DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2005 Páx. 6.833

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 74/2005, do 14 de abril, polo que se determina a composición do Consello Galego de Saúde.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, dedica o seu título VII á participación comunitaria, como expresión do dereito dos cidadáns a participar na actividade dos organismos públicos que afecte á calidade de vida ou o benestar xeral, e na formulación e control da política sanitaria, recollido nos artigos 9.2º e 129.1º da Constitución española, e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Esta participación instruméntase como un valor social e elemento de cooperación e información do Sistema Sanitario de Galicia para a mellora da saúde e do benestar dos cidadáns e a súa promoción.

Co obxecto de posibilitar a devandita participación, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, creou o Consello Galego de Saúde, como principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, ao que lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, segundo determina o artigo 120 da lei antes citada.

Por outra banda, o artigo 121.3º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, establece que a determinación dos sistemas de asignación de representantes entre as distintas organizacións e entidades representadas no Consello Galego de Saúde, así como os mecanismos para a súa designación, se realizará por decreto da Xunta de Galicia.

Tendo en conta a previsión legal indicada no parágrafo precedente, e co obxecto de levar a efecto o desenvolvemento regulamentario antes citado, cómpre abordar a aprobación deste decreto, como medio necesario para levar a efecto a posta en marcha daquel mecanismo de participación.

Cómpre tamén ter en conta a necesidade da inmediata entrada en vigor deste decreto, por canto as súas disposicións adicionais prevén un prazo de tres meses para que as institucións, organizacións e entidades que van ter representación no Consello Galego de Saúde procedan á designación dos representantes, e un prazo de catro meses para que se constitúa o órgano. Tendo en conta esta circunstancia, a entrada en vigor desta norma producirase ao día seguinte da súa publicación oficial, para que o cómputo dos prazos antes indicados non se demore máis do necesario.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e no artigo 121.3º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia; por proposta do conselleiro de Sanidade, de conformidade co ditame nº 148/2005 do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza e funcións do Consello Galego de Saúde.

1. O Consello Galego de Saúde é o principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, ao que lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

2. Estará adscrito á Consellería de Sanidade e terá as funcións determinadas no artigo 122 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

Artigo 2º.-Composición.

1. De conformidade co previsto no artigo 121 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, o Consello Galego de Saúde terá a seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro de Sanidade, ou persoa en quen delegue de entre os seus membros.

b) Vicepresidente: exercerá como tal un dos representantes da Administración sanitaria a que se refire a letra d), designado na forma prevista no artigo 3.1º.

c) Secretario: actuará como tal un dos representantes da Administración sanitaria a que se refire a letra d), designado na forma prevista no artigo 3.1º deste decreto.

d) Seis vogais en representación da Administración sanitaria da Xunta de Galicia.

e) Doce vogais en representación dos cidadáns.

f) Oito vogais en representación das organizacións sindicais máis representativas.

g) Oito vogais en representación das organizacións empresariais máis representativas.

h) Seis vogais en representación das organizacións de consumidores e usuarios.

i) Seis vogais en representación dos colexios profesionais de médicos, farmacéuticos, diplomados en enfermaría, veterinarios, psicólogos e traballadores sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Dous vogais, un deles en representación da Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía, e o outro en representación da Real Academia Galega de Farmacia.

2. Para cada un dos vogais relacionados na alínea anterior, os organismos ou entidades que interveñan na súa designación proporán un titular e un suplente. A representación dos vogais estará vinculada á posesión da calidade en razón da que foron propostos polas respectivas organizacións.

Artigo 3º.-Sistemas de asignación de representantes.

1. O vicepresidente e o secretario serán designados polo presidente do Consello Galego de Saúde entre os vogais representantes da Administración sanitaria da Xunta de Galicia. O vicepresidente substituirá o presidente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade deste.

2. Os seis vogais representantes da Administración sanitaria da Xunta de Galicia e os seus suplentes serán designados, respectivamente, polo conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde na seguinte proporción:

Tres vogais pola consellería competente en materia de sanidade, e tres vogais polo Servizo Galego de Saúde.

3. Os doce vogais representantes dos cidadáns, e os seus suplentes, serán designados na seguinte proporción:

-Oito vogais pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

-Un vogal por cada unha das deputacións provinciais da Comunidade Autónoma.

4. Os oito vogais representantes das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os seus suplentes, serán designados tendo en conta os criterios de proporcionalidade establecidos na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, ou norma que a substitúa.

5. Os oito vogais representantes das organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, e os seus suplentes, serán designados pola Confederación de Empresarios de Galicia.

6. Os seis vogais representantes das organizacións de consumidores e usuarios, e os seus suplentes, serán designados polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

7. Os seis vogais representantes dos colexios profesionais sanitarios, e os seus suplentes, serán designados polos seus respectivos órganos de goberno ou consello autonómico, de ser o caso.

8. Os dous vogais en representación das reais academias citadas no artigo 121.1º.g) da Lei 7/2003, do 9 de decembro, e os seus suplentes, serán designados por aquelas.

9. No caso de que algunha das organizacións mencionadas anteriormente non designase os vogais e suplentes a que se refiren os artigos precedentes dentro do prazo que lle sexa conferido para súa designación ou renovación, procederase igualmente á constitución do Consello Galego de Saúde, adaptándose os quórums ao número real de vogais designados efectivamente.

Artigo 4º.-Nomeamento e cesamento.

1. Os membros do Consello Galego de Saúde serán nomeados e separados do cargo polo conselleiro de Sanidade, por proposta de cada unha das representacións que o compoñen. O nomeamento farase por un período máximo de catro anos, sen prexuízo de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que conten coa representación requirida.

2. Transcorrido o período para o que foron nomeados, os membros do Consello Galego de Saúde permanecerán no seu cargo ata a designación e nomeamento das persoas que os vaian substituír

Artigo 5º.-Regulamento de funcionamento.

O Consello Galego de Saúde reunirase en sesión ordinaria, polo menos, unha vez cada semestre a convocatoria do seu presidente, e elaborará o seu regulamento de funcionamento, que deberá axus

tarse ás normas xerais que se establezan mediante orde do conselleiro de Sanidade, de acordo co disposto nos artigos 122.6º e 123 da Lei 7/2003, do 9 de decembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A sesión constitutiva do Consello Galego de Saúde deberá ter lugar dentro dos catro meses seguintes á data de publicación deste decreto.

Segunda.-Co fin de proceder ao nomeamento previsto no artigo 4 da presente norma, as entidades ás que lles corresponda designar representantes no devandito órgano deberán remitir á Consellería de Sanidade a súa designación, dentro dos tres meses seguintes á data de publicación desta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA