DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2005 pola que se convocan unhas Xornadas sobre o seguro de responsabilidade civil das administracións públicas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, unhas Xornadas sobre o seguro de responsabilidade civil das administracións públicas, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A xeneralización do seguro de responsabilidade civil subscrito polas administracións públicas prodúcese nun marco normativo caracterizado pola carencia dunha regulación específica destes seguros e de normas de adecuación do funcionamento dunha institución concibida para as relacións entre suxeitos privados e as peculiaridades das persoas xurídicas públicas.

A modificación da regulación dos contratos das administracións públicas é a máis recente da LOPX e da LXCA, en virtude da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, con vistas a atribuír expresamente a competencia para coñecer as accións de responsabilidade patrimonial -ou civil- exercidas conxuntamente contra a Administración asegurada e a súa aseguradora privada aos órganos da orde xurisdicional contencioso-administrativa, determina a oportunidade de celebración desta actividade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Responsabilidade patrimonial das administracións públicas e responsabilidade civil: problemas de relación de xurisdición competente.

-O aseguramento da responsabilidade patrimonial das administracións públicas.

-Exercicio da acción directa contra a aseguradora da Administración pública.

-O contrato de seguro de responsabilidade civil das administracións públicas.

-Xurisdición e dereito aplicable en pleitos de responsabilidade civil das administracións públicas: unha visión xurisprudencial.

-A vía de regreso fronte ao persoal ao servizo das administracións públicas no caso da existencia dun seguro de responsabilidade civil.

-A responsabilidade civil e o aseguramento dos contratistas e dos concesionarios das administracións públicas.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, sito na Praza Camilo José Cela s/n, da citada cidade, os días 19 e 20 de maio de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, 16 de maio de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por fax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 18 de maio, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA