DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 03 de maio de 2005 Páx. 7.438

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 15 de abril de 2005 pola que se ditan normas para a cesión en propiedade de material para o Plan específico de protección civil ante o risco de nevaradas en Galicia (Plan Nega) aos concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización terri

torial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia, actividade fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, continuando a liña de anos anteriores, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición final primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regular o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material aos concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma galega, para o Plan de protección civil ante o risco de nevaradas en Galicia (Plan Nega), que a Xunta de Galicia elaborou no ano 1995. No ano 2002 levouse a cabo a revisión e actualización do Plan Nega, que foi publicada no DOG nº 143, do 26 de xullo de 2002.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar e aumentar a eficacia dos concellos

na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario a protección civil, cederalles en propiedade material quitaneves aos concellos e mancomunidades de concellos galegos que conten con Servizo Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que estean inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder aos beneficios outorgados mediante esta orde, os interesados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Concellos de Galicia definidos de alto risco no Plan Nega.

b) Dispor de vehículos axeitados para mobilizar o material quitaneves, así como de recursos humanos.

c) Dispor de Servizo Municipal de Protección Civil ou de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil debidamente inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

d) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 42.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.231A.623.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2005, que se dedicarán á adquisición de material quitaneves para cedérllelos en propiedade aos concellos e mancomunidades de concellos.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados en acollerse aos beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello ou polo presidente da mancomunidade:

a) De ser o caso, da existencia de Servizo Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos do ano 2005 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Relativo ao acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicitar a cesión en propiedade, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade para aceptar a cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asinar o correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil ou polo presidente da mancomunidade, en que se indiquen:

a) Os riscos potenciais de nevaradas existentes no ámbito territorial do concello ou mancomunidade, e limítrofes, conforme o establecido no Plan ante o risco de nevaradas (Nega) ou, se é o caso, no Plan de emerxencia municipal (Pemu) de telo aprobado.

b) Medios materiais e recursos humanos para a mobilización de material quitaneves de que dispón actualmente o concello ou a mancomunidade e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, especificando tipo de vehículos e as súas matrículas, e número de efectivos de que se dispón para estas emerxencias, concretando a formación e a experiencia.

c) Cumprir os requisitos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os/as delegados/as provinciais remitirana á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polo Subdirector Xeral de Protección Civil e polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario un funcionario da Subdirección Xeral de Protección Civil que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que conterá unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis equipos, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

1. A situación xeográfica do concello ou mancomunidade, e os riscos de nevaradas existentes no seu territorio e nos concellos limítrofes, conforme o establecido no Plan de protección civil ante o risco de nevaradas (Nega) ou, se é o caso, no Plan de emerxencia municipal (Pemu), ata un 30%.

2. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co centro de xestión de emerxencias 112 SOS-Galicia e concretamente en actuacións do Plan Nega nos últimos anos, ata un 30%.

3. Dispor de recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o interesado e, se é o caso, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil poida mobilizar ante a activación do Plan Nega, cun servizo de 24 horas, ata un 20%.

4. Ter elaborado e presentado ás autoridades de Protección Civil da Xunta de Galicia o seu Plan de emerxencias municipal (Pemu), ou de ser o caso o/os plan/s de actuación municipal (PAM) ata un 15%.

5. Cantidade destinada polo interesado, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección civil, ata un 5%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución adoptaraa o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a cesión en propiedade do material quitaneves.

2. A notificación da resolución efectuarase pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade a que se lle concedese o material qui

taneves, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunicar a aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo referido no punto 1º deste artigo sen que se comunique a aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, observarase o disposto no artigo 96.bis 4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde ou presidente da mancomunidade ou persoa en que delegue e o secretario xeral da consellería ou funcionario en que delegue, na cal constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de mantemento e conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos ou mancomunidades.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase para o fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2005.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local