DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2005 Páx. 6.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de abril de 2005 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Baloncesto de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Baloncesto de Galicia, con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Baloncesto de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o día vinte de agosto de dous mil catro, ante o notario Mario-Alfonso Calvo Alonso, co número tres mil cento sesenta e nove do seu protocolo por Jesús Luís Lence Ferreiro, Jorge Dorribo Gude, Francisco Javier Giménez Miralles, José Constantino Núñez Vázquez, e Germán Sánchez Quintana, que interveñen no seu propio nome e dereito, e ademais en representación do Club Baloncesto Breográn, S.A.D., José Antonio Caneda Goyanes, en nome e representación do Club Estudiantes de Lugo, José Soto Carballada, en nome e representación do Club de Baloncesto Sarria, Manuel Figueiras Fernández, en nome e representación do Club Baloncesto Chantada, e German Sánchez Quintana que intervén así mesmo en representación do Club Deportivo Ensino. Esta escritura foi emendada por outra de data once de marzo de dous mil cinco outorgada ante o notario José Manuel López Cedrón, co número mil setenta do seu protocolo.

3. A fundación ten como obxecto, segundo establece o artigo cinco dos estatutos, fomentar a práctica deportiva na sociedade e o deporte de base, e a título enunciativo poderá:

Fomentar a protección, difusión e promoción do patrimonio e a historia do Club Baloncesto Breogán e do baloncesto galego.

Xestionar actividades deportivas directamente ou a través de convenios.

Investigar, difundir e promocionar métodos e técnicas favorecedoras dunha maior calidade e unha mellora no desenvolvemento do deporte, respecto da mellora do rendemento deportivo.

Protección e promoción do deporte de base e da canteira.

O ensino da actividade deportiva e de ocio, regrada e non regrada.

Fomentar e organizar encontros, seminarios e convencións, co fin de afondar no acercamento da sociedade ao deporte.

4. O padroado da fundación estará integrado por Jesús Lence Ferreiro como presidente, José Constantino Núñez Vázquez como vicepresidente, Francisco Javier Giménez Miralles como secretario, José Soto Carballada como vicesecretario, Germán Sánchez Quintana como tesoureiro, e por Roberto López García, Jorge Dorribo Guede, José Antonio Caneda Goyanes, Blanca García Montenegro, Jesús Piñeiro Rodríguez, José Antonio Díaz Fernández, Carlos Herrero Latorre, e Manuel Figueiras Fernández, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como de interese social a Fundación Baloncesto de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de abril de 2005.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO

Clasificar como de interese social a Fundación Baloncesto de Galicia, adscribíndoa á Consellería

de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública