DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 03 de maio de 2005 Páx. 7.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de abril de 2005 pola que se lle concede autorización definitiva ao conservatorio de música das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) para impartir as ensinanzas de grao medio.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e o artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, DOG do 23 de xullo, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as ditas competencias.

Polo Decreto 343/1990, do 14 de xuño, DOG do 28 de xuño, créase o conservatorio de música non estatal de grao medio dependente do Concello das Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña, e por Orde do 2 de xullo de 1990, DOG 26 de xullo, autorizouse a posta en funcionamento deste centro.

Tendo en conta que o dito conservatorio vén impartindo, ademais do grao elemental, as ensinanzas de música de grao medio, con carácter provisional, en virtude do disposto na disposición transitoria sétima do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, BOE do 28 de abril.

Vistos os correspondentes informes en que se acredita o cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que imparten as ensinanzas artísticas previstas no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estru

tura e planificación académica do centro que se axusta ao disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso aos ditos graos, DOG do 25 de outubro, modificado e ampliado polo Decreto 179/2003, do 27 de febreiro, DOG do 14 de marzo.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Conceder a autorización definitiva ao conservatorio de música das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) para impartir as ensinanzas de grao medio, segundo os datos que figuran no anexo.

Segundo.-No dito conservatorio impartiranse as ensinanzas dos graos elemental e medio de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso aos ditos graos, modificado e ampliado polo Decreto 179/2003, do 27 de febreiro.

Terceiro.-Este centro queda obrigado ao cumprimento da lexislación vixente para os centros que imparten ensinanzas de música, e solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados no anexo desta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: As Pontes de García Rodríguez.

Localidade: As Pontes de García Rodríguez.

Enderezo: avda. das Veigas, s/n.

Código: 15026741.

Titular: Concello das Pontes de García Rodríguez.

Denominación: Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez.

Postos escolares autorizados: 105 de grao elemental e 180 de grao medio.