DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2005 Páx. 6.935

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 78/2005, do 21 de abril, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo así como os xuíces de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais así como persoal dos servizos centrais da Xunta de Galicia co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005.

De conformidade co disposto nos artigos 13.2º e 22.2º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, o Consello da Xunta será quen deba fixar as compensacións económicas que correspondan aos membros da Xunta Electoral de Galicia e ás xuntas electorais provinciais e de zona para as eleccións ao Parlamento de Galicia 2005.

Por outro lado, e tal e como preceptúa o articulado anterior, é tamén obriga do Consello da Xunta facilitarlles ás xuntas electorais provinciais e de zona que poidan dispor dos medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste senso, e co obxecto de acadar unha axeitada integración entre os principios regulados polo Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, modificado polo Real decreto 1382/2002, do 20 de decembro, e pola

orde do Ministerio do Interior 2838/2003, do 14 de outubro, e a vixente normativa electoral autonómica, á hora de fixar as ditas compensacións, consideráronse as funcións que lle corresponden á Administración electoral no marco fixado pola vixente lexislación e valoráronse os precedentes dos procesos electorais que aconteceron desde as últimas eleccións autonómicas.

Polo tanto, para un mellor desenvolvemento do proceso electoral autonómico e co obxecto de dar obrigado cumprimento ás prescricións legais contidas na Lei orgánica do réxime electoral xeral e evitar, deste xeito, as disfuncións que a dispersión da norma puidese provocar, faise necesario regular, sen demora ningunha, as gratificacións e indemnizacións anteriormente citadas.

Na súa virtude, facendo uso da habilitación que lle confire a disposición adicional da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, que faculta a Xunta de Galicia para ditar as disposicións precisas para o seu cumprimento e execución, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Xunta Electoral de Galicia.

1. Os membros da Xunta Electoral de Galicia terán dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005, as gratificacións fixas que a continuación se detallan:

Presidente: 4.200,00 euros.

Vicepresidente: 2.000,00 euros.

Secretario: 3.300,00 euros.

Vogais: 1.800,00 euros.

2. O resto das indemnizacións e a súa forma de pagamento serán acordados polo Parlamento de Galicia.

Artigo 2º.-Xuntas electorais provinciais e de zona.

1. Os membros das xuntas electorais provinciais teñen dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005, ás gratificacións fixas que a continuación se detallan:

a) Xuntas electorais da Coruña e Pontevedra:

Presidente: 3.200,00 euros.

Secretario: 3.000,00 euros.

Vogais xudiciais: 1.400,00 euros.

Vogais non xudiciais: 800,00 euros.

Delegado da Oficina do Censo Electoral: 1.400,00 euros.

b) Xuntas electorais de Lugo e Ourense:

Presidente: 2.900,00 euros.

Secretario: 2.700,00 euros.

Vogais xudiciais: 1.300,00 euros.

Vogais non xudiciais: 700,00 euros.

Delegado da Oficina do Censo Electoral: 1.300,00 euros.

c) O dereito ás gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento en que se tome posesión do cargo correspondente, e enténdese referido á totalidade do tempo no que as xuntas electorais provinciais cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2º da LOREX.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgún dos seus membros sexa inferior ao mandato legal anteriormente mencionado, terán dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ao tempo efectivo do desempeño do cargo.

2. Os membros de todas as xuntas electorais de zona percibirán como gratificación polo desempeño das súas funcións nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005 ás gratificacións fixas que a continuación se detallan:

Presidente: 2.400,00 euros.

Secretario: 2.200,00 euros.

Vogais xudiciais: 1.000,00 euros.

Vogais non xudiciais: 600,00 euros.

O dereito á percepción das gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento no que se tome posesión do cargo correspondente, e enténdese referido á totalidade do tempo en que as xuntas electorais de zona cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2º da LOREX.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgún dos seus membros sexa inferior ao mandato legal anteriormente mencionado, terá dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ao tempo efectivo do desempeño do cargo.

3. Para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador ás xuntas electorais provinciais e de zona, asignarase a cantidade de 46,00 euros por cada unha das mesas que efectivamente se constitúan na respectiva provincia; máis un achegamento adicional de 4.400,00 euros ás provincias de Lugo e Ourense.

Neste senso, para poderen participar como persoal colaborador das xuntas electorais provinciais e de zona será precisa a súa pertenza como funcionario ou laboral a calquera das administracións públicas.

O importe resultante no ámbito provincial terá carácter limitativo, e será repartido pola xunta electoral provincial entre todas as xuntas electorais existentes na provincia.

4. Cando os membros das xuntas electorais provinciais e de zona, para asistiren ás reunións regulamentariamente convocadas, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,17 euros.

Se ao efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

5. A Xunta de Galicia, co obxecto de dar obrigado cumprimento ao preceptuado na normativa electoral vixente, porá á disposición das xuntas electorais provinciais e de zona os medios materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste senso e con cargo a este punto sufragaranse todos aqueles gastos de natureza material que resulte necesario efectuar para o correcto funcionamento das administracións electorais especificadas no parágrafo anterior.

Artigo 3º.-Delegados das xuntas electorais de zona.

1. Os secretarios dos concellos, pola súa condición de delegados das xuntas electorais de zona, percibirán unhas cantidades fixas, que virán determinadas polo número total de mesas electorais que efectivamente se constitúan no municipio ou municipios en que actúen como tales, con independencia da natureza dos agrupados ou acumulados que teñan aqueles con relación ao titular da secretaría.

Os importes que hai que lles aboar aos delegados das xuntas electorais de zona serán os seguintes:

Número de mesas electorais

Número nonNúmero comprendidoNúmero superior

superior a 10 mesasentre 11 e 50 mesas a 50 mesas

Secretarios800,00 euros900,00 euros1.000,00 euros

O dereito á percepción das gratificacións anteriores enténdese referido á totalidade do proceso electoral autonómico. No suposto de que se permaneza no cargo por un tempo inferior, terase dereito a unha cantidade proporcional ao que permanecese nel.

No suposto de que o titular dunha secretaría sexa adscrito a un novo concello durante a celebración do proceso electoral autonómico, percibirá, se é o

caso, ademais, a diferenza que lle corresponda co xa percibido, se o concello de destino está comprendido nun tramo distinto ao de orixe.

2. Para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal dos concellos, asignarase a cantidade de 39,00 euros por cada mesa electoral efectivamente constituída no respectivo municipio, tendo a cantidade resultante carácter limitativo.

3. Cando os secretarios dos concellos, como membros das xuntas electorais de zona, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual para asistiren ás reunións regulamentariamente convocadas por estas, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,17 euros.

Se ao efectuaren desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 4º.-Membros das mesas electorais.

1. Quen sexa nomeado presidente e vogal das mesas electorais de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, percibirá 60,00 euros en concepto de indemnización.

Só terán dereito á indemnización arriba mencionada aqueles que teñan a condición de titulares e os suplentes unicamente cando adquiran tal condición. Así mesmo, o dereito á mesma serao no seu importe íntegro, con independencia do tempo da xornada electoral no que se estivese desempeñando o cargo.

2. Co obxecto de facilitar o cumprimento do preceptuado no artigo 101.1º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, cada un dos presidentes das mesas electorais -únicos membros das mesmas que teñen a obriga de entregar a documentación electoral pertinente na sede do Xulgado de Primeira Instancia ou de Paz percibirá 7,50 euros en concepto de indemnización por desprazamento.

A cantidade fixada no parágrafo anterior corre a cargo da Xunta de Galicia, e establécese en base ao previsto no artigo 101.1º da LOREX, sen que isto menoscabe a obriga que pesa sobre a forza pública e que se atopa establecida no citado precepto.

3. Os presidentes, vogais e suplentes das mesas electorais que resulten nomeados de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, quedarán protexidos polo sistema da Seguridade Social fronte ás continxencias e situacións que poidan derivarse da súa participación nas eleccións.

Para efectos do disposto no parágrafo anterior, os referidos membros das mesas electorais considéran

se, durante o exercicio da súa función, como asimilados aos traballadores por conta allea do réxime xeral da Seguridade Social para a continxencia de accidentes de traballo.

Neste senso, a Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, modificado polo Real decreto 1382/2002, do 20 de decembro, e pola orde do Ministerio do Interior 2838/2003, do 14 de outubro, farase cargo da cotización correspondente á cobertura de riscos fronte ás continxencias e situacións que poidan derivarse da participación dos presidentes, vogais e suplentes das mesas electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005.

Artigo 5º.-Xuíces de primeira instancia ou de paz.

1. Pola realización das actividades estipuladas polo artigo 101 da Lei orgánica de réxime electoral, os xuíces de primeira instancia ou de paz, se é o caso, que fosen nomeados para a execución delas, percibirán a cantidade de 58,00 euros.

2. Por outro lado, e sen prexuízo do estipulado no parágrafo anterior, polo traslado da documentación electoral á que fai referencia o artigo 101.3º da LOREX, aos xuíces de primeira instancia ou de paz, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizaran o seu vehículo particular aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 0,17 euros.

Se ao efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizable o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 6º.-Representantes da Administración autonómica nas mesas electorais.

Os representantes da Administración autonómica nas mesas electorais percibirán unha indemnización individual de 90,00 euros en compensación polas funcións que deberán levar a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005.

Entenderanse incluídos dentro da dita indemnización todos aqueles gastos de transporte en que incorran os representantes da Administración durante os días en que deban prestar os seus servizos nos vindeiros comicios autonómicos.

Artigo 7º.-Persoal colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral.

Dada a multitude de tarefas que desde esa Administración autonómica deberán levarse a cabo como consecuencia das peculiaridades propias deste proceso electoral, para remunerar os servizos extraordinarios prestados polo persoal colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral -os traballos extraordinarios que realice o persoal

colaborador das delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral entenderanse realizados fóra do horario habitual de traballo- asignaranse as cantidades que a continuación se fixan:

Persoal colaborador:

A Coruña: 9.000,00 euros.

Lugo: 4.800,00 euros.

Ourense: 6.000,00 euros.

Pontevedra: 7.200,00 euros.

A repartición destas cantidades levarase a cabo de acordo coa certificación que o delegado da Oficina do Censo Electoral correspondente emita en cada caso, tendo as cantidades anteriores carácter limitativo.

Artigo 8º.-Persoal colaborador dos servizos centrais da Xunta de Galicia.

O persoal colaborador dos servizos centrais da Xunta de Galicia poderá ser gratificado polos traballos extraordinarios que realice en compensación polas funcións que leve a cabo durante as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Disposición adicional

Única.-Para o aboamento das cantidades establecidas neste decreto, deberán observarse, en todos os seus termos, as instrucións económico-administrativas que dite a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para a execución dos orzamentos de gastos electorais co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 199/2001, do 27 de agosto, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal posto ao seu servizo así como os xuíces de primeira instancia ou de paz e os representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, e cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública