DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2005 pola que se convoca un curso básico en materia estatística en colaboración co Instituto Galego de Estatística.

Ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Estatística e a Escola Galega de Administración Pública, que ten por obxecto o desenvolvemento dun curso, en cumprimento do Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, aprobado polo Decreto 295/2004, do 25 de novembro, convócase o curso referido no anexo I desta resolución, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar no curso programado, deberá solicitalo coa presentación da instancia que, como modelo oficial, se recolle no anexo II desta resolución.

2. As solicitudes irán dirixidas ao director do Instituto Galego de Estatística (IGE) e presentaranse no seu rexistro, complexo administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou nas dependencias que se sinalan no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e será de 15 días naturais.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos esixidos no referido anexo I.

Terceira.-Certificados de asistencia.

É obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, de máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá a expedición da certificación de asistencia e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Cuarta.-Modificacións.

Os órganos convocantes resérvanse a facultade de interpretar e resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como de

cancelalo se o escaso número de solicitudes ou outras causas sobrevidas imposibilitasen a súa realización. As ditas circunstancias comunicaránselles, de ser o caso, aos solicitantes.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

I) Curso teórico-práctico sobre fontes e ferramentas estatísticas básicas.

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos básicos en estatística pública, as súas fontes e ferramentas, de cara á correcta utilización dos instrumentos adecuados para a recollida de datos, o seu tratamento e posterior utilización na elaboración de informes.

2. Destinatarios.

Persoal de calquera administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 11 de febreiro de 2004, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

A relación de seleccionados para participar no curso expoñerase nos taboleiros do IGE e da EGAP.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 33 horas.

4.2. Lugar: Instituto Galego de Estatística, complexo administrativo San Lázaro, rúa San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela.

4.3. Datas: 30 e 31 de maio, 1, 6, 7, 8, 13, 14, 15, 20 e 21 de xuño de 2005.

4.4. Horario: das 16.30 ás 19.30 horas.

4.5. Prazas: un máximo de 20.

5. Contido.

O sistema estatístico público. Organización e normativa. Ferramentas informáticas. Estatística descritiva. Representación gráfica de datos. Fases no desenvolvemento de operacións estatísticas. A información estatística sobre Galicia en internet: os web de contido estatístico.