DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2005 Páx. 6.984

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer.

Existen en Galicia lugares de lecer e esparcexemento que xeran unhas necesidades de desprazamento, a miúdo en franxas horarias non atendidas polo transporte público colectivo, dirixido maioritariamente a mozos que utilizan para os seus desprazamentos vehículos turismo de maneira prioritaria sobre outros medios de transporte.

A dita demanda non sempre é compatible coa oferta do servizo público regular permanente de uso xeral, tanto pola súa concentración en períodos do ano, días da semana ou horas concretas como pola peculiaridade do servizo e a tipoloxía dos seus usuarios.

Ante esta situación e dada a proliferación de accidentes de circulación, consecuentes en boa medida a desprazamentos nocturnos desde os referidos centros de atracción, a sociedade vén demandando cada vez máis das administracións públicas a máxima rigorosidade das medidas de seguridade, e o incremento considerable dos controis dos ditos desprazamentos e, singularmente, do consumo de bebidas ou outras substancias xeradoras de boa parte dos sinistros. As ditas medidas, por conseguinte, resulta conveniente acompañalas doutras complementarias que garantan o establecemento de medios de transporte alternativos ao coche privado, eliminen ou minoren a consideración social relacionada coa súa utilización, e fomenten o uso do transporte público.

A vixente Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transporte terrestres, regula os transportes regulares temporais como unha modalidade dos servizos regulares de uso xeral cuxa especificidade radica no seu carácter intermitente debido á súa vinculación con demandas que non se producen coa mesma frecuencia temporal xa sexa por tratarse de servizos ocasionais ou por concentrarse en días, períodos ou franxas horarias moi limitadas.

Esta circunstancia concorre nos transportes a lugares de lecer que, habitualmente se organizan no período estival, case sempre en fin de semana e, habitualmente, nunha franxa horaria nocturna moi reducida.

Igualmente, regula aquela lei os transportes de uso especial como modalidade dos transportes públicos regulares, configurados como os destinados a servir, exclusivamente, a un grupo específico de usuarios, tales como escolares, traballadores, militares, ou grupos homoxéneos similares; a evolución

social operada desde a publicación da referida lei veu configurando grupos de demandantes de transporte que presentan unha homoxeneidade analizable desde distintos puntos de vista. Así, concretamente, os grupos de usuarios de actividades de ocio, fundamentalmente nocturnas, configúranse pola práctica social como demandantes natos de transporte de uso especial organizados polas propias entidades titulares de actividades lúdicas, correspondendo á Administración non só velar por unha prestación ordenada dos ditos servizos, senón incluso, unha clara potenciación e promoción dos mesmos como alternativa viable ao uso do automóbil.

O marco normativo vixente aplicable aos servizos regulares temporais e aos de uso especial non se adapta plenamente ás características dos transportes a lugares de lecer, toda vez que o desenvolvemento regulamentario da Lei de ordenación dos transportes terrestres conforma un réxime formal excesivamente complexo e en casos ambiguo.

Co presente decreto preténdese, polo tanto, cubrir o baleiro normativo existente, deseñando un réxime de outorgamento de autorizacións que supere as rixideces do vixente marco normativo, e contribuír a unha regulamentación máis harmónica dos ditos transportes. A dita regulación pretende ser ademais plenamente respectuosa cos dereitos legalmente recoñecidos aos concesionarios de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral, prevendo tanto o non establecemento destes servizos cando aqueles servizos poidan satisfacer adecuadamente a demanda, como recoñecendo ao seu favor un dereito de prioridade sobre os novos servizos que se establezan.

É de destacar que a primeira medida lexislativa adoptada pola Xunta de Galicia para fomentar o transporte público a lugares de lecer, foi a Lei de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada de Galicia (Lei 6/1996, do 9 de xullo). Esta norma, no seu artigo 22, posibilita a consellería competente en materia de transportes para que os servizos nocturnos en vehículos de turismo (taxis) puidesen ser prestados por taxistas dos concellos limítrofes, sempre que previamente se constate a insuficiencia dos taxis dun determinado municipio para cubrir os servizos nocturnos xerados no mesmo, situación coa que se atendía de xeito significativo o incremento da demanda de transporte xerada nas zonas cunha maior concentración de lugares de lecer.

Este decreto regula o establecemento de servizos a lugares de lecer e o outorgamento das correspondentes autorizacións administrativas, establecendo unhas condicións específicas para iso, de acordo coa habilitación efectuada pola Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres.

Na súa virtude, en uso das competencias atribuídas polo artigo 27.8º da Lei orgánica 1/1981 pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, logo da proposta da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, informado favorablemente polo Consello Galego de Transportes na súa reunión do 30 de xullo de 2004, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia do 5 de novembro de 2004, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. Este ten por obxecto regular os servizos de transportes público regular temporais e de uso especial, que teñan como orixe ou destino áreas ou puntos concretos relacionados con actividades de ocio, e para usuarios que se despracen coa dita finalidade.

2. Singularmente, suxeitaranse á regulación contida neste decreto, os servizos de transporte público a lugares de lecer que se presten de forma continuada durante períodos de tempo de duración limitada, tales como vacacións ou estacionais, ou de forma descontinua pero periódica ao longo do ano, tales como fins de semana, preferentemente na banda horaria comprendida entre a media hora posterior ao último servizo do día e a media hora anterior ao primeiro da mañá.

Artigo 2º.-Modalidades de servizos de transporte público a lugares de lecer.

Os servizos de transporte público a lugares de lecer suxeitaranse ás seguintes modalidades:

a) Servizos de transporte público regular temporal con cobro individual. Poderán establecerse os ditos servizos cando, conforme o establecido no artigo 88.2º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, o servizo de transporte público a lugares de lecer non poida ser asumido por unha concesión de transporte público regular permanente de viaxeiros por estrada de uso xeral, ben sexa pola súa inexistencia ou porque resulte máis conveniente o establecemento dun servizo independente.

b) Servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso especial a lugares de ocio. Agrúpanse baixo esta categoría os servizos organizados por unha Administración, organismo, asociación, empresa, ou outros colectivos análogos interesados, para o transporte dun grupo homoxéneo de usuarios, que teña por finalidade común desprazarse a centros lúdicos, ou a localidades nas que se concentren diversos esta

blecementos desta índole, unidos pola súa proximidade territorial e a súa dedicación á industria do ocio.

Artigo 3º.-Réxime económico dos servizos de transporte público a lugares de lecer.

Os servizos de transporte público a lugares de lecer regulados neste decreto prestaranse con suxeición ás condicións económicas establecidas no acordo de implantación e a autorización administrativa. En todo caso, para o efecto de outorgamento das autorizacións reguladas neste decreto, deberá manterse e xustificarse o equilibrio económico do correspondente servizo de transporte público a lugares de lecer autorizado.

Artigo 4º.-Administración competente.

Para a realización deste tipo de transporte, calquera que sexa a súa modalidade, precisarase da correspondente autorización administrativa, que será outorgada pola dirección xeral competente en materia de transportes cando o itinerario do servizo corresponda a un servizo interurbano.

As entidades locais poderán establecer estes servizos no ámbito da súa competencia, de acordo co presente decreto e o establecido nas ordenanzas locais.

Capítulo II

Servizos de transporte público temporais con cobro

individual a lugares de lecer

Artigo 5º.-Iniciativa para o establecemento do servizo.

Os procedementos de establecemento dos servizos de transporte temporal con cobro individual a lugares de lecer iniciaranse ben de oficio pola Administración competente, por propia iniciativa ou por instancia doutra Administración, asociación ou organismo interesado, ben por solicitude dos propios transportistas interesados.

Artigo 6º.-Procedementos de establecemento e autorización de servizos por solicitude de parte.

1. As solicitudes de establecemento dos servizos de transporte, e ulterior autorización, previstos neste capítulo, dirixiranse ao servizo provincial competente en materia de transportes cuxo ámbito de competencias abarque o municipio onde teña o seu destino o servizo, debendo figurar no escrito de solicitude os seguintes datos xunto coa súa xustificación documental:

* Nome ou denominación da empresa individual ou colectiva solicitante do servizo, acompañando de copia do seu NIF ou CIF.

* Identificación, se é o caso, do representante da empresa solicitante, e xustificación documental da representación exercitada.

* Ámbito territorial do servizo que se propón realizar, con indicación de paradas así como horarios de actuación previstos.

* Memoria xustificativa da necesidade ou oportunidade do servizo proposto e, singularmente, da tarifa do servizo, fundamentada nun somero estudo económico.

* Identificación dos vehículos cos que se pretende realizar o servizo, acompañado da documentación acreditativa da subscrición dos seguros correspondentes, ITV e permiso de circulación, e identificación das autorizacións de transporte de que dispoñan.

2. O servizo provincial, logo de exame da solicitude, poderá propoñer ao director xeral competente en materia de transportes, a estimación ou desestimación da solicitude de establecemento do servizo, ditándose por este resolución expresa ao respecto. Entenderase en todo caso que procede a desestimación do establecemento do servizo cando a demanda de mobilidade poida ser garantida satisfactoriamente no ámbito dos servizos de transporte público regular permanente de uso xeral preexistentes de acordo co previsto no artigo 88.2º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres.

En caso de acordarse o establecemento do servizo, o director xeral competente en materia de transportes ditará resolución expresa na que se establecerán os datos básicos do servizo que se acorde establecer e, singularmente, os referentes ás demandas de transporte que se pretendan satisfacer, acordando a devolución do expediente ao servizo provincial competente para a continuación da instrución do procedemento.

O prazo para resolver as solicitudes de establecemento de servizos e notificar a dita resolución, será de tres meses; transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, de acordo co previsto polo artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O acordo de establecemento do servizo será anunciado no Diario Oficial de Galicia, e notificado aos concesionarios de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros por estrada de uso xeral, coincidentes nalgún punto co servizo de transporte establecido; abrindo un prazo de 20 días hábi

les para efectos de que calquera empresario de transportes poida presentar solicitude de autorización do servizo, xuntando idéntica documentación á prevista no punto primeiro deste artigo; neste trámite poderá comparecer o solicitante inicial mellorando a súa solicitude.

4. Concluído o trámite previsto no número anterior, o servizo provincial competente remitirá as solicitudes formuladas, para o seu informe no prazo dun mes, a:

-Os concellos onde se prevexan puntos de parada;

-O Comité Galego de Transportes.

Recibidos os ditos informes, ou expirado o prazo outorgado, o servizo provincial competente en materia de transportes remitirá, xunto co seu informe, toda a documentación que conste no expediente, para a súa resolución, ao director xeral competente en materia de transportes.

5. O director xeral competente en materia de transportes, de estimar que non proceda unha modificación concesional de acordo co artigo 88 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, outorgará a autorización de transporte público a lugares de lecer á petición que supoña unha mellor oferta de transporte atendendo ao nivel de oferta, á súa calidade e ás tarifas propostas.

6. Para os efectos previstos no punto anterior, concorrendo diversos solicitantes dun servizo de transporte público a lugares de lecer, tanto con carácter inicial como no prazo previsto no punto terceiro deste artigo, establécese a seguinte orde de prelación ou preferencia sobre o mesmo respecto dos titulares de autorizacións de transporte discrecional:

a) Preferentemente, as empresas concesionarias dun servizo de transporte público regular permanente de viaxeiros por estrada de uso xeral, con punto de parada na localidade ou localidades onde se sitúen os puntos de atracción dos usuarios, e con itinerarios parcialmente coincidentes cos do servizo de transporte público a lugares de lecer.

b) En defecto das anteriores, as empresas concesionaria dun servizo de transporte público regular permanente de viaxeiros por estrada de uso xeral que teña punto de contacto con algunha das paradas do servizo de transporte público a lugares de lecer.

Cando se formulen solicitudes ou propostas alternativas por máis dunha empresa nas que concorran os requisitos establecidos nos puntos anteriores, estimarase preferente dentro de cada un dos grupos, ao concesionario con maior porcentaxe de coincidencia, descontados os tramos nos que exista prohibición de tráfico que impida a relación de tráfico co punto de destino.

O recoñecemento da preferencia prevista nos puntos anteriores requirirá que se efectúe nos termos previstos neste artigo e, concretamente, de acordo coas seguintes regras:

-Só poderán ostentar dereito preferente as empresas que estando incluídas nos supostos previstos nos puntos a) e b) anteriores, comparecesen no procedemento formulando unha solicitude de establecemento do servizo ou de autorización, nos termos e prazos previstos neste artigo.

-Con antelación á resolución do procedemento prevista no punto 5 deste artigo, notificarase ás empresas que cumpran os requisitos previstos nos puntos anteriores, as condicións daquela solicitude que se considere máis beneficiosa, a fin de que aquelas poidan exercer a preferencia prevista neste artigo, mellorando a súa propia proposta, e facéndoa polo menos equivalente a aquela, para o que se lles outorgará un prazo improrrogable de dez días.

7. Respecto da resolución referente ao outorgamento de autorización para a prestación do servizo, a Administración deberá ditar resolución expresa ao respecto no prazo máximo de seis meses a contar desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo con base no artigo 44.1º da xa citada Lei 30/1992.

Na autorización que se outorgue estableceranse as condicións de prestación do servizo, en especial as referidas a tarifas, horarios, itinerario e características dos vehículos que vaian prestar o servizo.

Artigo 7º.-Procedementos de establecemento e autorización de servizos iniciados de oficio pola Administración.

1. Ben por propia iniciativa, ben a instancia doutra Administración, asociación ou organismo interesado, a Administración competente para o establecemento do servizo poderá acordar o inicio de oficio do procedemento de establecemento do servizo.

2. O acordo para o inicio do procedemento de oficio deberá precisar os datos básicos do servizo que se propoña establecer, e singularmente, os referentes ás demandas de transporte que se pretendan satisfacer. O dito acordo someterase a información pública no termos e para os efectos previstos no número 3 do artigo anterior.

Concluído o trámite de información pública indicado, seguirase a tramitación do procedemento de autorización do servizo nos mesmos termos previstos nos números 4 e seguintes deste artigo.

Artigo 8º.-Vixencia das autorizacións.

1. O prazo de vixencia da autorización administrativa prevista neste capítulo será anual, podendo ser renovada por iguais períodos de vixencia ata un prazo máximo, incluído o inicial, de cinco anos.

2. Para a renovación anual da autorización, que será expedida polos servizos provinciais competentes en materia de transportes, analizarase o grao de satisfacción dos usuarios, así como o mantemento das condicións que determinaron o outorgamento inicial da autorización, incluído o réxime económico da mesma.

Os servizos autorizados de acordo co previsto neste capítulo deberán ser prestados, durante a vixencia da propia autorización inicial e, se é o caso, das súas renovacións, nas mesmas condicións en que foran outorgadas inicialmente; non obstante, a dirección xeral competente en materia de transportes poderá autorizar modificacións puntuais, que non supoñan illada nin conxuntamente, unha modificación substancial daquela, sempre que resulten adecuadas ao fin de garantir a mobilidade dos usuarios deste transporte, e se xustifiquen suficientemente no expediente tramitado para o efecto.

3. Concluído o prazo de vixencia da autorización, orixinaria ou renovada, a Administración poderá autorizar a continuación da prestación do servizo ata os prazos máximos previstos para a tramitación e resolución duns novos procedementos de establecemento e autorización do servizo.

Artigo 9º.-Vehículos

1. A prestación deste tipo de transporte poderá ser realizado por calquera vehículo que dispoña de autorización transporte discrecional para vehículos de máis de nove (9) prazas, incluído o condutor, de ámbito suficiente para cubrir a totalidade do percorrido do servizo.

2. Os vehículos que realicen este tipo de transporte deberán levar en lugar visible un rótulo que identifique o itinerario e a modalidade do servizo, de acordo coas especificacións que en desenvolvemento desta norma se establezan, se é o caso.

Capítulo III

Servizos de transporte público regular de viaxeiros

de uso especial a lugares de lecer

Artigo 10º.-Autorizacións de transporte público regular de viaxeiros de uso especial a lugares de lecer.

1. Os transportes realizados baixo a modalidade prevista neste capítulo prestaranse baixo autorización administrativa, sendo plenamente aplicable á mesma, no non previsto expresamente polo presente

decreto, a normativa reguladora dos servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso especial, de escolares e obreiros, de competencia da Xunta de Galicia.

2. Para o outorgamento das autorizacións recollidas neste artigo establécese un dereito de preferencia nos mesmos termos substantivos e adxectivos contidos na antedita normativa reguladora da prestación dos servizos de transporte escolar e de obreiros da competencia da Xunta de Galicia.

3. Para os efectos deste decreto, agrúpanse baixo esta modalidade os transportes nos que unha entidade, organismo, Administración ou asociación formalizan cunha empresa autorizada para o transporte público de viaxeiros, un contrato para o traslado dun grupo homoxéneo de usuarios, que aínda que indefinido e variable, presenten unha unión por un fin común, ao longo dun itinerario prefixado, e que teña por destino un establecemento ou establecementos de ocio, ou incluso unha localidade ou localidades próximas, aos que os usuarios se trasladen en horario preferentemente nocturno para desenvolver actividades manifestamente ligadas ao ocio.

Para os efectos do punto anterior, consideraranse para a determinación da homoxeneidade dos usuarios, entre outras circunstancias concorrentes, a natureza e fins da persoa contratante, e as características dos servizos contratados, tomando singularmente en consideración os seus horarios e itinerarios. Igualmente, co fin de asegurar a homoxeneidade do grupo de usuarios, a autorización que habilite para a prestación destes servizos poderá establecer condicionantes da súa prestación, tales como a exixencia de tenza polos usuarios de entradas aos lugares de lecer causantes do servizo durante a prestación do transporte, ou outras de equivalente natureza.

4. O prezo do servizo deberá ser aboado totalmente polo organizador do servizo. Non obstante, de forma excepcional e logo de xustificación da súa conveniencia e oportunidade, poderá autorizarse o pagamento mixto, polo contratante e os usuarios dos servizos, determinando a Administración na autorización o importe máximo que quen preste o servizo poderá demandar de cada usuario.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando a Administración estime a inviabilidade de cubrir as necesidades previstas neste decreto a través dos mecanismos no mesmo establecidos, a dirección xeral competente en materia de transportes, por proposta dos municipios interesados, poderá autorizar a prestación dos ditos servizos mediante vehículos provistos de autorización

municipal de transporte da serie VT-Nacional e licenza municipal correspondente aos concellos da área onde se preste o servizo, mediante a creación dunha área territorial de prestación conxunta ao amparo do establecido no artigo 21 da Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbano e interurbano por estrada de Galicia.

A determinación do réxime de acceso e realización dos servizos establecerase pola dirección xeral antedita, logo de informe dos concellos, e proposta da sección de taxis do Comité Galego de Transportes.

Igualmente, cando de conformidade co previsto no artigo 22 da citada Lei 6/1996, a dirección xeral competente en materia de transportes constate a existencia dunha demanda de transporte público a lugares de lecer insatisfeita, e estime improcedente o establecemento dos servizos previstos neste decreto, por petición ou coa conformidade dos municipios interesados, poderá autorizar a prestación dos servizos regulados polo presente decreto, por taxis que non teñan a súa residencia no punto de inicio do servizo.

Segunda.-Para os efectos da admisión a trámite das solicitudes de establecemento de servizos previstos no capítulo segundo deste decreto, tomarase especialmente en consideración a preexistencia na zona na que se pretenda establecer un novo servizo, de servizos de transporte xa autorizados que, a xuízo da dirección xeral competente en materia de transportes, atendan suficientemente as necesidades de desprazamento, suposto no que non poderán outorgarse outros que pretendan atender tráficos substancialmente coincidentes.

Terceira.-A autorización regulada neste decreto levará anexa a obriga por parte do transportista de darlle publicidade ao dito transporte nas condicións que a dirección xeral competente en materia de transportes determine.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro competente en materia de transportes para ditar as disposicións e adoptar as medidas necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO