DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 04 de maio de 2005 Páx. 7.500

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de abril de 2005 pola que se lle autoriza a redución de catro unidades de educación secundaria obrigatoria e a ampliación de tres unidades de educación infantil ao centro privado Tirso de Molina de Ferrol (A Coruña).

Examinado o expediente presentado polo centro privado Tirso de Molina de Ferrol (A Coruña), no cal solicita a redución de catro unidades de educación secundaria obrigatoria e a ampliación de tres unidades de educación infantil.

O centro conta, por Orde do 17 de xullo de 1996 (DOG do 5 de setembro), con autorización definitiva para 3 unidades de educación infantil, 12 unidades de educación primaria, 12 unidades de educación secundaria obrigatoria e 8 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde e a de humanidades e ciencias sociais.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, que o remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (BOE do 24 de decembro); o Real decreto 1537/2003, do 5 de decembro (BOE do 10 de decembro), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas escolares de réxime xeral; o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que o devandito centro reúne, en canto a instalacións se refire, os requisitos mínimos necesarios para poder acceder ao solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Autorizar a redución de catro unidades de educación secundaria obrigatoria e a ampliación de tres unidades de educación infantil, segundo os datos que se relacionan no anexo desta orde, facendo constar que, para a súa posta en funcionamento, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia nas unidades que se amplían.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a

partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Ferrol.

Localidade: Ferrol.

Enderezo: r/ Arce, s/n.

Denominación: centro privado Tirso de Molina.

Titular: Orde da Mercede provincia de Castela.

Código do centro: 15006432.

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 6 unidades.

b) Centro de educación primaria: 12 unidades.

c) Centro de educación secundaria:-8 unidades de educación secundaria obrigatoria.-8 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde e a de humanidades e ciencias sociais.