DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 12 de abril de 2005 pola que se fixa o importe do crédito dispoñible na anualidade de 2005 correspondente ás medidas complementarias na pesca costeira artesanal, reguladas pola Orde do 4 de xuño de 2003.

A Orde do 4 de xuño de 2003, regulaba a solicitude e trámite das axudas correspondentes ás medidas complementarias na pesca costeira artesanal e o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado. Nela determinábase un prazo de solicitude aberto en tempo ata agosto de 2006, e fixaba a contía do crédito correspondente á dita anualidade.

Aprobado os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005, pola Lei 13/2004, do 29 de decembro, é preciso, pois, facer pública a contía do crédito orzamentario destinado a facer fronte ás ditas axudas.

Por outra banda, existindo ademais a posibilidade de incorporar os remanentes de crédito de exercicios anteriores, e pendentes neste caso dos trámites correspondentes, inclúese a posibilidade de incrementar a anualidade de 2005, fixada nos orzamentos en vigor, nas cantidades incorporadas para esta finalidade.

Para tal fin, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Crédito orzamentario para 2005.

As axudas tramitadas ao abeiro da Orde do 4 de xuño de 2003, pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado, tramitaranse na anualidade de 2005 con cargo ás aplicacións orzamentarias 12.04.612V.770.0, por un importe global de 159.996 euros e 12.04.612V.780.0, por un importe global de 3.340.004 euros.

De ser necesario polas solicitudes presentadas, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, reaxustará os importes entre as dúas aplicacións despois dos trámites correspondentes, sen que en ningún caso supoña unha superación do crédito total do exercicio corrente e sen prexuízo do disposto no artigo seguinte.

Artigo 2º.-Ampliación do crédito.

A contía establecida no artigo anterior para a anualidade de 2005 será ampliada no importe das incorporacións dos remanentes de crédito de outros exercicios, unha vez realizada aquela pola Consellería de Economía e Facenda.

Artígo 3º.-Concesión das axudas.

A concesión das axudas quedará limitada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL