar polos centros.

Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas as aplicacións informáticas que determine e subministre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais todos aqueles documentos ou datos previstos na presente orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou en instrucións remitidas aos centros.

1. A dirección do centro trasladará os datos cargados na aplicación informática oficial FCT-Xade á páxina web http://www.edu.xunta.es/FCTWeb, co que se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitara axuda no seu centro, segundo o modelo que figura como anexo II desta orde, e que será emitido a través desta web. Esta listaxe provisional de solicitantes, asinada polo director e polo secretario, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro ao día seguinte do remate do prazo de presentación de solicitudes. O alumnado tamén o poderá consultar na páxina web http://www.edu.xunta.es/FCTWeb.

2. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte á data de publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte dos solicitantes.

3. Rematado o prazo de reclamación, a dirección do centro resolveraas, cargará as posibles modificacións xurdidas no FCT-Xade, trasladará os datos á web indicada no punto 1º deste artigo e elaborará unha listaxe definitiva de solicitantes que será emitida a través dela, e que deberá asinar o director e o secretario.

4. O centro, a través do coordinador de FCT, marcará a finalización da formación en centros de traballo de todos os alumnos solicitantes, excepto no caso dos alumnos que estean facendo prácticas nos meses de xullo e agosto coa autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensi

nanzas Especiais, e elaborará unha certificación, que deberá asinar o director e o secretario, onde conste a relación do alumnado que realizou prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un (descontados os días lectivos que non asistiron ao centro de traballo) e co total.

Oitavo.-Envío de documentación.

A dirección do centro enviaralle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a seguinte documentación en papel:

-Listaxe definitiva asinada.

-Certificación de realización e finalización da formación en centros de traballo asinada polo director e o secretario.

-Solicitudes orixinais (anexo I), declaracións xuradas (facilitadas pola aplicación FCT-Xade), certificacións bancarias e copia do DNI de cada alumno solicitante.

Esta documentación será enviada polo centro á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, dentro dos dez días naturais seguintes ao remate do prazo de reclamacións.

Noveno.-Comisión de selección.

1. Para a adxudicación das axudas establecerase unha comisión de selección integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional, que actuará como presidente.

-O xefe do Servizo de Xestión Integrada de Recursos, Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-Catro inspectores de institutos de educación secundaria, un por cada provincia, por proposta do delegado provincial.

-Catro directores de centros educativos con formación profesional, un por provincia, por proposta do inspector xefe.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Décimo.-Adxudicación das axudas.

A comisión de selección das axudas, á vista das listaxes definitivas de solicitantes e do crédito dispoñible, elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Décimo primeiro.-Comunicación.

Mediante resolución da Consellería de Educación publicarase anuncio da exposición das listaxes definitivas dos beneficiarios no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no prazo de seis meses desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segundo.-Pagamento das axudas.

As axudas efectuaranse nun só pagamento directamente ao solicitante, a través da conta ou cartilla de aforro aberta a nome do beneficiario.

O beneficiario presentará no centro e no momento da finalización da FCT unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

No caso do alumnado que xa rematara a FCT no momento de solicitar a axuda soamente presentará a declaración á que fai referencia o punto terceiro desta orde.

O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Para o non establecido especificamente na presente orde, haberá que aterse ao disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004 do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Décimo terceiro.-Desenvolvemento da formación en centros de traballo.

Con carácter xeral o desenvolvemento das prácticas en centros de traballo para o curso 2004-2005 realizarase de acordo co regulado para a formación

en centros de traballo na Resolución do 2 de xullo de 2004 (DOG do 9 de xullo).

Décimo cuarto.-De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000 da Comisión do 30 de maio de 2000 (DO L 130, do 31 de maio), os centros colaboradores tomarán as medidas oportunas para informar aos beneficiarios de que as axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Décimo quinto.-Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Décimo sexto.-A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades ás que houbera lugar.

Décimo sétimo.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento.

Décimo oitavo.-O beneficiario está obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Décimo noveno.-O beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Vixésimo.-Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Vixésimo primeiro.-Autorízase á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver o disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria