DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 03 de maio de 2005 Páx. 7.442

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 21 de abril de 2005 pola que se ditan normas para a cesión en propiedade de equipos portátiles e material auxiliar de excarceración para misións de protección civil aos concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actividade fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos e mancomunidades de concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en excarceración.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regular o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de equipos portátiles de excarceración e material auxiliar de excarceración para misións de protección civil aos concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar cos concellos e mancomunidades de concellos na súa misión de protección á súa comunidade e para equipar cuns medios necesarios a protección civil, cederalles en propiedade equipos portátiles de excarceración e/ou material auxiliar de excarceración, aos concellos ou mancomunidades de concellos galegos, que conten con Servizo Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil debidamente inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2003, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder aos beneficios outorgados mediante esta orde os concellos e mancomunidades de concellos galegos deberán cumprir os seguintes requisitos:

I. Para equipos portátiles de excarceración:

a) Non dispoñer de equipo de excarceración.

b) Dispoñer de medios de transporte, así como recursos humanos que estean operativos as 24 horas e os 365 días do ano.

c) Ter no seu termo municipal e ámbito comarcal vías de comunicación con alto índice de sinistralidade.

d) Estar afastado un mínimo de 15 quilómetros dun parque contra incendios e salvamento, ou dun servizo municipal de protección civil ou dunha agrupación de voluntarios de protección civil, que dispoñan de equipo de excarceración.

II. Para material auxiliar de excarceración:

a) Ter equipo de excarceración.

b) Dispor de medios de transporte axeitados para este tipo de material, así como recursos humanos que estean operativos as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 82.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.231A.623.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 2005.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados en acollerse aos beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello ou da mancomunidade:

a) De ser o caso, da existencia de Servizo Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de inversión considerados nos orzamentos do ano 2005 destinados ás funcións de seguridade e/ou protección civil.

c) Relativo ao acordo adoptado polo órgano competente polo que:

* Acórdase solicitar a axuda, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

* Facúltase o alcalde do concello ou presidente da mancomunidade para aceptar a cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asinar a correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde ou polo presidente da mancomunidade en que se indiquen:

2.3.1. Para os que soliciten os equipos portátiles novos:

a) Índices de sinistralidade nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello ou mancomunidade e dos concellos lindantes.

b) Accidentes ocorridos nos derradeiros anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do concello ou mancomunidade e concellos lindantes, en que foi preciso empregar medios de rescate.

c) Medios materiais e recursos humanos de que dispón o concello, necesarios para actuar en rescates.

d) Cumprir os requisitos específicos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

2.3.2. Para os que soliciten material auxiliar de excarceración:

a) Equipo de excarceración de que se dispón actualmente, indicando o material auxiliar do dito equipo.

b) Medios de transporte e recursos humanos de que se dispoña, necesarios para actuar en rescates con equipos de excarceración.

c) Cumprir os requisitos específicos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

d) Material auxiliar de excarceración que se precisa (indicando se este é de reposición ou novo).

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os/as delegados/as provinciais remitirana á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polo subdirector xeral de Protección Civil e polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza Interior e Administración Local, actuando como secretario un funcionario da Subdirección Xeral de Protección Civil que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración da proposta de resolución, así como para a asignación de material, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que para cada caso se indica:

1º Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia, e plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a participación activa nos últimos anos, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, en situacións de urxencia e emerxencia, ata un 50%.

2º Riscos potenciais existentes no ámbito territorial do solicitante conforme o establecido no Plan territorial de protección civil da Comunidade Autó

noma de Galicia (Platerga), ou se é o caso, no Plan de emerxencia municipal (Pemu), ata un 20%.

3º Índices de siniestralidade nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do solicitante, ata un 10%.

4º Accidentes ocorridos nos derradeiros anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do solicitante nos cales foi preciso empregar medios de excarceración, ata un 10%.

5º Cantidade destinada polo solicitante nos seus orzamentos anuais para actuacións obxecto desta orde, ata un 10%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución adoptaraa o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a cesión en propiedade do material de excarceración.

2. A notificación aos peticionarios farase pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición perante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade ao cal se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunicar a aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos

destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1º deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, observarase o disposto no artigo 96.bis 4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde ou presidente da mancomunidade ou persoa en quen deleguen e polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue na cal constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos ou mancomunidade.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na comunidade autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2005.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local