DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2005 Páx. 6.992

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.

Á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto pola Constitución española no seu título VIII, capítulo III, artigo 149.1º.27 e no Estatuto de autonomía, no título II, capítulo I, artigo 34, correspóndelle o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime da televisión nos termos e casos que determine o Estatuto xurídico da radio e da televisión.

A Lei 66/1997, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, supón o inicio para a introdución da televisión dixital en España, regulándose a través da súa disposición adicional 44ª o réxime xurídico da televisión dixital terrestre. Nesta establécese a obrigatoriedade de dispoñer do correspondente título habilitante para a prestación do dito servizo. A súa eficacia condicionábase á aprobación polo ministerio competente nesta materia dos correspondentes regulamentos técnicos e de prestación do servizo e do plan técnico nacional da televisión dixital terrestre, aprobado polo Real decreto 2169/1998, do 9 de outubro.

Por outra parte, as leis 53/2002 e 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, introducen importantes modificacións na Lei 41/1995, do 22 de decembro, de televisión local por ondas terrestres que permite impulsala, implantando a tecnoloxía dixital como medio de emisión e transmisión de imaxes.

De igual modo, a súa eficacia supeditouse á aprobación do Plan técnico nacional de televisión dixital local, por medio do Real decreto 439/2004, do 12 de marzo, modificado polo Real decreto 2268/2004, do 3 de decembro, a través dos que se determinan as canles necesarias para a prestación do servizo de televisión local e os seus ámbitos de cobertura na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do réxime xurídico básico existente para o servizo público de televisión en xeral, a Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial e en execución da competencia recoñecida no artigo 34 do seu Estatuto de autonomía, pretende regular o réxime xurídico do servizo público da televisión dixital de ámbito autonómico e local, e en particular, os principios xerais que rexen o servizo e fins da concesión, así como o procedemento para o seu outorgamento.

Así mesmo, con independencia das competencias que sobre o servizo público de televisión exerce a consellería competente en materia de comunicación

social da Xunta de Galicia, o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia a través da comisión correspondente informará sobre os asuntos que aquela lle solicite.

A observancia das normas que regulan a prestación deste servizo exixe que a comunidade autónoma, dentro do seu ámbito competencial, estableza os instrumentos de control, inspección e sanción que velen polo seu cumprimento.

Tamén co obxectivo de coñecer o estado, situación e necesidades das emisoras de televisión autonómica e local faise necesario dispoñer dun instrumento axeitado que cumpra esta finalidade, creándose o Rexistro de Concesionarios do servizo de televisión autonómica e local no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que, logo do informe do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de catorce de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto regular o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital terrestre, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Principios xerais do servizo público e fins da concesión.

1. Os principios xerais que inspiran a xestión do servizo público de televisión son:

a) A obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións.

b) A separación entre as informacións e as opinións, a identificación de quen sustente estas últimas, a súa libre expresión cos límites do punto 4º do artigo 20 da Constitución española.

c) O respecto ao pluralismo político, social, cultural, relixioso e lingüístico.

d) O dereito á honra, á fama e á intimidade persoal e familiar e o dereito de rectificación, así como os demais dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución española.

e) A protección dos dereitos da xuventude e da infancia.

f) O respecto aos valores de igualdade recollidos no artigo 14 da Constitución española.

g) O fomento e defensa da cultura, dos intereses locais e autonómicos así como a promoción da convivencia impulsando, para tal efecto, a participación dos grupos sociais do ámbito territorial correspondente.

h) Favorecer a educación, a cultura e a difusión dos valores cívicos e dos coñecementos sociais, económicos, artísticos, científicos e técnicos.

i) A defensa e preservación do medio.

j) Fomentar a exhibición da produción audiovisual española e europea e, en especial, da produción audiovisual galega en todas as súas manifestacións, de conformidade cos obxectivos aos que se refire o artigo 8 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

2. A concesión administrativa do servizo público terá principalmente os seguintes fins:

a) O fomento dos valores e da identidade cultural, económica e social de Galicia e dos intereses locais e autonómicos correspondentes, impulsando a participación dos grupos sociais deste ámbito territorial.

b) A creación de programas, valorando especialmente a emisión dos programas de produción propia e das producións audiovisuais galegas en todas as súas manifestacións.

c) A participación nas producións audiovisuais de orixe galega ou en coproducións audiovisuais nas que a participación dunha produtora galega acade, polo menos, o 25% da produción total.

d) A difusión de programas de carácter educativo, cultural así como aqueles que favorezan a difusión dos valores cívicos e dos coñecementos sociais, económicos, artísticos, científicos e técnicos.

e) A introdución de novos servizos de valor engadido adicionais a través da televisión dixital terrestre, como pode ser o acceso á internet.

f) A viabilidade técnica, profesional e económica do proxecto de televisión e a xeración de emprego.

