DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 20 de abril de 2005 pola que se regulan as subvencións a entidades de iniciativa social para a adquisición, construción, reforma, rehabilitación e equipamento de centros de atención a persoas con discapacidade.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1º.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, recolle no seu artigo 49 que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servizos sociais.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, de conformidade co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, modificado polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle compete levar a cabo a política en materia de servizos sociais especializados e de atención a persoas con discapacidade.

Neste eido, e de conformidade co establecido no artigo 26 da Lei 4/1993, de servizos sociais, correspóndelle a planificación xeral de servizos sociais coordinando a súa actuación coas entidades prestadoras de servizos sociais, coa finalidade de atender

de forma ordenada e global as necesidades, facer render os recursos dispoñibles e garantir a calidade na prestación de servizos.

Na procura do anterior obxectivo, considérase instrumento adecuado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais, sempre que cumpran os requisitos legalmente establecidos de adecuarse á planificación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e ao control dela sobre as actividades, servizos ou investimentos subvencionados.

A solicitude, tramitación e concesión de axudas axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, e pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo, e normativa de desenvolvemento, a que, en consecuencia, se adapta esta orde, atendendo aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, e polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, modificado polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para o que foron establecidos.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación, para o exercicio de 2005, da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o financiamento de investimentos destinados á adquisición, construción, reforma, rehabilitación ou equipamento de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións que se recollen na presente convocatoria as entidades de iniciativa social prestadoras de servizos sociais a persoas con discapacidade, que cumpran, no momento da presentación da solicitude, os requisitos seguintes:

a) Carecer de fins de lucro.

b) Estar legalmente constituída e inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

c) Non estar incursa en procedemento de reintegro de subvencións públicas ou sancionadoras en materia de axudas públicas.

d) Posuír a titularidade, a cesión de uso ou a dispoñibilidade dos terreos, centros, ou espazos nos que se realizará a actividade investidora.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

1. Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) Axudas para a adquisición, construción, reforma, rehabilitación de centros ou espazos que se destinen ao desenvolvemento dos programas ou a prestación de servizos ás persoas con discapacidade.

b) Axudas para a adquisición e instalación de equipamento en centros, espazos ou servizos citados no punto anterior.

2. Serán obxecto de subvención os proxectos de adquisición, construción, reforma, rehabilitación ou equipamento de centros e servizos para persoas con discapacidade que se relacionan:

a) Centros e servizos para persoas xordas.

b) Centros e servizos para persoas con discapacidade física.

c) Centros e servizos para persoas con atraso mental.

d) Centros e servizos para persoas con autismo ou outros trastornos da conduta.

e) Centros e servizos para persoas coa síndrome de Down.

f) Centros e servizos para persoas con parálise cerebral.

g) Centros e servizos para persoas con enfermidade mental.

3. Dentro das devanditas actuacións, as axudas destinaranse aos centros ou servizos seguintes:

a) Residencias e outros equipamentos residenciais para persoas con discapacidade.

b) Centros non residenciais para a atención diúrna a persoas con discapacidade.

c) Outros equipamentos para os servizos de apoio a persoas con discapacidade (axudas técnicas, axudas para a rehabilitación ou transporte adaptado).

Artigo 4º.-Gastos subvencionables.

1. Considéranse gastos subvencionables:

a) Aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actuación subvencionada e se efectúen durante o exercicio 2005.

b) Os gastos notariais ou rexistrais, os gastos periciais para a execución do proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

c) Os honorarios profesionais derivados da redacción de proxectos, estudos e dirección de obra.

2. En ningún caso son gastos subvencionables:

a) Os xuros debedores das contas bancarias.

b) Xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

c) Gastos de procedementos xudiciais.

d) Os tributos son gastos subvencionables, sempre que o beneficiario da subvención os abone efectivamente.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005, por un importe de 1.506.644,20 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, con cargo á aplicación 14.06.212A.780.2 Plan necesidade servizos sociais discapacitados.

2. Se é o caso, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual de acordo co establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con cargo á aplicación orzamentaria que se cita:

-Ano 2006: 14.06.212A.780.2 por importe de 1.054.650,80 euros.

-Ano 2007: 14.06.212A.780.2 por importe de 903.986,40 euros.

Artigo 6º.-Formalización de convenios de colaboración.

As axudas reguladas nesta orde poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a institución beneficiaria e a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Artigo 7º.-Contía das subvencións.

O importe da subvención que se conceda poderá alcanzar como máximo o 70% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e das dispoñibilidades de crédito. En ningún caso a suma das axudas concedidas para a mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados poderá superar o 100% de importe total do gasto efectuado.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formularanse consonte o modelo que se xunta e presentaranse nos servizos centrais ou periféricos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

1. Documentación común a todas as axudas:

a) Solicitude normalizada, anexa a esta orde, na que se declara o compromiso de cumprir as condicións da subvención e xuntar a documentación acreditativa de reunir os compromisos específicos exixidos.

b) Identificación de quen subscribe a solicitude e do carácter de representante legal co que a fai.

c) Identificación do beneficiario (con expresión do seu NIF).

d) Memoria sobre a necesidade do dito investimento ou equipamento coa indicación do número e características dos seus posibles beneficiarios e ámbito territorial de cobertura da necesidade.

e) Orzamento total das adquisicións, obras ou equipamentos.

f) Declaración das subvencións solicitadas e obtidas para a mesma finalidade e compromiso de comunicar ao órgano xestor as que se obteñan.

g) Datos bancarios, onde, no caso de ser subvencionada a actividade proposta, se poida transferir o importe da subvención.

h) Declaración de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

2. Nas subvencións para obras de construción ou reforma, deberase presentar:

a) Memoria explicativa e proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos. No caso de non dispoñer do proxecto básico no momento da solicitude, deberase presentar memoria explicativa e anteproxecto coa documentación gráfica suficiente e orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado (incluíndo orzamento estimado dos honorarios profesionais derivados da redacción do proxecto, estudo e/ou dirección da obra, no caso de que os ditos conceptos se inclúan na subvención solicitada) e informe xustificativo do cumprimento dos requisitos establecidos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma e no Decreto 35/2000, que a desenvolve. En calquera caso deberase presentar o proxecto básico ou de execución no momento no que a entidade solicitante acepte a subvención, conforme o artigo 14 desta orde.

b) Licenza urbanística ou licenza por obra menor, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa xustificación da execución da obra será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

c) Cando o importe do gasto subvencionado supere a contía de 30.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, agás

que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten.

d) Declaración responsable da dedicación do inmoble á finalidade que serviu de fundamento á petición durante polo menos vinte (20) anos.

e) Escritura pública que acredite o dominio do inmoble polo solicitante ou, se está en aluguer ou cedido, declaración do propietario na que se faga constar as condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

f) Plan de financiamento da obra.

g) Plan de execución da obra e data prevista de finalización desta.

3. Nas solicitudes de subvencións para a adquisición de bens inmobles:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade do vendedor sobre o ben inmoble.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e forma de pagamento.

c) Declaración responsable de dedicación do inmoble á finalidade que serviu de fundamento á petición, durante polo menos vinte (20) anos.

4. Nas solicitudes de subvencións para equipamento deberase presentar:

a) Orzamento ou factura pro forma.

b) Declaración responsable de dedicación do equipamento á finalidade que serviu de fundamento á petición durante polo menos cinco (5) anos.

c) Cando o importe do gasto subvencionado supere a contía de 12.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso ou entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.

5. Para o caso de que os documentos exixidos xa estivesen en poder do órgano xestor, o solicitante poderá absterse de presentalos, sempre que faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Artigo 9º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta (40) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 10º.-Tramitación dos expedientes.

1. Será responsable da tramitación dos expedientes a Dirección xeral do Maior e Persoas con Discapacidade, a través do Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade da Subdirección xeral de Atención a Persoas con Discapacidade.

2. Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito aos interesados, que nun prazo de dez (10) días acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixesen, se considerarán desistidos da súa petición, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do anterior, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir da entidade solicitante que achegue aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

4. A comprobación da existencia de datos non axustados á realidade tanto na solicitude como no resto da documentación achegada, poderá comportar, en función da súa transcendencia, a denegación da subvención solicitada, sen prexuízo das restantes responsabilidades que puidesen derivar da devandita circunstancia.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

-Presidente: a directora xeral do Maior e Persoas con Discapacidade.

-Vogais: o subdirector xeral de Atención a Persoas con Discapacidade; o xefe do Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade, que actuará como secretario.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o seu presidente.

4. Ás reunións da comisión poderá ser convocado o persoal técnico que se considere necesario, así

como un representante da Intervención delegada, que actuarán con voz, pero sen voto.

Artigo 12º.-Criterios de valoración das solicitudes.

As solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos seguintes criterios e prioridades:

a) Déficit ou insuficiencia de recursos na zona de influencia.

b) Adecuación da actuación inversora para a cobertura das necesidades que se pretenden cubrir.

c) Experiencia e implantación social da entidade solicitante en materia de servizos para a atención de persoas con discapacidade, no ámbito territorial no que se pretende desenvolver a actuación.

d) Eficacia e eficiencia da prestación social que o proxecto presentado pretende cubrir.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Unha vez emitida a proposta da Comisión de Valoración, a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado ditará a resolución que proceda.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe da subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo aos criterios establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e efectuaranse no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que os ditou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 14º.-Aceptación.

Para a efectividade da subvención será necesario que esta e as condicións coas que se concedeu, sexan aceptadas, sen reservas, polo beneficiario, na forma

e prazo que se sinalará no acordo de concesión, que non será superior a dez días. Se o beneficiario non presentara a súa aceptación no correspondente prazo, ou formulara reservas respecto daquela, a consellería poderá optar entre conceder un novo prazo para a aceptación ou considerar que o beneficiario renunciou á subvención.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente das subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderase acordar a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Será de aplicación aos beneficiarios das axudas establecidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro o orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro e pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, conforme co procedemento establecido.

Artigo 16º.-Publicación.

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria, publicaranse no Diario Oficial de Galicia no prazo de dous meses desde a súa resolución e faranse constar os seguintes extremos:

a) Nome da entidade beneficiaria.

b) Destino da subvención ou axuda concedida.

c) Contía desta.

d) Data da concesión e, no suposto de que a concesión se efectúe mediante convenio, duración del.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto e realizar o investimento que fundamenta a concesión da subvención na forma, condicións e prazos establecidos.

b) Xustificar ante o órgano xestor o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Comunicarlle ao órgano xestor calquera eventualidade que se produza no desenvolvemento do investimento subvencionado e especialmente cando

se prevexa a imposibilidade de cumprir a finalidade para a que fora concedida a subvención, o que implicará a renuncia a todo ou parte desta.

d) Cumprir co establecido no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais e a súa normativa de desenvolvemento, nos casos en que a subvención se destinase á creación, construción ou modificación substancial dun centro.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que vai fectuar o órgano que concede a subvención, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, achegando canta documentación lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano xestor a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o proxecto subvencionado. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de concesión que se atopa ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de control e comprobación.

i) Incorporar de forma visible no material que se utilice para a difusión dos proxectos subvencionados un logotipo que permita identificar a orixe da subvención: Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade.

Artigo 18º.-Xustificacións das subvencións e pagamento.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, e logo da presentación das facturas correspondentes e dos xustificantes requiridos, procederase ao aboamento das axudas en pagamento único, agás nos casos en que se establezan convenios, en que se aplicará o que neles se sinale ademais do establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

2. No momento da xustificación da execución total da actuación, o peticionario haberá de presentar a seguinte documentación xustificativa para a emisión da proposta de pagamento:

a) Certificados acreditativos de que a entidade beneficiaria se atopa ao día das súas obrigas tri

butarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. Consonte o disposto no artigo 41.1º f) da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, estas certificacións non serán exixibles cando a axuda concedida non supere os 1.500 euros.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos ou doutros entes públicos ou privados, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás axudas reguladas por esta orde.

c) Nas subvencións para a construción, reforma, ou rehabilitación de inmobles: facturas orixinais expedidas polas empresas ou contratistas que realizaron as obras e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa.

d) Nas subvencións para adquisición e instalación de equipamento: facturas orixinais, debidamente conformadas, expedidas polas empresas subministradoras.

e) Nas subvencións para adquisición de inmobles, a proposta de pagamento da subvención efectuarase unha vez presentada copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula na que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención se deberá manter, polo menos durante vinte anos, destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición, e tamén certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro.

f) Nas subvencións para a construción de nova planta, presentarase un compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará durante vinte (20) anos, polomenos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

3. A documentación xustificativa dos gastos realizados deberase presentar antes do día 21 de novembro de 2005.

Artigo 19º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto aos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento realizado polo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 20º.-Control e réxime sancionador.

1. Os beneficiarios destas axudas someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para o seguimento dos proxectos aprobados, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, o Consello de Contas ou o Tribunal de Cuentas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas establecidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, conforme co procedemento establecido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral do Maior e Persoas con Discapacidade para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado