DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.711

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de abril de 2005 pola que se clasifica como de interese docente a Fundación Alba Torres Carrera.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Alba Torres Carrera, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Alba Torres Carrera foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día vinte e oito de decembro de dous mil catro, ante o notario José Antonio Somoza Sánchez, co número tres mil cento vinte e seis do seu protocolo por José Carlos Orge Míguez, que intervén en nome e representación da entidade Torres y Carrera Consultores de Comunicación, S.L. e María de las Mercedes Vicenta Álvarez Bastida, en nome e representación da entidade Librería Médica Carrera e Hijos, S.L. Esta escritura foi emendada por outra do tres de marzo de dous mil cinco outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo cincocentos sete.

3. A fundación, segundo establece o artigo seis dos estatutos, ten como obxecto e fin fundacional a axuda á infancia e a xuventude, a través da promoción da calidade do ensino e da liberdade educativa, mediante o fomento, apoio e financiamento de actividades e proxectos de carácter cultural ou docente que se realicen en nome propio ou en colaboración con outras persoas físicas ou xurídicas que se propoñan as mesmas finalidades.

4. O padroado da fundación estará integrado por Jorge Torres Ballesteros como presidente, María de las Mercedes Vicenta Álvarez Bastida como vicepresidenta e María Paula Carrera Álvarez como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese docente da Fundación Alba Torres Carrera, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcio

namento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de abril de 2005.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO

Clasificar como de interese docente a Fundación Alba Torres Carrera adscribíndoa á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública