DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 03 de maio de 2005 Páx. 7.436

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de abril de 2005 pola que se autoriza a inclusión da escola de música municipal de Taboada (Lugo) no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 39.5º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que poderán cursarse, en escolas específicas, estudos de música ou danza, que en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica ou profesional. Así mesmo, a Orde do 11 de marzo de 1993, DOG do 22 de abril, regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, o Decreto 454/2003, do 26 de decembro, DOG do 19 de xaneiro, establece no seu artigo 1 que lle corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.

O Concello de Taboada, Lugo, solicita a inclusión da escola de música municipal de Taboada no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo informa do cumprimento efectivo dos requisitos que establece a Orde do 11 de marzo de 1993.

Cumpridos todo os trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar a inclusión no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia da escola de música municipal de Taboada, Lugo, segundo o establecido na Orde do 11 de marzo de 1993, DOG do 22 de abril.

Segundo.-Esta escola queda sometida ao réxime de escolas de música e danza, segundo o establecido na Orde do 11 de marzo de 1993, DOG do 22 de abril, e aos servizos de inspección correspondentes.

Terceiro.-A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de profesorado que imparta docencia na escola de música.

Cuarto.-O centro deberá solicitar a oportuna revisión da inscrición cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados no anexo desta orde.

Esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, BOE do 14 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, BOE do 27 de novembro, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, BOE do 14 de xullo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Lugo.

Concello: Taboada.

Localidade: Taboada.

Enderezo: avda. de Lugo nº 59.

Código do centro: 27020781.

Titular: Concello de Taboada.

Denominación: Escola de Música Municipal de Taboada.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL