DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de abril de 2005 pola que se convocan prazas e axudas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para cursar estudos de ensinanzas postobrigatorias non universitarias e de réxime especial, no próximo ano académico 2005-2006.

O Decreto 43/1989, do 2 de marzo (DOG do 31 de marzo), polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e en centros residenciais docentes, faculta, na súa disposición derradeira, parágrafo 1º, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento e execución no disposto nel.

Na súa virtude, e consonte o establecido no artigo 8 do citado decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º

1. Convócanse prazas e axudas nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, para alumnos de ambos os dous sexos e para os estudos que se indican nos centros que se detallan no anexo I, así como para todas aquelas ensinanzas post obrigatorias non univesitarias, que os ditos centros teñan autorizadas para o curso 2005/2006 e que proximamente se publicarán no DOG.

2. O número de prazas de residencia serán as correspondentes ás vacantes que se produzan para o curso 2005-2006, e faranse públicas no momento de se producir.

Artigo 2º

1. De conformidade co artigo 8 do Decreto 43/1989, do 2 de marzo (DOG do 31 de marzo), as prazas dos centros residenciais docentes levan implícita a admisión, no instituto de educación secundaria creado ao abeiro do devandito decreto, exceptuando os ciclos superiores.

2. No caso de que a solicitude sexa feita coa finalidade de cursar especialidades que non se impartan nos instituto de educación secundaria citados no punto anterior, a adxudicación de praza de residencia terá carácter provisional. A adxudicación farase definitiva cando o interesado presente, na secretaría do centro residencial docente respectivo, xustificante acreditativo de que foi admitido no instituto no que se imparta a devandita especialidade, que necesariamente ten que ser da mesma localidade que o centro residencial docente. Para estes efectos enténdese que a localidade do centro residencial docente da Coruña, é, ademais de Culleredo, a cidade da Coruña.

3. A adxudicación, con carácter provisional, da praza de residencia, permitiralle ao solicitante considerar como domicilio o centro residencial docente, para os únicos efectos de valoración por proximidade

do domicilio no proceso de admisión de centros sostidos con fondos públicos para o curso académico 2005/2006. A certificación que se lle expida, terá a mesma validez que a certificación do concello para os efectos da Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 6 de maio), pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en bacharelato e ciclos formativos de grao medio, en centro sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º

1. Poderán concorrer a esta convocatoria todos aqueles que reúnan os requisitos académicos previstos na LOXSE (Lei 1/1990, do 3 de outubro), e que desexen proseguir os seus estudos nos centros indicados no artigo anterior como residentes nos respectivos centros residenciais docentes, así como os actuais residentes dos centros residenciais docentes que rematen un nivel educativo ou ciclo, se desexan seguir como tales no seguinte nivel ou ciclo.

2. Para poder optar á praza de residencia os aspirantes deberán acreditar as circunstancias que impidan a súa escolarización nun centro sostido con fondos públicos. Con carácter xeral, esta circunstancia será a de non poder cursar os estudos solicitados por non haber un centro sostido con fondos públicos, que imparta os devanditos estudos, ben na localidade de residencia, ben nunha localidade próxima que permita, polos medios de comunicación da zona, un acceso diario con facilidade. Para tal obxecto, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria emitirán o correspondente informe na solicitude do aspirante. Con carácter particular, e documentalmente acreditado, poderanse ter en conta outras circunstancias, como condicións de orfandade, fillo de emigrantes ou situacións familiares moi graves.

3. Obterán praza gratuíta os residentes, os que o limiar de renda familiar non exceda do que se fixe na convocatoria de becas e axudas ao estudo de carácter xeral.

Os que superen ata un 10%: 473 A.

Os que superen en máis dun 10% e ata un 20%: 723 A.

Os que superen en máis dun 20% e ata un 30%: 1.148 A.

Os que superen en máis dun 30%: 1.725 A.

Ao aboamento da participación económica poderase fraccionar ata nun máximo de tres prazos trimestrais anticipados.

Capítulo II

Normas de procedemento

Artigo 4º

1. As solicitudes dos aspirantes formalizaranse de acordo co modelo que figura no anexo II desta orde.

2. As solicitudes poderanse presentar nos centros residenciais docentes, directamente ou a través das dependencias establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4º da devandita lei.

No caso de optar por presentar a súas solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Establécese un período extraordinario na primeira quincena do mes de setembro destinado as ensinanzas autorizadas pola administración educativa con posterioridade á publicación da dita orde, así como para os ciclos formativos.

3. Os funcionarios receptores deberán cotexar a veracidade dos datos reflectidos na folla de solicitude, requirindo dos interesados a documentación que para tal efecto consideren necesaria; igualmente comprobarán que as follas de solicitude estean cubertas en todos os seus apartados. Todas as follas estarán asinadas polo funcionario receptor correspondente.

4. Unha vez recepcionadas polos centros residenciais docentes, as solicitudes serán remitidas ás delegacións provinciais correspondentes, que coa maior brevidade posible, emitirán o preceptivo informe e serán devoltas aos centros.

Artigo 5º

As axudas para gastos residencias concederanse total ou parcialmente, segundo o nivel de renda familiar e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6º

O proceso de selección dos aspirantes axustarase ao disposto nos artigos seguintes.

Capítulo III

Selección de aspirantes

Sección I

Requisitos académicos

Artigo 7º

1. Para poder beneficiarse das axudas reguladas nesta orde será preciso o cumprimento dos requisitos exixidos para o efecto pola lexislación académica vixente para poder acceder ao curso que se solicite, sempre que non teña máis de dúas materias pendentes.

2. Sempre que se cumpran os requisitos académicos previstos no parágrafo anterior e que non variasen as circunstancias que motivaron a concesión, a renovación das axudas para os diferentes cursos dun mesmo nivel ou grao educativo producirase de xeito automático.

Artigo 8º

1. Non se concederá praza de residencia para repetir curso.

Sección II

Criterios de valoración para a concesión de praza

Artigo 9º

A valoración das solicitudes admitidas abranguerá dúas cualificacións: a socio-económica e a académica.

Artigo 10º

A valoración socio-económica obterase ao aplicar o baremo establecido de acordo cos seguintes criterios: renda familiar, composición do grupo familiar, condición de orfandade ou calquera outra situación familiar especial e o número de habitantes do lugar de residencia familiar.

Artigo 11º

1. Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos obtidos por todos os membros computables, calquera que sexa a súa procedencia, no ano natural inmediatamente anterior ao do comezo do curso académico 2005-2006, e entenderase que son ingresos de base da familia.

2. Os titulares de explotacións agropecuarias computarán como ingresos o valor dos produtos daquelas que sexan utilizadas para o seu propio consumo.

3. Os ingresos familiares dos solicitantes dos que os pais sexan españois residentes no estranxeiro, poderanse consignar en moeda propia do país en que se obteñan; o cálculo do seu contravalor en euros farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivese a moeda respectiva o 2 de xaneiro do ano en que se solicite a axuda, e computarase tan só un 75% deste.

4. Os aspirantes deberán achegar unha copia selada da declaración formulada para o imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao ano a que se refiran os ingresos consignados na solicitude a partir da data en que remate o prazo establecido para presentar tal declaración tributaria. Se os ingresos de base declarados para solicitar a praza fosen diferentes aos que figuran na declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presumirase, salvo xustificación en contra, que houbo ocultación de ingresos, e procederase, en consecuencia, a denegar a praza de residencia ou as prestacións solicitadas.

Artigo 12º

1. Consideraranse membros do grupo familiar:

O solicitante, o pai e a nai, os irmáns solteiros menores de 25 anos que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade que padezan incapacidade ou diminución física, psíquica ou sensorial e os ascendentes dos pais que xustifiquen adecuadamente a súa residencia no mesmo domicilio.

Os irmáns solteiros maiores de 25 anos cando estean realizando estudos, sen actividade de carácter laboral remunerada, ou no suposto de que constitúan a fonte de recursos económicos máis importantes da familia.

Os irmáns solteiros menores de 25 anos cando estean en situación de paro laboral. Pero se percibisen subsidio de desemprego deberá ser este computable entre os ingresos de base da familia.

A persoa menor de 25 anos que estea acollida legalmente ou de feito pola familia do solicitante e vivindo por conta súa sempre que a devandita convivencia quede suficientemente xustificada.

2. No caso de divorcio ou separación dos pais non se considerará membro computable aquel dos pais que non conviva co solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base da familia se inclúa a súa contribución económica.

Non obstante terá a consideración de membro computable, se é o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, tendo que incluír a renda e o patrimonio.

3. Nos casos nos que o solicitante alegue a súa independencia familiar, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento de alugueiro da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do solicitante.

Artigo 13º

Ao cociente dos ingresos anuais polo número de membros computables da familia adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Puntos

Ata 3.827 A10

De 3.827,01 a 4.342 A8

De 4.342,01 a 4.864 A7

De 4.864,01 a 5.376 A6

De 5.376,01 a 5.941 A5

De 5.941,01 a 6.412 A4

De 6.412,01 a 6.933 A3

De 6.933,01 a 7.447 A2

De 7.447,01 a 7.967 A1

Máis de 7.967 A0

2. Engadirase 0,50 puntos por cada un dos irmáns residentes no mesmo centro residencial docente ao que aspire o solicitante.

3. Engadirase 0,50 puntos por cada un dos irmáns, incluído o solicitante, que integre o grupo familiar de acordo co establecido no artigo 12º desta orde.

4. Aos aspirantes en situación de orfandade incrementaráselles a puntuación en 10 puntos; en 15 se se trata de orfandade absoluta.

5. Aos aspirantes con circunstancias familiares especiais engadiráselles ata 5 puntos. Consideraranse neste punto situacións tales como fillos de españois residentes no estranxeiro; familias con membros diminuídos física, psíquica ou sensorialmente, sempre que da incapacidade se derive a imposibilidade de obter ingresos de natureza laboral; cando o cabeza de familia sexa inválido ou estea aqueixado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a súa única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego e existan dificultades de escolarización que valorará o tribunal cualificador.

6. En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación na que resida a familia, engadiranse os seguintes puntos, de acordo co previsto no artigo 10º:

Puntos

Entidades de menos de 1.000 habitantes5

Entidades de 1.001 a 2.000 habitantes4

Entidades de 2.001 a 5.000 habitantes3

Entidades de 5.001 a 10.000 habitantes2

Entidades de 10.001 a 20.000 habitantes1

Entidades de máis de 20.000 habitantes0

7. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán propoñer á consideración do tribunal cualificador casos concretos de solicitantes que presenten unha problemática excepcional ou que residan en zonas con grandes dificultades de escolarización. O tribunal cualificador, considerando esta circunstancia, poderalles outorgar a estes aspirantes a puntuación que resulte adecuada para a obtención de praza.

Artigo 14º

O rendemento académico dos aspirantes valorarase numericamente pola nota media das disciplinas correspondentes ao curso anterior, neste sentido, e para efectos do cómputo da nota media, utilizarase a seguinte táboa de equivalencias:

Puntos

Moi deficiente ou non presentado1

Insuficiente ou non apto3

Suficiente, apto ou convalidado5,5

Ben6,5

Notable7,5

Sobresaliente9

Capítulo IV

Adxudicación de prazas de residencia

Artigo 15º

Os centros residenciais docentes remitirán á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, con anterioridade ao 10 de maio, o número de vacantes co fin de que o tribunal cualificador poida establecer os criterios para a súa cobertura.

Artigo 16º

Un tribunal cualificador valorará as solicitudes. Estará composto como segue:

-Presidente: o director xeral de Centros e Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-Vogais: un representante de cada un dos centros residencias docentes.

Un representante do servizo de promoción estudantil das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Un representante da Inspección Central.

Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario.

Artigo 17º

1. O tribunal cualificador, á vista das solicitudes presentadas e do número de prazas dispoñibles, establecerá unha nota mínima, tanto na fase de valoración socio-económica como na valoración académica, para cada un dos cursos nos niveis ou graos que os solicitantes vaian realizar. O tribunal cualificador excluirá aos aspirantes que non acaden as devanditas notas mínimas, comunicándollelo antes de finalizar o mes de xuño.

2. Só os solicitantes que alcancen as notas mínimas na valoración socio-económica e académica establecidas polo tribunal cualificador terán acceso á fase de selección.

3. A puntuación total obterase da suma das valoracións socio-económica e académica.

Artigo 18º

1. Antes do 10 de xuño, o tribunal cualificador elevará á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa proposta de concesión das prazas de residencia, así como relación de solicitantes declarados suplentes para cubrir as vacantes que se produzan.

De acordo co disposto na vixente Lei de procedemento administrativo, a resolución da convocatoria comunicaráselles aos interesados e aos centros, e daráselles aos primeiros un prazo de reclamación de 15 días, desde a data de notificación desa resolución, para alegacións.

As reclamacións serán resoltas no prazo de quince días naturais pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

2. Antes do 15 de xullo, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa resolverá a concesión das prazas de residencias, que lle será comunicada aos interesados e indicará a decisión adoptada sobre as súas solicitudes. Aos admitidos con praza e aos suplentes sinalaráselles o centro residencial docente ao que son destinados.

No caso de non haber resolución expresa, as solicitudes entenderánse desestimadas.

3. Na mesma data remitirase aos centros residenciais docentes a relación de residentes destinados a estes, así como os suplentes que se nomeasen para cubrir as vacantes que se produzan.

Artigo 19º

As prazas de residencia convocadas para cada centro cubriranse tendo en conta a puntuación total obtida polos aspirantes e a localización do seu domicilio en relación coa dos centros residenciais docentes respectivos e as posibilidades de desprazamento aos seus domicilios, co obxecto de facilitar a convivencia familiar durante os días non lectivos e as vacacións.

Capítulo V

Adxudicación das axudas

Artigo 20º

A resolución provisional das axudas dos residentes seralles comunicada aos centros residenciais docentes pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa antes do 20 de xuño de 2005.

Artigo 21º

Os respectivos centros residenciais docentes, en calquera momento do curso 2005-2006, elevarán propostas de revisión de axudas á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa daqueles beneficiarios aos que as condicións particulares se lles modifiquen.

Capítulo VI

Comprobación de requisitos

Artigo 22º

Os centros residenciais docentes poñeranse en contacto cos residentes titulares e suplentes que lles fosen destinados, e reclamaranlles a documentación necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Capítulo VII

Reclamación e recursos

Artigo 23º

Resoltas as reclamacións formuladas, as adxudicacións definitivas faranse públicas nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros residenciais docentes. Contra esta resolución definitiva poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde a súa publicación, como previo á xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo VIII

Incorporación dos alumnos seleccionados

Artigo 24º

1. Os centros residenciais docentes, unha vez coñecidos os residentes titulares que se van incorporar por reunir os requisitos exixidos na convocatoria e por aceptar a praza, procederán a avisar aos suplentes por orde de lista para cubrir as vacantes que se producisen. Para tal efecto formularán consulta previa coa Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, para coñecer se hai que reservar praza para algún aspirante unha vez resoltas as posibles reclamacións recibidas.

2. Aos suplentes que non pasen a titulares seralles comunicada esta circunstancia polos respectivos centros residenciais docentes.

3. Queda absolutamente prohibida a incorporación de residentes non beneficiarios mentres non se esgote a relación de residentes que superasen as notas mínimas a que se fai referencia no artigo 17º nos estudos correspondentes.

4. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

5. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ao centro, deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente, se é o caso.

6. Os residentes que non se incorporen aos centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán beneficiarse da praza de residencia, e perderán os seus dereitos, salvo nos casos de forza maior, apreciados polo xerente, oído o consello de residencia.

7. As normas de incorporación serán elaboradas polos respectivos centros residencias docentes, que deberán poñelas en coñecemento dos seus residentes con 10 días de antelación. Cada centro enviará copia das súas normas de incorporación á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa no momento do seu envío aos residentes.

8. Cada centro residencial docente será responsable de que todos os residentes que efectúen a súa incorporación reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o establecido no artigo 22º.

Artigo 25º

A falsidade de datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se domostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda total dos dereitos do solicitantes, sen prexuízo doutras responsabilidades

a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 26º

1. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursar os estudos para os que lle foi concedida a axuda, determinará a perda desta e, asemade, a condición de residente do centro residencial docente.

2. Igualmente, cesarán no beneficiamento das axudas como consecuencia de sanción disciplinaria ou baixo rendemento académico, de acordo coa normativa vixente, logo do oportuno expediente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Estudantes non beneficiarios. Os estudantes que non teñan concedidas axudas poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos de residencia, sempre que exista dispoñibilidade para iso, mediante o aboamento do seu importe, de acordo coas cantidades fixadas para os residentes que excedan dos módulos máximos. Nese caso, a utilización dos devanditos servizos suporá o compromiso tácito do estrito cumprimento da normativa de convivencia establecida polos respectivos centros residenciais docentes.

Segunda.-Desprazamento dos residentes aos seus domicilios familiares. Co obxecto de facilitar a convivencia familiar dos residentes e tendo en conta as posibilidades e duración dos desprazamentos, os centros programarán estes durante as fins de semana e grupos de días festivos coa periodicidade aconsellable. En todo caso, os gastos de desprazamento serán de conta dos propios residentes.

Terceira.-Compatibilidades. Estas axudas poderán ser compatibles coa axuda compensatoria e a axuda para gastos determinados por razón de material escolar da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Cuarta.-En todo o non regulamentado por esta orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas aos estudos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria