DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2005 Páx. 6.478

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 29 de marzo de 2005 pola que se convoca o programa Na Vangarda 2005.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado en virtude do Decreto 5/2005, do 13 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica é o órgano competente da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Na Vangarda 2005.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Na Vangarda 2005, que convoca a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, banda deseñada, moda, relato e vídeo.

Artigo 2º.-Orzamento.

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, cunha contía de 90.152 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar a participación os mozos ou mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2005.

Enténdese por profesional o feito de manter unha relación contractual con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que se solicita participar ou estar dado de alta como autónomo nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

Salvo no caso da especialidade de teatro e banda deseñada a participación será sempre a título individual.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde.

A información contida neste artigo debe ser completada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 4º.-Inscricións.

1. A solicitude dos participantes deberá facerse no impreso normalizado (anexo I) e irá xunto coas obras e cun sobre pechado no que figurará o boletín de inscrición (anexo II), debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI polas dúas caras (no caso do teatro, de todos os membros do grupo, ademais da fotocopia do NIF do grupo) ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade.

-No caso de mozos e mozas non galegos, residentes en Galicia, ademais do indicado no punto anterior, certificado de empadroamento.

-Currículo (no caso do teatro, currículo do grupo), que deberá presentarse, tanto en papel como en CD ou disquete.

-Declaración responsable na que quede constancia de que non mantén relación contractual ningunha con empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar ou que non está dado de alta como autónomo nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

-Declaración responsable na que quede constancia de que a obra non foi premiada en ningún outro certame ou concurso.

-No caso de teatro e moda, certificación orixinal acreditativa do número de conta bancaria (vinte díxitos) e do seu titular, que no caso do teatro, se terá que corresponder co titular do NIF ao que se refire o primeiro punto deste parágrafo.

2. No exterior do sobre figurará, exclusivamente, o pseudónimo do autor e o título da obra. En ningún caso na obra presentada figurarán datos que identifiquen o autor.

3. As solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, no rexistro da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado ou no rexistro da delegación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15071 A Coruña.

R/ Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Av. da Habana, 81-baixo, 32071 Ourense.

R/ Concepción Arenal, 8-1º andar, 36271 Vigo.

R/ Benito Corbal, 47-1º, 36071 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 20 de xuño de 2005 inclusive.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, requirirase do solicitante que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42º.

Artigo 6º.-Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección que será nomeada pola conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para cada especialidade e estará integrada por un presidente, un secretario e un máximo de cinco vogais. Actuará como presidente a directora xeral de Xuventude ou persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se vai valorar, recaendo a secretaría nun funcionario da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado con voz, pero sen voto.

Os nomes dos integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web www.rix.org con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 5º as solicitudes que non cumpran os requisitos establecidos nesta orde non serán admitidas a trámite, ditándose para o efecto a oportuna resolución.

2. As demais solicitudes remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, adxudicando tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución, correspondéndolle ditar a resolución á directora xeral de Xuventude, por delegación da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

3. A resolución será notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito

prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Obras e premios.

1. Cada participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade, se é o caso.

2. As obras presentadas polos participantes non poderán ter sido premiadas noutros certames ou concursos.

3. Establécense os seguintes premios por especialidade (teatro, artes plásticas, banda deseñada, moda, relato e vídeo):

Un primeiro premio de 6.000 euros.

Un segundo premio de 3.000 euros.

Un terceiro premio de 1.500 euros.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante.

4. Cada participante non poderá recibir máis que un premio por especialidade.

5. Estes premios poderán ser completados con axudas económicas de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

6. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

7. Entregaranse diplomas a todos os premiados e aos finalistas das especialidades de teatro e moda.

8. Segundo a calidade das obras poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se repartirá será de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 9º.-Destino e devolución das obras.

1. As obras dos participantes premiados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude.

2. As obras dos participantes non premiados que non fosen retiradas por eles ou por persoa autorizada, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección, poderán ser destruídas ou utilizadas pola dita dirección xeral na forma que considere oportuna.

3. Queda implícita a autorización dos participantes para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas da Lei 22/1987, do 11 de novembro, de propiedade intelectual.

4. A Dirección Xeral de Xuventude poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas nesta convocatoria, propiciando mostras itinerantes en Galicia e noutras comunidades autónomas e, se é o caso, a edición de catálogos e outros soportes diferentes das obras presentadas.

Capítulo II

Parte específica

Sección primeira

Teatro

Artigo 10º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozas ou mozos galegos ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2005. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos.

Poderán superar a idade máxima, tanto os integrantes da dirección, coma do equipo técnico.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán a seguinte:

-Unha síntese da obra (título, autor e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa, etc.).

-Un vídeo, en formato VHS, ou un DVD dunha representación da obra a concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do ano 2005.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autores galegos, españois ou estranxeiros.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e corenta e cinco minutos.

7. A comisión seleccionará para a fase final seis grupos que serán os que representarán as obras ante esta, no lugar e na data que determinará a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, para o que se establece unha cantidade fixa de 600 euros por grupo, co fin de cubrir os gastos orixinados polas representacións.

A xuízo da comisión de selección un dos grupos premiados deberá representar a obra no lugar que se lle indique desde a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, se fose requirido para iso. Co fin de cubrir os gastos orixinados pola representación se establece unha cantidade fixa de 1.200 euros.

Sección segunda

Artes plásticas

Artigo 11º.-Condicións xerais.

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura, escultura, fotografía e instalacións.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os participantes presentarán unha ficha técnica na que se indique o título da obra, ano de realización, dimensións, técnica empregada e peso da obra (isto último no caso da escultura).

Os proxectos de instalación achegarán a seguinte documentación: memoria explicativa do traballo artístico, planos, bocetos, fotografías e todo o material informativo que facilite a comprensión da obra.

3. Acéptanse todos os soportes, excepto aqueles que pola súa fraxilidade poidan sufrir deterioracións no transporte ou non sexan susceptibles de itinerancia polo material empregado ou polas súas dimensións.

4. As obras presentadas serán orixinais.

5. O tema e as técnicas serán libres.

6. As pinturas deben levar marco ou bastidor, e tanto as pinturas como as esculturas e as fotografías virán presentadas coa embalaxe ou enfardamento protector. No caso de obras que teñan un elevado risco de rotura ou deterioración pola súa fraxilidade, o autor será o único responsable dos posibles deterioracións.

7. Serán rexeitadas e non serán valoradas pola comisión de selección as obras que non estean ben embaladas e suficientemente protexidas a criterio de Dirección Xeral de Xuventude.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas ou extravíos das obras, aínda que a Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure, única e exclusivamente, as obras que sexan seleccionadas para a exposición e durante o tempo que dure esta, de ata un máximo de 600 euros por obra.

Sección terceira

Banda deseñada

Artigo 12º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser DIN A4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas ou extravíos das obras, aínda que a Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure, única e exclusivamente, as obras que sexan seleccionadas para a exposición e durante o tempo que dure esta, de ata un máximo de 600 euros por obra.

Sección cuarta

Moda

Artigo 13º.-Condicións xerais.

1. As coleccións versarán sobre primavera-verán 2006.

2. As coleccións deben ser orixinais.

3. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e nas mesmas condicións, os participantes presentarán o seguinte:

-Os seus deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mmx420 mm), con deseño de fronte e de costas.

-Unha colección de catro modelos de home ou muller e máis un modelo libre fóra da colección (vangarda). Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados.

Artigo 14º.-Desenvolvemento.

A comisión seleccionará para a fase final 10 participantes que confeccionarán a colección de catro modelos obrigatorios mais o modelo libre.

Outorgarase unha cantidade fixa de 900 euros para cada un dos 10 seleccionados como apoio á confección dos modelos.

Artigo 15º.-Premios.

Terán tamén como axuda complementaria unha bolsa de 3.000 euros cada un dos tres premiados, para formación téxtil. As bolsas serán outorgadas pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio en virtude do convenio subscrito coa Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Haberá un diploma para o mellor deseño de vangarda.

Sección quinta

Relato

Artigo 16º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 20 páxinas e máxima de 30, cada páxina debe conter un mínimo de 2.300 caracteres sen espazos. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en triplicado exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deben presentarse tamén en CD ou disquete.

Sección sexta

Vídeo

Artigo 17º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º, e no mesmo sobre, os participantes presentarán a seguinte:

-Unha ficha técnica da obra na que se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía do vídeo e datos técnicos e artísticos de interese.

4. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, debendo presentalo en soporte VHS ou en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor desta.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión, en caso contrario a obra será rexeitada.

5. A duración de cada obra non poderá exceder de vinte minutos.

6. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2004.

7. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a solicitarlles aos participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

8. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado na directora xeral de Xuventude para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado