DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 03 de maio de 2005 Páx. 7.448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2005 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección deste instituto que establece un programa de préstamos para financiar proxectos en materia de innovación tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 28 de marzo de 2005 o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) adoptou o acordo de establecer unha liña de préstamos dedicada ao financiamento de proxectos en materia de innovación tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do seu xeral coñecemento e, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Único.-Publicar o programa de préstamos para financiar proxectos en materia de innovación tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, acordada polo Consello de Dirección do instituto na súa reunión con data do 28 de marzo de 2005, o que figura como anexo I a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2005.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Programa de préstamos para financiar proxectos en materia de innovación tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A innovación tecnolóxica é un elemento clave para aumentar a produtividade das empresas e, sobre todo, a súa competitividade, converténdose así nun instrumento de primeira orde para lograr o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Nos mercados actuais, sometidos a constantes cambios, a innovación é a base para a consecución dun crecemento sustentable por parte das empresas na Comunidade Autónoma de Galicia.

A tecnoloxía e a innovación constitúen, neste contexto, variables que deben ser enfocadas de xeito estratéxico, que deben abranguer a planificación, o coñecemento do proceso innovador, os factores que inciden neste, así como a formulación da estratexia innovadora e a xestión das tecnoloxías que se van utilizar.

Considérase polo tanto conveniente que a innovación, estratéxica para a nosa actividade económica, poida dispoñer dunha liña de préstamos necesarios para a súa implantación.

O Decreto 154/2004, do 7 de xullo, habilita o Igape a conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos destinados a financiar o desenvolvemento e/ou implantación en Galicia de proxectos empresariais en materia de innovación tecnolóxica.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape na súa reunión con data do 28 de marzo de 2005 tomou o acordo de aprobar un programa de préstamos destinados a financiar o desenvolvemento

e/ou implantación en Galicia de proxectos empresariais en materia de innovación tecnolóxica, coas seguintes características:

Primeiro.-Dotación da liña para a concesión de préstamos.

Con cargo á partida 02.01.16/02/04.252030 do orzamento do Igape para 2005, habilítase un crédito para a concesión de préstamos para financiar proxectos en materia de innovación tecnolóxica coa cantidade inicial de 1.000.000 de euros. O remanente que, se é o caso, puidese resultar ao final do exercicio incorporarase coa mesma finalidade ás dotacións orzamentarias do exercicio seguinte.

Segundo.-Características do programa.

Prestameiras: sociedades mercantís que cumpran os seguintes requisitos:

a) Desenvolvan un proxecto de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia. Excepcionalmente, o Igape tamén poderá conceder préstamos ou créditos a empresas establecidas en Galicia para actividades ou proxectos para realizar fóra da comunidade autónoma, valorándose neste caso especialmente o mantemento da actividade en Galicia da solicitante.

b) Pertenzan aos sectores de actividades recollidos no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005, isto é:

-Recursos agropecuarios.

-Recursos mariños.

-Biodiversidade e recursos forestais.

-Recursos enerxéticos e mineiros.

-Biotecnoloxía e tecnoloxías farmacéuticas e de ciencias da saúde.

-Tecnoloxías da alimentación.

-Tecnoloxías ambientais.

-Tecnoloxías dos materiais.

-Tecnoloxías da construción e da conservación do patrimonio.

-Tecnoloxías da información e das comunicacións.

-Tecnoloxías de deseño e produción industrial.

-Educación.

-Saúde pública.

-Turismo, ocio e deporte.

-Dereito, economía e empresa.

-Sociedade da información.

c) Acrediten a súa capacidade técnica para o seu desenvolvemento e capacidade financeira suficiente para cubrir con recursos propios un mínimo do 30% do orzamento total do proxecto.

Con carácter previo á súa resolución, o Igape solicitará o informe da Consellería de Innovación, Industria e Comercio respecto do grao de innovación e viabilidade técnica do proxecto, que deberá ser favorable para a concesión do préstamo.

Finalidade: financiar o custo das seguintes actividades:

1.1. Actividades de desenvolvemento relativas a:

a) Investigación industrial, entendida como investigación planificada ou os estudos críticos que teñan por obxecto a adquisición de novos coñecementos que poidan resultar de utilidade para a creación de novos produtos, procesos ou servizos, ou contribuír a mellorar os existentes.

b) Actividades de desenvolvemento precompetitivas, consistentes na materialización dos resultados da investigación industrial nun plano, bosquexo ou deseño para produtos, procesos ou servizos novos, modificados ou mellorados, destinados á súa venda ou á súa utilización, incluída a creación dun primeiro prototipo non comercializable. Pode abranguer tamén, a formulación conceptual e os deseños doutros produtos, procesos ou servizos.

c) Proxectos de demostración, destinados ao desenvolvemento de experiencias piloto ou demostracións para aplicacións industriais ou para a súa explotación comercial.

1.2. Implantación de proxectos de innovación dirixidos á produción directa de novos produtos, á creación de novos procesos ou á prestación de novos servizos ou a obter melloras substanciais nos xa existentes.

Importe de financiamento: con carácter xeral ata o 50% do orzamento do proxecto, podendo excepcionalmente acadar ata o 70%. O importe mínimo do préstamo será de 60.000 A e o máximo de 300.000 A, cun límite máximo de risco vivo por prestameira de 600.000 A. Excepcionalmente, por acordo do Consello de Dirección do Igape, estes límites poderán ser superados.

O préstamo do Igape será compatible con outras fontes de financiamento públicas e/ou privadas, tanto subvencións como préstamos. O importe do préstamo do Igape limitarase á parte que non cubran as ditas fontes de financiamento alternativas.

Prazo e carencia: o prazo de reembolsamento das operacións será como máximo de 7 anos.

O prazo de carencia do principal e xuros establecerase para cada operación segundo as características do proxecto. A carencia de xuros levará canda si a súa capitalización co principal.

Tipo de xuro: variable: Euribor a seis meses máis 0,50 p.p.

Liquidación de xuros e amortización: a liquidación de xuros será semestral sen prexuízo dos períodos de carencia que se establezan. Os prazos de devolución determinaranse contractualmente dentro dos límites establecidos.

Terceiro.-Solicitude.

Os interesados presentarán nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ademais de todos os antecedentes que se consideren necesarios para a adecuada análise de viabilidade da operación, o for

mulario de solicitude (anexo II), que deberá estar acompañado da seguinte documentación por duplicado:

-Cuestionario-memoria do proxecto (anexo III).

-Plan de disposición de fondos o que, unha vez acordado, condicionará os prazos de dispoñibilidade da operación financeira e con base na xustificación documental da execución das programacións anteriores.

-Descrición das garantías que, se é o caso, se ofrezan para cubrir o risco da operación.

-Contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios.

-Autorización ao Igape para recadar a información acreditativa da solvencia e situación patrimonial, segundo anexo IV (deberase cubrir a autorización na súa versión en castelán).

-Certificación acreditativa de atoparse ao día das obrigas fiscais, coa Administración autonómica e a Seguridade Social, expedida polos respectivos organismos.

-Documentación administrativa da empresa (CIF, DNI do asinante da solicitude, escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente).

-Declaración expresa das axudas solicitadas para o mesmo proxecto (anexo V).

-Calquera outra documentación ou información adicional que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

Cuarto.-Operativa do préstamo.

O tipo de xuro variará por semestres naturais e determinarase de acordo coa seguinte norma:

1. Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do Euribor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do Euribor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de maio do mesmo ano.

2. Tipo adicional: 0,50 puntos porcentuais.

3. O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

4. Para os efectos deste acordo, enténdese por Euribor (Euro Interbank Offered Rate, isto é, tipo interbancario ofrecido en euros) a prazo de seis meses, como o tipo de xuro para depósitos interbancarios en euros a prazo de seis meses publicado pola Federación Bancaria Europea ou pola entidade pública ou privada, española ou da Unión Europea, designada para tal efecto.

5. No caso de que desaparecese o Euribor, o tipo de xuro de referencia calcularase segundo o disposto no contrato de préstamo ou supletoriamente, segundo as disposicións que para tal efecto o Igape publique no Diario Oficial de Galicia.

6. O tipo de xuro de referencia para cada semestre será publicado no Diario Oficial de Galicia.

7. O devengo de xuros será por días naturais, base 360, con liquidacións semestrais, que comezarán a computarse desde o primeiro día inmediato posterior á data de disposición. Non obstante, o primeiro período de liquidación será irregular e igual ou inferior aos 6 meses polos días que transcorran desde a data da disposición ata o último día do semestre en que se realizou a disposición.

8. O tipo de xuro nominal dos préstamos que se formalicen no primeiro semestre de 2005 será o 2,70%.

Quinto.-Xuros de demora.

En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro do Euribor a 6 meses máis o 4% anual. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento semestral de xuros.

Os importes vencidos e non satisfeitos capitalizaranse como aumento de capital debido e devengarán, pola súa vez, novos réditos ao tipo de xuro moratorio que resulte segundo o parágrafo anterior.

Os xuros moratorios devengaranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.

Sexto.-Amortización anticipada.

A prestameira ten a facultade de proceder ao reembolsamento total ou parcial do préstamo, mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles, e coincidente, en calquera caso, cunha data de revisión de tipo de xuro. Os reembolsos así efectuados non levarán penalización.

Sétimo.-Incumprimento do préstamo.

No caso de producirse o incumprimento das condicións do contrato de préstamo, o Igape procederá a dalo por vencido, e requirirá o reembolsamento do capital vivo e os xuros devengados, cunha penalización do 2% flat sobre o importe amortizado anticipadamente.

Oitava.-Garantías.

O Igape tomará as garantías adecuadas segundo as características de cada operación. Se como consecuencia do seguimento e control que se efectúe durante a vixencia da operación fora notoria a diminución de solvencia da prestameira, procuraranse as accións precisas para reforzar a eventual obriga de reembolsamento.

Novena.-Dereito privado.

Os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ao dereito privado.

Décima.-Seguimento e control.

As prestameiras obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o Igape ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal fin quedan obrigadas á conservación de toda a documentación orixinal que acredite a realidade dos investimentos e gastos financiados coas operacións de préstamo.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA