DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.711

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 7 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e do Instituto Enerxético de Galicia, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre as enerxías renovables en Galicia.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro) de calidade da educación, establece no seu artigo 1 os principios de calidade do sistema educativo, entre os que se atopan o fomento e promoción da investigación, a experimentación e

a innovación educativa, a capacidade de transmitir valores que favorezan, entre outros, a liberdade persoal, a responsabilidade social, e a cohesión e mellora das sociedades, e a flexibilidade, para adecuarse aos cambios, necesidades e demandas da sociedade, e ás diversas aptitudes, intereses, expectativas e personalidade do alumnado.

A captación da enerxía, a súa utilización e o impacto que esas actividades teñen sobre a calidade de vida e no ambiente son aspectos formativos centrais nas diferentes etapas educativas, e que son recollidos como contidos nos correspondentes currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria, do bacharelato e da formación profesional específica. As normas que os establecen determinan que os centros educativos deben desenvolver os currículos, tanto nos seus proxectos curriculares como nas programacións de aula das áreas, materias ou módulos.

Entre as finalidades do Instituto Enerxético de Galicia que formula a Lei 3/1999, do 11 de marzo, no seu artigo 2 atópase o fomento do uso racional da enerxía, potenciando o desenvolvemento das enerxías renovables. Por outra parte, no artigo 4 desa lei sinálase, como unha das funcións do Instituto Enerxético de Galicia, a de orientar aos usuarios nos hábitos axeitados de consumo enerxético mediante campañas e actuacións específicas. En tal medida, é totalmente pertinente promover na comunidade escolar, desde o sistema educativo, o desenvolvemento e a adquisición de hábitos minimalistas de consumo da enerxía, de actitudes positivas de aforro enerxético e de valoración das repercusións da implementación das enerxías renovables na nosa comunidade autónoma.

Coa presente resolución preténdese fomentar a innovación no ensino dos contidos relacionados coas temáticas antes citadas, co establecemento dunha convocatoria de premios cos que dar recoñecemento ás mellores prácticas desenvolvidas no seu ensino, que se encadra no impulso de carácter xeral das actividades de innovación educativa que leva a cabo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como medio de promoción e actualización profesional do profesorado, así como nas actuacións establecidas no convenio entre esa consellería e o Instituto Enerxético de Galicia, sobre a colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional e na difusión das enerxías renovables.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e o Instituto Enerxético de Galicia

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de catro premios á innovación e a experiencias edu

cativas sobre «as enerxías renovables en Galicia» e a aprobación das súas bases de concesión. Os devanditos premios serán concedidos en dúas modalidades diferenciadas, dous premios para a etapa de educación primaria e dous premios para a etapa de educación secundaria.

Artigo 2º.-Temática.

Na concreción e no desenvolvemento dos contidos curriculares das etapas e na realización das actividades de aula das áreas e materias deberán tratarse temáticas sobre a enerxías nalgún dos seguintes aspectos: a enerxía, formas e mecanismos; fluxos e balances enerxéticos; fontes enerxéticas primarias e secundarias; fontes de enerxías renovables; actividades prácticas como experiencias de aula-laboratorio ou de aula-taller; rendementos enerxéticos na captación, na transformación e nos usos finais; visita e aproveitamento didáctico de instalacións de enerxías renovables; boas prácticas no consumo de enerxía e actitudes e medidas prácticas de aforro enerxético.

Así mesmo, referiranse os aspectos máis importantes das actividades desenvolvidas co alumnado na realización dos traballos, das actividades e das experiencias no centro educativo e das saídas e visitas ao contorno, segundo sexa o caso.

Artigo 3º.-Dotación.

Modalidade de educación primaria:

1. Os dous premios estarán compostos por materiais didácticos como dotación inventariable para o centro educativo, terán dúas categorías segundo se detallan:

Categoría Dotación

1º PremioMaterial didáctico relacionado caos enerxías renovables, cun valor estimado de ata 10.000 A.

2º PremioMaterial didático relacionado caos enerxías renovables, cun valor estimado de ata 5.000 A.

Modalidade de educación secundaria.

2. Os dous premios estarán compostos por materiais didácticos como dotación inventariable para o centro educativo, terán dúas categorías segundo se detallan:

Categoría Dotación

1º PremioAula-laboratorio de enerxías renovables, que incluirá un equipamento de paneis solares fotovoltaicos, captadores solares térmicos, aeroxerador eólico e turbina hidráulica, cun valor estimado de ata 15.000 A.

2º PremioAula-laboratorio de enerxías renovables que incluirá un equipamento de paneis solares fotovoltaicos e captadores solares térmicos, cun valor estimado de ata 7.500 A.

O Instituto Enerxético de Galicia farase cargo da achega económica necesaria para as dotacións deses materiais aos centros premiados, en función da aplicación orza

mentaria co seguinte código 01.01.03.21801. A realización das adecuacións de infraestrutura pertinentes para a instalación deses materiais corresponderá á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Así mesmo, poderase conceder un accésit por cada unha das modalidades das etapas educativas, como mención honorífica sen dotación económica se, a xuízo do xurado, a calidade dalgún dos traballos presentados e non premiados o permite.

4. Existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido no suposto do incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 4º.-Características dos materiais.

1. Os materiais presentados versarán sobre tratamentos innovadores e actividades no ensino dos contidos curriculares sobre o ámbito temático da enerxía nas etapas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e dos ciclos de graos medio e superior de formación profesional.

Os devanditos materiais poderán ser de diversa natureza, tanto na modalidade de educación primaria como secundaria. Na modalidade de educación primaria poderá presentarse unha publicación propia con texto e ilustracións, unha redacción, unha maqueta, un cartel obra gráfica de dimensións mínimas dun A-3, serie fotográfica en soporte dixital, etc.

Pola súa banda, na modalidade de educación secundaria poderá presentarse un traballo de caracter tecnolóxico, unha unidade didáctica, un compendio de experiencias de laboratorio sobre enerxía, unha presentación informática, un programa informático, unha presentación en vídeo cámara ou curtametraxe en formato dixital nun CD ou nun DVD, unha serie fotográfica en soporte dixital, un compendio de páxinas de hipertexto, etc.

2. Os traballos de publicación deberán presentarse impresos en papel, incluíndo ademais unha versión en soporte informático (disquete 3.5" ou CD-ROM) para PC-compatible, en formato de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF, ou en soporte autoexecutable no caso de aplicacións informáticas, que estarán realizadas con tecnoloxía que permita a súa visualización nunha ventá propia ou nun navegador estándar e incluirán todos os arquivos necesarios para a súa resolución íntegra fóra de liña.

3. Os traballos gráficos (carteis) e as maquetas irán acompañados dun breve folleto-informe explicativo impreso en papel, incluíndo ademais unha versión en soporte informático (disquete 3.5" ou CD-ROM) para PC-compatible, en formato de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF.

4. A serie fotográfica e os vídeos estarán en formato dixital e irán acompañados dun breve folleto-informe explicativo impreso en papel, incluíndo ademais unha versión en soporte informático (disquete 3.5" ou CD-ROM) para PC-compatible, en formato de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF.

5. As aplicacións informáticas e presentacións portables que sexan de uso en liña executaranse a partir dunha páxina denominada index.htm que servirá de inicio delas. Nas ligazóns non deberán empregarse letras maiúsculas, acentos, espazos en branco nin outros carácteres especiais nos nomes de ningún dos arquivos (ou carpetas) incluídos nas aplicacións, sexan páxinas htm, imaxes ou de calquera outro tipo.

Artigo 5º.-Requisitos das solicitudes.

1. Poderán participar nesta convocatoria, a título individual ou en grupo, e en representación do centro público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no que estean destinados, os profesores que estean en activo e impartan ensino na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato ou na formación profesional específica.

2. Os traballos que concorran deberán ser orixinais, inéditos (ou polo menos non comercializados) e non premiados nin cunha bolsa recibida anteriormente, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas e ser coherentes coa normativa establecida pola Xunta de Galicia.

3. Os concursantes deberán presentar o traballo por triplicado (agás aqueles materiais que sexan de reprodución difícil con medios domésticos) no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que debe acompañar o traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

4. No caso das aplicacións informáticas presentaranse en CD-ROM claramente etiquetados, xunto cos correspondentes manuais que incluirán os seguintes puntos:

a) Requirimentos de hardware e software e procedemento de execución da aplicación.

b) Guía do profesor, con exposición dos obxectivos educativos que se pretenden, indicación das actividades que se propoñen e dos aspectos curriculares en que se incide.

c) Guía detallada da utilización da aplicación polo alumnado.

d) Descrición, se procede, doutros materiais complementarios (escritos, gráficos, audiovisuais, etcétera).

e) Os manuais presentaranse en papel e en formato electrónico para PC-compatible, de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF.

5. Todos os traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao director xeral de Centros e Ordenación Educativa, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo I desta resolución. Nela deberá constar con claridade un enderezo de correo electrónico para as comunicacións pertinentes.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que o autor ou cada membro do grupo de traballo, que deberá relacionarse xunto cos seus DNI e NRP correspondentes, presta os seus servizos como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinado neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria impresa descritiva da experiencia educativa, dunha extensión máxima de 20 folios (escrita en fonte tipo courier de 12 puntos e con espazado de 1,5 e sen comprimir os caracteres), que se axustará ao esquema establecido no anexo II.

d) Resumo da experiencia nun máximo de dous folios a dobre espacio.

e) Anexos de descrición dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

f) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou produtos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados nin recibiron ningunha bolsa anteriormente, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas.

6. No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polos seus posuidores aceptando as bases deste concurso. O feito de que un produto necesite facer uso para o seu funcionamento de software propietario-comercial e/ou os seus dereitos para a súa libre distribución, e non poidan ser cedidos polo concursante, será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 30 de xuño de 2005.

Artigo 7º.-Composición e funcións do xurado.

1. Os traballos que concursen e se axusten á presente convocatoria serán examinados e valorados por un xurado composto polos seguintes membros:

Presidencia conxunta:

-O director xeral de Centros e Ordenación Educativa e o director do Instituto Enerxético de Galicia, ou persoas nas que deleguen.

Vogais:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-O xefe da Área de Enerxías Renovables.

-O xefe do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

Secretario/a:

Un funcionario/a do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará con voz pero sen voto.

2. O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de outros especialistas.

3. Os premios poderán ser declarados desertos ou determinarse a súa acumulación ou compartición dentro de cada tema, así como a redistribución de traballos entre temas da convocatoria se as súas características así o permiten.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

O xurado seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

1. Con carácter xeral:

a) Carácter innovador, tanto pola creatividade e orixinalidade do deseño pedagóxico como pola metodoloxía e recursos empregados.

b) A calidade do deseño pedagóxico, materiais e presentación gráfica.

c) A aplicabilidade e capacidade de mellora da formación do alumnado.

d) A transferibilidade a outros contextos educativos para a súa utilización por outro profesorado e alumnado do mesmo nivel, etapa ou curso.

e) A capacidade para ser difundido.

2. Con carácter específico:

a) Coherencia ambiental e fomento da ética ambiental respecto do equilibrio ecolóxico e a calidade de vida.

b) Rendibilidade social e continuidade da experiencia.

c) O uso racional da enerxía e minimización do consumo enerxético.

d) A adopción de medidas de aforro enerxético.

e) A valoración das fontes renovables de enerxía.

3. Avaliarase moi especialmente, nos traballos presentados, a aplicabilidade dos seus resultados e das súas conclusión aos ámbitos doméstico, comunitarios e industriais; así como, a rendibilidade social e a continuidade da experiencia escolar.

Artigo 9º.-Resolución.

Por proposta do xurado, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa procederá á resolución destes premios, antes do 31 de outubro de 2005, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

Contra esta resolución os interesados poderán interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Certificación.

A administración educativa recoñecerá as actividades de innovación realizadas nos traballos premiados ou con mención de accésit coa consideración de actividades de formación permanente do profesorado, mediante expedición de certificados persoais, ao abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro). Así, terase en conta para cada traballo a equivalencia de 50 horas, que nas autorías colectivas distribuiranse, segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, entre o profesorado para o que se declare unha participación igual ou superior ao 10%, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.

Artigo 11º.-Publicación.

1. A presentación a esta convocatoria implicará a cesión a favor dos organismos convocantes dos dereitos de edición dos traballos premiados ou con accésit por un período de dous anos desde a publicación da resolución da convocatoria, así como a renuncia aos dereitos de propiedade intelectual correspondentes a unha primeira edición.

2. No caso de que, neste período, os autores decidisen publicar os traballos premiados ou con accésit por outras vías, deberán solicitar o permiso correspondente á consellería ou organismo que outorgue o premio ou á de Educación e Ordenación Universitaria no caso dos accésit. De ser a resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio ou accésit de que foi obxecto.

3. Igualmente, a concorrencia durante ese período destes traballos a outros premios convocados por outras administracións ou entes públicos ou privados

deberá contar coa autorización da consellería ou organismo que outorgue o premio ou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Unha vez rematado ese período non haberá incompatibilidade para concorrer a outras convocatorias, agás as realizadas por esta consellería.

4. As autoras e os autores dos traballos premiados ou con accésit quedan comprometidos a autorizar as modificacións precisas nos documentos finais e subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

5. Os restantes traballos, non premiados nin con accésit, non estarán sometidos ás obrigas anteriores. En particular, poderán concorrer a outras convocatorias realizadas pola Xunta de Galicia ou calquera outra Administracións ou ente público ou privado.

Artigo 12º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retirar a documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido ese prazo, procederase á súa destrución.

Artigo 13º

Os premiados terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino dos premios.

Artigo 14º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios e, en todo, caso, a obtención concorrente doutros premios outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderían dar lugar a modificacións da resolución de concesións.

Artigo 15º.-Recurso.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2005.

Juan Caamaño CebreiroAlberto González Armesto

Director do Instituto EnerxéticoDirector xeral de Centros e

de GaliciaOrdenación Educativa