DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 04 de maio de 2005 Páx. 7.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de bolsas de formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas Oficinas Técnicas de Cooperación e pola que se convocan dúas bolsas.

A política de cooperación ao desenvolvemento está experimentando na nosa comunidade autónoma un importante crecemento, que concorre xunto coas executadas polo Reino de España, a Unión Europea, e os organismos internacionais -singularmente os programas das Nacións Unidas-, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión xeográfica que abarca, sendo necesaria a formación de recursos humanos para o desenvolvemento das accións neste campo, especialmente tras a aprobación e publicación da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, pola que a Comunidade Autónoma de Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral.

Coa aprobación das bases reguladoras para a concesión de bolsas preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional, coa finalidade de complementar a formación académica dos titulados/as superiores con prácticas nas Oficinas Técnicas de Cooperación (no que segue, OTC) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta axencia e a Xunta de Galicia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos para o fin para o que foron orzamentados

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) que se inclúen como anexo I desta orde.

2. Convocar a concesión de 2 bolsas de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo I, con cargo á aplicación orzamentaria 04.03.213B.490.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia pola contía global de 39.607 euros, da que 21.607 euros se imputarán aos do exercicio 2005 e 18.000 euros aos do exercicio 2006.

Disposición adicional

Única.-Deléganse no secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior as atri

bucións para a resolución dos procedementos de concesión, de revogación e reintegro das bolsas, de modificación destas e dos sancionadores que procedan, de ser o caso, excepto cando a competencia resida no Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para ditar cantas disposicións e instrucións sexan precisas para o mellor desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A todo o non previsto nesta orde, aplicarase o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia a Lei 14/2004, do 19 de decembro, de medidas retributarias e de réxime administrativo e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos se deriven delas, poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas Oficinas Técnicas de Cooperación dependentes da AECI.

Primeira.-Obxecto.

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento nas Oficinas Técnicas de Cooperación dependentes da AECI.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Os solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ser natural de Galicia ou ter veciñanza administrativa en Galicia ou ter a condición de residente ausente.

c) Non superar a idade de 30 anos na data en que acabe o prazo de presentación de solicitudes.

d) Estar en posesión de título universitario superior.

e) Non transcorreren máis de catro anos desde a data de finalización dos estudos superiores.

f) Non manter relación laboral en vigor co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

Terceira.- Solicitude, documentación e prazo de presentación.

1. Os interesados/as deberán cubrir a solicitude que figura no anexo I dirixida ao secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior e presentada por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentaranse, ademais, os seguintes documentos:

a) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, xunto co título ou depósito do título.

b) Certificado de inscrición no padrón de habitantes do concello da súa residencia ou na oficina consular no suposto de residentes ausentes.

c) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, por ambas caras, e do libro de familia.

d) Certificado médico que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das funcións do posto de traballo.

e) Currículo, acompañado da documentación cotexada acreditativa dos méritos e experiencia alegada ao obxecto da súa avaliación.

f) Memoria explicativa do coñecemento das accións internacionais de cooperación exterior.

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría da Seguridade Social.

i) Documento acreditativo do coñecemento de galego con especificación do grao.

j) No caso de alegar o coñecemento de idiomas estranxeiros, será necesario acreditalo mediante títulos ou diplomas expedidos por escolas ou centros públicos oficiais, españois ou estranxeiros.

k) Dúas fotografías tamaño carné co seu nome e apelidos ao dorso.

2. O prazo para a presentación da solicitude e a documentación sinalada no parágrafo anterior será de 40 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación presentada contivese erros ou fose incompleta, requerirase o solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición procedendo ao arquivo do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Duración das bolsas, contía e obrigas dos bolseiros/as.

1. O período de gozo das bolsas comezará a contarse a partir do primeiro día do seguinte mes ao da data que se fagan públicos os resultados da convocatoria, sempre que conste a aceptación da bolsa e terá unha duración de doce meses. A dotación de cada unha delas é de 1.500 euros brutos mensuais.

Para facilitar aos bolseiros/as o pagamento dos gastos de viaxe, seguros e instalación, farase un pagamento por importe de 1.803,50 euros e dunha mensualidade, con antelación á súa partida co fin de que dispoña de fondos tanto para os gastos en España previos á viaxe (billete e seguro) como para os que se xeren durante o primeiro mes de estadía no país de destino, aboándose, a partir do segundo mes de duración da bolsa, a mensualidade correspondente na contía sinalada.

2. A aceptación da bolsa xera a obriga do bolseiro/a de subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, que terá cobertura internacional e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da susodita cobertura, así como a obriga de asumir os gastos de desprazamento ordinario en España, de ser o caso, que deba realizar por instrucións da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (en adiante, secretaría).

3. O bolseiro/a quedará baixo a dependencia mediata da secretaría e inmediata do coordinador xeral da OTC á que se incorpore, quen lle asignará os traballos atendendo á súa formación e capacidades. Ademais, os beneficiarios/as realizarán o seguimento dos programas e proxectos financiados pola Xunta de Galicia.

Para a adxudicación dos destinos, a Axencia Española de Cooperación Internacional terá en conta o coñecemento por parte dos bolseiros/as seleccionados dos idiomas dos países nos que o español non sexa o idioma predominante.

Igualmente, antes da súa incorporación ás OTC, os bolseiros/as seleccionados incorporaranse durante un período mínimo de dous días á Axencia Española de Cooperación Internacional en Madrid, co fin de coñecer a estrutura do dito organismo, as súas estratexias e programas, así como os responsables dos países onde van realizar as súas prácticas, quen lle sinalarán os seus principais cometidos na OTC de destino.

4. O bolseiro/a tamén se obriga pola aceptación a:

* Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

* Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

* Mencionar a súa condición de bolseiro nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación que poida realizar.

* Realizar o plan de traballo baixo as directrices da secretaría e do coordinador xeral da OTC e someterse ás normas en canto á xornada laboral e funcionamento que esta determine.

* Desprazarse por instrución da secretaría e da OTC.

* Utilizar os medios dispoñibles no centro de traballo para a realización das actividades que lle sexan encomendadas.

Quinta.-Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo.

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión de avaliación, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos regulamentos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión compoñerase polos seguintes membros:

1. Presidente: o subdirector/a xeral con competencia en materia de cooperación exterior.

2. Secretario: un xefe de servizo da secretaría.

3. Vogais: dous funcionarios da secretaría designados polo presidente da comisión avaliadora con rango de xefe de servizo. Un representante designado pola AECI.

Os membros da comisión non cobrarán indemnización por asistencia.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

A) Formación (de 0 a 6 puntos).

-1 punto por unha licenciatura a maiores da titulación exixida e 0,50 puntos por unha diplomatura a maiores da titulación exixida como requisito para acceder á bolsa (máximo 1 punto).

-Por cursos de galego: 0,50 puntos en grao de iniciación e 1 punto en grao de perfeccionamento.

-Por coñecemento de idiomas estranxeiros: 0,50 puntos por cada un ata un máximo de 1,50 puntos.

-Por cada curso de formación relacionado coa cooperación e acción exterior, de máis de 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50.

-Por cursos de posgrao ou máster en materias relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento, Unión Europea, comercio exterior ou relacións internacionais: 1 punto (máximo 1 punto).

-Por cursos relacionados coa informática e/ou internet, de máis de 20 horas: 0,10 puntos por cada un ata un máximo de 0,50 puntos.

-Por outros méritos documentados para valorar pola comisión como contratos laborais, bolsas disfrutadas, outros cursos, etc. (ata 0,50 puntos).

B) Experiencia (ata 4 puntos).

-Experiencia en tarefas de voluntariado social debidamente acreditada: 1 punto por cada seis meses e ata un máximo de 2 puntos.

-Experiencia acreditada en cooperación ao desenvolvemento: 1 punto por cada 6 meses ata un máximo de 2 puntos.

3. Entrevista persoal.

A comisión de selección poderá realizar aos aspirantes que conseguiran na avaliación da formación e da experiencia unha puntuación mínima de 4 puntos, unha entrevista na que se valorarán as aptitudes e actitudes persoais dos aspirantes para a realización das funcións que se van desempeñar, o coñecemento dos temas de cooperación así como a facilidade de expresión oral. A entrevista será valorada de 0 a 5 puntos.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico ou profesional que considere necesario e que poderá asistir ás sesións con voz pero sen voto.

4. A comisión propoñerá unha listaxe de adxudicatarios/as entre os solicitantes que acaden unha maior puntuación, facéndoa pública mediante a inserción no taboleiro de anuncios da secretaría. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polos solicitantes valorados con un mínimo de 4 puntos na fase de entrevista segundo orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos adxudicatarios/as.

5. A comisión elevará a súa proposta ao conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, que resolverá, logo da súa fiscalización, sobre a concesión das bolsas.

6. O prazo máximo para resolver será de tres meses. De non se ditar resolución no indicado prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

7. No suposto de que, unha vez adxudicadas as bolsas, os beneficiarios/as que non declarasen a súa aceptación ou renuncia unha vez aceptada, poderase adxudicar a bolsa ao seguinte aspirante con maior puntuación procedéndose, do mesmo xeito, no caso de inaceptación ou renuncias sucesivas.

8. De non se presentar solicitudes, ou non acadaren as rexistradas na fase de avaliación da formación e da experiencia a puntuación mínima exixida, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da secretaría que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Aceptación, renuncia e reintegro.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios/as, estes, no prazo máximo de cinco días naturais, comunicarán á secretaría a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, achegarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa e acreditación de dispoñer da cobertura asistencial exixida na base cuarta, parágrafo dous. Transcorridos os sinalados cinco días, se os beneficiarios/as non se declararan en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa, procedéndose a adxudicala ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na listaxe de reserva confeccionada inicialmente.

Seguirase este mesmo procedemento cando durante o tempo de vixencia da bolsa se producira algunha vacante por calquera circunstancia, incluída a renuncia.

2. A renuncia durante a vixencia da bolsa dará lugar ao reintegro das cantidades percibidas, previa instrución do correspondente procedemento de reintegro, excepto supostos de enfermidade, de accidente ou derivados do cumprimento de obrigas legais u outras debidamente xustificadas.

Sétima.-Natureza xurídica da relación.

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e o beneficiario/a, nin supoñerá a súa alta en réxime algún da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Oitava.-Pagamento das bolsas.

As bolsas serán aboadas por mensualidades vencidas despois da correspondente certificación da subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior do bo aproveitamento das prácticas, emitida polo coordinador xeral da OTC correspondente.

Novena.-Causas de extinción e revogación da bolsa.

1. A condición de bolseiro/a extínguese por:

* Expiración do período de duración da bolsa.

* Renuncia.

* Enfermidade ou accidente que o incapacite para o desenvolvemento das prácticas.

2. Darán lugar á revogación da bolsa, previa instrución de procedemento contraditorio:

* O incumprimento por parte do bolseiro/a das obrigas relacionadas na base cuarta, contraídas coa aceptación da bolsa.

* A ausencia inxustificada.

* Obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou destinala para finalidades distintas para a que foi concedida.

3. A revogación da bolsa obrigará o beneficiario/a ao reintegro das cantidades percibidas incluídos os xuros de demora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto na normativa de aplicación.

Décima.-Memoria derradeira.

No prazo dun mes desde que finalice o período de formación, os bolseiros/as presentarán á secretaría unha memoria resumo das actividades realizadas no seu destino así como certificación do coordinador xeral da OTC correspondente, que será avaliada pola subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior, expedíndose, a súa proposta, polo secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, diploma acreditativo do bo aproveitamento das prácticas e aptitude con indicación da súa duración, de ser estas avaliadas positivamente en función do grao de cumprimento das tarefas encomendadas.