Artigo 3º.-Clasificación.

Atendendo a súa forma de xestión, as televisións clasifícanse en:

-Públicas: a súa xestión será realizada directamente pola comunidade autónoma a través da correspondente entidade pública ou polos concellos, mediante concesión, a través das formas previstas no artigo 85.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

-Privadas: a súa xestión realizarase indirectamente mediante concesión administrativa a persoas natu

rais ou xurídicas privadas, legalmente constituídas, de nacionalidade de calquera Estado membro da Unión Europea, de conformidade coa normativa de televisión que lles resulte aplicable ou doutra nacionalidade de acordo co previsto nos tratados e acordos internacionais subscritos polo Estado español.

Atendendo a súa cobertura territorial, as televisións poden ser:

-De ámbito autonómico: cando abarca todo o territorio da comunidade autónoma.

-De ámbito local: cando abranque unha demarcación cos termos municipais que lle correspondan, segundo a planificación.

Capítulo II

Das televisións públicas

Artigo 4º.-Procedemento.

1. A xestión directa dos programas de televisión dixital pública de ámbito autonómico corresponderalle á Comunidade Autónoma de Galicia e a autorización de programas de televisión dixital autonómica rexerase pola súa normativa específica e non será de aplicación o previsto neste capítulo II.

2. Os concellos interesados integrados nunha demarcación planificada poderán solicitar a xestión dun programa de televisión dixital local, xuntando cada concello interesado a certificación do acordo do Pleno da Corporación Municipal nese sentido; ademais, deberán acordar conxuntamente a xestión do programa de televisión local dixital.

Artigo 5º.-Requisitos da solicitude.

De acordo co previsto no artigo 3, a entidade xestora que, segundo a normativa de réxime local, acorden constituír os concellos interesados integrados nunha demarcación, presentará, a través do seu representante, a solicitude para a explotación dun programa de televisión dixital local.

Coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificados dos acordos plenarios dos concellos interesados que integran a demarcación planificada polo que acordaron constituír a entidade xestora para a explotación do programa de televisión dixital local.

b) Documentación que acredite a personalidade xurídica da entidade xestora e mais os seus estatutos.

c) Proxecto de regulamento interno.

d) Memoria sobre o plan de viabilidade técnica e financeira.

e) Plan estratéxico do proxecto televisivo con referencia ás infraestruturas, equipamentos e persoal.

f) Memoria sobre a programación prevista.

g) Compromiso de cobertura e calidade do servizo.

h) Localización dos estudos de produción e realización.

i) Calquera documentación para a mellor defensa da petición.

A consellería competente en materia de comunicación social elaborará un informe sobre a solicitude presentada que remitirá ao Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, a través da comisión correspondente, para o seu coñecemento.

O Consello da Xunta de Galicia acordará, se procede, a adxudicación provisional do programa de televisión dixital local.

Capítulo III

Das televisións privadas

Artigo 6º.-Procedemento.

Poderán solicitar a concesión dun programa de televisión dixital para a explotación do servizo público de televisión:

a) Para o de cobertura autonómica: as sociedades anónimas.

b) Para o de cobertura local: as persoas naturais ou xurídicas.

Para o caso de sociedades, o seu obxecto social deberá incluír a xestión indirecta do servizo de televisión.

Para o caso de entidades sen ánimo de lucro, no prego de bases, valorarase positivamente a aquelas que concorran á xestión indirecta do servizo.

En todo caso, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou de calquera Estado membro da Unión Europea, de conformidade coa normativa de televisión que lles resulte aplicable, así como tamén doutra nacionalidade de acordo co previsto nos tratados e acordos internacionais subscritos polo Estado español.

b) Se se trata de persoas xurídicas que teñan a forma de sociedade, as súas accións serán nominativas. A participación estranxeira no capital ou no patrimonio non poderá superar directa ou indirectamente ou a través dunha ou varias persoas físicas ou xurídicas interpostas o 25%, agás o disposto nos tratados e acordos internacionais.

-Se a calidade de socio a ten unha sociedade por accións será necesario que todas as súas accións sexan nominativas.

-Se se trata doutras persoas xurídicas con capital social representado por participacións ou títulos equivalentes aplicaranselles estes mesmos requisitos.

c) Para garantir o pluralismo informativo, os concesionarios de programas do servizo de televisión estarán suxeitos ás limitacións previstas no artigo 19 da Lei 10/1988, do 3 de maio, de televisión privada.

Artigo 7º.-Convocatoria do concurso.

A través de Acordo do Consello da Xunta de Galicia aprobarase o prego de bases administrativas e de condicións técnicas e convocaranse os concursos públicos para outorgar, mediante concesión, a xestión indirecta do servizo público de televisión de cobertura autonómica ou local dixital no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Adxudicación provisional.

O Consello da Xunta de Galicia resolverá a adxudicación provisional da concesión segundo os criterios de valoración sinalados no prego de bases administrativas e de condicións técnicas, de acordo cos principios xerais e fins da concesión previstos no artigo 2º.

Esta resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada aos interesados.

Capítulo IV

Trámites comúns no procedemento para

as televisións públicas e privadas

Artigo 9º.-Proxectos técnicos.

1. Notificada e publicada a adxudicación provisional, o interesado presentará no prazo de seis meses os proxectos técnicos ante a dirección xeral competente en materia de comunicación social, que comprenderán separadamente:

a) O proxecto de estudos de produción.

b) O proxecto de rede de enlace entre eses estudos e a rede de difusión.

c) O proxecto de rede de difusión.

2. Ademais, dentro dese prazo, os adxudicatarios provisionais que compartan unha canle múltiple, deberán designar, por criterio maioritario, o xestor deste e, ante a consellería competente en materia de comunicación social, presentarán o acordo de compartición desa canle.

Respecto dos acordos para o establecemento da rede de difusión, cada un dos adxudicatarios da canle múltiple deberán presentar un proxecto de rede de difusión que necesariamente ten que ser común a todos eles. Logo de informe da dirección xeral competente en materia de comunicación social, remitiranse de oficio ao órgano competente da Admi

nistración xeral do Estado, que resolverá a aprobación, denegación ou modificación destes, o que se lles notificará aos interesados pola dita dirección xeral.

Respecto dos proxectos de rede de enlace, cada un dos adxudicatarios da canle múltiple deberá presentar o seu proxecto de enlace entre os estudos e a rede de difusión. Logo de informe da dirección xeral competente en materia de comunicación social, remitiráselle á Administración xeral do Estado competente para resolver a aprobación, denegación ou modificación dese proxecto, o que se lle notificará aos interesados pola dita dirección xeral.

3. No suposto de denegación ou proposta de modificación dalgún proxecto, requirirase do interesado que presente ante a dirección xeral competente en materia de comunicación social un novo proxecto técnico no prazo dos dous meses seguintes á notificación.

4. A non-presentación dese proxecto técnico no prazo sinalado así como o incumprimento do requirimento efectuado entenderase como desistimento do procedemento, producindo a caducidade da adxudicación provisional, causando unha vacante dispoñible para unha nova concesión.

5. Aprobados os proxectos técnicos, o adxudicatario provisional disporá de doce meses para a execución das obras e instalacións e comunicaralle a fin delas á dirección xeral competente en materia de comunicación social, que emitirá un informe previo sobre a adecuación das obras e instalacións realizadas segundo os proxectos técnicos aprobados, que se remitirá de oficio ao ministerio competente da Administración xeral do Estado para o efecto de que dite resolución sobre a posta en funcionamento técnico.

6. En todo caso, con carácter previo ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, polo que se outorga a concesión definitiva, é necesario xuntar a seguinte documentación:

a) Acreditación de encontrarse ao corrente das obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e das obrigas coa Seguridade Social.

b) Datos actualizados, no caso das persoas xurídicas, relativos ao capital social ou análogo e a súa distribución, así como a composición dos seus órganos de administración.

c) Nome do director da emisora.

d) Documentos referidos no artigo 12, letras n) e o).

e) Aqueloutras modificacións que se puidesen producir desde que se lle notificou o acordo de adxudicación provisional.

Artigo 10º.-Concesión definitiva e a súa formalización.

1. O Consello da Xunta de Galicia, á vista da aprobación dos proxectos técnicos, da aprobación da posta en funcionamento das instalacións, e por proposta do conselleiro competente en materia de comunicación social, outorgará a concesión do servizo de televisión, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ao interesado.

2. Para o caso das televisións privadas, tras a publicación e notificación, procederase á formalización do contrato de xestión do servizo de televisión entre a Xunta de Galicia e o interesado.

Artigo 11º.-Duración da concesión definitiva e prórroga.

1. A concesión para a xestión dun programa de televisión dixital de ámbito autonómico será de dez anos e poderá ser prorrogable, por pedimento do concesionario, ata o prazo máximo establecido no texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

2. A concesión para a xestión dun programa de televisión dixital de ámbito local será de cinco anos, prorrogable por outros cinco, por pedimento do concesionario.

Capítulo V

Dereitos e obrigas dos titulares de concesións

Artigo 12º.-Dereitos e obrigas dos titulares de concesións.

A persoa física ou xurídica concesionaria do servizo de televisión autonómica ou local dixital terá os seguintes dereitos e obrigas:

a) Respectar os principios de programación a que se refire o artigo 2º.

b) Realizar a explotación directa da concesión de televisión autonómica ou local, que será intransferible.

c) Manter as características técnicas da concesión que se determinen no título concesional.

d) Garantir a continuada prestación do servizo de televisión con suxeición aos mínimos legalmente establecidos e ás condicións e compromisos asumidos polo concesionario e que serviron de base para outorgarlle o título concesional.

e) Non interromper a prestación do servizo, agás no caso de forza maior, sen previa autorización da consellería competente en materia de comunicación social.

f) Emitir 32 horas semanais de programas orixinais como mínimo, fomentando a difusión de servizos televisivos de carácter autonómico ou local.

g) Emitir programas de produción propia un mínimo do 60% do total da emisión, do que o 50% debe emitirse en lingua galega. Debe de entenderse dentro daquela porcentaxe aquelas coproducións nas que a participación dunha produtora galega sexa polo menos do 25% da produción audiovisual.

h) Reservar o 51% da emisión para difusión de obras europeas e, desa cota, destinar como mínimo o 10% do tempo de emisión a obras europeas de produtores independentes do concesionario e especialmente a producións audiovisuais de carácter galego.

i) Empregar o idioma galego de xeito usual nas emisións de conformidade coa Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

j) Prestación dos servizos da sociedade da información adicionais aos servizos de difusión se así se obrigase na súa oferta, facilitando a posta en marcha de aplicacións que permitan a prestación de servizos interactivos e coas limitacións derivadas da normativa que lles sexa de aplicación.

k) Facilitar as comprobacións e inspeccións que teña que levar a cabo a Xunta de Galicia co fin de verificar o cumprimento das condicións da concesión.

l) Difundir comunicados ou declaracións de interese público de acordo co establecido no artigo 7 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

m) Cumprir co previsto no artigo 8 e capítulo III da Lei 25/1994, do 12 de xullo, pola que se incorpora a Directiva 89/552/CEE, nas materias de difusión de obras cinematográficas e nas de publicidade e patrocinio.

n) Presentar anualmente ante a dirección xeral competente en materia de comunicación social unha memoria na que figure a situación económico-financeira da empresa e o resultado do último exercicio, no prazo máximo de catro meses desde a fin deste.

o) Presentar antes do 15 de decembro de cada ano o plan de programación do ano seguinte, con especificacións dos horarios de emisión e de programación propia e o proxecto de orzamentos para o exercicio próximo.

p) Ter á disposición da dirección xeral competente en materia de comunicación social todas as emisións, incluídas as de publicidade, telecompra, patrocinio e autopromoción que, en todo caso, terán que respectar os intereses xerais, co obxecto de poder verificar se se considera conveniente o grao de cumprimento, en canto a contidos, das obrigas asumidas polo xestor do servizo.

Artigo 13º.-Prohibición de emisión en cadea e de formar parte dunha cadea de televisión.

1. Os concesionarios do servizo de televisión autonómica ou local non poderán emitir ou formar parte

dunha cadea de televisión. Para estes efectos seralles de aplicación o previsto nos artigos 19 da Lei 10/1988, do 3 de maio, de televisión privada e no 7.2º e 3º da Lei 41/1995, do 22 de decembro, de televisión local por ondas terrestres.

En todo caso, as televisións autonómicas e locais poderán emitir simultaneamente aqueles contidos aos que se refiren os puntos b) e c) do artigo 2º.2 deste decreto, durante un máximo de cinco horas ao día e vinte e cinco semanais.

Excepcionalmente, as televisións de cobertura local, pública ou privada, logo da conformidade dos plenos dos concellos afectados, logo de autorización pola consellería competente en materia de comunicación social, poderán realizar emisións en cadea en atención ás características de proximidade territorial e identidade social e cultural dos concellos afectados.

2. A solicitude de autorización de emisión en cadea será formulada polos titulares das concesións do servizo de televisión local, xuntando a seguinte documentación:

a) Concesionarios de programas de televisión dixital local que desexen realizar as ditas emisións.

b) Contidos audiovisuais que se van emitir en cadea que xustifiquen este tipo de emisión sobre a base da proximidade e a identidade social e cultural dos concellos afectados.

c) Horario da emisión en cadea.

3. A consellería competente en materia de comunicación social autorizará ou denegará as ditas emisións, valorando que os contidos audiovisuais que se emitan en cadea sexan conxuntamente producidos polos concesionarios solicitantes ou se trate de producións audiovisuais galegas de acordo co previsto nos puntos b) e c) do artigo 2º.2 deste decreto.

4. Así mesmo, á dita consellería tamén lle corresponde o control da formación de cadeas e de emisión en cadea das televisións locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo VI

Variacións nas concesións definitivas

Artigo 14º.-Modificacións das características técnicas da concesión.

O Consello da Xunta de Galicia poderá modificar as condicións da concesión cando, xustificadamente por necesidades do servizo, a Administración xeral do Estado varíe as características técnicas da emisión correspondente a aquela concesión.

Artigo 15º.-Modificacións no capital social da entidade concesionaria.

1. Requirirá autorización administrativa previa do conselleiro competente en materia de comunicación social a realización de todos aqueles actos e negocios xurídicos que impliquen transmisión, disposición ou gravame das participacións sociais e, en xeral, para calquera modificación do capital social das sociedades titulares de concesión do servizo de televisión autonómica e local dixital, excepto nas ampliacións de capital que se realicen en idéntica proporción entre os titulares do capital social inicial.

2. O concesionario titular do servizo de televisión autonómica ou local deberá presentar, ante a dirección xeral competente en materia de comunicación social, a solicitude de autorización, xunto co documento acreditativo da ampliación de capital ou, se é o caso, de cambio de titularidade das accións ou participacións, quedando condicionada a eficacia de todos eses actos a que se obteña a correspondente autorización administrativa.

Capítulo VII

Consello Asesor de Telecomunicacións

e Audiovisual de Galicia

Artigo 16º

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia actuará como órgano asesor e consultivo, a través das comisións sectoriais que correspondan, e informará respecto daqueles asuntos que, relacionados co sector audiovisual, lle someta a consellería competente en materia de comunicación social.

Capítulo VIII

Rexistro de Concesionarios do Servizo de

Televisión Autonómica e Local de Galicia

Artigo 17º

Créase o Rexistro de Concesionarios do Servizo de Televisión Autonómica e Local de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de comunicación social. Neste rexistro inscribiranse, polo procedemento que regulamentariamente se estableza, os titulares de concesións do servizo de televisión autonómica e local que operen na Comunidade Autónoma de Galicia, as concesións outorgadas e os negocios xurídicos que afecten tanto os titulares como as concesións.

Capítulo IX

Réxime sancionador

Artigo 18º

1. A competencia para a aplicación do réxime sancionador a que se refire a Lei 41/1995, do 22 de decembro, de televisión local por ondas terrestres, e a Lei 25/1994, do 12 de xullo, pola que se incorpora

ao ordenamento xurídico español a Directiva 89/552/CEE, e as súas modificacións, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de comunicación social no caso de infraccións moi graves e ao director xeral competente en materia de comunicación social, se se trata de infraccións graves e leves.

2. O réxime sancionador sinalado no punto anterior refírese ás infraccións cometidas polos operadores de televisións autonómicas e locais cun ámbito de cobertura que non exceda do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e dentro das súas competencias. Exceptúanse as infraccións que, en calquera suposto, poidan cometer os operadores de televisión contra a normativa reguladora de aspectos técnicos e de protección do espectro radioeléctrico nos que a competencia sancionadora lles corresponde aos órganos da Administración xeral do Estado, de conformidade coa Lei 41/1995, do 22 de decembro, de televisión local por ondas terrestres, e a Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo caso, no que se refire á capacidade da canle múltiple haberá que aterse á planificación para o servizo de televisión en función do desenvolvemento tecnolóxico.

Segunda.-Para o caso de programas de televisión dixital de cobertura autonómica será necesario que o operador ao que se lle encomende a xestión técnica da canle múltiple teña despregada unha rede de tecnoloxía dixital en que o seu ámbito de cobertura acade, polo menos, o 90 % da poboación do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Para o caso de programas de televisión dixital de cobertura local, será necesario que o operador ao que se lle encomende a xestión técnica da canle múltiple teña despregada unha rede de tecnoloxía dixital en que o seu ámbito de cobertura acade, polo menos, o 85 % da poboación do territorio dos concellos segundo as demarcacións establecidas para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de comunicación social para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo